Un dos sectores que máis notou os efectos do coronavirus foi o do vacún de carne, con descensos importantes nas cotizacións como consecuencia do confinamento e o peche da hostalaría na primavera e que non lograron recuperarse de todo durante o 2020. Pero este 2021 comezou de xeito parecido, novamente con restricións en bares e restaurantes que están a agravar a menor demanda de carne de tenreira que sempre se dá nos meses de inverno.
A situación é, pois, complicada neste momento para as explotacións que se adican a abastecer eses mercados. Entre os máis prexudicados están os cebadeiros, afectados pola incertidume, os prezos baixos e a suba dos pensos. “As vendas xa afrouxaban nesta época todos os anos pero neste momento estamos vendendo a 3,95€ quilo canal e se son máis grandes, os de 300 quilos, a 3,80. Iso non cubre os custos, porque no penso xa houbo dúas subidas desde o mes de setembro”, contan en Alroma SC, ubicado na parroquia de Millán, no concello de Sober, e que dá saída a uns 300 becerros ao ano.
Neste momento estamos vendendo os xatos a 3,95€ e o penso xa subiu dúas veces desde setembro. Coincide que cando menos prezo hai na carne máis suben as materias primas, todo son inconvintes
Ademais, as axudas establecidas a finais do ano pasado pola Xunta para paliar a caída de prezos no sector vacún de carne non incluíu aos cebadeiros, senón só ás ganderías de vacas nodrizas, polo que o seu colchón de resistencia é escaso. “Neste momento todos son inconvintes e factores en contra, porque coincide que cando menos prezo hai na carne é cando máis soben as materias primas e, aínda por enriba, fálase de recortes na PAC, cando sen esas axudas esta actividade sería inviable”, aseguran.
Forman parte de Proterga desde o ano 2000
Alroma SC forma parte de Proterga, unha cooperativa de produtores de Tenreira Galega formada por uns 20 socios. Todos os animais que ceba esta explotación de Sober son comercializados a través da cooperativa. “Sacrificamos normalmente con 11 meses. Van para Carnicosa ou para Novafrigsa, non hai tampouco moito máis a onde mandar”, evidencia Moncho, o pai de Iván. “Se houbera máis opcións iso sempre sería positivo. Cando estaba Artesáns Gandeiros notábase no prezo porque tiraba das cotizacións para arriba”, engade.
Mandamos para Carnicosa ou para Novafrigsa, non hai tampouco moitas máis opcións. Cando estaba Artesáns Gandeiros notábase no prezo
Outro factor que están a sufrir desde fai un ano os produtores de carne de tenreira é a inestabilidade nos prezos. “En Proterga véndese a prezo de mercado, sen pechar para todo o ano pero até agora había estabilidade e as cotizacións podían moverse ou oscilar como moito 10 ou 20 céntimos do inverno ao verán, pero agora non sabes como vai estar a cousa dentro dun mes ou dous porque hai moita variación e iso non che permite planificar”, lamentan en Alroma.
Nos últimos anos había estabilidade nas cotizacións, podían oscilar 10 ou 20 céntimos do inverno ao verán, pero neste momento non sabes como vai estar a cousa a dous meses vista e iso non che permite planificar
Neste cebadeiro colleunos o momento actual de restricións decretadas na hostalaría desde principios de ano con poucos animais para saír. “Tivemos a sorte de que tiñamos menos gando para sacar. No mes de xaneiro saíron só 10 becerros e en febreiro 15, cando o habitual son uns 30 cada mes, pero coincide que os que están saíndo agora son os que entraron no momento no que se decretou o confinamento, e nesa época metemos menos gando porque os mercados estaban pechados e tamén había temor pola situación”, explica Moncho.
Becerros de máis idade
A ampliación da idade de sacrificio dentro de Ternera Gallega dos 10 aos 12 meses aportou algo de flexibilidade aos produtores para adaptarse á demanda nos meses de máis parón. “Nos momentos de menos saída foi beneficioso para nós, porque deu marxe para manter un pouco máis os animais sen que se pasasen de idade e ao colleren máis quilos compénsase un pouco a baixada de prezos. Se non se tivera producido esa ampliación da idade de sacrificio permitida habería un problema maior, porque se pasarían moitos becerros a añojo e aínda lles teriamos perdido máis cartos”, argumenta Moncho.
