Os cultivos de inverno ábrense paso en Galicia. Dúas son as razóns principais: por unha banda, a medida que as explotacións van medrando, as súas necesidades de forraxe aumentan; por outra, a PAC empurra cara a implantación de técnicas de mellora e conservación do solo, como o é non deixar os chans baleiros ou sementar especies mellorantes que fixan nitróxeno ambiental ao terreo.
Á hora de deseñar a súa estratexia anual de cultivos e rotacións, cada explotación ten que tomar as súas decisións en función das súas características e de factores como a zona na que se atopa, a climatoloxía, a tipoloxía das parcelas ou o nivel de autosuficiencia forraxeira da gandería.
A dispoñibilidade de semente, que está a ser limitada nalgúns casos este ano, e o seu prezo, que se incrementou notablemente debido á alta demanda, fixo subir os custos de sementeira nesta campaña, a primeira trala entrada en vigor da nova PAC, que aposta pola rotación dos cultivos.
A climatoloxía condiciona as sementeiras e tamén a produción final obtida coas leguminosas, que son sensibles ao encharcamento e precisan de calor para medrar
A climatoloxía condiciona en ocasións as sementeiras e tamén o rendemento obtido cando se labran leguminosas, pero especies como chícharos, altramuz, veza ou trevos anuais estanse a abrir camiño nas explotacións galegas polos beneficios agronómicos e nutricionais que aportan.
Coñecemos algunhas experiencias concretas:
“Este ano non imos botar raigrás; sementaremos en todas as fincas unha mestura de varias leguminosas para enterrar”
A Cooperativa Agraria Provincial da Coruña posúe dúas ganderías (Granxa o Cancelo en Miño e Granxa A Esperanza en San Sadurniño), ademais de asesorar a outras explotacións por toda Galicia.
A maioría das explotacións leiteiras galegas intentan sacar o maior proveito á produción forraxeira, sendo unha das posibilidades a rotación anual de cultivo de inverno e verán con aproveitamento das dúas colleitas para ensilado, pero “non en todos os casos é posible, pois depende das condicións edafoclimáticas ou da superficie total da explotación”, indican desde o equipo técnico de CAP Coruña.
Non serve para todos o mesmo; as cousas hai que velas en directo na explotación e estudar cada caso
Por iso insisten en que “cada quen ten que optar polo mellor para a súa explotación, establecendo unha estratexia adaptada ás condicións que un ten”, sen que sirvan recomendacións xeralizadas.
“O cultivo principal para nós é o millo, polo que este ano xa non imos sementar nada con raigrás, todo vai ir cunha mestura de leguminosas para enterrar. Este ano imos facer o mesmo ou moi parecido en Miño e en San Sadurniño”, contan.
CAP Coruña leva moito tempo traballando con leguminosas nas fincas que non teñen cultivo no inverno
CAP Coruña leva moito tempo traballando con leguminosas para abonado en verde as fincas que non teñen cultivo no inverno. “En anos anteriores levamos probado con chícharos, con vezas e con altramuces”, explican. A mestura escollida para esta campaña leva varias leguminosas, entre elas trevo e altramuz, non con vistas ao aproveitamento forraxeiro senón co obxectivo de fixar nitróxeno.
O abonado en verde ten un custo asociado, o de sementar, triturar e enterrar, pero fixas nitróxeno, evitas a escorrentía e melloras a estrutura do solo
“Estamos contentos e pensamos que é o mellor para a terra en comparación con deixar o solo desnudo, porque abonas e melloras a estrutura e fertilización do solo. Ten un custo asociado, o de sementar, triturar e enterrar, pero cremos que ten máis vantaxes que custos, sendo á súa vez unha práctica que encaixa nas novas medidas regulatorias en canto á condicionalidade e os ecorreximes da nova PAC”, argumentan.
“Sementamos unha mestura de raigrás, veza e trevo onde o 60% son leguminosas”
SAT O Palomar, de Láncara, ten unha superficie agraria de 206 hectáreas, 120 delas son de pradeira permanente e o resto están enfocadas ao cultivo de millo. “Facemos rotación en todas, non deixamos ningunha baleira”, destaca Odón Castro.
