A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Granxas desconectadas da rede eléctrica: Unha opción para non depender do prezo da luz

A instalación de paneis fotovoltaicos combinados con sistemas de baterías que almacenan a enerxía producida permite a autosuficiencia enerxética en granxas de polos, porcos ou vacas leiteiras, co conseguinte aforro económico

GALLARDO SC (Mazaricos) placas solares Ecogal 3O autoconsumo eléctrico é xa unha posibilidade real para as explotacións gandeiras. Os avances logrados nos últimos anos na tecnoloxía empregada nos paneis fotovoltaicos e o desenvolvemento das baterías fai posible que unha granxa de polos, de porcos ou de vacas leiteiras poida estar totalmente desconectada da rede eléctrica.

En Galicia existen xa casos deste tipo, desenvoltos pola empresa Ecogal, unha das compañías líderes no sector das enerxías renovables. “Máis de 500 explotacións gandeiras teñen confiado nos últimos 10 anos nos nosos servizos para dotarse de instalacións de enerxía solar, a inmensa maioría delas están conectadas á rede, pero outra parte, que representa xa o 7% do total, son instalacións illadas da rede”, explica Manuel Varela, socio de Ecogal.

Boa parte das explotacións que optan por desconectarse da rede eléctrica son de porcino, pero tamén as hai no sector da avicultura, tanto granxas de polos e pavos como de galiñas (por exemplo, unha de 14.000 poñedoras totalmente illada existente en Rodeiro) e no vacún de leite, con casos de ganderías máis de 100 vacas totalmente autosuficientes enerxeticamente.

Cun investimento de 15.000€ logras unha instalación de porcos illada, porque os consumos enerxéticos son menores que en avicultura ou en vacún de leite

Non depender dunha compañía subministradora ten vantaxes, como a de non estar condicionado polas flutuacións de prezo do mercado eléctrico, cuxas subas moitas veces pon en risco mesmo a propia viabilidade das granxas polo encarecemento dos custos de produción.

Problemas frecuentes en Galicia: baixa potencia contratada e mal estado das liñas

GALLARDO SC (Mazaricos) postes transformador electricoPero o feito de ser independente enerxeticamente tamén resolve outros problemas derivados do mal estado das liñas, as deficiencias de mantemento e a saturación dos transformadores, o que provoca en moitos casos caídas de tensión.

“Os paneis fotovoltaicos axudan moito nos finais de liña sobre todo, porque se consume a enerxía onde se produce e hai que ter en conta que as perdas por transporte son elevadas. E se se acompañan os paneis de baterías físicas, a estabilidade da rede mellora moito”, explican en Ecogal.

É habitual que haxa un desfase de máis do 50% entre a potencia de consumo e a contratada e iso limita moito o número de placas que se poden poñer

Un dos problemas frecuentes en moitas ganderías á hora de poñeren enerxía solar nos teitos das súas naves é o desfase entre o consumo real necesario e potencia contratada. “En Galicia atopámonos coa baixa potencia eléctrica contratada, sobre todo en granxas que levan 20 anos funcionando, e que foron aumentando tanto ao gando como ás máquinas que precisan no día a día pero sen incrementar a potencia”, indican.

Iso fai que o tamaño da instalación solar fotovoltaica non permita cubrir todas as necesidades da explotación. “É unha limitación importante porque non podemos instalar máis potencia da que teñen contratada e adecuar as instalacións para poder pedir un aumento de potencia xa supón máis gasto”, recoñece Manuel, que aclara que “é raro que poidamos instalar nunha granxa a mesma potencia de consumo que teñen contratada; o habitual é que teñan un desfase de máis da metade”, explica.

Estudo pormenorizado de consumos

GALLARDO SC (Mazaricos) placas solares Ecogal sala controlA posta en marcha dunha instalación de enerxía solar fotovoltaica nunha gandería comeza sempre cun estudo de consumos da explotación, que é máis pormenorizado no caso das instalacións illadas. “Non tes plan B, polo que non pode fallar nada”, recoñece Manuel.

“Hai que facer un compendio entre medidas correctoras e instalación de placas fotovoltaicas. Nós o primeiro que miramos ao chegar a unha granxa son as medidas de eficiencia enerxética a implementar. Hai que axudar ao gandeiro a optimizar o seu consumo. Son pequenos investimentos comparados cos da propia instalación solar”, asegura.

Hai que axudar ao gandeiro a optimizar o seu consumo; o quilovatio máis intelixente é o que non se consume

“Moitas veces non se trata de producir moita enerxía, senón de reducir primeiro o consumo para que a necesidade de produción de enerxía sexa menor”, recomendan desde Ecogal, que fan fincapé na sensibilización social. “Hai que avanzar na cultura do aforro enerxético e a boa utilización da electricidade, ao igual que se fai co consumo de auga”, din.  

Medidas de eficiencia enerxética no muxido e enfriamento do leite

GALLARDO SC (Mazaricos) eficiencia enerxetica placas intercambiadoras tanque leite“O quilovatio máis intelixente é o que non se consume e unha gandería só con medidas correctoras pode correxir entre o 15 e o 20% do seu consumo. É un plus que nós lle ofrecemos”, explica Manuel.  

A sala de muxido e o tanque de frío do leite representan entre o 70 e o 80% do consumo dunha explotación leiteira. Por iso, din en Ecogal, é o primeiro punto onde hai que centrar os esforzos en materia de eficiencia enerxética.

A sala de muxido e o tanque de frío representan entre o 70 e o 80% do consumo eléctrico dunha explotación leiteira

“Hai moitos consumos ocultos nas granxas”, din. Por exemplo, “hai moitos motores de salas de muxido que non teñen aínda variadores de frecuencia e xeran moita enerxía reactiva que agora penaliza na factura. Iso cunha simple batería de condensadores, que custa 1.500€, pode correxirse. Esa granxa amortiza ese investimento en só 5 meses co que aforra na factura, porque ademáis de eliminar os cargos pola enerxía reactiva, o consumo tamén baixa porque o motor arrinca moito máis despacio”, explican.

No caso dos tanques de frío, unha medida interesante son placas as intercambiadoras que extraen o calor do leite que vén da sala de muxido, co que quentan auga ao tempo que arrefrían o leite, reducindo tamén o consumo do tanque.

ECOGAL

Teléfono: 982603270

Email: administracion@ecogal.es

Web: www.ecogal.es 

Francisco Gallardo (Gandería Gallardo SC): “Cargamos as baterías cos paneis solares e chéganos para todo o día”

GALLARDO SC (Mazaricos) FranciscoGandería Gallardo SC é unha explotación leiteira cun cento de vacas en muxidura ubicada no concello de Mazaricos que está totalmente desconectada da rede. Tomaron esa decisión polas dificultades que atoparon para o enganche do establo novo á liña eléctrica que lles pasaba xusto por diante, un problema que se repite con moita frecuencia en Galicia.

“Cando hai 4 anos fixemos a nova nave solicitamos o enganche á compañía eléctrica a unha liña que nos pasaba pegada. Puxemos dous postes, un para o enganche e outro para o transformador. Gastamos 23.000 euros, pero despois non lles valeu e querían 14.000€ máis”, quéixase Francisco Gallardo, que xunto ao seu fillo Adrián está á fronte desta granxa.

Gastamos 23.000€ para o enganche da luz. Puxemos todo o que nos mandaron (dous postes, un transformador) e despois non lles valeu e querían cobrar outros 14.000€

Ese proceso coincidiu ademais coa suba do prezo da electricidade, que chegou case a duplicarse, polo que optaron por paralizar o enganche á rede e seguir subministrándose dun xerador de gasóleo que mercaran como solución de urxencia.

“Como non nos daban enganchado empezamos a traballar cun grupo electróxeno e decidimos seguir con el. Desa maneira a nós non nos afectaba a suba da luz, porque con 1.500€ ao mes en gasóleo amañabamos, cando moitas granxas nesta zona chegaron a pagar 5.000 e 6.000 euros ao mes naquela época”, aclara Francisco.

Teñen unha potencia fotovoltaica instalada de 32 Kw, suficiente para o funcionamento de todo o establo

Pero para reducir o gasto en combustible e asegurar un subministro máis continuo e estable optaron o ano pasado por instalar placas solares e implementar distintas medidas de aforro enerxético na sala de muxido e a leitería coas que baixar o consumo.

Investiron en total 81.000€, dos que case recuperaron a metade a través das subvencións do Inega. “Polas baterías danche o 70% e polas placas no noso caso foi o 30%”, aclaran. 

