Os gandeiros galegos presentan case 7.000 reclamacións contra as empresas do “cártel lácteo”

Sindicatos, asociacións agrarias e distintos bufetes de avogados ultiman o envío de burofaxes ás industrias para interromper o prazo de prescrición das posibles indemnizacións ás que terían dereito, en base á resolución da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, os produtores que fixeron entregas de leite entre os anos 2000 e 2013

Ganaderia Xuiz sala de muxido leite

Había dúbidas pero os produtores de leite galegos lanzáronse finalmente en masa a informarse e tentar recuperar as cantidades que as industrias lácteas que lles recollen o leite lles pagaron, teoricamente, de menos durante anos. Houbo avalancha de solicitudes nos últimos días e, a poucas horas de que finalice o prazo do 11 de xullo (cando se cumpre un ano desde a sanción imposta pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia ás principais empresas do sector por pactar os prezos entre 2000 e 2013) sindicatos, asociacións agrarias e bufetes de avogados calculan en preto de 7.000 as reclamacións presentadas en Galicia.

A cifra coincide co número de ganderías produtoras de leite que seguen en activo a día de hoxe, segundo o último informe FEGA, correspondente ao mes de maio, pero na lista de reclamantes hai un importante número de explotacións que deixaron a actividade nestes últimos 20 anos, ben por peche, por cambio ou xubilación do seu titular ou por pasarse á produción de carne. Sumando estes casos, algunhas fontes calculan nunhas 30.000 as persoas con dereito a indemnización en Galicia.

Nos últimos días houbo unha avalancha de solicitudes, aínda que o prazo para poder reclamar podería verse ampliado a setembro a causa do estado de alarma ou mesmo ata 2024 tendo en conta unha disposición europea

O proceso xudicial prevese longo e custoso, pois algunhas das principais empresas sancionadas por Competencia, como Puleva ou Danone, recorreron a multa diante da Audiencia Nacional, que está pendente aínda de pronunciarse. Por iso, á espera dese fallo e previa presentación das demandas de carácter individual nos correspondentes xulgados, o que os gandeiros están a facer estes días é evitar que o seu dereito a indemnización prescriba, interrompendo, mediante o envío dun burofax á industria, o prazo de prescrición.

Sobre isto existen tamén dúbidas, xa que aínda que este sábado cúmprese un ano desde a multa da CNMC ás industrias, a declaración do estado de alarma como consecuencia da pandemia do coronavirus podería servir para alongar ese prazo teórico ata o mes de setembro, e mesmo, se se ten en conta unha Directiva europea de recente transposición ao ordenamento xurídico español, ata 5 anos. Pero todas as entidades que están a tramitar reclamacións quixeron “curarse en saúde” presentando o maior número de reclamacións antes do 11 de xullo para evitar calquera fenda que poida servir ás empresas para evitaren ter que pagar.

O sector espera que sirva de escarmento á industria láctea para que opere con maior transparencia e librecompetencia

O sector viviu nos últimos meses unha especie de febre do ouro, que atraeu a numerosos bufetes de avogados á caza de recompensas, ao máis puro estilo do Far West americano. A importante contía das posibles indemnizacións a percibir animou tanto a grupos de avogados galegos como a importantes grupos de Madrid ou Barcelona, apoiados nalgúns casos por fondos de investimento internacionais, que desembarcaron en Galicia en busca dun apetecible negocio non exento de riscos.

Algúns teñen experiencia en causas como a do Prestige ou a do cártel dos fabricantes de camións, que pactaron cobrar un sobrecusto sobre os vehículos vendidos entre 1997 e 2011 e a Unión Europea obrígaos agora a devolvelo, o precedente máis parecido ata o momento en materia de dereito da competencia en España, pero o caso do leite é máis complexo xa que a contía ten que calcularse de forma individual segundo o prezo por litro de leite percibido por cada gandeiro e o tempo transcorrido dificulta en moitos casos a recompilación da documentación.

Nos últimos meses viviuse unha especie de febre do ouro, que atraeu a numerosos bufetes de avogados á caza de potenciais clientes

Campo Galego quixo falar con sindicatos, asociacións e bufetes de avogados para coñecer a súa valoración sobre unha causa que se prevé longa, pero tamén histórica, e que serviu para mobilizar aos gandeiros fronte ás industrias que lles recollen o leite como ata o de agora só sucedera puntualmente con tractoradas en momentos de baixadas acusadas de prezo. Pero agora as armas son distintas: no canto de con tractores, a loita é a través dos tribunais de xustiza.

