Artesanos Gallegos de la Carne afronta unha crise que preocupa no sector

A sala de despece de Castro Ribeiras de Lea acumula impagos que a abocan a un inminente concurso de acreedores. A cooperativa Artesáns Gandeiros, que ten unha participación minoritaria no proxecto, opera desde hai meses á marxe da industria e recuperou a normalidade na comercialización do gando

Artesanos Gallegos de la Carne afronta unha crise que preocupa no sector

Fachada de Artesanos Gallegos de la Carne, en Castro Ribeiras de Lea.

Os impagos que arrastra nos últimos anos Artesanos Gallegos de la Carne, unha sala de despece ubicada en Castro Ribeiras de Lea (Castro de Rei, Lugo), preocupan no sector gandeiro. A situación chegou a tal punto que organizacións como a Fruga e Unións Agrarias demandan a intervención da Xunta para garantir o futuro da planta -da que evitan dar o nome-, e para buscar vías de solución ós impagos. Unións Agrarias cifra en 3 millóns de euros a débeda da industria co sector produtor.

A importancia de Artesanos Gallegos de la Carne radica en que se trata dunha industria de referencia no sector do vacún de carne. A empresa estaba liderada por Carcosa SA, unha firma coruñesa especializada na comercialización e distribución, que tiña arredor dun 70% da sala de despece.

O outro socio destacado é a cooperativa de segundo grao Artesáns Gandeiros, que engloba a súa vez a unha decena de cooperativas de base. Cunha parte testemuñal está tamén o matadoiro de Castro (Frilea, Frigoríficos do Lea).

Situación
A crise de Artesanos Gallegos, iniciada nos últimos anos, xerou nunha primeira fase retrasos nos pagos ós socios de Artesáns Gandeiros. A cooperativa tratou de mellorar a xestión da sala, pero dado que ten unha participación minoritaria, non puido tomar o seu control.

A situación da sala de despece obrigou a Artesáns Gandeiros a traballar con outras industrias, o que lle permitiu recuperar a normalidade nos pagos

A continuidade dos problemas levou nos últimos meses a Artesáns Gandeiros a tomar a decisión de traballar con outras industrias cárnicas e a suprimir a comercialización do gando a través de Artesanos Gallegos. Esa medida permitiu que a cooperativa fora recuperando a normalidade, tendo garantida na actualidade a venda do gando dos seus socios e o seu pago en tempo e forma.

Os problemas de Artesanos Gallegos de la Carne, non obstante, preocupan a Artesáns Gandeiros, pois a industria mantén unha importante débeda co sector produtor. Os impagos afectan en especial ás cooperativas, que puxeron cartos para abonarlle o gando os seus socios. A parte boa é que a maioría das explotacións das cooperativas están libres das débedas.

Peor é a situación dos gandeiros a título individual que lle venderon nos últimos meses gando a Artesanos Gallegos de la Carne a través de tratantes ou compradores. As débedas de Artesanos Gallegos repercuten en primeiro termo nos tratantes e, en último, nos gandeiros, segundo advertiu a Fruga hai uns días. Hai ganderías con débedas de 5.000 euros e superiores.

Unións Agrarias pide a intervención da Xunta para garantir o futuro da planta e buscar solucións ós impagos

Futuro
Se ben tanto a Fruga como Unións Agrarias evitan dar o nome da industria nas súas respectivas notas de prensa, é pública no sector desde hai meses a crise pola que atravesa Artesanos Gallegos de la Carne. A débeda total da industria, segundo fontes do sector consultadas, ronda os 6 millóns de euros, unha situación que leva á sala de despece a un inminente concurso de acreedores.

As perspectivas apuntan a unha futurible entrada no proxecto de novos inversores, se ben polo de agora non semella existir nada en firme. Desde as organizacións agrarias pídese a intervención da Consellería do Medio Rural para buscar inversores que permitan consolidar o proxecto.

Unións ten solicitada unha reunión coa Consellería e traballa na presentación de demandas contra Artesanos Gallegos para reclamar as cantidades que a industria lle adebeda a produtores.

O responsable de Gandería extensiva da organización, José Ramón González, advirte da necesidade de intervir para garantir a continuidade da planta: “A Xunta non pode permanecer pasiva cando no seu día apoiou con axudas públicas este proxecto, no que participan as cooperativas”, valora.

Perspectivas no sector produtor
Desde as cooperativas, Artesáns Gandeiros prefire polo de agora non facer valoracións, en tanto a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) admite que a situación de Artesanos Gallegos séguese con preocupación.

“As cooperativas verán afectada as súas contas de resultados, pero teñen garantida a comercialización e pago do gando” (Higinio Mougán, Agaca)

“Cando un proxecto empresarial como este non vai para adiante xera desacougo e preocupación. As cooperativas van sufrir un impacto nas súas contas de resultados, aínda que tamén hai que dicir que, na actualidade, teñen garantida a venda e o cobro do gando dos seus socios a través doutras industrias”, suliña o director xerente de Agaca, Higinio Mougán.

Agaca confirma o interese das cooperativas en que a sala de despece de Castro Ribeiras de Lea continúe operando e en que siga conectada co sector produtor, se ben as fórmulas de viabilidade e de futuro que pode ter a planta están aínda sen concretar.

Artesáns Gandeiros ten unha participación na industria de arredor dun 25%. A cooperativa de segundo grao está integrada por Clun (Os Irmandiños, Melisanto, Feiraco), Agris, Mopán, Icos, A Carqueixa, Lemos, Agraganadera de Sarria, San Mamede de Nodar e Leira.

Una idea sobre “Artesanos Gallegos de la Carne afronta unha crise que preocupa no sector

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información