O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo alcalde de Curtis, Javier Caínzos, visitou hoxe a Feira desta localidade coruñesa.
Nesta cita, o conselleiro avanzou que proximamente se aprobarán as novas partidas anuais, para 2024, de apoio aos investimentos en explotacións -os coñecidos como plans de mellora-, as de incorporación de mozos ao rural e para a instalación de pequenas explotacións, cunha dotación total de 44 millóns de euros, o que supón máis de 5 millóns respecto a este ano. En concreto, para as axudas de incoporación de menores de 41 anos a partida ascenderá a 16 millóns de euros.
A maiores, neste vindeiro ano contarase con tres novas liñas de axudas. A primeira, como xa adiantou o conselleiro no Parlamento Galego, en materia de incorporación de novas persoas agriculturas -cunha idade comprendida entre os 41 e os 55 anos- para a cal se destina un montante total de 3 millóns de euros. De seguido, esta vez tamén no referido á remuda xeracional, implantarase unha achega de 500.000 euros destinada a persoas agricultoras que se xubilen cedendo a súa explotación ao Banco de Explotacións co obxecto de asegurar esa remuda. En terceiro lugar, porase en marcha unha axuda para investimentos non produtivos por valor de 2 millóns de euros dirixidos a explotacións agrarias, centrada na mellora da paisaxe rural tradicional e os seus elementos representativos, así como na conservación ou recuperación de especies relacionadas co medio agrario.
Estas liñas enmárcanse dentro dos 83 millóns de euros incluídos nos orzamentos da Xunta de Galicia para 2024 destinados a accións que permitan seguir afondando na remuda xeracional -con máis de 4.500 mozos incorporados ao sector primario dende 2009 a través destas axudas- e a competitividade do agro galego.