Máis de 4.600 gandeiros de vacún de carne benefícianse das axudas pola Covid-19

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución de beneficiarios destas achegas xestionadas por Medio Rural. A partida ascende a case 7 millóns de euros

Máis de 4.600 gandeiros de vacún de carne benefícianse das axudas pola Covid-19

As axudas diríxense a ganderías inscritas no Reaga e destinadas á producción de carne ou mixtas. // Foto de arquivo.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se dan a coñecer os beneficiarios das axudas temporais e excepcionais aos sectores agrarios máis desfavorecidos pola incidencia da crise da covid-19. Así, un total de 4.621 produtores de gando vacún de carne recibiron preto de 7 millóns de euros para sufragar parte das perdas ocasionadas pola emerxencia sanitaria.

Trátase dunha liña de achegas temporal e excepcional, motivada polas especiais circunstancias derivadas da Covid-19, que ocasionaron unha interrupción económica para determinadas actividades do sector primario, causando problemas de liquidez e fluxo de caixa para os produtores.

Desde a Consellería sinalan que a selección dos sectores máis afectados -vacún de carne e o sector da planta ornamental e flor cortada, que tamén recibiron axudas- fíxose de xeito consensuado cos integrantes do Consello Agrario.

No caso das axudas directas de vacún de carne, os beneficiarios destas subvencións foron os titulares de explotacións agrarias con orientación produtiva cárnica de vacún, inscritas no Reaga con clasificación zootécnica de reprodución para produción de carne ou mixta, e que tiveran polo menos 10 vacas nutrices o 14 de marzo do 2020, segundo a información da base de datos oficial de explotacións gandeiras e de identificación individual dos animais bovinos.

As axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

-Consulta aquí a resolución publicada no DOG, co listado de tódolos beneficiarios.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información