Nos momentos de menos saída foi beneficioso para nós a ampliación da idade de sacrificio dos 10 aos 12 meses dentro de Ternera Gallega
Neste cebadeiro lembran os momentos máis duros do pasado ano, logo do aumento pasaxeiro da demanda nas primeiras semanas de confinamento. “Os primeiros quince días aquilo era cargar seguido, pero logo houbo un parón tremendo e case estivemos un mes sen sacar animais. Iso repercutiu despois nunha caída de prezos. Os becerros de 260 ou 270 quilos estiveron pagándose durante case todo o ano a 3,90€ quilo canal e os máis grandes 20 céntimos menos, cando un ano antes estabamos en 4,30€ en animais de 240 ou 250 quilos. Hai 40 ou 50 céntimos de diferenza, que é moita diferenza, porque 50 céntimos é case a rendibilidade da explotación”, din.
Máis de 40 anos cebando xatos
Na casa de Moncho sempre se cebaron xatos. “O meu pai xa cebaba desde os anos 80 ou antes. Naquela época cebaban varios veciños de aquí da parroquia. Cebábanse uns 15 ou 20 xatos ao ano”, conta. “No ano 89 foi cando me empecei a encargar eu e no 99 constituímos Alroma SC. Foi un proxecto pensado xa de inicio para 170 xatos en total. Aquel ano fixemos unha nave e no 2001 a outra, pero o proxecto xa fora deseñado para as dúas naves”, explica.
Trátase dunha explotación familiar na que figuran Iván e os seus pais, Ramón Álvarez e María Amable Martínez
No 2018 o seu fillo Iván sumouse á actividade, na que está tamén a súa muller, María Amable Martínez. Foi entón cando construíron unha terceira nave, con capacidade para outros 70 becerros. “Seguimos usando tamén o establo onde cebaba o meu pai. Alí temos o destete, que son máis ou menos 40 becerros e outros 20 xatos de ceba”, explica Moncho. En total suman uns 300 animais, todos marcados como Ternera Gallega.
Mercan os becerros directamente en Silleda
Alroma subminístrase de becerros mamóns na feira semanal en Silleda e contan cun camión propio para faceren o traslado dos animais até as súas instalacións en Sober. “Mercamos directamente nós na subasta en Silleda. Normalmente metemos cada 15 días para que entren uns 30 ou 32 xatos ao mes. Vimos facendo entre 300 e 340 animais cebados en total ao ano”, indican.
O prezo de compra dos becerros na feira baixou algo, en torno a uns 20 euros por xato, pero iso non compensa a caída no prezo da carne e a suba dos pensos
Durante o tempo que a Central Agropecuaria de Silleda estivo pechada o ano pasado tralo estado de alama, víronse obrigados a recurrir a tratantes para poder manter a entrada de gando. “Explotacións por aquí hai poucas, así que temos que comprar becerros procedentes doutras zonas e como non podiamos mercar directamente tivemos que mercar a tratantes o tempo que Silleda estivo pechado”, contan.
Agora levan tamén varias semanas sen iren á feira e non teñen previsto meter nas súas instalacións becerros até o mes de marzo. “Imos traendo a medida que imos tendo espazo no destete e neste momento temos cheos eses lotes. Compramos según temos sitio nas instalacións”, explica Moncho.
Sen cambiar de lote
Cando os bercerros chegan da feira están un mes na nave de destete alimentados cun lactoreemprazante do 60% e logo xa se reparten entre as distintas naves onde son cebados até que saen cara o matadoiro. Están divididos en distintos lotes, dunhas 15 cabezas, según van saíndo do destete, que é cando homoxenizan os animais por tamaño.
Unha das regras que seguen no manexo é non cambiar xa despois de lote aos xatos até que finalizan o seu proceso de crecemento e engorde para seren sacrificados. “Non os cambiamos de lote porque con iso xéraslles estrés e perden de medrar, durante unha semana non comen igual, por iso procuramos non cambialos de cubículo”, explica Moncho.
Fórmulas específicas para o penso
O proceso de ceba baséase nunha alimentación a base de palla de centeo, herba seca que eles mesmos recollen e concentrado de cereais que lles subminstra Proterga e que elaboran na fábrica de penso da cooperativa Aira en Taboada. “Empregamos as nosas propias fórmulas para o penso, unha mestura de cereais para o destete e outra intermedia desde o destete até acabar. Proterga ten outra fórmula máis para rematar, pero nós non a usamos, empregamos sempre a intermedia”, detalla Moncho.
