O Sindicato Labrego critica os atrasos da Xunta no pago das axudas da PAC 2023

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) denuncia que a día de hoxe, 4 de xaneiro do 2024, a Consellaría do Medio Rural segue sen pagar a PAC 2023. É dicir, a Xunta de Galicia non só non realizou o anunciado adianto da PAC, senón que nin tan sequera a está a pagar en tempo”.

Segundo a organización agraria, esta situación contradí o anuncio realizado pola Xunta a mediados de novembro “no que se aseguraba que Galiza ía estar entre as primeiras comunidades en pagar os anticipos das axudas da Política Agraria Común (PAC), e mesmo se aventurou a gabarse de que o FOGGA realizaría o pago do 70% da axuda total no anticipo e do 90% nas axudas de saldo”.

Porén, segundo o Sindicato Labrego “como norma xeral os pagos son inferiores aos realizados noutras datas, ingresándose menos conceptos. Así, temos un número considerable de granxas que non cobraron os dereitos da Axuda Básica á Renda para a Sostenibilidade (ABRS), nin o pago redistributivo asociado. Até o dagora, os pagos equivalentes foran cobrados sempre no mes de decembro”.

Dende o SLG-CCLL consideran que esta situación “débese á mala organización da Consellaría do Medio Rural, que non está dotando ao Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) de persoal abondo para poder tramitar os expedientes en tempo. Nin tan sequera se fixo pública unha data aproximada para a publicación das persoas beneficiarias”.

“De igual xeito -advirten- acontece cas contías asociadas aos ecorrexímenes, que historicamente tamén se viñan cobrando en decembro, e que este ano a 4 de xaneiro inda non cobrou ninguén”.

Ademáis, dende o Sindicato Labrego critican que “tampouco están publicadas aínda as concesións correspondentes ás axudas integradas no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia, tales como as de pastoreo, pastoreo en zonas de grandes carnívoros, produción ecolóxica ou agroambientais”.

Por último, advirten de que “a 4 de xaneiro do 2024, un ano despois de ser publicada a Orde no 2023, tampouco sabemos que incorporacións, plans de mellora e axudas a pequenas explotacións foron aprobadas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información