Robot de ordeño en una explotación gallega

Robot de muxido nunha explotación galega da provincia da Coruña

UUAA: “Non podemos deixar pasar esta oportunidade e os pasos que se están dando son firmes”

UPA foi, co seu apoio á denuncia presentada en 2012 ante as autoridades de Competencia, quen abriu o camiño á multa ás empresas e ás actuais indemnizacións e é a organización que máis reclamacións está a tramitar en Galicia, onde acumulan unhas 4.000 solicitudes, ás que se sumarían outras 1.000 noutras comunidades como Asturias, Castela e León ou Extremadura.

Félix Porto, avogado e responsable da área externa de Unións Agrarias, afirma que “é unha alegría ver que os gandeiros e gandeiras acudiron maioritariamente a reclamar, cun número espectacular de reclamacións que sobrepasou todas as expectativas que había”, recoñece.

Considera que “o boca a boca é importante” e asegura que “os últimos días foron desbordantes”, pero espera que mesmo poida medrar o número de reclamacións cunha segunda quenda no mes de setembro se se confirma a ampliación de prazo como consecuencia do Real Decreto 463 polo que se declarou o estado de alarma.

Calquera gandeiro que vendese leite durante os anos 2000 a 2013 pode reclamar, aínda que non entregase ás empresas sancionadas, habería unha responsabilidade solidaria porque o que se xerou foi un dano aos produtores no seu conxunto pola alteración do mercado

UUAA tramita as peticións dos gandeiros a través do seu propio gabinete xurídico a cambio dun 10% do que logren recuperar en caso de afiliados e do 20% en caso de persoas alleas ao sindicato. “Levamos traballando neste proceso moito tempo, son xa 9 anos e quedan aínda algúns máis, pero os pasos que se están dando son firmes e parece que aquilo que diciamos cando iniciamos este proceso vaise ratificando. A expensas do que poida ditaminar a Audiencia Nacional, pensamos que poder recuperar o diferencial entre o que cobraron os gandeiros e o que tiñan que cobrar é unha posibilidade real. Por iso, non podemos deixar pasar esta oportunidade”, di.

Félix explica ademais que “calquera gandeiro que vendese leite durante os anos 2000 a 2013 pode reclamar, aínda que non entregase a algunha das 10 empresas sancionadas, porque se a Audiencia Nacional ratifica nos mesmos termos a resolución da CNMC habería unha responsabilidade solidaria porque o que se xerou foi un dano aos produtores no seu conxunto pola alteración do mercado, independentemente de que entregasen ou non leite a esas industrias sancionadas”, aclara.

Así mesmo, considera que “non houbo un cambio significativo na forma de actuar das industrias despois do período ao que fai referencia a multa de Competencia, xa que antes e despois do ano 2013 seguiron empregando as mesmas prácticas, aínda que a cuestión é probalo, iso é o difícil”, conclúe.

Vacs en pastoreo en una ganadería ecológica gallega

Vacas en pastoreo nunha gandería ecolóxica galega

SLG: “A nós cónstanos que a día de hoxe o cártel segue activo, hai dificultades para cambiarse de empresa”

A diferenza de UUAA, o Sindicato Labrego Galego non tramita directamente as reclamacións, senón que deriva aos seus afiliados ao bufete catalán Redi, que está a levar unhas 1.100 reclamacións en toda España, 300 delas en Galicia, aínda que a cifra total podería verse finalmente notablemente incrementada a falta de contabilizar as solicitudes recibidas nos últimos días.

“Non levamos nós directamente o caso porque sería unha temeridade, os nosos avogados non son expertos en dereito mercantil e da competencia. Ademais, fálase dunha proba pericial dun millón de euros e é necesario pagar un seguro de costas para non arriscarse, así que non hai posibilidade de levar un caso coma este se non é co respaldo dun fondo de investimento”, admite Xulio Fernández, coordinador do sector lácteo do SLG.

Fai fincapé ademais na necesidade de informar os gandeiros dos “riscos reais” que entraña unha demanda xudicial coma esta. “Non sei se a xente é consciente dos monstros económicos que son estas empresas, que contan cuns gabinetes xurídicos moi potentes e que van pelexar moi duro ata o final”, advirte.