A suba do penso, a raíz do incremento no prezo das materias primas que se está a vivir desde o mes de setembro, trasladouse xa ás explotacións. “No penso que nós gastamos de Aira houbo xa dúas subas, unha no mes de outubro e outra agora a principios de febreiro, que foi máis grande. E tendo en conta que un becerro consume 1.500 quilos de concentrado nos 10 meses que come penso, esas subas nótanse moito”, argumentan.
Palla de centeo
Xunto ao penso, a palla, que mercan en Castela, é parte fundamental da alimentación. “A palla é esencial porque con ela reduces moitos problemas de timpanismo, por iso nós no pesebre botámoslles unha capa debaixo do penso para que a vaian comendo mesturada porque senón, aínda que a teñen a libre disposición nunha tolva, non garantes que todos os animais a coman”, asegura.
A palla é esencial porque con ela reduces moitos problemas de timpanismo
As pacas nas que vén a palla non son, polo seu tamaño, doadas de manexar no interior das instalacións, polo que idearon un invento acoplando unha estrutura metálica a unha carretilla para repartila polos comedeiros. “Traemos a palla en pacas grandes porque sae máis barato e despois repartímola coa carretilla, que nos colle polos pasillos”, indican.
Superficie insuficiente e valorización do purín
Alroma dispón dunhas 13 hectáreas de superficie adicadas a herba seca, pero o forraxe que logran facer non lles chega. “Aquí pegada á granxa hai superficie dispoñible que está abandonada e non está producindo, pero aquí para xuntar 10 hectáreas tes que falar con 200 propietarios e é unha tarefa imposible se a Administración non intermedia. Pero se a Administración xuntara e preparara 20 ou 30 hectáreas de terreo no entorno do cebadeiro nós animabámonos a collelas para ampliar superficie e non ter problemas futuros co purín e, ao mesmo tempo, diversificar metendo vacún de carne en extensivo”, di Moncho.
Aquí pegada á granxa hai superficie dispoñible que está abandonada e non está producindo, pero aquí para xuntar 10 hectáreas tes que falar con 200 propietarios e iso é unha tarefa imposible se a Administración non intermedia
Precisamente por non contar con superficie dabonda para todo o purín que xeran e co obxectivo tamén de valorizalo, separan desde fai 5 anos o compoñente sólido do xurro para facer con el compost e poder comercializalo como abono. “Empezamos a facelo no 2016, que foi cando mercamos o separador e a medida que a xente vai coñecendo e probando o produto a demanda aumenta moito. Hai momentos nos que non damos servido”, indican.
Para valorizar o purín que produce a explotación separan a parte sólida e comercialízana como abono para os viñedos que hai na zona
A parte líquida resultante do proceso vai para abonar as súas fincas e tamén as de outras explotacións da zona. “Catro ou cinco explotacións pequenas con gando en extensivo que non xeran purín para abonar as pradeiras veñen tamén buscar”, contan. Non ocultan tampouco a súa preocupación pola nova normativa de puríns. “Se nos prohiben botar o purín e temos que deixar de traballar esas 13 hectáreas que mantemos limpas, acabarían tamén abandonadas, polo tanto, será todo monte e entón, cando arda, si que haberá contaminación por C02. Os que dirixen e toman este tipo de medidas eu penso que non saíron moito do despacho”, opina Moncho.
Maiores esixencias en canto ao benestar animal
Algo parecido é o que pensa dalgunhas das esixencias da normativa en materia de benestar animal que deben cumprir as granxas. “Ningún gandeiro anda a paus cos seus animais porque é tirar pedras contra o teu propio tellado. Eu penso que, en xeral, fanse ben as cousas pero cada vez nos piden máis cuestións a cumprir. E creo que o certificado Welfare as cadeas de supermercados úsano como márketing pero ás explotacións obrígannos a facer reformas, algunhas delas discutibles, que nos supoñen meternos en gastos”, lamenta.
O certificado Welfare as cadeas de supermercados úsano como márketing, pero ás explotacións obríganos a facer reformas e a meternos en gastos
Un deses aspectos que cuestionan en Alroma é o que os obriga a teren máis dun bebedeiro por lote. “Para o certificado puntua ter máis dun punto de auga para cada lote. Nós temos un bebedeiro grande ao lado do comedeiro, iso permíteche ter a outra zona, a máis alonxada do comedeiro, enxuita para que se deite alí o gando, pero se nos obrigan a instalar alí outro bebedeiro xa non habería zona seca”, argumentan. “Como mides realmente o benestar animal? Habería que preguntarlle ao xato”, din, porque “cronometrar os segundos que tarda un becerro en deitarse non é algo exacto nin representativo do benestar animal”, opinan.