Instalar máis baterías para aproveitar a produción dos paneis fotovoltaicos

Gandería Gallardo SC é unha explotación con relevo xeracional que ten previsto aumentar nos vindeiros anos o número de vacas en produción. De feito, instalacións como a sala de muxido xa quedaron previstas para iso.

Instalaron o sistema de placas solares e baterías de almacenaxe da enerxía producida no mes de setembro pasado

Ao aumentaren ás cabezas de gando tamén aumentará o consumo do establo, da sala de muxido e da leitería. Para ter cuberta esa demanda teñen pensado instalar máis baterías de almacenaxe da enerxía producida polas placas solares, xa que “moitas veces cortan a mediodía porque as baterías están xa a tope e non temos onde acumular máis”, recoñece Francisco.

“Cargamos as baterías coas placas solares e se non nos chega acende o xerador de maneira automática, pero a maioría dos días non é necesario que funcione, chéganos co que producen as placas solares”, explica Francisco.

Aforro importante

Poñer os paneis solares coas baterías supúxolles un aforro importante, xa que “o mesmo gasóleo que antes gastabamos nun mes chéganos agora para tres meses e no verán contamos con surtirnos unicamente das placas”, di.

O sistema compleméntase co xerador que xa tiñan na explotación, como garantía en caso de días anubrados ou con pouca produción de enerxía solar, e está totalmente automatizado, de maneira que se o nivel das baterías baixa do 20% acende o xerador para recargalas.

O mesmo gasóleo que antes gastabamos nun mes chéganos agora para tres, e no verán contamos con surtirnos unicamente das placas

Aínda que non sexa necesaria a súa contribución para cubrir o consumo enerxetico da explotación, o xerador está programado igualmente para que prenda 15 minutos todas as semanas como xeito de que o grupo electróxeno estea sempre a punto para entrar en funcionamento en calquera momento que sexa preciso. “Desa maneira non te atopas que cando o necesitas non arranque por falta de uso ou de mantemento”, razoa Francisco.

Medidas de eficiencia enerxética

GALLARDO SC (Mazaricos) eficiencia enerxetica variador sala muxido

En paralelo aos investimentos na produción e almacenaxe da enerxía fotovoltaica, fixeron tamén melloras en materia de aforro enerxético na gandería, sobre todo destinadas á redución de consumos na sala de muxido e ao aproveitamento da calor xerada polo tanque do leite.

“O maior consumo dunha granxa de leite é o de muxir e enfriar o leite. Os investimentos en reducir ese consumo desquítanse rápido, porque non é o mesmo que o motor da sala estea a 1.400 voltas que funcionando a ralentí a 300 e non é o mesmo que o tanque tarde hora e media en arrefriar o leite que o faga en media hora”, argumenta Francisco.

Coa instalación dunha batería de condensadores no motor da sala de muxido lograron reducir 12 kw ao día de consumo

“Nós puxemos un variador de frecuencia para o motor da sala de muxido e unha batería de condensadores, mentres que na leitería instalamos un intercambiador de placas, un recuperador de calor e un acumulador de auga quente, que almacena a auga quente que precisamos para lavar a sala de muxido ao mesmo tempo que o tanque arrefría o leite, reducindo tamén o consumo do tanque de frío, pois o leite entra nel a 18 grados en vez de facelo a 33”, explica.

Maior confort para o gando e máis produción

GALLARDO SC (Mazaricos) vacas producion ventiladorTeñen previsto tamén empregar a auga quente xerada durante o proceso de enfriamento do leite para os bebedoiros das vacas, de maneira que no inverno ao non estar tan fría beban máis e produzan máis leite.

Como nos sobraba enerxía, no mes de setembro tivemos os ventiladores funcionando todo o tempo e as vacas non notaron calor de ningún tipo

Dispoñer de enerxía a custo cero fai tamén que poidan ter en funcionamento, por exemplo, os ventiladores máis tempo sen medo a incrementar o consumo e a factura da luz, mellorando deste xeito o confort e a produción de leite das vacas pola minimización do estrés por calor do gando. 

“No mes de setembro facía calor e puxemos os ventiladores a funcionar en continuo para baixar a temperatura do establo aproveitando a produción de enerxía dos paneis fotovoltaicos, que nos estaba sobrando; se tiveramos que pagar a luz seguramente non os teriamos posto tantos días”, contan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *