Leite

“Hai que buscar un punto de equilibrio entre produtividade e benestar animal para que a granxa sexa rendible”

Nina Vázquez é veterinaria especializada en benestar animal. Unha parte do seu traballo consiste en facer inspeccións en explotacións como auditora de Welfair

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 30/04/2024 4:22 p.m.

[caption id="attachment_212336" align="aligncenter" width="660"] Nina Vázquez, nunha explotación leiteira en ecolóxico da provincia de Lugo[/caption]

A certificación de benestar animal está a converterse nos últimos anos nunha esixencia para moitas explotacións lácteas por parte das industrias que lles recollen o leite. Welfair, o selo impulsado polo IRTA de Cataluña, é o estándar máis comunmente aplicado. Coñecemos en que se basea da man da veterinaria e auditora Nina Vázquez.

“O concepto de benestar animal empezou a desenvolverse desde o punto de vista ético, dos dereitos dos animais, e hoxe en día a lexislación está a presionar introducindo novos requisitos ás granxas”, recoñece Nina.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

O Decreto de Ordenación de Granxas Bovinas (Real Decreto 1053/2022) esixe a todas as ganderías de vacún un Plan de Benestar Animal, que o Ministerio pospuxo a 2027 como consecuencia das recentes protestas de agricultores e gandeiros.

O Ministerio acaba de aprazar a 2027 a obrigatoriedade de contar cun Plan de Benestar Animal en granxas de vacún

Pero aspectos como a eliminación dos emparrillados, a prohibición de explotacións trabadas, o acceso dos animais a patios exteriores, o aloxamento en grupo dos tenreiros ou as condicións de separación das súas nais ao naceren serán cuestións que as ganderías deberán abordar nos próximos anos.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Demanda dos consumidores

O nivel de benestar animal que logra a explotación, medido segundo os criterios aplicados na certificación, incide no prezo de venda do leite, xa que a maioría de empresas aplican primas de diferentes contías en función da puntuación obtida que poden chegar a 1 céntimo por litro.

Pero máis aló deses incentivos ás granxas, o benestar animal está a converterse nun criterio de selección; nun argumento para coller ou deixar ganderías por parte das industrias, de forma que só aquelas granxas que poden ser certificadas son consideradas explotacións de porvir polas empresas lácteas, mentres as que non superan os test teñen cada vez menos opcións a quen entregar o leite.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

A certificación de benestar animal converteuse nun argumento das industrias para coller ou deixar explotacións

As industrias alegan que se trata dunha esixencia das cadeas de distribución, que á súa vez aseguran facerse eco da demanda dos consumidores neste sentido. “O consumidor pouco sabe sobre como se crían os animais e estamos nun momento no que miran con lupa o que facemos nas granxas”, asegura Nina.

O último Eurobarómetro sobre benestar animal, elaborado pola Comisión Europea hai un ano, denota esta preocupación crecente dos consumidores. Os resultados desta enquisa entre a poboación, con máis de 26.000 entrevistas en 27 países da UE, indican que o 84% dos cidadáns europeos e o 80% dos españois cre que se deberían mellorar os niveis de benestar actual dos animais de granxa.

O 48% dos consumidores españois estaría disposto a pagar máis por produtos procedentes de sistemas respectuosos co benestar animal

Ademais, 6 de cada 10 europeos din que lles gustaría saber máis sobre as condicións nas que se crían os animais e o 60% dos europeos e o 48% dos españois estaría disposto a pagar máis polos produtos procedentes de sistemas respectuosos en benestar animal. “Isto é importante, porque o benestar é caro ao ser necesarios investimentos e esforzos de manexo, e deberíanse pagar máis eses produtos”, afirma Nina.

A definición de benestar

O benestar animal designa, segundo a Organización Mundial de Saúde Animal (OIE), “o estado físico e mental dun animal en relación coas condicións nas que vive e morre”. É dicir, detalla Nina, “que un animal estea san, cómodo, ben alimentado, que poida expresar o seu comportamento innato e que non padeza estados desagradables”.

As directrices que guían á OIE en materia de benestar dos animais terrestres inclúen tamén as «cinco liberdades», enunciadas en 1965 e universalmente recoñecidas, para describir os dereitos que son responsabilidade do home, é dicir, que os animais vivan:

“Hai que atender a cinco dominios ou aspectos fundamentais para que exista benestar animal: Nutrición, Saúde Física, Confort, Conduta e Emocións. Pero para chegar ao quinto apartado temos que ter controlados os catro anteriores”, afirma esta veterinaria especialista na materia, que resume en tres grandes bloques as necesidades a cubrir por parte do gandeiro en relación aos seus animais: Funcionamento biolóxico (onde se incluirían cuestións relativas a nutrición ou instalacións), Comportamento natural (por exemplo o acceso a pasto) e Emocións.

“Até o de agora falabamos de emocións negativas (ausencia de sede, dor ou angustia) pero agora empezamos a falar de que haxa un balance entre emocións positivas (por exemplo, os cepillos) e negativas”, explica.

Equilibrio entre benestar e rendibilidade

É xa unha idea comunmente estendida tanto entre veterinarios como entre gandeiros que mellorar en benestar animal supón aumentar a produtividade do rabaño. Nina insiste nesa afirmación, pero admite que “hai que buscar un punto de equilibrio entre produtividade e benestar animal para que a granxa sexa rendible”.

“Mellorar o benestar custa ás veces moito diñeiro, sobre todo se implica a necesidade de facer grandes investimentos en instalacións. Por iso hai que buscar o máximo de benestar posible dentro da rendibilidade”, argumenta.

Temos que buscar a máxima produtividade posible pero sen prexudicar o benestar

“Mellorar o benestar supón gañar en produtividade do rabaño pero ás veces lograr 40 litros é menos rendible que producir 30, porque os custos son maiores, e esa presión hormonal vai tamén en contra do benestar”, asegura.

Ademais, benestar e medio ambiente están intimamente relacionados. “En termos xerais, mellorar o benestar da vaca mellora a súa eficiencia produtiva e reduce a cantidade de residuos (metano, nitratos, etc) por unidade de produto. A maiores, o benestar inflúe positivamente desde o punto de vista sanitario e unha boa saúde aumenta a lonxevidade e reduce a necesidade de recría, o que tamén contribúe a aminorar a intensidade das emisións da granxa”, evidencia Nina.

[box style="0"]

Formación do persoal: curso de 20 horas ou 3 anos de experiencia

O Real Decreto de Ordenación de Granxas Bovinas esixe unha formación mínima en benestar animal de 20 horas tanto para os titulares de explotación como para os seus empregados, aínda que esta formación mínima pode acreditarse mediante os anos de dedicación profesional ao sector (mínimo de 3 anos traballando con gando e coñecementos sobre manexo, benestar e tratamientos biocidas). A maiores, será necesario levar a cabo cursos de reciclaxe e actualización de coñecimientos cando menos unha vez cada 5 anos e cunha duración mínima de 10 horas. 

O Decreto de Ordenación de Granxas Bovinas esixe unha formación mínima en materia de benestar animal de 20 horas tanto a titulares de explotación como a empregados

“A figura do gandeiro e do persoal da granxa é fundamental porque tanto en sistemas intensivos como semiextensivos o gandeiro é o que controla case todas as necesidades do animal: o alimento, o acceso á auga, o espazo que lle damos, o confort para o descanso, os agrupamentos sociais que facemos”, enumera Nina, que destaca, máis aló das instalacións ou a comida, aspectos como formación, manexo, coñecemento da vaca e motivación como claves para lograr niveis óptimos de benestar animal nunha granxa.

No caso da detección precoz de enfermidades, que causan dor e estrés aos animais, “é esencial coñecer a especie coa que estamos a traballar para poder identificar os problemas canto antes e poñerlles solución tamén canto antes”, insiste.

[/box]

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada