Unha vez apañado o millo a maioría das explotacións leiteiras apuran a sementar de novo as súas terras con especies como o raigrass. Pero, compensa facer a pradeira para obter, na maioría dos casos, un so corte de forraxe? Unha boa parte das fincas que quedan máis alonxadas das explotacións acaban quedando baleiras á espera da seguinte colleita de millo, unha situación que favorece a escorrentía cando ven a chuvia e a aparición de malas herbas que é necesario queimar con herbicida antes de volver botar o millo. Para evitar esta situación xorde unha alternativa: botar nabos como cultivo de inverno.
A súa utilización ten unha tripla vantaxe: Dunha banda o nabo sae rápido e ao enraizar evita o lavado da terra e o arrastre de nutrintes por parte da auga da chuvia. En segundo lugar, cubre ben a terra evitando a aparición e propagación de malas herbas e, deste xeito, o uso de herbicida antes do sementado do millo. E, por último, serve de abono verde incrementando deste xeito o aporte de materia orgánica no momento de volver botar o millo na primavera seguinte.
Non son moitas, pero hai exemplos por toda Galicia de explotacións que nos últimos anos apostaron por botar nabos no canto de deixar baleiras as terras do millo máis alonxadas ou nas que facer pradeira resulta menos rendible. Levan anos facéndoo na Gandería Xestoselo SC de Guitiriz nunha parte das 110 hectáreas de terreo que manexan nesta explotación que é excedentaria en forraxe e tamén o fixo o ano pasado a gandería Caseiro de Ernes de Cospeito.
No concello coruñés de Trazo tanto a Gandería Liste SC como a SAT Castro Buxía recurriron tamén nos últimos anos ao cultivo de nabos con bos resultados. José María Castro, un dos socios de Castro Buxía, leva tres campañas facendo rotación millo-nabos en 30 ou 40 hectáreas de terreo, dependendo das necesidades de herba que teña ese ano. Esta explotación ubicada na parroquia de Campo dispón doutras 20 hectáreas con pradeira permanente e entre 10 e 15 hectáreas nas que rota millo con herba.
“Sae moito máis barato o nabo que o herbicida” (José María, SAT Castro Buxía)
Trátase da fusión de dúas granxas, polo que teñen fincas alonxadas. “Procuramos facer a rotación con raigrass naquelas fincas que están máis próximas ao establo por aforrar custos á hora de transportar a herba para o silo. Estas fincas son tamén as que deixamos para o final cando botamos o millo, así mentres que botamos o millo nas parcelas que están máis lonxe, que son as que temos a nabos, logramos sacarlles dous cortes de herba a estas outras”, explica.
José María di que o cambio de millo a nabo é doado. “O que fago cando saco o millo é sementar os nabos primeiro e botar logo purín por enriba. Despois paso unha grade rápida e xa queda así. Un ano incluso probamos nalgunha finca só sementar e botar purín, sen pasar a grade, para non mover tanto a terra e ter menos lavado. Os nabos naceron algo peor, pero cubrir cubriron igual”, conta.
A vantaxe principal que el atopa ao feito de non deixar as terras baleiras é que non se enchen de malas herbas. “Aforras queimar as fincas todas co herbicida antes de volver botar o millo”, di. E engade: “sae moito máis barato o nabo que o herbicida”. “Por un lado non metes tanta química na terra e por outro é máis doado traballar as fincas porque cos nabos a terra compacta menos que se bota herba, así que precisas menos pases e aforras en gasoil á hora de botar o millo”, argumenta.
Entre 8 e 10 quilos de semente de nabo por hectárea
O seu veciño Carlos Liste, da Gandería Liste SC vai sementar este ano 43 hectáreas a nabos. Carlos é enxeñeiro agrónomo de formación e xestiona xunto a seu irmán Javier a explotación familiar. Sementou por primeira vez os nabos o ano pasado e móstrase contento co resultado. “O nabo sae moi rápido e medra moi rápido, polo que cubre moi rápido a terra e evita escorrentías. Ademais de evitar o lavado tamén fai que non saian malas herbas. Desde o punto de vista da fertilización, fixa nitróxeno e aporta materia orgánica, polo que axuda a preparar a terra para volver botar o millo ao ano seguinte na mesma parcela”, explica Carlos.
Igual ca José María, sementa os nabos nas fincas máis alonxadas, mentres que nas que están máis próximas á explotación fai rotación de millo con herba, no seu caso, nunhas 30 hectáreas. “Cando sacamos o millo priorizamos o sementado da pradeira, estas fincas botámolas o antes posible para que enraíce porque lévalle máis tempo que ao nabo e medra máis lento. Despois botamos os nabos no resto das parcelas”, explica.
“Ter as fincas medio ano paradas non che aporta nada” (Carlos, de Gandería Liste SC)
No xeito de botalos invirte o proceso con respecto ao seu veciño. “Eu boto o purín e logo paso unha volta de grade e vou sementando e se fai falta doulle unha pasada de rolo naquelas fincas que están en costa para que non haxa lavado”, conta.
Gandería Liste tamén ten fincas alonxadas. “Temos 10 hectáreas que están a unha distancia de 7 quilómetros e que antes quedaban sempre libres. Iso facía que despois, no mes de febreiro, tiveramos que usar glifosato para queimalas e aínda así cada ano saían malas herbas diferentes. Tiñamos que buscar unha alternativa a iso. Agora botamos nelas nabos, que é algo que para as malas herbas funciona moi ben”, considera.
En canto ao custo, Carlos emprega entre 8 e 10 quilos de semente de nabo por hectárea. O prezo da semente está nuns 3 euros o quilo. Non conta o traballo nin o custo do abonado e a grade, que é algo que fai el. “Fágoo eu todo, tanto botar o purín como pasar a grade. Este ano temos unha grade rápida con sementadora incorporada, así que faremos todo nun único pase. O nabo require de moi pouco movimento de terra, cun par de centímetros é dabondo”, explica.
Probas na busca dunha alternativa ao glifosato
A empresa Comercial Agropres, asentada no polígono industrial de Barres, en Castropol, e que serve a ración diaria para a alimentación do gando a 60 explotacións do occidente de Asturias e da Mariña, probou hai dous anos a sementar nabos nunha parte das terras nas que bota millo. A experiencia non resultou satisfactoria aínda que “non serviría para sacar conclusións”, asegura José Portela, responsable do departamento técnico e comercial de sementes da empresa asturiana.
“A sementeira fíxose moi tardía porque as terras non estiveron preparadas até mediados ou finais de novembro e os nabos naceron mal na maioría das fincas, polo que a proba non aportou nada concluínte”, explica.
A proba levada a cabo no ano 2017 foi efectuada nun total de 25 hectáreas probando con distintas doses de semente e tamén con fincas de todo tipo, unhas máis secas e outras máis molladas. O ano pasado non puideron repetir o experimento porque de novo a sementeira resultaría moi tardía. “A sementeira do millo houbo que facela o ano pasado moi tarde e a colleita tamén veu tarde e logo comezou a chover e optamos xa por non probar a botar os nabos”, lembra.
Ensaios con tremocilla
Pero este ano teñen pensado repetir o experimento, tanto con nabos como con tremocilla, unha leguminosa de ciclo anual de flor amarela coma o nabo. “Imos facer ensaios coas dúas cousas, algo con nabo e algo con tremocilla”, avanza José, que explica que “o custo de sementar nabos e tremocilla é distinto, xa que a tremocilla precisa doses máis elevadas (50 quilos por hectárea), aínda que o custo da semente sexa menor que a do nabo (1 euro por quilo)”.
O obxectivo se estas probas resultan efectivas, di, é “non ter que usar tanto glifosato e por se o prohiben ter unha alternativa, algo xa coñecido e probado que funcione para non deixar desnudas as fincas no inverno”.
A mestura que sirve Agropres non inclúe silo de herba, polo que a rotación de cultivo nas hectáreas que colleitan para eles é algo minoritario. “Non empregamos silo de herba para a ración, polo que a maioría das fincas de millo quedan baleiras até a seguinte colleita”, explican.
“Se prohiben o glifosato queremos ter unha alternativa, algo xa probado e que funcione, para non deixar desnudas as fincas no inverno” (José Portela, Agropres)
Comercial Agropres labra en total unhas 1.200 hectáreas de millo, das que 900 teñen como destino final as súas instalacións. Con elas enchen os silos cos que despois, ao longo do ano, fan a mestura que sirven aos seus clientes nas súas explotacións. Nas 300 hectáreas restantes a xestión das forraxes é dos propios gandeiros, que os contratan só como empresa de servizos agrícolas para o sementado e a recollida.
Nestes casos, algúns destes gandeiros que ensilan para facer a ración na propia explotación deciden volver sementar as terras do millo con raigras ou con mesturas de distintos tipos de raigras e trebo para ensilar en primavera, ben para as vacas en produción ou ben para alimentar as secas e as xovencas.