As empresas seguen estirando o chicle, están afeitas a facer o que lles dá a gana e a nós cónstanos que a día de hoxe moitos gandeiros teñen problemas para cambiar de empresa e todas están a rescindir contratos e baixando os prezos a 29 céntimos

O Sindicato Labrego iniciou no mes de novembro as súas asembleas por toda Galicia para informar aos produtores das posibilidades de reclamar e constata que nun primeiro momento quen se decidía a facelo eran “persoas que non tiñan medo ás represalias que as industrias podían adoptar contra eles, a maioría xubilados ou persoas que xa non entregan leite”, pero a medida que foron transcorrendo os meses animáronse tamén a solicitar indemnizacións produtores en activo, a pesar de que, asegura Xulio, “houbo algunhas industrias que presionaron aos gandeiros para que non reclamasen, con prácticas de extorsión, temos constancia diso a través dos gandeiros”.

Pero a pesar deste boicot, o SLG considera que o actual proceso “é unha oportunidade para os gandeiros de poñer á industria no seu sitio e á industria teríalle que valer para cambiar de actitude”, di Xulio, aínda que lamenta que “as empresas seguen estirando o chicle, están afeitas a facer o que lles dá a gana e a nós cónstanos que a día de hoxe o cártel segue activo xa que os gandeiros cóntannos que en ocasións teñen moitos problemas para cambiar de empresa e que nalgúns casos, para poder facelo, teñen que pasar unha especie de período de corentena entregando o seu leite a unha queixaría para poder pasarse despois a outra industria”, relata.

Presentamos facturas de leite cobrado a 25 céntimos, eses son os gandeiros aos que compensa de verdade seguir para diante coa reclamación

Outros exemplos da estratexia concertada por parte das empresas lácteas sería, a xuízo do SLG, o feito que “a maioría de empresas están a aproveitar nestes momentos a Lei da Cadea Alimentaria para rescindir contratos e todas están a baixar o prezo a 29 céntimos, esas dúas cousas están a copialas e facendo todas agora o mesmo”, insiste. O mesmo ocorre, di Xulio, no caso do leite ecolóxico, onde “ata o de agora había competencia e os prezos eran bos pero parece que xa se están poñendo de acordo e os prezos están a caer”, afirma.

Finalmente, Xulio recomenda aos gandeiros que non se deixen levar por cantos de serea de grandes indemnizacións e, aínda que enviasen o burofax interrompendo os plazos de prescrición, estuden e valoren o seu caso concreto antes de presentar a demanda definitiva nos tribunais, xa que a contía para percibir vai ser moi distinta en función das circunstancias de cada explotación. “En ningún lugar da resolución da CNMC se fala de 3 céntimos por litro de leite entregado, iso demóstrase despois, e esa contía sae de calcular un prexuízo dun 10% sobre un prezo teórico de 30 céntimos, pero nós tramitamos reclamacións de gandeiros aos que estiveran pagando o leite a 25 céntimos, eses son aos que compensa de verdade tirar para adiante coa reclamación”, afirma.

Tanque de leche en una granja gallega

Tanque de leite nunha granxa galega

ASAGA: “Hai moito bulo interesado das industrias sobre que van repercutir a multa no prezo do leite”

Tamén relata presións das empresas Francisco Bello, presidente da Asociación Agraria de Galicia (Asaga) está a traballar con Sabín Avogados, o bufete santiagués que representou a 17.000 afectados e 70 confrarías tralo desastre do Prestige, e que tramita unha cifra aproximada de 400 reclamacións de gandeiros neste momento.

“Independentemente de que uns avogados sexan máis optimistas que outros e que se saque un resultado ou outro, está demostrado que houbo a existencia do cártel, esperemos que se faga xustiza”, afirma Francisco. Pero os anos transcorridos dificultan nalgúns casos a presentación das reclamacións. “Nestes anos houbo xente que xa se xubilou, outros que formaron ou se integraron nunha SAT; o proceso de tramitación e reunión da documentación é laborioso e complicado e hai casuísticas de todo tipo. Hai xente que mesmo perdeu os papeis das entregas e é difícil reunir facturas ás veces despois de 20 anos”, indica.

Está demostrado que houbo a existencia do cártel, esperemos que se faga xustiza

Ás dificultades inherentes ao paso do tempo únense as presións, abertas ou máis sibilinas, das propias industrias. “Hai moita incerteza e a xente ten certo medo, sobre todo a que segue en activo e entregando á mesma industria desde hai moitos anos, porque se correu a voz de que as industrias van repercutir a multa no prezo do leite. Está habendo moito rumor e moito bulo interesado por parte das propias industrias”, denuncia.

Con todo, Francisco constata que a última hora moitos gandeiros decidíronse a dar o paso de denunciar á súa empresa. “Esta última semana foi unha tolemia, houbo unha avalancha de consultas”, asegura. Asaga non buscou avogados fóra de Galicia. “Queriamos que fosen de aquí e negociamos con eles para que só cobren no caso de que venzan, será unha porcentaxe, o 10%, do realmente cobrado, non do reclamado”, aclara.

Hai xente que mesmo perdeu os papeis das entregas, é difícil reunir facturas ás veces despois de 20 anos

Esta semana presentaron xa unha primeira quenda de reclamacións e se o prazo finalmente se alongase reunirán un segundo lote de envíos. “Nós xa lle estimamos unha cantidade a cada gandeiro nos burofaxes que estamos a enviar, pensamos que desta forma as solicitudes teñen máis consistencia”, conclúe. Hainas dunha contía importante, próxima ao millón de euros, e outras de menor importe, pero en total as reclamacións tramitadas por Asaga suman unha cifra que roldaría os 15 millóns de euros en indemnizacións, a maioría esixidas a industrias sancionadas hai un ano pola CNMC, pero tamén nalgún caso contra empresas que non figuran como integrantes do cártel en base á responsabilidade solidaria que se desprende da resolución de Competencia.

Vacas en producción en una explotación de la provincia de Lugo

Vacas en produción nunha explotación da provincia de Lugo

Agromuralla: “Trátase de cantidades importantes que axudarán a paliar os baixos prezos que seguimos sufrindo”

Na provincia de Lugo, case 300 gandeiros tramitaron as súas reclamacións a través da asociación Agromuralla. O seu presidente, Roberto López, espera que as resolucións nos tribunais sexan favorables ás demandas dos gandeiros e que se poidan recuperar “as cantidades que os produtores deixamos de percibir durante máis dunha década, importantes ingresos que son froito do noso traballo e esforzo, que nos pertencen e que temos dereito a recuperar”. “Trátase de cantidades moi importantes que sen dúbida axudarán á viabilidade de moitas das nosas explotacións e a paliar os baixos prezos en orixe que seguimos percibindo a día de hoxe”, asegura o presidente de Agromuralla.

E insiste: “ademais de recuperar un diñeiro que é noso, só coa reclamación dos danos sufridos poderemos lograr que non se repitan estas condutas irregulares en contra dos produtores”. “Debemos facernos respectar e defender o noso traballo e o futuro das nosas familias, igual que fixemos en 2015 cando sacamos os nosos tractores á rúa”, lembra en referencia ás tractoradas polos baixos prezos do leite dese ano, xerme da constitución da asociación creada na provincia de Lugo.

Como resultado das prácticas das industrias, unha alta porcentaxe de explotacións gandeiras pecharon durante estes anos e os que continuamos fixémolo recibindo un prezo inferior por cada litro de leite que vendiamos

Segundo ditaminou hai un ano a CNMC, debido aos acordos entre as industrias, os gandeiros non tiñan marxe para negociar os prezos nin para cambiar de empresa, o que provocaba en moitos casos a venda a perda do leite. “Durante anos non tivemos máis opción que escoller entre vender a nosa produción perdendo diñeiro ou non vender e ter que tirar o leite que producían as nosas vacas, co custo que isto conlevaba. Como resultado, unha alta porcentaxe de explotacións gandeiras pecharon durante estes anos e os que continuamos fixémolo recibindo un prezo inferior por cada litro de leite que vendiamos”, lembra Roberto López.

Agromuralla chegou a un acordo co bufete madrileño Eskariam, unha empresa especializada en demandas colectivas apoiado por un fondo de investimento internacional e que defendeu a camioneiros no caso do cártel dos fabricantes. Eskariam, que levou a cabo unha forte campaña publicitaria en Galicia, suma en toda España máis de 1.700 gandeiros ao que denomina “macro-demanda contra o cártel do leite”, por un valor que está próximo aos 1.000 millóns de euros, aínda que debido ao gran volume de novas solicitudes que recibiron na recta final deste proceso, prevé alcanzar os 2.200 reclamantes, dos que a metade se atoparían en Galicia, onde ademais das 300 solicitudes tramitadas por Agromuralla en Lugo tiveron unha importante presenza noutras das principais zonas produtoras, por exemplo na comarca de Xallas. Castela e León e Asturias acapararían o groso das reclamacións de Eskariam no resto de España.

