O endurecemento das medidas para evitar a propagación do coronavirus provocou na tarde de onte o peche das tres feiras semanais de gando de refrencia en Galicia, as de Amio, Silleda e Castro Riberas de Lea, o que pode trastocar os plans das explotacións, que até o de agora traballaban con normalidade.
Malia que os responsables das tres feiras centrais confirmaran a Campo Galego este xoves, cando se decretaron as primeiras limitacións de aforo en espazos públicos tanto a cuberto como ao aire libre, a súa intención de seguir celebrando con normalidade os mercados da vindeira semana, a expensas do que puideran decidir as autoridades sanitarias, finalmente víronse obrigados a suspender a súa actividade até novo aviso, de momento sen data de reanudación prevista e cando menos até o 21 de abril.
O panorama cambiou radicalmente na tarde de onte, logo do anuncio da declaración do estado de emerxencia e da decisión tomada pola Xunta de pechar mercados e establecementos comerciais en Galicia, o que implicaba na práctica a imposibilidade de seguir celebrando as poxas.
Pero esta decisión podería ter graves consecuencias, difíciles de prever, tanto para o sector produtor de leite como para o de carne, con repercusións económicas importantes nos dous casos, aliás do risco de desabastecemento dos matadoiros e, con isto, dos supermercados e carnicerías das que se abastece a poboación.
Amio, Silleda e Castro dan saída semanalmente á meirande parte do gando que se move en Galicia e fixan os prezos de referencia para o conxunto da comunidade. Tan so descansan unha semana ao ano, no Nadal, cando non se celebra poxa na semana do 31 de decembro e os animais se acumulan para a subasta do primeiro mercado do ano, na primeira semana de xaneiro, que é deste xeito un dos máis importantes en canto a número de cabezas e volume facturado.
Pero ese é un escenario previsible, co que todos os operadores xa contan, adiantando algúns animais ou retendo outros unha semana, mais a incertidume actual que supón non saber a día de hoxe cando se vai poder retomar a celebración das feiras semanais abre un escenario inédito e descoñecido para todos: gandeiros, tratantes, matadoiros, empresas cárnicas, etc.
Posible atasco nas explotacións tanto de leite coma de carne
A non celebración de mercados semanais nas vindeiras tres semanas supón a acumulación duns 10.000 becerros de entre unha e dúas semanas de vida procedentes das explotacións leiteiras, calcula Roberto Lorenzo, responsable do mercado de Castro Riberas de Lea, uns animais que, tralo seu paso por Amio, Silleda ou Castro, acababan nos cebadeiros de xatos tanto de Galicia como doutras comunidades.
A non celebración de mercados semanais nas vindeiras tres semanas supón a acumulación duns 10.000 becerros nas explotacións leiteiras
Pero a supresión desta mecánica de funcionamento semanal fará que os becerros deban permanecer máis tempo nas explotacións, que non só perderán os ingresos procedentes destas vendas, senón que se atoparán en moitos casos con dificultades de espazo para acollelos (na maioría de granxas leiteiras o espazo para recría e o número de boxes dispoñibles para os becerros lactantes é moi limitado) ademáis do aumento de gasto na súa alimentación que supón mantelos máis días na explotación.
Moitas ganderías terán problemas de espazo, ademais do gasto que supón manter aos becerros máis días nas explotacións
É previsible ademais que, sen a posibilidade de se celebraren as feiras semanais, a demanda de becerros de recría caia e, aparellado, tamén o seu prezo. “Cremos que baixarán os prezos de compra pero nós nestas vindeiras semanas imos reducir ou incluso anular a compra de animais xa que a situación é de moita incertidume”, indican desde o cebadeiro de Eliseo López, no Arneiro (Cospeito), un dos máis gandes de Galicia e que subministra a Novafrigsa, o matadoiro de vacún de Coren ubicado en Lugo. Este cebadeiro mercaba cada semana unha media de 60 animais, a maioría procedentes do mercado de Castro Riberas de Lea.
O precedente do peche pola febre aftosa
Eliseo aínda lembra as consecuencias negativas da crise das vacas tolas, cando o consumo e o prezo da carne caeran en picado e teme que a incertidume actual polo coronavirus provoque algo similar. Pero nin sequera naquel momento se chegaran a pechar os mercados.
Si que deixaran de operar, sen embargo, no ano 2001 durante a crise pola febre aftosa. Tamén entón se pecharan temporalmente os mercados de gando, pero a administración permitía a acumulación dos animais en instalacións autorizadas e as feiras de Amio, Silleda e Castro operaban como centros de acumulación de gando de tratantes ou outros operadores aínda que cun único destino final, unha solución que polo de agora non se estableceu. Son casos ademais diferentes, porque a febre aftosa supuña un problema sanitario de transmisión entre o gando, mentres que o coronaviros é un problema de contaxio entre persoas.
Durante a crise pola febre aftosa tamén se prohibiran temporalmente as feiras pero as súas instalacións funcionaban como centro de agrupamento de gando para un único operador
Julio Pérez Filloi, responsable da Central Agropecuaria de Galicia, que organiza a feira dos martes en Silleda, lembra que naquel momento a prohibición inicial fora por 8 días pero acabara extendéndose durante tres meses. “Non sabemos se van ser só dúas semanas ou dous meses e é necesario que non se produza moito tapón e acumulación de gando nas explotacións porque iso faría que fose inviable retomar o funcionamento normal cando as restricións se levanten”, afirma.
A partir do luns os animais sairán directamente das explotacións aos matadoiros mediante o trato directo dos distintos operadores e sen referencias de cotizacións
Por iso considera que, se as autoridades non o prohiben (a actual limitación afectaría só á celebración de feiras e mercados), o sistema comezará a funcionar a partir do luns mediante o trato directo, coa compra nas explotacións e sen o paso intermedio do gando polos mercados semanais. Ao perderse a referencia das cotizacións que se fixa actualmente nas mesas de prezos das feiras, o prezo quedará fixado mediante a simple negociación entre o tratante ou comprador final e o gandeiro, pero Julio estima que “é preciso que o mercado da carne se siga movendo, aínda que sexa deste xeito”.
Sen alternativa polo de agora
Preguntada polas consecuencias do peche de mercados, a Consellería do Medio Rural asegura simplemente que “estanse avaliando” pero sen avanzar posibles alternativas ou solucións, o que denota certa falta de previsión á hora de adoptar determinadas medidas que afectan ao sector e nas que o departamento que dirixe José González semella ir a remolque das autoridades sanitarias.
Medio Rural só acerta a dicir que se “están avaliando” as consecuencias que terá o peche dos mercados de referencia
De feito, na tarde do xoves desde Medio Rural non se prevía o peche dos mercados de referencia semanais, conta o responsable do mercado de Castro, que urxe algunha alternativa. “Algunha solución terán que adoptar para dar saída aos animais, porque senón a parálise da cadea e o caos nas explotacións vai ser importante. Hai cousas de primeira necesidade que teñen que seguir funcionando porque a xente ten que comer e isto é unha cadea e aos matadoiros hai que abastecelos para que logo eles poidan abastecer á poboación”, argumenta Roberto.
Os matadoiros contan habitualmente con contratos de subministro con cebadeiros polo que a posibilidade de desabastecemento é máis remota neste caso, pero aquelas pequenas carnicerías que mercan un ou dous becerros á semana veranse máis prexudicadas se o seu método habitual de subministro é mercar directamente a tratantes ou a gandeiros.
Evitar a perda de valor dos becerros para sacrificio
Ademais do risco de desabastecemento dos matadoiros, outra das consecuencias importantes do peche das feiras semanais de gando de Amio e Silleda (no caso da de Castro non se daría pois practicamente so entran becerros de recría) é que os tratantes e, a través deles, as explotacións de vacún de carne, perden unha das súas canles de compravenda tanto de animais para vida como de animais destinados ao sacrificio.
Na última poxa, celebrada este mércores en Amio, movéronse 204 cabezas de vacún mediano e 168 de vacún maior. No celebrado o día anterior, o martes en Silleda, vendéronse 130 becerros carniceiros e 233 reses de vacún maior, un volume importante de gando que fará resentirse a toda a cadea.
Marzo e abril xa son habitualmente meses complicados para os produtores de carne de vacún nos que teñen dificultade para dar saída á produción pola acumulación de gando no mercado
No conxunto do mercado de carne galega, seguramente as menos prexudicadas serán as explotacións que están acollidas ao selo Ternera Gallega, xa que tradicionalmente estes animais son os que menos se moven a través das feiras semanais, máis alá da fixación de cotizacións que se establece todas as semanas como referencia de prezos en Amio.
No caso de Ternera Gallega, ademais, e da carne en xeral, igual que de outros produtos agroalimentarios, o aumento xeralizado do consumo nos supermercados está a facer aumentar a demanda estes días, aínda que a incertidume impide facer predicións sobre a evolución a máis longo prazo, nunha época do ano, ademais, a dos meses de febreiro, marzo e abril, no que existen xa de por si problemas habitualmente polo maior consumo de carne de porco e a acumulación de gando vacún no mercado, o que provoca habituais baixadas de prezos.
A maiores, outra das consecuencias, xa non só derivadas do peche das feiras, senón tamén das posibles restricións de mobilidade e das recomendacións feitas á poboación, podería ser que os animais de ceba ou de desvelle que hai nas explotacións poderían sufrir retrasos por problemas loxísticos ou de transporte na súa saída con destino aos matadoiros como consecuencia das dificultades engadidas para saír das explotacións.
A ampliación da idade de sacrificio até os 12 meses dentro de Ternera Gallega, que entrou en vigor o pasado 1 de febreiro, dá máis marxe a aquelas explotacións que se vexan afectadas por posibles retrasos motivados por problemas loxísticos ou de transporte
Isto podería levar a algúns animais a superar a idade de sacrificio, perdendo deste xeito valor. Esta foi unha das razóns que levou ao Consello Regulador das IXPs da Carne de Vacún de Galicia a impulsar unha modificación nos Pregos de Condicións para ampliar a idade de sacrificio de maneira que ao pasaren dos 10 meses os animais marcados como Ternera Gallega non pasasen directamente a ser considerados Añojo, coa perda de valor aparellado que isto supón, senón que poidan ser vendidos até os 12 meses dentro de Ternera Gallega. Esta modificación, que entrou en vigor desde o pasado 1 de febreiro, axudaría no caso de que as ganderías se visen obrigadas a reter máis tempo do habitual os animais nas explotacións.
Maiores prevencións para evitar o contaxio nas explotacións e ausencia de recomendacións específicas
O sector produtor está a extremar tamén as precaucións para evitar posibles contaxios, minimizando os riscos de propagación do Covid-19. En moitas ganderías estanse a restrinxir as visitas ao mínimo imprescindible e as empresas que garanten tanto a cadea de subministros ás granxas como as encargadas de dar saída á produción están tamén a adoptar medidas de prevención pola súa conta.
Algunhas empresas recomendan aos conductores dos camións usar luvas e mascariña
De feito, aínda que a recollida de leite, por exemplo, se está a levar a cabo con normalidade en toda Galicia, hai empresas que puxeron en marcha xa un protocolo de seguridade a seguir por parte dos conductores dos camións, que inclúe, nalgúns casos, traballar con mascariña e con luvas cando se efectúa a recollida do leite nas explotacións ou cando se descarga nas instalacións na propia planta de procesado.
Decisións similares están tamén a adoptar as empresas que subministran, por exemplo, o penso nas ganderías, tratando de reducir no posible o contacto cos gandeiros e o persoal das explotacións e, polo tanto, deste xeito os posibles focos de contaxio ou trasmisión da enfermidade.
Medio Rural non conta cun protocolo específico a seguir por parte das explotacións para evitar os contaxios malia tratarse dunha das actividades que non pode parar a súa actividade
Sen embargo, non existe un protocolo específico a seguir para o sector agrogandeiro e as recomendacións limítanse ás dictadas polas autoridades sanitarias con carácter xeral para o conxunto da poboación, segundo indican desde a Consellería do Medio Rural, a pesares de que para o comercio e outras actividades decretouse o seu peche inmediato desde o día de hoxe, algo que no caso das explotacións agrogandeiras non é posible levar a cabo.