Balance da primeira tramitación da PAC 2023 – 2027: adaptación, erros e incertidume

A un día de que remate o periodo de solicitude da PAC, centos de explotacións están aínda apurando os últimos trámites. Repasamos como foi o proceso e as cuestións que quedan pendentes de resolver para próximos anos

Balance da primeira tramitación da PAC 2023 – 2027: adaptación, erros e incertidume

A primeira PAC de cada novo ciclo é sempre un proceso de transición, no que as explotacións teñen que buscar o xeito de adaptarse ás novas esixencias europeas. Na PAC 2023-2027, o enfoque de Europa para as axudas centrouse no apartado ambiental, unha vía na que se profundizará no futuro. As ganderías ven así como as súas axudas están cada vez máis ligadas a obxectivos ambientais de conservación da biodiversidade e loita contra o cambio climático. Analizamos as adaptacións, erros e incertidumes que propiciou a nova PAC no agro galego.

O primeiro periodo de solicitude da PAC 2023-2027, que remata mañá, partía con incógnitas sobre cuestións como a adaptación das explotacións ós ecoesquemas, ás novas axudas agroambientais ou a liñas complementarias, como a de convivencia con grandes carnívoros.

Ecorreximes

“Nas PAC que nós tramitamos, hai unha porcentaxe alta de explotacións que se acolleu ós ecoesquemas de rotación de cultivos, sobre todo explotacións de leite, ou de pastoreo extensivo, principalmente ganderías de carne. Un terceiro ecoesquema, de menor importancia, que colleron tanto granxas de leite como de carne, é o illas de biodiversidade”, explica Javier Iglesias, de Unións Agrarias.

A maioría de produtores optaron por acollerse só a un ecoesquema, se ben houbo produtores que dividiron a súa superficie en dous ecoesquemas, “principalmente o de rotación de cultivos e o de pastoreo extensivo ou illas de biodiversidade”, sinala Iglesias.

Rotación de cultivos
O ecoesquema de rotación de cultivos obriga a rotar de cultivo un 50% das terras, ben en anos sucesivos, ben dentro do mesmo ano, como por exemplo na rotación típica de Galicia millo – raigrás. Ademais, cando se superen as 10 hectáreas no ecoesquema, alomenos un 10% das parcelas incluídas no ecorrexime débense adicar a especies mellorantes, das que a metade teñen que ser leguminosas.

Como este ano, a maioría das explotacións non tiña planificado cultivos de inverno mellorantes (chícharos, nabos, veza, etc.), a gran maioría dos produtores decantouse por incluír un máximo de 10 hectáreas no ecoesquema de rotación. “Teremos que ver o que sucede para a próxima campaña, pois é previsible que parte das ganderías opte por aumentar a superficie neste ecoesquema”, valora Iglesias.

Illas de biodiversidade
O ecorrexime de illas de biodiversidade / sega sostible daba dúas opcións: a chamada sega sostible, que limita o número de cortes e obriga a deixar 60 días sen segar durante os meses de xuño, xullo ou agosto, a penas tivo seguemento en Galicia.

A outra opción, de illas de biodiversidade, que obriga a deixar un 7% da superficie sen aproveitar, si que tivo en cambio un certo seguemento, pois as ganderías optaron por incluír aí a superficie máis afastada ou con peores accesos.

Existía a posibilidade de incluír como illas de biodiversidade elementos da paisaxe (sebes vexetais, muros de pedra, charcas, bosquetes, etc.), pero a maioría dos gandeiros optou por non incluír estes elementos, pois de declararse, quedarían obrigados a súa conservación.

Axudas agroambientais

As ganderías extensivas contan cun dos ecorreximes de máis sinxelo cumprimento, o de pastoreo extensivo, que só lles esixe un mínimo de días e horas de pastoreo ó ano, pero a cambio viron endurecidas as condicións das axudas agroambientais, pois prohíbese a fertilización química de praderías e pastizais.

Para as granxas de vacún de carne esta prohibición é un problema, pois gran parte das granxas extensivas acumulan escasos volumes de xurros e estercos, ao estar os animais nos pastos.

“Fixemos diversas consultas sobre unha flexibilización do compromiso de fertilización exclusivamente orgánica, pero a resposta da Consellería sempre foi negativa”, critica o Sindicato Labrego.

“Sen embargo, semanas máis tarde coñecemos a través da prensa que Medio Rural comprometérase nunha xuntanza cos Gandeiros Galegos de Suprema a facer máis flexible o uso de fertilizantes na axuda agroambiental de fomento de pastos” -expón o Sindicato Labrego-. “Pero a día de hoxe descoñecemos a intención da Consellería, pois non especificou criterios técnicos nin moito menos fixo unha comunicación oficial. Esta situación dificúltanos asesorar ás granxas correctamente”, valora o Sindicato Labrego.

Desde Unións Agrarias opinan tamén que a restricción da fertilización química na axuda agroambiental para pastos pode ser un problema de cara ó futuro: “Este é un primeiro ano de transición, que coincide ademais cos altos prezos dos abonos químicos, polo que quizais non tivo demasiada influencia a restricción e case ninguén deixou de solicitar a axuda por este factor, pero para próximos anos pode xerar problemas”, valoran.

Axuda por convivencia con grandes carnívoros

Outro foco de rebumbio este ano foi a axuda por convivencia con grandes carnívoros, pois obrigaba ás granxas a cumprir novos requisitos. Ou ben a xeolocalizar a parte do rabaño con colares Gps ou ben a contar con polo menos dous cans de garda.

Como cans de garda, a Consellería considerou ó mastín e ó palleiro, unha decisión esta última, a de incluír ó palleiro como can de garda, que resulta inexplicable para o sector, pois é un can que non ten capacidade de enfrontarse a grandes carnívoros como o lobo. “O que se conseguiu con iso é aumentar o número de cans domésticos que van estar nas casas, pero non mellorar a defensa do gando”, cuestiona un técnico do sector.

Tipoloxía das explotacións

Parte das axudas asociadas pasan a estar vinculadas á tipoloxía da explotación. Así, por exemplo, a axuda de vacas nodrizas só a poden cobrar as explotacións que estean catalogadas como extensivas. O asunto, en principio, non foi un problema no proceso de solicitude, pois as explotacións podían autocatalogarse na tipoloxía máis acaída ou conveniente.

“Non xurdiu ningún problema por este motivo, pero pode aparecer no futuro” -advirte Javier Iglesias-. “Como se vai controlar que a tipoloxía que o gandeiro declarou se axusta á realidade?. Iso é algo que está por ver”, conclúe.

A este respecto, desde o Sindicato Labrego acusan á Consellería do Medio Rural de “falta de concreción” e de “rumbo errático”. “No Real Decreto 1053/2022, polo que se establecen as normas de ordenación de granxas bovinas, especifícase que cada comunidade autónoma pode adaptar a definición ás súas especificidades. Consultamos coa Consellería cal era o seu criterio para a clasificación de granxas extensivas, semiextensivas e intensivas, pero negouse a contestar”, sostén o Sindicato Labrego en nota de prensa.

Axuda agroambiental para froiteiras

Outra axuda que xerou incertidumes, sen resolver, é a agroambiental de cultivos sostibles para froiteiras.

“É unha axuda ligada a non aplicar fitosanitarios no cultivo. Estamos de acordo en non aplicar herbicidas nin fitosanitarios na cuberta vexetal, pero outra cousa é non aplicar tratamentos nas froiteiras, nin sequera os permitidos en agricultura ecolóxica. Solicitamos concretar este aspecto pero tamén tivemos o silencio como resposta”, cuestiona o Sindicato Labrego, que califica o proceso de solicitude desta primeira PAC como cheo de “inseguridade, demoras e neglixencia administrativa”.

Este venres 30 conclúe o periodo de solicitude, con aínda centos de explotacións apurando os últimos trámites de presentación, segundo confirman desde as entidades colaboradoras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información