A Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia considera que os acordos acadados onte no Consello de Ministros de Agricultura da UE para flexibilizar as esixencias medioambientais da nova PAC son “un paso na boa dirección pero é obvio que sigue quedando moitísimo treito para satisfacer as demandas de Galicia”.
En concreto, dende o departamento que dirixe José González valoran positivamente a simplificación de certos aspectos da PAC, “que como sinalou Galicia dende o comezo da súa negociación presentaba dificultades que a facían moi difícil de cumprir e dificultaban a viabilidade das explotacións”.
Porén, dende a Consellería lamentan que “hoxe estamos moi lonxe do que anunciou onte o ministro Luis Planas: ter regras claras e seguridade xurídica para os agricultores e gandeiros”. “Mais ben ao contrario”, advirten.
Así, subliñan que “estamos no ecuador do prazo de solicitude única das axudas da PAC e non temos a certeza das modificacións que se van a adoptar nin cales delas van ser xa efectivas na campaña 2024”.
Ademais, dende Medio Rural recordan que “a aplicación informática SGA empregada polos beneficiarios da maioría das Comunidades Autónomas e desenvolvida polo Goberno a través do FEGA, non contempla os cambios normativos que se están a producir, polo que nos xera unha obvia preocupación pechar estas solicitudes sen estar plasmados os cambios” .
“Tampouco sabemos, por exemplo, se a modificación proposta para reducir a necesidade de fotografías xeoetiquetadas vai ter vixencia nesta campaña, e ademais, remarcar que resulta insuficiente para as explotacións galegas, que nalgúns casos terán que volver presentar centos de imaxes deste tipo”, engaden.
Ante esta situación, a Xunta considera que “hoxe ten todo o sentido volver reclamar unha moratoria temporal das políticas comunitarias cuestionadas neste proceso mentras se terminan de perfilar estes cambios e determinan a súa profundidade (que, polo ben do sector, deben alcanzar o nivel de estruturais)”.
“Hai que axustar os ecorreximes á España húmida”
Por outra parte, dende o goberno galego botan en falta “moita máis contundencia nestas negociacións por parte do Goberno central, ao que tamén lle insistimos en pedir atención ao que reclaman CCAA como Galicia ante a modificación do novo Pepac, en cuestións tan fundamentais como axustar os ecorreximes á España húmida”.
Como resumo, a Consellería do Medio Rural conclúe que “é absolutamente necesario seguir traballando en Bruxelas e Madrid para reverter a tendencia de aumento da burocracia soportada polas nosas explotacións, nunha tendencia á alza nos últimos anos e que foi acentuada co novo Pepac. Un plan que tamén acusa unha clara vocación mediterránea que o Goberno debe corrixir para adaptarse ás particularidades de Galicia e o resto de comunidades da cornixa cantábrica, coas que a Xunta avanza nunha folla de ruta compartida coas organizacións agrarias e cooperativas galegas”.