O estado de alarma decretado polo Goberno central para facer fronte ao coronavirus non impide a celebración das feiras semanais de gando. Así o asegura José Luis Díaz, secretario técnico de ASEMGA (Asociación Española de Mercados de Gando) e xerente do Mercado de Pola de Siero, en Asturias, que polo de agora mantén a súa actividade aínda que adoptando unha serie de medidas preventivas para evitar o risco de contaxio nas súas instalacións.
O mercado de Pola de Siero do pasado luns foi o único que se celebrou esta semana en toda España, logo de que todo o resto de feiras optaran por suspender a súa actividade, como fixeron os tres mercados de referencia galegos (Amio, Silleda e Castro Riberas de Lea).
Este martes, o Concello de Santiago de Compostela decidía suspender o Mercado de Amio deste mércores así como o do vindeiro día 25, xustificándoo en base ás restricións impostas pola Xunta de Galicia: “acórdase suspender, con efectos inmediatos, o Mercado Nacional de Gando de Amio, de conformidade coas medidas excepcionais acordadas polo Consello da Xunta de Galicia o 12 de marzo”, reza o acordo do Concello de Santiago.
Entre tanto, a Xunta de Goberno do Concejo de Pola de Siero acordaba manter o seu “para garantir o abastecemento de alimentos, seguindo ademais coas indicacións dos órganos competentes”, segundo informaba o propio alcalde do municipio asturiano, Ángel García.
A Xunta di que o Decreto estatal de declaración do estado de alarma impide a celebración dos mercados gandeiros e agrarios
Como parte da cadea de subministro de alimentos, as feiras de gando, ao igual que as lonxas pesqueiras ou os mercados centrais das cidades, estarían excluídos a priori da obriga de peche decretada para o resto de establecimentos comerciais. Mesmo a Comisión Europea estableceu este luns unha guía na que considera o gando vivo como unha mercadoría esencial, do mesmo xeito que os alimentos ou o material sanitario, de maneira que se debe permitir o transporte de animais en toda a Unión Europea, malia o peche de fronteiras en moitos países.
José Luis Díaz, que é tamén secretario da Asociación Europea de Mercados, explica sen embargo que non está habendo un criterio homoxéneo. Logo de chequearen desde Bruxelas a situación das feiras de gando nos distintos países conta que en Dinamarca e Reino Unido os mercados de gando están abertos e funcionando con normalidade, mentres que en Francia, Irlanda ou Bélxica hai feiras que seguen abertas e outras que optaron por pechar.
Redución de aforo e barreiras físicas para manter a distancia
O mantemento do mercado de Pola de Siero do pasado luns celebrouse extremando as medidas de seguridade e protección sanitaria para evitar os contaxios. “Limitamos ao 50% o aforo, permitindo entrar unicamente ao persoal estrictamente necesario (veterinarios, persoal administrativo, operadores que acudan a facer transaccións ese día e transportistas) e impedindo o paso a acompañantes e outras persoas que acoden habitualmente a ver o mercado e a coñecer prezos e demais”, explica José Luis. Dese xeito, di, xuntáronse unhas 100 persoas nun recinto de 8.500 metros cadrados, “espazo dabondo para traballar con garantías”, considera.
Outra das medidas que estableceron foi colocar barreiras físicas para garantir a distancia de seguridade de 1,5 metros entre os operadores e os veterinarios e o persoal administrativo, así como facilitar máscaras, luvas e equipos de protección.
Optaron tamén por pechar outros servizos como os de cafetería e só permitían acudir ás máquinas expendedoras de xeito individual. A Policía Local foi a encargada de vixiar o cumprimento das normas e controlar a entrada ao recinto.
Manter a celebración de mercados alternos de recría e abasto
Pola de Siero celebra feiras dúas veces á semana, os luns para gando de abasto e os xoves de becerros mamóns. Este xoves tocaría mercado de recría, pero aínda que en Asturias non é festivo como en Galicia, non se vai celebrar, porque a intención do concejo asturiano é reducir o número de feiras e manter a celebración de mercados alternos, unha semana de gando de abasto e a seguinte de recría “para que non se atasquen as cuadras”, argumentan.
“Non tomamos as decisións individualmente, iso foi o que consensuamos coa Consejería do Principado, encargada de enviar os veterinarios, e coa Delegación do Goberno”, explica José Luis, que admite con todo que “isto é moi cambiante, non sabemos o que vai pasar ou como vai ser a semana que vén, quedamos de volver a falar, pero o acordado inicialmente con eles é seguir celebrando mercados”, indica o responsable do mercado de Pola de Siero, que avanza a súa intención de non celebrar o mercado de abasto do luns pero si a feira de gando de recría o vindeiro xoves, día 26.
A Xunta opta por deixar nas mans dos tratantes o funcionamento do sistema en Galicia
A estratexia da Xunta de Galicia é diferente. A Consellería colgou na súa páxina web un documento de preguntas e respostas a posibles dúbidas ante o coronavirus que di textualmente: “Vanse abrir os mercados? Non, nin os gandeiros nin os mercados agrarios, segundo está regulado polo Real decreto do Goberno central”.
O propio conselleiro do Medio Rural, José González, confirmou este mércores a Campo Galego que a Administración autonómica galega é partidaria de manter pechados os mercados semanais de Amio, Silleda e Castro e que sexan os tratantes os que se encarguen de recoller os animais nas explotacións e dar saída ao gando sen pasar polas feiras.
Este sistema, que xa funciona en boa medida habitualmente no caso dos becerros carniceiros que son sacrificados nos matadorios da comunidade, atopa unha dificultade no caso dos xatos mamóns procedentes das explotacións de leite, dado que é precisa unha clasificación previa dos animais en función da súa idade e características (pintos ou cruce), dado que os distintos cebadeiros demandan animais homoxéneos e de características diferentes en cada caso: para Galicia gando cruzado, son mínimos os cebadeiros que meten xatos pintos, que van maioritariamamente para fóra da comunidade.
Os animais xuntaranse e clasificaranse en lotes por tipoloxías nas instalacións dos propios tratantes
Ese proceso de clasificación e intercambio de animais para a confección dos lotes para enviar aos distintos destinos facíase nos mercados de Amio, Silleda e Castro, algo que tralo peche das feiras se traslada ás casas dos propios tratantes.
En Galicia, só os mercados de Amio, Silleda e Castro teñen consideración de Centros de Concentración Intracomunitarios, pero algúns operadores teñen instalacións privadas habilitadas para acoller gando, as chamadas Explotacións de Trato, onde se permite xuntar gando de distintas procedencias.
É nestas Explotacións de Trato nas que a Consellería do Medio Rural quere que se produza a concentración e clasificación do gando, é decir, no canto de iren os tratantes co gando que recollen polas explotacións ao mercado semanal de Castro dos mércores, por exemplo, acudirían ás distintas explotacións de trato que hai autorizadas en varios puntos da provincia, como en Matodoso, Castroverde, etc. O mesmo no resto de provincias galegas.
Necesidade de axilizar as guías para os envíos fóra de Galicia
Unha parte importante dos animais de recría procedentes de explotacións de leite galegas son enviados a cebadeiros doutras comunidades. Para mandar para fóra de Galicia hai que facer guía para os xatos, algo que se complica ao non haber veterinarios presenciais, como ocorre nos mercados.
A incertidume provocada esta semana logo do peche das feiras fixo que desde o luns practicamente non se recolleran becerros lactantes nas explotacións, con chamadas dos tratantes habituais aos gandeiros para avisalos da non recollida destes animais. “Até agora saíu pouco gando”, recoñece Enrique Otero, presidente da Asociación Galega de Empresarios Tratantes, que anuncia que van tratar de retomar a actividade nos vindeiros días.
Imos facer o posible para que non se amontoe o gando nas explotacións, pero para iso temos que ter o respaldo da autoridade competente, nós non queremos que nos poñan trabas (Enrique Otero, Asociación de Tratantes)
“Non vai haber problema pola nosa parte, imos facer o posible para que non se amontoe o gando nas explotacións, pero para iso temos que ter o respaldo da autoridade competente, nós non queremos que nos poñan trabas e o problema é que hai medo e a falta de garantías fixo que a xente non se movese e deixase de recoller”, asegura.
Pero este mércores Medio Rural garantizou tanto a Campo Galego como á asociación de tratantes que se porían os medios necesarios para facilitar os trámites a través da Oficina Agraria Virtual, para deste xeito preservar tamén a integridade dos veterinarios da Xunta ante o risco de contaxio.
A Xunta garante que facilitará telematicamente os trámites aos operadores para que retomen a recollida de becerros nas explotacións
“A Consellería comprometeuse a faciliar telematicamente as guías para que a xente empece a sacar gando de aquí para fóra”, di Enrique, e a asociación vai facer de ponte entre os tratantes e Medio Rural para solicitar os permisos necesarios.
Con esas garantías, os tratantes van comezar a recoller animais nas granxas, anuncia o seu presidente. “Os operadores van comezar a sacar gando, está previsto que saian a finais desta semana 1.000 becerros, unha parte deles para Canarias, e a vindeira semana outro envío para Marrocos por parte dun operador que xa o fai habitualmente. A iso súmaselle a saída que desde Lugo entre o xoves e venres partirán outros 400 ou 500 xatos cara a cebadeiros doutras comunidades”, conta.
Que o gando de recría siga saíndo con normalidade das explotacións depende tamén da capacidade de Medio Rural para seguir facilitando os crotais aos gandeiros, admite José González. A comunicación coas oficinas agrarias comarcais e a solicitude de citas previas para a atención presencial farase en horario de 9:00 a 14:00 horas a través dos teléfonos e dos correos electrónicos que figuran nunha listaxe colgada na web da Consellería.
De prolongarse durante moito tempo a situación excepcional provocada polo coronavirus e de producirse por este motivo unha parálise nas vindeiras semanas no mercado de recría, iso suporía, ademais dun problema importante para moitas gandarías pola acumulación de becerros nas explotacións, tamén unha baixada de prezos tanto nos xatos pintos (que xa de por si teñen pouco valor habitualmente) como nos cruzados, con razas cárnicas, debido ao exceso de oferta, segundo admite o presidente da Asociación de Tratantes.
“Mellor en instalacións preparadas que en lugares sen control por parte da Administración”
Juan Luis Díaz, xerente do mercado asturiano de Pola de Siero e secretario da asociación española e europea de mercados, insiste en que as instalacións dos mercados de gando reúnen as condicións necesarias para facer a compra-venda e movemento do gando en condicións de seguridade.
“O luns nós abrimos ás 7 da mañá para colocar as reses, cada camión descarga nunha dársena e nun portón distinto, non hai contacto entre operadores. Unha hora despois, ás 8, fixemos control de entrada e só admitimos a medio cento de compradores e vendedores e outros tantos transportistas e, unha vez pechado o recinto, a porta cerrada, deixamos 2 horas para a compra-venda mediante venda directa, e para a realización dos trámites. Logo os animais cargáronse nos camións e saíron cara a destino. Foi todo moi rápido e con garantías e ás 11 da mañá non quedaba xa ninguén nas instalacións”, conta.
No mercado celebrado na localidade asturiana o pasado luns, aínda que con algunhas dificultades e con menor presenza de gando e tratantes polas dúbidas xeradas sobre a súa celebración, “demostrouse que se podía facer con garantías para que non haxa problemas de contaxios e para que a cadea de subministro siga funcionando”, di José Luis, aínda que o movemento de gando se reduciu practicamente á metade con respecto ao habitual.
O responsable da lonxa admite que “incluso se pode mellorar a dinámica e as medidas preventivas adoptadas, porque é un problema de concienciación da xente e ademais de establecer medidas pola nosa parte, por parte dos recintos, é necesario que tamén se mentalicen os operadores”, di, aos que recomendaron manter a distancia y extremar as medidas de hixiene.
Na súa opinión, “mellor facer a compra-venda e o movemento do gando nun mercado de xeito ordenado e controlado e nunhas instalacións axeitadas, con medidas sanitarias e desinfección posterior, e non facer concentracións en calquera sitio sen saber en que condicións e garantías sanitarias. Nas explotacións dos tratantes fas o mesmo que na feira, só que en vez de facelo nun sitio controlado valo facer en 10 ou 12 sitios distintos e sen ningún tipo de control por parte da Administración”, razoa. “Outra cousa é que non se poida facer en ningún sitio, que non se faga de ningunha maneira, pero facelo dun xeito e de outro non non é lóxico”, argumenta.
“Non fai falla moita xente, 2 ou 3 persoas soas manipulan perfectamente un camión de gando”
Enrique Otero, presidente da Asociación de Tratantes, non vería mal que aínda que os mercados como tal continúen pechados, se habilitaran as instalacións das feiras para a concentración do gando por parte dos operadores, tal como xa se fixo durante a crise sanitaria motivada pola febre aftosa no ano 2001.
Con todo, di, “non é necesario porque todos os operadores que se dedican a becerros mamóns teñen cuadras preparadas”, asegura. Os tratantes están dacordo ademais con que se supriman os mercados de gando durante o tempo que dure a alerta por coronavirus.
Enrique asegura que nas explotacións de trato non se produce unha aglomeración de persoas. “Nunha cuadra pódense xuntar 3 ou 4 operadores, non máis, e a nós mesmos nos interesa ter coidado para non contaxiarnos”, di. “E para a recepción do gando tampouco fai falta moita xente, 2 ou 3 persoas manipulan perfectamente un camión de gando”, indica. En canto ao transporte, engade, “Novafrigsa só permite entrar a unha única persoa co camión, xa o facía antes”, lembra.