O vacún maior cae polo parón da hostalaría e o turismo

Empresas como Frigoríficos Bandeira ou Megaro Foods vense obrigadas a reducir a súa actividade ante a falta de pedidos e os problemas para a exportación. Os matadoiros deixan de sacrificar vacas cebadas e de desvelle

Frigoríficos Bandeira

A imaxe de Frigoríficos Bandeira, unha das empresas máis afectadas, dista estes días moito desta outra

Nas semanas previas á Semana Santa o mercado de vacún maior reactívase todos os anos. Matadoiros e empresas distribuidoras enchen as súas cámaras con canais e lombos de vacas cebadas e de desvelle. Serán os chuletóns que se consumirán logo nos hoteis e restaurantes durante as vacacións. Pero este ano ocorre todo o contrario, o parón da hostalaría e o turismo, forzado pola expansión do coronavirus COVID-19, contaxiou tamén ao sector do vacún maior en Galicia.

A maioría dos matadoiros xa non meteron vacas esta última semana. Foi o caso de Montellos. O matadoiro de Betanzos é dos habituais no mercado asturiano de Pola de Siero, pero o luns pasado non acudiu. O xerente da feira, a única que se celebrou en España esta semana que acaba de pasar, confirma o descenso no movemento producido, con 500 animais, a metade do habitual. Asturias non conta con matadoiros importantes de vacún maior e manda a maioría das vacas e animais deste tipo a sacrificarse en instalacións galegas.

Os matadoiros deixaron de sacrificar vacas ante a incertidume do tempo que durará o peche dos restaurantes

Igual que Montellos, outros matadoiros como Lugo Carne, de Rábade, deixaron tamén xa a comezos de semana de meter vacas e pouco a pouco, segundo foron pasando os días, o resto seguiron o exemplo. Detrás da decisión está a paralización dos pedidos da hostalaría, principal destino deste tipo de reses e a incertidume sobre o tempo que durará o peche dos restaurantes.

Bandeira prevé “graves consecuencias”

“Estamos plegando velas e véndoas vir, tratando de adaptarnos ás circunstancias, que son moi complicadas para nós”, indican en Frigoríficos Bandeira, unha das empresas do sector que máis vacún maior compra e sacrifica en Galicia.

“Estamos parados polos dous lados, porque os nosos clientes de hostalaría tiveron que pechar e eses pedidos están a cero e porque nos nutrimos dos mercados, que tamén están pechados”, explican. Polo lado da distribución, non serven directamente a supermercados, senón que esta venda vai toda a través de intermediarios, aínda que contan cunha sala de despece en Mercamadrid que segue funcionando.

“Estamos plegando velas e véndoas vir, parados polos dous lados, porque os pedidos de hostalaría están a cero e porque nos nutrimos dos mercados, que tamén están pechados”

Na empresa con sede en Silleda, de momento traballa toda a plantilla pero baixaron moito a porcentaxe de vacas de sacrificio porque “se paran os clientes e non hai saída para o produto, non ten sentido seguir sacrificando ao mesmo ritmo”, din. Están “máis que preocupados” polo que poida acontecer e prevén “graves consecuencias”.

Peche en cadea

Ao parar Bandeira pararon tamén as empresas que dependen en parte dela. É o caso da empresa monfortina Gallaecia Delicatessen, de recente creación e que estaba en plena consolidación e expansión de mercados. Adícase á carne selecta, que maduran nas súas instalacións e comercializan posteriormente en España e Europa.

“Non estamos metendo nada nin creo que metamos nada este mes, empezaremos a facer algo de acopio de novo dentro dun mes se isto non se alonga”, explica Roberto Hernández, o xerente da empresa. “Os matadoiros non deixan entrar a ninguén nas súas instalacións, así que non podemos seleccionar as canais, como faciamos nós habitualmente, tan só podemos facer pedidos”, conta.

Non estamos metendo nada porque os matadoiros non deixan entrar a ninguén, así que non podemos seleccionar as canais, e os clientes de Francia, Italia ou Grecia pararon os pedidos

Deixaron tamén de visitar as explotacións para mercar gando e reduciron o horario na planta de procesado que teñen no Polígono Industrial de O Reboredo, onde os traballadores van só de 10 a 13 horas e adícanse a limpar e a revisar o estocaxe.

A obriga de pechar os restaurantes e hoteis tanto en España como en moitos dos países aos que exportan obrigounos a paralizar os envíos. “Grecia parou un pedido que tiña que ter saído este luns, Francia igual e Italia xa nin che conto”, explica Roberto.

