Boa produción de millo nesta campaña en Galicia, agás na Mariña

A seca minguou a produción no norte de Lugo e os prezos de venda da forraxe picada nas fincas disparáronse nun primeiro momento até os 80€ tonelada, pero xa están volvendo aos niveis habituais, no entorno dos 60€, polos excedentes doutras zonas

Traballos de ensilado de millo nunha explotación leiteira da comarca de Lugo

Traballos de ensilado de millo nunha explotación leiteira da comarca de Lugo

A campaña de ensilado do millo avanza en Galicia con boas producións e calidades, agás por ataques puntuais de verme nalgunhas fincas da Costa da Morte ou polos efectos das primeiras xeadas desta pasada fin de semana en zonas do interior de Lugo. 

A colleita será frouxa na comarca da Mariña, onde a seca durante o verán fixo estragos nas fincas. As máis prexudicadas foron as parcelas labradas a mediados de abril, xa que as chuvias de finais de agosto e principios de setembro salvaron o cultivo que estaba máis atrasado e retrasaron a maduración do que estaba máis adiantado, pero non serviron para mellorar a situación das prantas que non se puideron desenvolver pola falta de auga en xullo e na primeira metade de agosto.

A situación de mingua na produción repítese tamén no occidente asturiano e a necesidade de comprar millo para cubrir as necesidades das granxas e dos centros de alimentación que operan na zona (o de Agropres e o CAVI de Irmandiños) elevou os prezos e obrigou, pola escaseza na Mariña, a mercar forraxe noutras comarcas.

A competencia entre Agropres e Irmandiños por comprar millo elevou os prezos na Mariña. No resto de Galicia hai ganderías ás que lles sobra forraxe e están a vender os excedentes

O mercado de compra-venda de forraxe sufriu este ano un pico especulativo inicial que elevou os prezos até os 80€ a tonelada de millo picado na finca, aínda que xa se foron moderando. Comarcas próximas, como a de Meira, onde nesta campaña vai haber unha boa colleita, están a compensar a falta de produción na Mariña e o occidente asturiano, facendo baixar de novo os prezos aos niveis habituais, no entorno dos 60€ a tonelada. 

As chuvias de finais de agosto e principios de setembro salvaron as sementeiras tardías e retrasaron a maduración no millo que comezaba a secar

As pragas, rosquilla despois da sementeira e verme defoliador nas últimas semanas de maduración, afectaron este ano a parcelas puntuais por toda Galicia, con máis incidencia en comarcas como a Costa da Morte ou a Terra Chá, e as xeadas dos últimos días queimaron fincas en zonas do interior de Galicia.

Agás por estas circunstancias, a calidade do ensilado vai ser boa, cun bo desenvolvemento da espiga e boa dixestibilidade no tallo, que se mantivo verde grazas ás chuvias da última semana de agosto, retrasando unha campaña de ensilado que se prevía máis adiantada nun primeiro momento.

Coñecemos a situación nas distintas zonas produtoras de Galicia:

O Xallas: “As fincas este ano están rendindo máis do habitual”

Na provincia da Coruña a colleita de millo vai ser boa este ano. “As fincas están rendindo máis do normal nesta campaña. Este ano imos chegar a unhas 35.000 toneladas de silo”, explica Jesús Otero, de Ganxabar.

O centro de alimentación ubicado na parroquia de San Cosme, no concello coruñés de Mazaricos, é a terceira maior instalación de ensilado de Galicia, despois do CAVI da cooperativa CLUN e da planta de mestura húmida de Aira en Sarria.

“Agora mesmo superamos as 60 toneladas por hectárea de media, pero están entrando as parcelas que se sementaron antes, polo que a media ao final vai ser menor, andará nuns 55.000 quilos de media, que está por enriba do habitual nesta zona”, explica Jesús.

