O decreto de fertilización sostible prohibirá a aplicación de xurros en prato ou abanico

O proxecto da nova normativa pecha a porta á continuidade das excepcións actuais, se ben ábrese agora un prazo de alegacións. Regúlase tamén a obrigatoriedade de plans de abonado en cada explotación agraria e márcanse esixencias sobre a analítica de solos e sobre o valor nutricional dos estercos

O decreto de fertilización sostible prohibirá a aplicación de xurros en prato ou abanico

O Ministerio de Agricultura vén de abrir un periodo de consultas públicas para o proxecto de decreto de nutrición sostible dos cultivos. As alegacións á nova regulación poderán presentarse ata o 15 de outubro. En resumo, a normativa proxectada por Agricultura implantará maiores esixencias e controis sobre o abonado das terras agrarias, a imaxe do que se fixera no 2012 co decreto de uso sostible dos fitosanitarios. O obxectivo é reducir a emisión de gases e evitar a contaminación das augas.

Unha primeira cuestión a ter en conta para o agro galego é que o proxecto ministerial prohíbe a aplicación de xurros en prato ou abanico, co cal, en principio, pecharíase a porta á continuidade das excepcións actuais. O texto do decreto especifica que “cando o contido en humidade dos estercos sexa igual ou superior ó 65%, prohíbese a súa aplicación mediante sistema de prato, abanico e por canón”.

É unha prohibición coa que se trata de reducir as emisións de amoniaco á atmósfera. Os dispositivos aconsellados para a aplicación son os seguintes:

  • Sistema de bandas co uso de mangueiras. O material depósitase no solo en bandas. O seu emprego en terreos desiguais é limitado e requírese un material uniforme e con humidade elevada para evitar obturacións. Estímase que reduce as emisións de amoniaco un 40%.
  • Sistema de bandas de discos. O material deposítase no solo en pequenos regos practicados por un apeiro de discos incorporado ó equipo. Reduce as emisións un 50%.
  • Inxección. O material inxéctase no terreo mediante o emprego de maquinaria que deixe o rego aberto. Non se pode aplicar sobre pradeiras nin sobre cultivo, o que limita o seu uso. Reduce as emisións ata un 50%.

Os estercos que teñan menos dun 65% de humidade poderán seguirse esparcindo como ata agora, pero deberanse enterrar nas primeiras catro horas trala súa aplicación mediante pase de arado, chísel ou outros métodos de laboreo, salvo en pastos ou terras agrarias de sementeira directa.

Novas obrigas para o agro: plan de abonado, inspección de equipos e analíticas

O proxecto de decreto de nutrición sostible dos cultivos implantará unha serie de esixencias para controlar o correcto uso de fertilizantes e xurros. Repasamos as principais novidades.

  • Caderno de explotación. Todas as aplicacións de nutrintes ou materia orgánica ás terras agrarias deberán rexistrarse no caderno de explotación nunha nova sección de ‘Fertilización’.
  • Plan de abonado. A partir do 2026, implantaranse plans de abonado para a maioría de explotacións agrarias. Serán obrigatorios para os produtores con máis de 10 hectáreas de cultivos forraxeiros. En patacas, horta e frutais, serán obrigatorios para tódolas explotacións profesionais, con independencia das hectáreas que traballen. Entre as exencións, para Galicia é relevante o caso do viñedo, pois só se lle esixirá o plan de abonado ós viticultores que teñan máis de 10 hectáreas.

    O plan debe incluír un balance das extraccións de nutrintes do cultivo e das aportacións. A cantidade total de nitróxeno aplicada non poderá superar nun 10% as necesidades dos cultivos. Deberanse ter tamén en conta os niveis de nutrintes existentes no solo, ben con analíticas propias, ben con datos aproximados procedentes dos mapas provinciais de análise de solos que elaborará o Ministerio.
  • Asesor agrónomo. Dous anos despois da implantación do plan de abonado, a explotación deberá contar co asesoramento dun técnico autorizado para a aplicación de fertilizantes e xurros.
  • Inspección de equipos aplicadores. As abonadoras e apeiros usados na aplicación deberán pasar revisións periódicas para garantir a súa eficiencia agronómica e protección ambiental. Dictarase unha orde ministerial posterior para regular estas inspeccións.
  • Apilamento de estercos. Queda prohibido o apilamento temporal ó aire libre de estercos ou fertilizantes orgánicos. Se houbese que facelo, por loxística de reparto, farase a un mínimo de 300 metros de vivendas e explotacións, sempre en momentos que non haxa risco de choivas torrenciais e lonxe de correntes de auga. Quedan excluídos desta excepción os lodos de depuradora.
  • Valor nutricional do esterco. O agricultor deberá coñecer o valor nutricional do esterco (para o que existen kits de medición rápida no mercado), salvo en pequenas explotacións.
  • Emprego de urea. Só o 25% das necesidades anuais de nitróxeno dun cultivo poderán aportarse mediante fertilizantes ureicos (urea e solucións nitroxenadas).
  • Periodos a respetar trala aplicación de xurros. En aplicacións en pastos, haberá que deixar pasar un mínimo de 21 días antes de que o gando poida entrar a pastar ou se segue a herba. En cultivos, deixarase pasar un mínimo de 2 meses entre aplicación e colleita. En cultivos leñosos, deberán usarse antes do fin da parada invernal das árbores.
  • Distancia á auga. Os estercos cunha humidade superior ó 40% non se poderán aplicar a menos de 10 metros das beiras de cauces de auga. Para o resto, a distancia mínima será de 5 metros.
  • Foxas de xurros. Deberán estar a un mínimo de 50 metros de cauces de auga.
  • Lodos de depuradora. O emprego destes materiais debe xustificarse mediante un documento elaborado por un técnico competente, en calidade de asesor. Deberán indicarse doses de uso e medidas de mitigación da acumulación de metais pesados no solo. O agricultor incorporará ó caderno de explotación toda a información referente ós lodos e ó seu valor nutricional.
  • Titulación habilitante para exercer como asesor de fertilización. O asesor deberá ter un título que cumpra coa condición de sumar un mínimo de 40 créditos ECTS relacionados coa produción vexetal, dos que 12 deberán corresponder especificamente a fertilización. Entre os títulos válidos, sempre que cumpran a condición anterior, inclúense os seguintes: licenciatura, enxeñería, enxeñería técnica, título de grado, máster ou título de formación profesonal superior.

Máis información
Consulta pública do proxecto de real decreto sobre nutrición sostible dos cultivos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información