‘A Pegada de AIRA’, o lema do primeiro encontro de traballadores da cooperativa lucense

O monologuista Carlos Blanco e o coach Emilio Duró formaron parte do evento, que tivo por finalidade potenciar a labor de cada un dos empregados

‘A Pegada de AIRA’, o lema do primeiro encontro de traballadores da cooperativa lucense

A cooperativa agrogandeira lucense celebrou a súa primeira convención de traballadores baixo o lema ‘A pegada de AIRA’. O evento tivo lugar no hotel ATTICA21 de Vilalba (Lugo) e reuniu a máis de 270 traballadores dos máis de 300 que forman o persoal da cooperativa. A finalidade da xornada foi pór en valor o traballo que leva a cabo cada un dos traballadores e traballadoras, que é fundamental para que a cooperativa funcione. Así mesmo, tamén serviu para potenciar os valores que se fomentan desde AIRA, como son o esforzo, compromiso, igualdade ou respecto, entre outros moitos.

A cita empezou coa proxección do vídeo corporativo e acto seguido, o director xeral de AIRA, Daniel Ferreiro, realizou unha pequena presentación sobre o pasado, presente e futuro da entidade. “O compromiso, o esforzo e a dedicación de todos os traballadores/as de AIRA, levaron á cooperativa a ser un referente no sector”, destacou o director. Así, lembrou que a cooperativa ten numerosas áreas de traballo, “e todas elas son importantes, relevantes e necesarias”. Tamén incidiu en que a función de AIRA non é só resolver problemas ou atender necesidades, senón estar sempre un paso por diante: “Debemos adiantarnos ao que está por vir e o que terá que afrontar o sector nos próximos anos”.

Imaxe_ConvencionAIRA2

Acto seguido, Cristina Lamas e Alba Vázquez falaron sobre a súa experiencia como as empregadas con máis antigüidade e menos, respectivamente. Así, nos seus relatorios mostraron porqué segue apostando por formar parte do equipo de AIRA, despois de máis de tres décadas, no caso de Lamas, e porqué decidiu incorporarse na actualidade, no de Vázquez. A primeira parte do evento concluíuna o coach Emilio Duró, quen ofreceu unha charla sobre ‘A Nosa Pegada. Unha vida con sentido’. Na súa exposición lembrou a importancia de que a “vida cambia nun instante” e aconsellou “non sacrificar o importante polo secundario”. Engadiu que ante a realidade da vida hai que aceptala, adaptase e mostrar unha actitude positiva. Na súa exposición motivadora concluíu: “Traballades nunha cooperativa, isto é unha fortuna, porque a felicidade reside en cooperar”.

Tras a comida, o presidente da cooperativa, José Manuel López Tellado, agradeceu o traballo que levan realizando en AIRA e a participación nun evento de especial importancia para todo o equipo. A xornada concluíu co recoñecido monologuista Carlos Blanco, quen ofreceu un dos seus espectáculos a todos os traballadores/as asistentes e, finalmente, un DJ puxo o broche á xornada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información