Gallaecia Delicatessen comezara este mes a traballar coa principal plataforma de subministro a hostalaría en España, Makro, un acordo que agardan manter a pesar da crise

Aínda que o transporte por estrada segue funcionando e non terían especiais problemas para facer chegar os envíos ao destino, traballan nun 90% dos casos con importadores e distribuidores locais, que tampouco poden visitar aos clientes finais debido ás restricións aos movementos decretados na maioría dos países.

En España, comezaran este mes a traballar con Makro, a maior plataforma de subministro a hostalaría, con 37 centros de distribución en toda España, á que lle realizaron un primeiro envío a comezos de marzo de 160 pezas nun só pedido, entre lombos enteiros e lombos baixos e altos. Foi unha negociación moi longa e non temen que o acordo de subministro coa cadea corra perigo, pero inevitablemente verase afectado a curto prazo. “Ao estar a hostalaría parada aféctanos a todos, estamos a merced dos clientes”, evidencia Roberto.

A mercadoría que teñen madurando na cámara, 120 lombos de vaca e de boi, gañará en calidade pero mermará de peso, o que se traducirá en menores ingresos cando se retome a súa comercialización

O freo nas vendas colleunos con moita mercadoría fresca, polo que poderían aguantala durante algunhas semanas sen que se estropease. Ao contrario, o sistema de maduración que empregan, denominado Dry Aged ou maduración en seco, fai que a carne gañe en calidade co paso dos días. “Non pasaría nada aínda que a carne pasara 60 días na cámara, o único problema é que merma peso e é diñeiro que perdemos porque non a podemos vender máis cara”, indica Roberto.

Teñen uns 120 lombos de vaca e boi en estocaxe e outras tres canais completas que mataron a semana pasada. “A ver que facemos con elas, porque os lombos non hai problema porque se poden madurar, pero os traseiros non, así que haberá que desosar e envasar”, explica.

“É moi difícil conseguir barcos e contedores para exportar”

Megaro Foods, a empresa catalá que mercou fai dous anos as instalacións da antiga Artesanos Gallegos de la Carne no polígono industrial de Castro Riberas de Lea, adica a maior parte da súa produción á exportación. Traballan carne de vacún, que mandan a Asia e o Caribe, e ovino e caprino, que envían aos países árabes.

A crise do coronavirus, que se extendeu en forma de pandemia a todo o mundo, está a afectar á planta de Castro, segundo recoñece Lourdes Sáenz, responsable de calidade. A materia prima, que procede de matadoiros de Castela e León, Madrid e Galicia (das provincias de Pontevedra e da Coruña) segue entrando con normalidade pero os problemas de loxística para os envíos a terceiros países dificulta a actividade.

O transporte por estrada dentro de Europa segue manténdose pero o transporte marítimo internacional resentiuse moito polas especiais medidas establecidas en China

Aínda que algúns dos destinos internacionais aos que subministra Megaro Foods non están polo de agora moi afectados polo COVID-19, a empresa utiliza habitualmente o transporte marítimo para facer chegar a carne a destino e ese tipo de movementos si que se resentiu como consecuencia do aumento de controis fronteirizos.

“É moi difícil conseguir barcos e contedores porque hai moitos barcos retidos en China polas medidas especiais establecidas e iso retrasa todo e afecta logo a todo o mundo porque todo pasa por China”, explica Lourdes. Algúns dos principais destinos aos que exporta a planta de Castro en Asia, como son Indonesia ou Sry Lanka, dependen directamente de China, pero mesmo o tráfico cara aos países árabes ou cara ao Caribe vese condicionado ao circular menos navíos nas rutas marítimas (polo que conseguir barco ou contedor é tarefa difícil) e extremarse os controis nas aduanas (o que encarece os custos polos días que a mercadoría permanece parada nas terminais). Até que saltase a crise do coronavirus, Megaro Foods enviaba cada semana desde portos galegos catro contedores con 24.000 quilos de carne cada un cara a destinos asiáticos, os países árabes e o Caribe.

Até que saltou a crise do coronavirus, Megaro Foods enviaba semanalmente desde Galicia catro contedores con 24.000 quilos de carne cada un cara a destinos asiáticos, os países árabes e o Caribe

A planta de Castro Riberas de Lea traballa pouco co mercado español e no europeo hai relativa normalidade no segmento que traballa Megaro Foods (vacún de abasto e ovino e caprino para consumo doméstico fundamentalmente), aínda que Lourdes expón que “esto é impredecible porque cambia continuamente”.