Como cultivo de inverno, levan xa 9 anos apostando por unha mestura de gramíneas con leguminosas, onde o 60% son leguminosas. En concreto, empregan dous tipos de raigrás (un raigrás inglés e un raigrás híbrido moi tardío) e tres leguminosas (dous tipos de trevos e veza).
Quero ter máis elasticidade no momento da sega e non estar tan condicionado polo tempo
“Quero máis elasticidade no momento da sega e non estar tan condicionado polo tempo”, explica. Fan un só corte, entre a segunda quincena de abril e o 5 de maio, dependendo de como veña o tempo.
“Imos sempre ao límite en produción, con colleitas de entre 16.000 e 18.000 quilos facendo un bo presecado e acadando unha media de entre o 14% e o 16% de proteína no silo”, detalla.
Este ano, na campaña de ensilado de herba en primavera, unicamente fixeron dous cortes nas primeiras pradeiras sementadas, labradas a primeiros de setembro, para preservar a calidade da forraxe. “Fixemos un primeiro corte en marzo cun 18% de proteína e outro na primeira semana de maio”, conta.
Foi unha excepción, xa que asegura que “non compensa facer dous cortes, porque estás ensilando todo o tempo e os gastos son maiores”.
“Para facer abonado en verde, a semente de grelo sae máis barata porque leva menos quilos por hectárea”
Ganxabar, a cooperativa formada por 8 explotacións das comarcas do Xallas e A Barcala, botou este ano 850 hectáreas de millo para ensilar nas súas instalacións de xestión conxunta de forraxes.
Unha vez levantado o millo, teñen previsto sementar a metade da superficie con pradeira para facer silo de herba na primavera e noutra metade das fincas sementarán unha cobertura vexetal para enterrar como abono en verde.
“Sempre se botou algo para enterrar, pero non tanto. Cada vez son menos as fincas que quedan baleiras”, recoñece Jesús Otero. “Antes sementabas millo e deixabas baleiro no inverno para volver botar millo, pero iso agora non se vai poder facer. Nesta zona estanse dando certos cambios nese sentido”, asegura.
E insiste en que a nova PAC vai obrigar ás explotacións a cambiar algunhas prácticas. “Antes traballabas con mesturas pero non estabas pendente de que tiveran máis do 50% de leguminosa”, exemplifica.
O valor do ecorrexime non compensa o custo da sementeira, pero é unha práctica boa para o terreo
No seu caso, para as pradeiras, optaron polo raigrás e por introducir mesturas con leguminosa no 10% da superficie para cumprir co ecorrexime de rotación de cultivos da PAC.
No resto das fincas, nas que non teñen previsto facer corte de herba para ensilar, Ganxabar botaralles nabos á maioría das parcelas. “A semente de grelo sae máis barata porque leva moitos menos quilos por hectárea, entre 8 e 10 quilos, cando outras mesturas de leguminosas para enterrar poden andar entre 25 e 35 quilos”, compara.
O valor do ecorrexime de rotación de cultivos con especies mellorantes, establecido finalmente en 68,64€ para as primeiras 30 hectáreas e en 48,05 para as seguintes, “non compensa o custo da sementeira”, di, pero “é unha práctica boa para o terreo, independentemente da PAC, porque estás abonando e mellorando o solo”, defende Jesús.
“Se o queres facer ben e traballar ben a terra, teste que ir a unha hectárea por hora, polo que o custo do laboreo está entre 60 e 80€. A iso hai que engadir o custo da semente, que no caso do grelo son uns 30€. É dicir, por menos de 100€/ha non das feito a sementeira”, calcula.
“Botamos cereal con veza porque o rendemento é altísimo e as calidades son boas”
Gandería Casa Barbeiro conta con dúas granxas na comarca da Mariña, ubicadas nos concellos de Alfoz e Ribadeo, e traballa unhas 190 hectáreas de terreo. Agás 30 hectáreas que labraron a comezos de setembro cunha mestura de wester con raigrás híbrido coa intención de facer un corte de forraxe a comezos de novembro, nas outras 160 hectáreas repetirán a mestura pola que levan anos apostando: a de veza con cereal.
“O rendemento é altísimo e as calidades boas. Segámolo con cinta, coas mariposas, e vai o produto moi limpo, tamén porque non o collemos moi baixo. O ano pasado houbo parcelas de moitas toneladas, nas que a herba tiña máis dun metro de alto, con proteínas medias dun 15% e pasando do 17% nalgunha mostra puntual”, explica Juanjo Fraga.
Se se sega a principios de maio é cando se conseguen producións extraordinarias, porque o crecemento da veza prodúcese fundamentalmente despois de abril
Fan un só corte e procuran estiralo o máximo posible. “Colleitámolo o máis tarde posible, para conseguir cantidade de forraxe e que a veza estea moito máis desarrollada, porque o crecemento da veza prodúcese fundamentalmente despois de abril. Se se deixa a sega para finais de abril ou principios de maio é cando se conseguen producións extraordinarias”, indica.
Sementeira directa
Gandería Barbeiro está a apostar tamén polo mínimo laboreo, logo da compra este ano dunha máquina composta por cuba de purín e equipo de sementeira directa, o que lles permite nunha mesma pasada ir enterrando o purin e labrando con strep-till e con grada rotativa detrás.
A mestura de sementes varía en función da parcela da que se trate e do tipo de veza, que combinan principalmente con trigo híbrido e algo con cebada híbrida. “Dependendo das vezas e do tipo de cereal imos adaptando a mestura e xogamos tamén coa humidade das parcelas, porque a veza coa humidade non se leva ben”, explica Juanjo.
A combinación habitual inclúe un 60% de veza sativa e un 40% de trigo híbrido
As combinacións van desde un 60% de veza e un 40% de cereal nas fincas máis enxoitas a unha mestura ao 50% nas máis molladas. O tipo de veza tampouco é sempre o mesmo. “Se hai sativa, botamos sativa, pero está sendo difícil de conseguir. A min gústame máis a variedade sativa porque ten máis dixestibilidade e aguántase mellor, aínda que o comportamento depende moito do ano”, recoñece.
En anos climatoloxicamente adversos e parcelas moi húmidas acabaron usando o cultivo para abono en verde. “Algún ano moi húmido optamos por enterrar a leguminosa en vez de ensilala, pasándolle a grade de discos, e tamén vale, porque fixa moito nitróxeno e deixa a terra esponxosa para labrar o millo”, argumenta.
“Non tivemos que cambiar nada para cumprir co ecorrexime”
Gandería Barbeiro leva moitos anos apostando pola leguminosa con cereal no inverno fronte ás gramíneas. “O raigrás para o manexo da alternativa co millo é moito máis complicado, tes que facer varios cortes, require máis abonado e déixache a terra en moito peor estado, porque queda máis seca e máis dura”, relata.
“Nós non tivemos que facer cambio ningún para cumprir coa PAC, porque xa estábamos traballando con leguminosas. E agora coa sementeira directa máis aínda”, di. Ás vantaxes ambientais engádense as económicas, cunha redución no gasto en abono químico, unha das estratexias que están a seguir nos últimos anos para mellorar a eficiencia das dúas granxas, xunto co incremento da produción de forraxes propias.
No inverno usamos o purín en coberteira en vez de abonos minerais
A compra da nova máquina para botar o purín persegue o obxectivo de adaptarse á inminente entrada en vigor do Real Decreto de Nutrición Sostible de Chans Agrícolas no vindeiro mes de xaneiro e, ao mesmo tempo, lograr un mellor aproveitamento do poder fertilizante do xurro.
“Nos momentos de sementeira, tanto agora como para botar o millo, enterrámolo, e despois en coberteira usamos un aplicador de tubo localizado con ballesta, que fai unha fendidura de 3 cm de fondo na terra e vaino deixando por ese canal como se fora co disco. É o único abono que lle metemos ao cultivo de inverno, non usamos abonos químicos”, conta.