O sindicato UUAA estuda levar á Xunta ao xulgado polo reparto da axuda anunciada para o sector da carne. O responsable de producións extensivas do sindicato e vicepresidente do Consello Regulador da IXP Ternera Gallega, José Ramón González, considera “discriminatorios” os criterios de reparto publicados este mércores no DOG nos que se esixe que os animais sexan sacrificados e certificados nun matadoiro para o cobro da subvención.
“Os nosos servizos xurídicos están estudando a presentación dun contencioso-administrativo contra a orde da Consellería por unha discriminación clara a unha parte dos produtores e queremos aglutinar a todas as explotacións que se van ver prexudicadas, que son máis de 4.500, para que reclamen”, avanzou UUAA este xoves nunha rolda de prensa na Coruña.
Dos 135.000 becerros que nacen anualmente en Galicia só van cobrar 55.000
“Dos 135.000 becerros que nacen anualmente en Galicia só van estar primados 55.000, é dicir, o 65% non van cobrar a subvención. A Xunta de Galicia estase equivocando nos criterios de reparto dos cartos porque incluso dentro da propia IXP só se certifican o 69% dos animais identificados, polo que só dentro de Ternera Gallega estamos deixando sen subvención o 30% dos animais”, asegurou.
UUAA calcula que na provincia da Coruña 800 explotacións van percibir a axuda e outras 1.200 van quedar fóra
UUAA volveu defender que a axuda debería repartirse por vaca nodriza e non por becerro certificado. En Galicia hai case 190.000 vacas nodrizas que producen carne en extensivo ou semiextensivo en 20.000 explotacións, a metade delas con máis de 10 vacas e 8.300 delas formando parte da IXP Ternera Gallega.
“Se facemos o cálculo por vaca nodriza a cantidade cobrada polas explotacións vai ser inferior á cobrada con motivo da guerra de Ucraína”, argumentou José Ramón González, que pediu á Consellería “que poña os cartos necesarios a maiores (6 millóns de euros) para que polo menos os 85.000 animais identificados o pasado ano dentro da IXP cobren a axuda”.
Contratos fraudulentos entre gandeiros e matadoiros
UUAA esixe tamén que se cumpra a Lei da Cadea e criticou que para este ano se reducira a partida destinada a promoción de 1 millón de euros a 200.000, o que, na súa opinión, “vai frear a apertura de novos mercados”.
“Necesitamos abrir mercados fóra de Galicia e maior transparencia. Non se están facendo contratos de abastecemento entre a industria e os produtores e os que se fan son fraudulentos”, denunciou José Ramón, polo que pediu á Aica Galega que actúe.
Non se están facendo contratos de abastecemento entre a industria e os produtores e os que se fan son fraudulentos
“Hai problemas de viabilidade nas explotacións. Unha parte da súa renda, arredor do 60%, procede dos ingresos pola venda da carne e o 40% restante vén vía cobro de subvencións”, asegurou.
“A revalorización do prezo da carne desde marzo de 2023 foi de 1 euro en kilo, pero iso foi acompañado dun encarecemento dos custos de produción nun nivel semellante e seguimos cun déficit importante de axudas. O ano pasado destináronse 100 millóns de euros para todo o sector gandeiro, tanto o de leite como o de carne, a mesma cantidade que a Xunta destinou ao servizo de extinción de incendios. Que diñeiro é máis aproveitado, o que xestionamos os gandeiros ou o que se usa para apagar lumes”, preguntou.
Que diñeiro é máis aproveitado, o que xestionamos os gandeiros ou o que se usa para apagar lumes?
“De media cada vaca xestiona unha hectárea ou hectárea e media de territorio. A sociedade e a Administración teñen que recoñecer e pagar esa labor medioambiental”, defendeu. A maiores estaría a función social das ganderías de carne. “Son imprescindibles porque fixan poboación no rural”, concluíu José Ramón.
A Consellería do Medio Rural cualifica de “incongruentes e electoralistas” as declaracións de Unións Agrarias
Pola súa parte, dende a Consellería do Medio Rural cualifican as declaracións de Unións Agrarias de “incongruentes e electoralistas”. En concreto, dende o departamento que dirixe José González consideran que “é unha incongruencia evidente que Unións Agrarias (UUAA), integrada no consello regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) de Ternera Gallega, critique unhas axudas enfocadas precisamente a apoiar aos produtores que apostan por traballar cos estándares de calidade establecidos por esta IXP”.
“Todo esto -subliñan- sábeo perfectamente UUAA, que como integrante do consello regulador da IXP de Ternera Gallega coñece dende hai tempo esta nova liña de axudas da Xunta de Galicia -aplaudidas por este mesmo sindicato no seu día-.
Neste sentido, consideran dende a Consellería que “este novo posicionamento de Unións Agrarias so pode entenderse de dúas formas: ou son unhas declaracións electoralistas ou están lanzadas por alguén que vai completamente en contra do sector”.
A asociación Gandeiros Galegos da Suprema pide a dimisión de José Ramón González como vicepresidente de Ternera Gallega
A asociación Gandeiros Galegos da Suprema pide a dimisión de José Ramón González como vicepresidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega polas súas críticas ás axudas da Xunta ao sector, que buscan precisamente favorecer aos produtores de vacún de carne que marcan os seus becerros dentro da IXP.
“É inadmisible que o vicepresidente da IXP faga este tipo de declaracións, “totalmente desafortunadas e fóra de lugar que enmarcamos nun escenario puramente electoral e que fan un fraco favor á IXP e aos produtores de carne de calidade”, repróchalle Santiago Rego, presidente de Gandeiros Galegos da Suprema.
Son declaracións fóra de lugar, totalmente desafortunadas e puramente electorais que fan un fraco favor á IXP e aos produtores de carne de calidade
O sindicato UUAA ten dous representantes no Pleno do Consello Regulador da IXP Ternera Gallega e José Ramón González ostenta o cargo de vicepresidente, polo que Santiago Rego considera “incompatible con este papel de representación” as críticas a unhas axudas “que van dirixidas ás ganderías que apostan polo selo Ternera Gallega e por marcar os seus becerros dentro da IXP”.
“Ninguén se pode sentir discriminado por esta axuda: o que xa aposta pola IXP ten nesta axuda un premio ou unha recompensa e o que non se sumou até agora ten nesta axuda un incentivo para meterse na IXP. Se temos un paraugas para os produtores de calidade, que é a IXP, cantos máis esteamos dentro máis forte imos facer a marca fronte a outras carnes”, defende Santiago Rego.
Outra liña de axudas por coidado do territorio
O presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, lembra que tralas mobilizacións da pasada primavera, “cando arrincamos do conselleiro o compromiso desta axuda vinculada á IXP tamén arrincamos o compromiso de poñer en marcha outra axuda vinculada ao pastoreo e ao coidado do territorio que sería extensible ao resto de ganderías, marquen ou non marquen a través da IXP, porque é certo que tamén fan esa labor medioambiental”, argumenta.
Gandeiros Galegos da Suprema tamén critica a Unións Agrarias “por acordarse agora da PAC e a Lei de Cadea” e desmarcarse das protestas levadas a cabo por ese motivo en 2023. “A nosa asociación pediu explicacións tanto á Xunta como ao Ministerio porque non se cumpría a Lei da Cadea Alimentaria e pola repartición inxusta da PAC na axuda asociada a vaca nodriza. Eses foron dous dos motivos das mobilizacións que levamos a cabo na primavera pasada e que o propio sindicato UUAA criticou dicindo que non era o momento. Hai que preguntarse cal é a diferenza agora, que hai eleccións?”, pregunta Santiago Rego.