Iván e o seu pai acoden dúas veces ao día a ver aos seus animais. “Vimos ao establo de 8 a 10 pola mañá e de 5 a 7 pola tarde. Aí é cando facemos a alimentación e comprobamos que todos os xatos están ben”, din. A orientación da nave nova, en paralelo ao desnivel do terreo, é máis cómoda de traballar porque é chá e toda ao mesmo nivel. “A antiga está feita no outro sentido, no sentido da pendente, aproveitando o desnivel do terreo, porque os veterinarios daquela dicían que ao estaren así en socalcos as cortes ventilaban mellor e deste xeito dificultábase a transmisión de enfermidades”, revela Moncho.
Gústanos ir xogar ao pádel e á xente que vai sorpréndelle moito que sexamos gandeiros porque aínda se ten a idea de que vivir no campo é estar todo o día cos animais e que non tes tempo libre para facer outras cousas
Iván anima a máis xente nova a incorporarse ao sector e atopar nel unha saída laboral. “Ao meu pai e a min gústanos ir xogar ao pádel e á xente que vai sorpréndelle moito que sexamos gandeiros porque aínda se ten a idea de que vivir no campo é estar todo o día cos animais, pero non é así, tamén tes tempo libre para facer outras cousas”, asegura.
Contribuíndo a manter a tradición das roscas de Millán
Ademais de adicarse á explotación gandeira, esta familia é unha das casas que está a contribuír a manter viva a tradicional Rosca de Millán. Os seus ingredientes son azucre, fariña, ovos, auga, levadura, sal e un pouco de azafrán e o seu proceso de elaboración é artesán. Logo da coción no forno, o interior queda esponxoso e a parte de fóra triscante e acostuma acompañarse de queixo.
No mes de agosto este produto local ten a súa propia feira de exaltación, aínda que a última edición non se puido celebrar por culpa da pandemia. A do 2020 debería ser a edición número 25 desta celebración que comezou no ano 1995 como un xeito de preservar esta tradición.
O día de elaboración é os venres, un día de pouco traballo no cebadeiro, o que lles permite compatibilizar as dúas actividades
A Rosca de Millán é, de feito, orixinaria desta parroquia do concello de Sober e antigamente elaborábase en case todas as casas, pero nos últimos anos son moi poucos veciños os que seguen facéndoa. En concreto, tres son na actualidade os rosqueiros que manteñen a tradición, dous da parroquia de Millán (Mar Piñeiro e Óscar Fernández, que tamén fan pan artesán, e Moncho e a súa muller, Amable). A maiores, está Teresa, da parroquia de Bulso, que aínda que non é orixinaria de Sober, senón de Quiroga, comezou fai uns anos a facer roscas e a colaborar coa Festa que cada ano honra este produto da repostería tradicional da zona.
Os ingredientes para este doce típico da zona (azucre, fariña, ovos, auga, levadura, sal e un pouco de azafrán) amásanse á man e o forno no que se cocen quéntase con leña de carballo
“Nós empezamos a facelas no 2012 porque se xubilaron varios rosqueiros da zona e non queriamos que a tradición se perdera. Facemos todos os venres de marzo a outubro por encarga e comercializámolas no mesmo obrador que temos na casa. No verán hai venres que botamos todo o día facendo roscas polas encargas que temos. É un ingreso complementario máis que sempre vén ben e máis este ano pasado, aínda que se notou que non houbese nin a Feira do Viño nin a propia Feira da Rosca, que era cando máis traballabamos. Para a Feira da Rosca do mes de agosto estamos facendo roscas dous días enteiros porque o forno é pequeno e das 48 horas estamos unhas 42 horas cocendo para facer unhas 300 unidades”, explica Moncho.
As roscas son un complemento máis que nos aporta uns ingresos que sempre veñen ben e máis este ano pasado cos prezos baixos que houbo na carne
O día que Moncho e a súa muller, María Amable, escolleron para facer roscas, os venres, permítelles ter os doces para vender na fin de semana e, ao mesmo tempo, compatibilizar ben o traballo no cebadeiro. “Os venres non hai que cargar gando, así que coincídenos ben tendo en conta a organización do traballo cos animais na explotación”, di Moncho.