“As sentenzas que houbo até o momento reforzan a posición dos gandeiros fronte ás industrias do cártel do leite”

UUAA asegura que o último pronunciamento do Tribunal de Xustiza da UE amplía ate o 11 de xullo de 2024 o prazo de prescrición dos danos causados, o que daría pé a presentar reclamacións aos 27.000 gandeiros galegos que aínda non o fixeron

CASTEDO SC (LUGO) racion vacas produciónO conflito do coñecido como cártel do leite, o suposto acordo entre as principais industrias lácteas para repartirse os gandeiros e fixar os prezos durante anos, segue cumprindo prazos cara a unha resolución dos recursos presentados na Audiencia Nacional que se agarda para os vindeiros meses.

En Galicia foron uns 7.000 gandeiros os que deron o primeiro paso para reclamar, o de interromper a prescrición mediante o envío de burofaxes ás industrias que lles recollían o leite entre os anos 2000 e 2013 e nos que se terían dado as prácticas supostamente abusivas.  

O groso das demandas non se van presentar até que non haxa unha resolución da Audiencia Nacional sobre a multa da CNMC

Á espera da decisión final da Audiencia Nacional, que podería validar ou desbotar a sanción imposta no ano 2019 pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), atópanse organizacións como Unións Agrarias para empezar a presentar nos Xulgados do Mercantil correspondentes as demandas dos gandeiros aos que representan, uns 5.000 neste caso.

Sentenza do Tribunal de Luxemburgo

Mentres, novas resolucións xudiciais parecen despexar o camiño en favor dos produtores. Unha das cuestións que as industrias están a alegar en contra da multa da CNMC, tanto na Audiencia Nacional como en Xulgados como os de Lugo ou de Granada onde xa se presentaron demandas, é que os feitos xa prescribiron, pero onte mesmo o Tribunal de Xustiza da Unión Europea ditaba unha sentenza aclarando prazos de prescrición á Audiencia de León nun caso semellante, o do cártel dos coches.

UUAA ten a representación de 5.025 gandeiros, en nome dos que foi enviada comunicación por burofax da interrupción da prescripción

A decisión do Alto Tribunal europeo, con sede en Luxemburgo, estende até os 5 anos o prazo de prescrición dos danos causados polos fabricantes de automóbiles, o que sería aplicable tamén ao caso das 10 industrias lácteas sancionadas por prácticas ilegais antimercado.

Abre a vía a novas reclamacións

Este feito abre a porta á presentación de novas reclamacións, mesmo por parte de gandeiros que até o de agora non deron ningún paso, segundo asegurou este venres en rolda de prensa o secretario xeral de UUAA, Roberto García.

En Galicia 27.000 gandeiros que non presentaron reclamación teñen agora a oportunidade de facelo até 2024

“Os gandeiros que aínda non presentaron demanda están a tempo de facelo. En Galicia habería uns 27.000 que teñen dereito a reclamar danos e non o fixeron. Agora teñen de prazo ata o 11 de xullo de 2024”, detallou.

A semana pasada, unha resolución do Xulgado número 2 de Lugo, sen entrar no fondo da cuestión, desestimaba a petición de varios gandeiros alegando que a acción estaba prescrita. Os produtores presentaran a demanda no ano 2021 pero non tiñan feito con anterioridade ningún acto de interrución da prescrición.

A semana pasada o Xulgado de Lugo desestimaba a demanda de varios gandeiros, que agora poderían volver reclamar

A raíz do pronunciamento do Tribunal de Luxemburgo, este prazo amplíase a cinco anos, polo que non remataría no 2020, un ano despois da resolución de sanción da CNMC contra as industrias lácteas, senón no 2024. “Agora van ser 5 anos para a presentación de reclamacións. Isto abre a posibilidade de que estes gandeiros podan volver presentar a demanda, tendo como data límite o 11 de xullo de 2024”, explica UUAA.

Probar os danos de xeito individual

Polo de agora a única sentenza que entrou sobre o fondo do asunto, a dos xulgados de Granada, acredita que existiu cártel e polo tanto, “que hai delito”, insistiu Roberto García. “Temos todas as de gañar para que aos gandeiros se lles devolva todo o que de xeito ilegal lles foi usurpado por parte das industrias en todo este tempo. Neste momento non hai ningunha sentenza que no fondo dea a razón ás industrias”, asegurou.  

A sentenza do Tribunal de Xustiza da UE faculta aos xuíces para fixar, con certa discrecionalidade, o importe do dano causado

“Estamos convencidos de que os tribunais darán a razón aos gandeiros. O que queda por determinar é a contía do dano causado e iso vai depender da cuantificación individual que hai que facer e na que vai ser determinante o proceso de proba que cada gandeiro de xeito individual vai ter que facer dos litros vendidos, o prezo de venda e o prexuízo causado”, afirmou.

“Canto máis tempo pase, máis cara lles vai saír a factura ás industrias”

Unións Agrarias asociouse para iso con Eskariam, un bufete especializado de Madrid ao que tamén se adheriu Agromuralla, que representa en Galicia a outro milleiros de afectados. Contan  deste xeito co respaldo de técnicos en peritaxes para poder valorar e acreditar o dano sufrido por cada unha das granxas.

A asociación de Industrias Lácteas e 8 empresas a título individual recorreron a sanción da CNMV na Audiencia Nacional

O secretario xeral de UUAA fixo un chamamento ás industrias a “artellar fórmulas para resolver unha débeda que teñen cos gandeiros desde o ano 2000”, dixo. “Nos vindeiros meses, cando a Audiencia Nacional confirme a multa, as industrias van ter que aprovisionar xa esas débedas”, avanzou, polo que se decantou por unha fórmula “que o faga viable e que aforre más gastos ás industrias, porque a medida que pase o tempo máis cara lles vai saír a factura”, insistiu.

Paro comarcal na Limia pola suba do gasóleo

Os sindicatos agrarios protestaron este xoves en distintos centros loxísticos de hidrocarburos repartidos pola xeografía española contra a suba do gasóleo agrícola, que está a encarecer os custos de produción en plena campaña de recollida de cereais e forraxes.

En Galicia os agricultores máis afectados neste momento serían os produtores de pataca e de cereal da comarca ourensá da Limia, onde UUAA anuncia “un paro comarcal inmediato nos vindeiros días”.

“Danse razóns de fondo para que certos sectores non podan trasladar este incremento de custos ao prezo final do produto”, argumentou Roberto García, que explicou que “nesta campaña de traballo no campo o gasóleo duplicou o prezo, desde os 83 céntimos do ano pasado a 1,70 euros neste momento”.

Pedimos ao Goberno un control no refinado, porque estase trasladando un incremento de prezos que pouco ten que ver cos custos do barril de Brent

“Esperemos que haxa resposta do Goberno ás peticións das asociacións de transportistas e organizacións agrarias. A medida de bonificación non resultou operativa porque as propias distribuidoras absorberon esa bonificación, polo que o que pedimos é un control no refinado, xa que se está trasladando ás gasolineiras un incremento de prezos que pouco ten que ver cos custos do barril de Brent”, argumentou antes de acusar “ás catro compañías bandeira de distribución” de estar obtendo “un beneficio indecente”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información