Grao húmido

Ganxabar, que integran oito gandarías de Xallas e A Barcala que comparten recría e xestión de forraxes a través de Forxabar, leva ensilado neste momento un terzo da superficie. Labraron en total 850 hectáreas de millo, das que 150 son para gran húmido e o resto para silo. “Primeiro metemos o silo e despois facemos o gran húmido, pero este ano vai vir bastante antes; eu calculo que a finais de outubro estará xa recollido”, indica.  

As parcelas para gran húmido xa se planifican na sementeira. “Escóllese unha variedade máis orientada a gran e bótase nas fincas máis secas”, explica. Introducido na ración, o gran húmido permite un aforro en concentrado.

Láncara: “Estase a retrasar a maduración; a calidade vai ser boa”

SAT O Palomar, unha gandería familiar ubicada no concello lugués de Láncara, labrou este ano 78 hectáreas de millo, das que polo de agora só recolleron 9. “Eran fincas labradas con ciclos curtos que se estaban secando. Apañámolas xa o 2 de setembro e sacamos máis produción delas que o ano pasado”, explica Odón Castro.

“Sorprendeunos, porque nesta zona houbo un verán crítico en canto a precipitacións, pero aínda así a produción foi mellor da esperada”, di. As chuvias das últimas semanas serviron para retrasar a maduración da espiga e manter o verdor no talo. “Imos ter mellor millo este ano en calidade e cantidade que o ano pasado”, asegura.

O ano pasado sacamos de media 68.000 quilos de millo ensilado por hectárea, descontando xa as mermas, que poden estar entre o 8 e o 10%

Pero a situación non é uniforme en toda a comarca. No veciño municipio de Sarria hay gandeiros que van acusar máis a seca de comezos do verán. Para non estar a expensas do tempo, nos últimos anos SAT O Palomar fixo unha aposta polo regadío, con investimentos en sistemas de rego mediante aspersores.

“Temos 30 hectáreas labradas na primeira semana de maio cun ciclo 600, todas de regadío. Aí a produción vai ser espectacular este ano porque normalmente aféctanos moito á nascencia se hai humidade, pero este ano foi moi boa e os herbicidas que empregamos, todos de preemerxencia, funcionaron tamén moi ben”, conta.

Chantada: “A colleita está entre un 15 e un 20% por enriba da do ano pasado”

Efectos das xeadas da fin de semana no millo

Efectos das xeadas do venres no millo

A cooperativa Aira conta cun dos parques de maquinaria máis grandes de Galicia e estes días está a funcionar a pleno rendemento. Só na comarca de Chantada labraron arredor de 2.700 hectáreas de millo, algo máis que o ano pasado, e xa levan ensilado máis da metade.

“Con respecto ao ano pasado a colleita é bastante mellor. A produción está entre un 15 e un 20% por enrriba”, calcula Jorge Meiriño, técnico da cooperativa Aira na comarca de Chantada.

“As sementeiras que se fixeron a finais de abril e as máis tardías, feitas en maio, aguantaron ben porque a auga que caeu a finais de agosto e principios de setembro salvounas in extremis. As que máis sufriron foron as sementeiras de mediados de abril”, explica.  

As sementeiras tardías salvounas a auga de finais de agosto pero as xeadas do venres pasado fixeron estragos no cultivo

Aínda que existe unha variación grande entre parcelas, algo frecuente nesta zona, a media resultante este ano supera as 40 toneladas. “A produción media este ano está entre 40 e 42 toneladas por hectárea”, calcula Jorge.

En canto ao estado sanitario do cultivo, o sur de Lugo salvouse dos ataques de verme que se deron noutras comarcas de Galicia, pero a chegada das primeiras xeadas, o venres e sábado pasado, fixeron estragos no cultivo, queimando por completo as follas nalgunhas fincas. “Hai tamén en algunhas parcelas hay algo de millo tirado por ataque tardío de rosquilla”, explica o técnico de Aira.

