A carne de vacún non remonta, con perspectivas de complicacións nos vindeiros meses

O sector seguiu arrastrando este verán as consecuencias da menor actividade na hostalaría, con baixadas de prezos que neste momento se sitúan entre os 20 e 30 céntimos por quilo a respecto das cotizacións do ano pasado por esta época

Os xatos marcados de Ternera Gallega de menos de 250 quilos e con boa morfoloxía estanse pagando a 4,10€

Os xatos marcados de Ternera Gallega de menos de 250 quilos e con boa morfoloxía estanse pagando neste momento a 4,10€/quilo e os de Suprema a 4,60€

Con menos turistas, sen festas patronais e coas xuntanzas e comidas familiares condicionadas polo medo ao contaxio, o consumo de carne de vacún resentiuse este verán e, como consecuencia, tamén os prezos, que non foron quen de recuperarse nos meses de xullo e agosto da forte caída sufrida na primavera e manteñen hoxe niveis por debaixo do habitual nesta época do ano.

Os gandeiros de vacún de carne seguen a ser, pois, dos máis prexudicados pola crise do coronavirus. Tras sufrir nos meses de abril e maio as consecuencias do peche total da hostalaría durante os dous meses de confinamento da poboación, agardaban poder remontar no verán, a época forte por excelencia para os produtores de carne, pero a tímida recuperación da actividade e a baixada no número de turistas fixo que bares, restaurantes e hoteis traballasen a medio gas en xullo e agosto, arrastrando tamén con eles aos gandeiros que os subministraban e que viron como os prezos nunca acabaron de recuperarse.

A caída do consumo e da demanda en xullo e agosto provocou que os prezos non acabaran de recuperarse

A diferenza ronda os 20 ou 30 céntimos por quilo, dependendo do tipo de animal, do seu peso e da súa morfoloxía. Novafrigsa, o matadoiro que o grupo Coren ten en Lugo, un dos principais compradores de Ternera Gallega, pagou nesta semana a 4,10 euros/quilo os animais de Ternera Gallega convencional e a 3,80 os sen marcar, cando o ano pasado os estaba a pagar a 4,30 e 4 euros respectivamente.

A Suprema, a que máis se resinte

Aínda que a baixada nas cotizacións está a afectar a todo o gando, os animais de máis calidade seguen a ser os máis prexudicados. “Mal non, o seguinte, así é como está a cousa. Os prezos non recuperaron nada, o que pasou nas primeiras semanas tralo levantamento do estado de alarma foi un espellismo inicial para calmar un pouco aos gandeiros, pero seguimos igual. Hai tranquilamente 30 céntimos ou máis de diferenza con respecto a antes da Covid. Un xato de Ternera Gallega Suprema ben formado, de categoría U e con entre 240 e 250 quilos estase a pagar a 4,60 euros”, denuncia Santi Rego, que ten unha explotación con 40 nais en Mazoy, no concello de Lugo.

Mal non, o seguinte, así é como está a cousa. O que pasou nas primeiras semanas despois do confinamento foi un espellismo para calmar un pouco aos gandeiros, pero seguimos igual

Este mozo, que se incorporou fai dous anos á explotación dos seus pais, unha gandería que se cambiou do leite á carne e segue un método tradicional de cría, recollendo as vacas pola noite e sacándoas a pacer polo día, preside a Asociación Gandeiros Galegos da Suprema, recentemente constituída por un grupo duns 30 produtores de Ternera Gallega Suprema da provincia de Lugo que decidiron xuntarse e tratar de facer algo ante a importante baixada de prezos dos seus animais no mercado.

Estamos negociando a venda en conxunto a prezos estables, partindo o ano en dúas tempadas, a de inverno e a de verán, con prezos fixos diferentes para cada periodo

“Neste momento non hai moita alternativa para a comercialización e vaias a onde vaias os prezos son os mesmos. Nós o que tratamos é de lograr prezos estables partindo o ano en dúas tempadas, a de inverno e a de verán, con prezos fixos e unitarios diferenciados para cada un deses periodos. Temos abertas varias vías de negociación neste sentido e temos pendente acabar de perfilar estes acordos para poder vender en conxunto e todos ao mesmo prezo, garantindo un volume mínimo de subministro de animais á empresa coa que comercialicemos. Queremos deste xeito tratar de sacar un pouco máis de rendemento ao noso traballo”, explica.

Os produtores de Ternera Gallega Suprema seguen a ser os que máis baixada están a notar

Os produtores de TG Suprema seguen a ser os que máis baixada están a notar, arredor duns 30 céntimos

Aumento da venda a particulares

Ao igual que están a facer este grupo de gandeiros da provincia de Lugo, moitos produtores de toda Galicia están tratando de diversificar as súas vendas para lograr manter unhas mínimas marxes de beneficios que compensen estar criando aos animais durante todo un ano. Unha das alternativas ás que están recurrindo é a venda a particulares, que se incrementou como consecuencia da pandemia sanitaria, nun intento das familias por evitar un hipotético desabastecemento, un medo alentado polas imaxes das ringleiras de consumidores nos supermercados e os estantes semibaleiros de produtos nas primeiras semanas de confinamento.

Nas carnicerías a carne non baixou e os particulares están dispostos a pagarcha un pouco máis. Eses pedidos sácante dun apuro de vez en cando

Na venda a particulares os prezos mantivéronse con respecto a outros anos e seguen en niveis superiores aos que pagan os matadoiros. “Nas carnicerías a carne non baixou e os particulares están dispostos a pagarcha un pouco máis. O mesmo nas pequenas carnicerías. De vez en cando tes un pedido e sácante dun apuro”, recoñece Jonathan Cives, un gandeiro de Mazaricos cunha explotación na que ceba uns 300 animais ao ano.

Becerros de 240 quilos con formas

“Ao baixar a demanda as empresas escollen máis e o que non queren ver diante son becerros de 350 quilos. Eu non volvín mercar un becerro culón desde que comezou a pandemia, porque tiña gando moi bo para vender en Semana Santa e notei de cheo a baixada que se produciu neste tipo de animais naquel momento”, explica.

Ao baixar a demanda as empresas escollen máis. Neste momento non queren ver diante becerros culóns de 350 quilos. Cos pintos pasa igual, en Galicia hai pouca xente que chos leve

O mercado descarta hoxe animais grandes e de moitos quilos e decántase con becerros de menos de 240 ou 250 quilos con boa conformación. A finais de xullo e comezos de agosto os prezos remontaron algo para estes animais máis pequenos e Jonathan logrou vender a 4,25 euros/quilo becerros de menos de 240 quilos con algo de formas, pero a día de hoxe páganse xa a só 4,10 euros.

Malas previsións para os vindeiros meses

A mesma situación de inestabilidade e caída da demanda que viven os gandeiros que teñen as vacas nodrizas estana a sufrir tamén os cebadeiros que hai en Galicia. No de Eliseo López, situado no Arneiro, en Cospeito, decidiron reducir o número de animais que entran semanalmente diante da incertidume para os vindeiros meses. “Non se transmite optimismo nin boas previsións a medio prazo, con anuncios mesmo de posibles baixadas á vista”, recoñecen.

Non se transmite optimismo nin boas perspectivas a medio prazo, con anuncios mesmo de posibles baixadas á vista

Os prezos, que remontaran algo a finais de xullo, volveron caer en agosto e mantivéronse logo estables pero no sector témense novas baixadas de cara ao outono e o inverno, unha época sempre complicada e moito máis este ano cos hoteis sen o turismo estranxeiro nin as viaxes do Imserso que os mantiñan funcionando en tempada baixa.

Baixadas tamén na recría e nas vacas de desvelle

Becerros pasteiros de 3 e 4 meses, que se están a pagar entre 420 e 450 euros

Becerros pasteiros de 3 e 4 meses, que se están a pagar entre 420 e 450 euros

O descenso no prezo final de venda a matadoiro dos xatos cebados está a arrastrar tamén á recría no gando de razas como a Rubia Galega e trasmitiuse tamén xa ao prezo de compra dos becerros pequenos, tanto dos mamóns, sexan pintos ou cruce, que saen con dúas semanas de vida das explotacións leiteiras, como dos de razas cárnicas destetados que abandonan con 3 ou 4 meses as ganderías de carne.

Os denominados pasteiros, os becerros que logo de ter nacido na primavera e criárense durante o verán coas nais, son vendidos para vida nesta época, ás portas do outono, ante a chegada do inverno e a falla de pasto, páganse este ano entre 420 e 450 euros, uns 100 euros menos do habitual.

As últimas compras de xatos pintos en explotacións leiteiras pagáronse entre 50 e 70 euros,  dependendo dos días de vida que teñan

A baixada tamén chegou ás ganderías de leite, que venden os machos que nacen a cebadeiros tanto de Galicia (que absorben sobre todo os cruces) como doutras comunidades como Castela e León ou Cataluña (a onde van parar sobre todo os pintos). Durante as primeiras semanas de estado de alarma, as explotacións leiteiras tiveron mesmo dificultades para dar saída aos xatos, como consecuencia do peche das feiras semanais de Amio, Silleda e Castro e a ralentización do mercado.  

Considerados case un estorbo en moitas granxas, os xatos pintos xa tiñan un mal prezo, que se acentuou coa chegada do coronavirus e a redución das compras por parte dos cebadeiros foráneos. Os machos mercados durante os meses de verán nas explotacións de leite galegas estivéronse pagando a entre 50 e 70 euros por animal, dependendo dos días de vida que tivesen. 

Cambio de estratexia nos cebadeiros galegos

“Os becerros pintos non valen moito porque non hai moita saída para eles e os de cruce tamén baixaron. Nós estamos mercando a menos de 200 euros de media xatos que antes nos custaban 280 euros. Como esto siga así vai ser un problema realmente para as explotacións de leite”, recoñecen desde o cebadeiro de Eliseo López.

O ano xa está perdido, o 2020 foi traballar por amor ao arte. Agora hai que planificar xa o ano que vén a ver se é mellor

“O ano xa está perdido, este 2020 foi traballar por amor ao arte porque é unha ruína ter mercado un animal bo de 3 ou 4 meses por 600 ou 700 euros e ter que vendelo despois por 1.000 logo de alimentalo e coidalo durante 6 meses. Agora toca planificar para o ano que vén a ver se é mellor. Eu parei de comprar pintos porque despois non hai moito a quen venderllos e compro só para marcar porque ao prezo ao que están compensa”, explica pola súa banda Jonathan Cives.

Vacas de desvelle

Os problemas de prezo das explotacións de carne trasladáronse tamén ás explotacións de leite, que desde que se decretou o confinamento están a sufrir unha importante perda de ingresos tanto pola venda do excedente de machos como polo envío a matadoiro das vacas de desvelle, que perderon nestes meses practicamente a metade do seu valor. 

Os animais de desvelle non se recuperaron, con baixadas duns 300 euros de media, máis pronunciadas nas vacas gordas e con graxa

Animados polos bos prezos que tiñan até agora estes animais, que atopaban saída ás súas partes nobres, os chuletóns, en restaurantes e ao resto das pezas con destino á industria de hamburguesas e salchichas, moitas ganderías de leite decidían engordar durante un tempo as vacas que acababan o seu ciclo vital de producción para que gañaran deste xeito quilos e engraxamento de cara a recuperar por esta vía unha parte do custo da súa recría como xovencas.

Sen embargo, neste momento ese esforzo é pouco recompensado, pois o valor dunha vaca de desvelle cebada é hoxe de pouco máis de 600 euros, 300 euros menos de media que antes de que se decretara a pandemia sanitaria. A baixada pola Covid foi máis pronunciada nas vacas gordas e con graxa que nas fracas. O prezo dunha vaca de 280 quilos é hoxe duns 2,15 euros/quilo, mentres que unha de 330 quilos págase a 2,30 euros. Ademais, para cebala, a maiores dos custos de alimentación, engádese a necesidade de espazo onde telas, un ben escaso en moitas ganderías de leite galegas.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información