Os gandeiros de Ternera Gallega Suprema demandan un prezo mínimo para a súa carne

A caída de máis de 60 céntimos en quilo na carne de máis calidade aboca á ruína ás explotacións familiares de vacún. Trinta gandeiros da provincia de Lugo denuncian que están a vender os seus xatos de 10 meses por baixo dos custos de produción

Ganderia Rivas (Lancara) Ternera Gallega Suprema5O vacún de carne é un dos sectores máis prexudicados pola situación xerada polo coronavirus no mercado agroalimentario, con caídas nos prezos en orixe que están obrigando ás explotacións a vender por baixo mesmo dos custos de produción. Falamos con gandeiros da provincia de Lugo que se están a organizar para reclamar solucións.

A gandeiría de carne é a base da economía en boa parte dos concellos do centro e da montaña da provincia de Lugo, con explotacións familiares en extensivo que apostaron por unha produción de calidade e ligada ao territorio. Ese acompasamento co ciclo natural fai que o groso dos becerros, e tamén dos ingresos, se concentren nos meses da primavera e o verán, desde o mes de maio ao de outubro, que é cando máis demanda hai para a carne que producen e tamén cando maior prezo acada.

Acusan á Xunta, á IXP Ternera Gallega e a Acruga de desentenderse do problema

Pero este ano ese comportamento habitual do mercado saltou polos aires como consecuencia do peche obrigado de sectores como a hostalaría e o turismo, provocado pola pandemia sanitaria da Covid-19. Co groso dos xatos rematando o seu ciclo anual de crecemento, o panorama que se presenta é desalentador para aqueles que apostaron por incorporarse ao sector e vivir del.

Un grupo de 30 gandeiros de concellos como Láncara, Sarria, O Corgo, Portomarín, Monterroso ou As Nogais, moitos deles mozos, están a organizarse para facer chegar a súa situación á sociedade e para esixir maior implicación da Administración e de asociacións representativas como Ternera Gallega ou Acruga, aos que acusan de desentenderse do problema.

Crearon un grupo de facebook ao que convidan a unirse a gandeiros de carne Suprema de toda Galicia que estean na súa mesma situación

Tiñan desde hai tempo un grupo de whatsapp no que compartían experiencias sobre a súa profesión, pero agora o que comparten todos eles é á súa fonda preocupación pola situación que están a vivir. Así que decidiron unirse para facer algo e loitar polo seu medio de vida e o das súas familias, que é como dicir o futuro de moitas aldeas do interior de Galicia. Teñen un grupo de facebook, que leva por nome Gandeiros Galegos da Suprema e ao que convidan a unirse a todos os produtores de Ternera Gallega Suprema que están na mesma situación ca eles.

“Antes desta crise, estabamos moi xustiños e agora perderei por riba de 20.000 euros”

As vacas que Francisco coida no concello de Láncara

As vacas que Francisco coida en Toirán, no concello de Láncara

Francisco Rivas ten 38 anos e vive na parroquia de Toirán, en Láncara. No concello hai 327 explotacións de vacún, 59 delas son de leite e as outras 247 gandeirías de carne, moitas delas de pequeno tamaño. Non é o caso da súa. Ganadería Rivas conta neste momento con 110 nais, tres touros máis a recría e os xatos, en total máis de 170 cabezas.

Francisco vendía os seus xatos a Cárnicas Galbán pero a caída de prezos obrigouno a buscar outras opcións. “Mandei algún a través de Aira porque son socio da cooperativa e tamén a un carniceiro daquí da Pobra de San Xiao, pero agora xa non sei nin a quen lle vou vender. Os prezos non soben de 4,10 ou 4,20 euros o quilo. A cousa está moi mal en todos lados, a caída de prezos foi xeralizada”, di.

Con eses prezos, asegura, “non dan os números”. “Estamos un euro por debaixo do prezo que debía haber e en 40 becerros perdes 10.000 euros, eu cos que teño estou perdendo por riba de 20.000 euros. Producir por debaixo de costes non debería ser legal. E non é o mesmo producir un quilo de carne en Salamanca que aquí. Pero o problema é que estamos en mans de cadeas de distribución”, considera.

Estamos un euro por debaixo do prezo que debía haber e en 40 becerros perdes 10.000 euros. Producir por debaixo de costes non debería ser legal

Este gandeiro de Láncara lamenta que sempre sexa o produtor o que sofre as consecuencias dos vaivéns do mercado. “Teño parentes en Barcelona e pedinlles que me miraran os prezos que ten alí a carne de Ternera Galega Suprema e dinme que están desorbitados, así que non entendo como nós cobramos tan pouco”, di.

Cos prezos que había até agora, afirma, “estabamos moi xustiños, pero ías tirando se non tiñas problemas de partos ou de enfermidades, pero agora a situación é insostible”, asegura. “Eu gasto por enriba de 3.000 euros ao mes en penso e iso que teño bastante base territorial, unhas 65 hectáreas, pero explotacións que dependan máis de mercar penso con estes prezos terán que pechar”, xustifica.

Eu vendo algún animal para vida, pero os gandeiros que me compran, cos prezos aos que lles pagan a eles a carne non poden pagarmos tampouco moito

Teme ademais que os baixos prezos dos becerros para matadero tamén acaben arrastrando os prezos dos animais para vida. “Eu aínda vendo algún animal para vida a outras gandeirías, pero agora cos prezos que reciben eses gandeiros pola carne tampouco mos van poder pagar moito a min”, argumenta.

Gandeiría Rivas está tratando de aguantar o máis posible os seus animais para ver se os prezos recuperan algo nas vindeiras semanas se a hostelería comeza a funcionar de novo, aínda que non está convencido de que a cousa mellore. “Teño 14 becerros para sacar agora, pero non os vou sacar aínda. Non sei se farei ben ou mal”, dubida. “Eu contaba cuns cartos agora para pagar o IVE no mes de xullo que xa non vou ter”, explica.

Estamos vendendo a Suprema a prezo de Ternera con selo azul cando non se pode comparar a carne de cebadeiro coa que producimos nós

Coma Francisco, o resto de explotacións que producen carne marcada como Ternera Gallega Suprema teñen o límite dos 10 meses de idade de sacrificio para que os animais non perdan esa categoría. “Teño xatos que chegan aos 300 quilos e nos que perdes moitos cartos, aínda que o problema neste momento é que estamos vendendo a Suprema a prezo de Ternera con selo azul cando non se pode comparar a carne de cebadeiro coa que producimos nós”, afirma.

Marxes estreitas tamén na granxa de polos

Francisco leva toda a vida entre vacas e agora xunto á súa muller, Mari Luz, fai ano e medio que montaron tamén unha granxa de polos na que investiron 600.000 euros, contanto entre outros gastos os 100.000 euros que lles custou levar a luz desde un quilómetro de distancia.

Traballan con Avícola de Galicia (Avigal) para e crían 36.000 polos. “É o mínimo para que a granxa sexa viable, menos diso non dá porque te apretan e traballas con marxes moi pequenas, de céntimos”, explica. Malia que o consumo de polo se mantén, o peche da hostalaría tamén está a condicionar a produción avícola. “Tiñamos que sacar polo asador para facer un alivio na granxa e desta volta non vai sair”, explica.

Os gandeiros seguimos traballando pero non gañamos un peso e estas semanas houbo axudas para todo o mundo menos para nós. Que fagan algo, senón que non conten milongas nin animen á xente a incorporarse

Francisco quéixase de que “esta situación non anima a un a facer nada”. “Nós fixemos uns investimentos grandes, tamén na gandería de vacún e tal como está a cousa non dan os números. Houbo axudas para todo o mundo menos para nós, os gandeiros seguimos traballando pero non gañamos un peso”, di. “Hai que facer algo, de arruinarnos polo menos que nos oian, porque o Consello Regulador da IXP Ternera Gallega non se acorda de nós e a Administración tampouco”, lamenta. Por iso demanda algunha solución á Xunta. “Senón que non conten milongas nin animen á xente a incorporarse ao campo”, conclúe.

“A carne de calidade está en perigo”

Óscar traballa 50 hectáreas repartidas en 90 fincas pequenas e dispersas

Óscar traballa 50 hectáreas repartidas en 90 fincas pequenas e dispersas

Tamén no concello de Láncara, concretamente en Vilaesteba, está a explotación de Óscar Martínez. Coma Francisco, tamén a el o ser gandeiro venlle de familia. Ten agora 30 anos e con só 18 incorporouse á explotación que rexentaba a súa nai.

Ten agora 55 vacas reprodutoras de Suprema en semiextensivo que mete todos os días para que mamen os becerros. “Maman dúas veces ao día até que van a matadoiro”, conta. Con 9 meses logra machos con 280 quilos canal e femias con 240. “Vendo só o que producen as miñas vacas, non merco nin cebo xatos doutras explotacións”, explica.

A súa gandeiría, Rubio Martínez SC, vende a un tratante da zona. “Agora mesmo estou vendendo a 4,20 e 4,30, o prezo baixoume 60 céntimos con respecto ao que estaba cobrando o ano pasado neste tempo, que era entre 4,90 e 5 euros máis IVE. Son 200 euros por xato, que é a marxe que lle sacabas”, explica.

Necesitamos medidas urxentes porque senón, se isto segue así, temos que pechar. Sáenos máis caro producir que o que nos deixa o xato

Este mesmo ano, antes do coronavirus e en plena tempada de inverno, que é tempada baixa para a carne de tenreira, os prezos da Suprema estaban en 4,70-4,80 euros o quilo. “A partir de agora, de maio a setembro, era a época que máis valían os becerros. Está un un ano esperando para mandalos e agora non lles gañas nada, porque os gastos son exactamente os mesmos”, di.

Óscar non agrupa os partos porque non ten as condicións para poder facelo. “Ao parir as vacas están 20 días dentro cos becerros cando nacen porque o inverno é duro e non teño instalacións dabondo para ter todas as vacas dentro ao mesmo tempo, senón faríao aínda que me dera máis traballo”, conta.

As medidas de almacenamento privado non serven aos produtores

Considera que “o máis normal sería ter un contrato cun prezo mínimo para todo o ano, igual que teñen as explotacións de leite ou os cebadeiros, que a maioría traballan cun contrato estable dun ano a prezo fixo”, algo que non teñen a meirande parte das ganderías de vacún de carne en extensivo.

Ás empresas cárnicas agora permítenlles conxelar e o custo do frío págallelo a Unión Europea. Eles van vender despois a carne ao mesmo prezo, os perxudicados somos nós

“Necesitamos medidas urxentes, porque senón, se isto segue así temos que pechar. A carne de calidade está en perigo. Sáenos máis caro producir que o valor que ten o animal agora mesmo no mercado cando o vendemos. Nós dependemos da restauración totalmente, eu iso comprendoo, pero cando vas ao supermercado ou ao carniceiro os bistés están igual, ao mesmo prezo, ou incluso subiron algo. Ás empresas cárnicas agora permítenlles conxelar e o frío págallelo a Unión Europea. Eles van vender despois a carne ao mesmo prezo, así que a quen nos rouban é a nós”, afirma.

“Tiñamos un grupo de whatsapp de gandeiros desde fai moito tempo e ante esta situación decidimos mirar se logramos facer algo. A idea é facer unha asociación e tentar presionar para que se nos teña en conta”, avanza Óscar. Demandan maior implicación das asociacións representativas do sector, tanto de Acruga como da IXP Ternera Gallega e consideran que a decisión de ampliar a un ano a idade de sacrificio dentro de Ternera Gallega acabou prexudicando aos produtores de Suprema. “Aos cebadeiros deixanlles ter os xatos ata o ano e así collen moitos quilos, un xato de 12 meses pode chegar aos 350 quilos canal, iso cérranos mercado a nós tamén porque hai abundancia de carne”, afirma.

As explotacións pequenas, que somos as que mantemos a actividade no territorio, temos moito custo. Traballamos fincas pequenas e dispersas

“As explotacións pequenas, que somos as que mantemos a actividade no territorio, temos moito custo. Traballamos parcelas pequenas polos problemas de minifundio ou fincas de alta montaña, onde é moito menos rendible producir. Eu teño 20 hectáreas propias, 50 en total porque levo moitas fincas dos veciños, repartidas en 90 parcelas. As miñas vacas saen todos os días menos 15 días de neve en inverno e con este tipo de fincas pequenas e dispersas sacalas e metelas todos os días dá moito máis traballo. As fincas están lonxe, son pequenas e os accesos moitas veces non son tampouco os que quereriamos para traballar coa maquinaria”, describe.

“Estamos vendendo por debaixo de custos e canto máis esperas máis che custa o xato e máis lle perdes”

A explotación de Christian Fontal atópase nas Nogais

A explotación de Christian atópase na parroquia de Torés, nas Nogais

Christian Fontal está recén incorporado. Este mozo conta con 38 vacas de raza Rubia Galega en Estacas, na parroquia de Torés, pertencente ao concello das Nogais. A súa idea era aumentar a explotación pero este primeiro revés vaillo por difícil. “Tiña idea de aumentar este ano a 50 cabezas e logo ir subindo, a miña intención era ampliar máis pero tal como está esto, ponse a cousa complicada. Cada vez tes máis custos porque o penso está ao mesmo prezo e se queres comprar un tractor ou un apero cada vez custan máis”, di.

“Eu vendíalle a un tratante da zona que comercializa para toda España e levaba moitas canais para Valencia. Pagábame a un prezo mínimo de 5 euros máis IVE, era como vendía eu, pero agora caeume entre 60 e 65 céntimos, dependendo do xato. Di que hai saturación e que non lle pagan a máis, pero nas carnicerías o prezo da carne non baixou, todo o contrario”, argumenta.

Nas carnicerías o prezo da carne non baixou, todo o contrario

“Estas semanas de confinamento demostrouse que somos un sector fundamental pero non se nos está valorando agora mesmo. Agora mesmo estamos ao mesmo prezo que os cebadeiros cando nós temos o dobre de custos porque as nosas vacas teñen que saír pacer fóra e os xatos temos que botalos dúas veces ao día para que mamen. Eu penso que o problema é que máis do 85% da poboación non sabe o que é a tenreira Suprema e como se cría e por iso non se valora e comercialízase igual a carne de cebadeiro que a nosa”, opina Christian.

Estas semanas demostrouse que somos un sector fundamental pero non se nos está valorando agora mesmo

Miguel e Javier, outros dous rapaces das Nogais que producen carne de Suprema, tamén forman parte do grupo de Gandeiros Galegos da Suprema. “O que queremos é reivindicarnos e defender o noso traballo”, di Christian. Coma moitos dos seus compañeiros el pertence tamén á Asociación de Criadores de Rubia Galega. “En Ternera Gallega e Acruga dinnos que está así o mercado, solución non nos dan ningunha. Dinnos que hai que esperar a ver se mellora a cousa pero estamos vendendo por debaixo de custos e canto máis esperas máis che custa o xato e máis lle perdes”, asegura.

“Estannos levando o traballo de todo un ano regalado. Non me parece de recibo”

Casa Redondo, de Sarria, vende a Carnicosa da Coruña

Casa Redondo, de San Fiz de Reimóndez, en Sarria, vende a Carnicosa, o matadoiro municipal da Coruña

Javier Castro ten unhas 50 cabezas entre vacas e becerros na parroquia de San Fiz de Reimóndez, no concello de Sarria. A súa explotación, Casa Redondo, vende ao matadoiro municipal da Coruña, Carnicosa, que conta ademais con sala de despece e transporte. “De vender a 4,90 e 4,80 pasei a 4,30 e 4,20 porque a baixada é maior cantos máis quilos teñen os becerros. Xa procuro facer animais pequenos, non lles espero tanto, bótoos con 15 días ou un mes de antelación porque polo menos non mantés en balde”, explica.

Procuro facer animais pequenos e mandalos antes, polo menos non mantés en balde

“O xusto sería establecer un prezo mínimo que nos cubra os gastos, porque estamos vendendo como hai 30 anos, eu acordome ir co meu pai ás feiras e vender nos mesmos cartos ca hoxe mentres os custos subiron moito. Co que costa coidar un xato todo o ano e a dedicación que iso supón os 365 días do ano e estannos levando todo ese traballo regalado. Non me parece de recibo. E aínda se di que nos van recortar a PAC, pois non quedará máis remedio que botar o peche”, lamenta.

A carne está ao mesmo prezo que hai 30 anos, eu acórdome de ir co meu pai ás feiras e vender nos mesmos cartos ca hoxe

Ante esta situación pola que está a pasar o sector “ninguén fai nada”, quéixase. “Nós non vamos contra ninguén, só defendemos o noso”, di, porque “vas a un centro comercial e ves os prezos da nosa carne e non se corresponden, quen se queda con toda esa marxe polo camiño?”, pregunta. “Din que non hai saída para os xatos, pero se son baratos lévanchos, algo falla. Se non houbera saída non chos levarían”, argumenta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información