Maquinaria da cooperativa Cobideza traballando este luns na zona

Maquinaria da cooperativa Cobideza traballando este luns na comarca pontevedresa do Deza

O Deza: “A media anda nos 50.000 kg, pero hai fincas de 60.000 e 70.000”

A campaña de ensilado avanza tamén a bo ritmo na comarca pontevedresa do Deza, onde a cooperativa Cobideza ten previsto rematar de ensilar a mediados de outubro. “Quedaranos para dúas semanas aproximadamente ou algo máis seguramente”, conta Kiko Mosquera, o responsable de maquinaria. 

A cooperativa recollerá co seu parque de maquinaria unhas 500 hectáreas este ano nunha campaña que comezou cedo e se alongará finalmente algo máis do previsto inicialmente debido á importante produción e ao bo estado do cultivo. 

Esta é unha das mellores colleitas dos últimos anos

“Está habendo boa colleita, ou moi boa. A media de produción pode andar en 50.000 kg por hectárea, pero hi fincas de 60.000 e de 70.000 kg. Quizais sexa unha das mellores colleitas dos últimos anos”, asegura Kiko. 

En canto á calidade, tamén é excelente, xa que “o millo non está seco nin con ataques de verme”. “O único que hai, coma sempre, é algo de xabarín”, lamenta. 

A Mariña: “Queremos sacar un corte de raigrás no outono para compensar a escasa colleita de millo”

A comarca da Mariña vai ter este ano unha colleita escasa. A seca do mes de xullo e a primeira quincena de agosto deixouse notar no millo pero as chuvias posteriores están a axudar a minimizar as mermas. “Nas últimas sementeiras, as últimas augas de agosto colleu as plantas pequenas e van ben, e ao resto estalles retrasando a maduración”, explica Juanjo Fraga, da Gandería Casa Barbeiro, con granxas en Alfoz e Ribadeo.

De momento ensilaron só 30 hectáreas, as primeiras que sementaron en abril, e o rendemento foi menor que o ano pasado. “Era un ciclo 700 e collimos 50.000 quilos por hectárea”, conta. Pero no resto das parcelas nótase a falta de auga en momentos críticos para o desenvolvemento da planta, así que no total da campaña Juanjo non agarda pasar dos 30.000 quilos de media.

A larva defoliadora tamén atacou, minguando á metade a produción nalgunhas fincas. “Temos máis de 10 hectáreas afectadas en varias parcelas distintas. En canto detectamos a praga tratamos, pero non a demos freado. Foi moi rápido o avance, en dúas noites acabou con todo”, recoñece.

A escaseza de forraxe disparou os prezos nun primeiro momento, chegándose a pagar a máis de 80€ a tonelada

A escaseza de forraxe disparou os prezos nun primeiro momento, chegándose a pagar máis de 80€ pola tonelada de millo picado na finca, pero pasado ese boom inicial a oferta doutras zonas moderou os prezos. “Aquí non hai oferta para comprar, pero na Terra Chá si. Alí hai ganderías ás que lles sobra, así que unha zona vai compensar coa outra”, di.

Os prezos xa están en valores habituais, arredor dos 60€, que Juanjo considera que é o nivel a partir do cal xa non sería rendible comprar millo para ensilar. “Hai que ter en conta que logo hai que transportar, ensilar, tapar e tes que contar coas mermas, que poden ser de entre un 5 e un 10%, cando tes millo para moer posto na explotación a entre 200 e 220€”, compara.

Sementeiras temperás para ensilar en novembro

Para compensar a mingua na colleita de millo, Gandería Barbeiro está a facer sementeiras temperás de pradería con mínimo laboreo (enterrando o purín con strep-till e atrás con grada rotativa) nas que agarda coller xa un primeiro corte no mes de novembro.

“Temos 20 hectáreas labradas nas que xa está nacendo o raigrás. É unha mestura de raigrás híbrido con wester. De momento vai calor e eu calcúlolle que en 7 ou 8 semanas, dependendo de como veña o frío, teremos herba para segar. Iso vainos dar un extra de forraxe para aliviar o consumo de millo e de herba de calidade de primavera na ración. Hai que buscar alternativas e antigamente xa se facía unha corta de outono na herba”, lembra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información