As plantas de procesado extreman as precaucións

Como a maioría de empresas do sector, Megaro Foods estableceu medidas extraordinarias para minimizar o risco de contaxio entre os 20 empregados que traballan na súa planta de Castro. No seu caso non supuxeron cambios substanciais na maneira de traballar, xa que operaraban con uniformes integrais con máscara protectora incorporada, cambiaban as luvas cada dúas horas usando luvas de cores diferentes en cada cambio para evitar despistes e empregaban xa desinfectantes de mans en cada cambio.

“As empresas agroalimentarias galegas seguimos funcionando por agora con normalidade porque non tivemos ningún caso positivo entre os traballadores, o que nos obrigaría a marchar para a casa”

A maiores, esta semana extremaron as medidas de hixiene lavándose as mans máis a miúdo, para o que contan con lavamáns en todas as salas, e incrementaron as distancias, que empezaron sendo dun metro a comezos de semana e pasaron a metro e medio o mércores, seguindo as recomendacións da guía elaborada por ANAFRIC, a asociación de empresas cárnicas á que pertence. “Manter a distancia de metro e medio é máis doado nos postos fixos pero cando hai que trasladar un palé, por exemplo, é máis complicado”, recoñece Lourdes.

A responsable de calidade de Megaro Foods afirma que “as empresas agroalimentarias galegas seguimos funcionando por agora con normalidade porque non tivemos ningún caso positivo entre os traballadores, porque en canto teñamos un, iso obrigaranos a ter que marchar todos para a casa, así que todas as empresas estamos con esa espada de Damocles enriba da cabeza”, asegura.

Prevese unha diminución na demanda de carne unha vez pasado o incremento de consumo inicial destes días

VILLADANGOS_RUBIA_GALEGA_becerros_12

Becerros cebados en Finca Villadangos, unha explotación de Rubia Galega do Corgo

O mercado de vacún mediano foi o único que non parou esta última semana, mesmo se incrementou de xeito importante para poder atender o aumento de demanda de carne, igual que doutros produtos agroalimentarios, nos supermercados, ocupando deste xeito nos matadoiros e no traballo dos tratantes o oco deixado polos becerros de recría e as vacas gordas e de desvelle.

Ante o peche das feiras de Amio, Silleda e Castro, reforzouse a canle directa entre as explotacións e os matadoiros, movendo o gando sen pasar polos mercados. “O movemento e traslado de animais de explotacións a matadoiros estase respectando”, explica Antonio Álvarez, xerente de Artesáns Gandeiros, que move entre 6.000 e 7.000 reses ao ano entre xatos marcados como Ternera Gallega Suprema, xatos cebados e vacas de desvelle procedentes das cooperativas Clun, Lemos e A Carqueixa.

A perda de restauración e hostelería é moi importante para o vacún maior, pero pode chegar ao resto da carne, que é normal que se resinta tamén

“De momento o abasto está funcionando con normalidade, se algún matadoiro por tema de persoal ten algún problema pode facelo outro, pero pouco a pouco, se isto dura moito, o consumo vai ir mermando. A perda de restauración e hostelería é moi importante para o vacún maior pero pode chegar ao resto, que é normal que se resinta tamén, porque o turismo e a xente que viña de fóra en Semana Santa vaise notar”, di.

É algo no que concordan a maioría de operadores. “As vacas de carne a maioría dos matadoiros xa din que non as queren, para os becerros carniceiros de momento hai venda, pero coa restauración parada e o turismo penso que o consumo non se vai aguantar porque a xente encheu as neveiras e os conxeladores estes días e até que coma esa carne non vai mercar máis”, argumenta Juan Carlos Soto, que opera normalmente desde o mercado de Amio.

“Cando foi a crise das vacas tolas metimos carne para Intervención para manter actualizada a saída e ter deste xeito regulado o gando das explotacións. O agobio forte durara seis meses”

Se a situación se mantén no tempo, podería darse unha caída de prezos que repercutiría tamén nas granxas, como pasou durante a crise das vacas tolas. “Daquela, o que fixemos foi meter carne na Intervención para manter actualizada a saída de gando das gandarías e ter regulado deste xeito o gando das explotacións. O forte de agobio foran 6 meses”, lembra o xerente de Artesáns Gandeiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información