A normativa europea establece un prazo de prescrición de 5 anos. Nós cremos que finalmente se vai dar esa opción, o que daría a oportunidade para seguir reclamando, sobre todo a gandeiros xubilados e explotacións que a día de hoxe aínda non deron o paso

Eskariam, que nun principio defendía que o prazo finalizaba este sábado 11 de xullo, está a publicitar nestes momentos a súa ampliación ao mes de setembro. Marcos López Mallo, de AC Avogados, despacho colaborador de Eskariam na provincia da Coruña, xustifica o cambio: “O Tribunal Supremo declarou que o prazo de prescrición é improrrogable e non se pode suspender. Por tanto, a pesar da declaración do Estado de Alarma, mantivemos como prazo máximo para reclamar a data do 11 de xullo para evitar que as empresas puidesen alegar que as indemnizacións estaban prescritas por chegar despois desa data. Pero seguiremos tramitando solicitudes ata setembro en base ao Decreto de Estado de Alarma, que xustificaría a ampliación do prazo. Incluso a normativa europea establece que pode haber un prazo de prescrición de 5 anos. Nós cremos que finalmente se vai dar esa opción, pero a día de hoxe non hai nada formal e non se pode dar garantías ao gandeiro nese sentido. Probablemente a finais de ano xa poida haber unha base xurídica para esa ampliación ata 2024, o que daría a oportunidade para seguir reclamando, sobre todo a gandeiros xubilados e explotacións que pechasen e que a día de hoxe aínda non deron o paso”, salienta.

Sala de ordeño en la provincia de A Coruña

Sala de muxido na provincia da Coruña

Caruncho, Tomé & Judel: “Os gandeiros perderon o medo, un boicot das empresas sería imposible”

Un dos despachos galegos que se prestou a defender aos gandeiros nesta causa é o bufete coruñés Caruncho, Tomé & Judel, especializado en materia de competencia e cunha dilatada experiencia contra as prácticas de diferentes cárteles, xa que gañaron ao dos fabricantes de camións e agora enfróntanse ao das industrias lácteas, que pactaron prezos de compra durante anos, segundo ditaminaron as autoridades de Competencia.

O avogado Ignacio Caruncho, director deste despacho con sede na Coruña, constata que “ao principio os gandeiros manifestaban medo a que as industrias lles fixesen boicot e lles deixasen de comprar o leite, pero ao ver que hai tantos que van reclamar nas últimas semanas moitos perderon o medo, porque un boicot con este número de reclamacións é imposible, é distinto que reclamen dous a que sexan miles os que o fagan”, afirma.

As empresas xóganse moito diñeiro e non van chegar a acordos

O seu despacho tramita medio milleiro de casos en toda Galicia, en provincias como A Coruña, Lugo ou Pontevedra, pero tamén en Asturias, León ou Valladolid. “Foi moi rápido, unha avalancha, e hai casos de todo tipo, granxas en activo de máis de 200 vacas pero outras de 7 vacas, moitas xa xubiladas, todas son ben recibidas e todas reciben o mesmo trato, porque non é unha cuestión de negocio, senón de xustiza, estafáronos e imos tentar que se lles restableza esa cantidade”, explica Ignacio.

Dada a súa experiencia en casos deste tipo, asegura que “as empresas xóganse moito diñeiro e non van chegar a acordos cos gandeiros demandantes. Só no caso Bankia, e unha vez que xa perderan unha chea de demandas con costas, o banco decidiu negociar cos afectados”. Pero considera que “non debería haber problema para que os gandeiros gañasen, porque os feitos están probados xa. É só unha cuestión de cuantificar o importe da indemnización, que esa cuestión resólvela cun bo informe pericial. Pero esa é a única discusión, o outro non, os feitos xa están investigados e probados pola CNMC, só falta que o ratifique a Audiencia Nacional”, advirte.

Non debería haber problema para que os gandeiros gañasen, porque os feitos están probados xa. É só unha cuestión de cuantificar o importe da indemnización, esa é a única discusión, o outro non, os feitos xa están investigados e probados pola CNMC

“Agora empeza a guerra pero hai que actuar con prudencia porque en cuestión de dereito da competencia en España non había experiencia nesa materia ata o cártel dos camións, en EEUU por exemplo si. Pero esas pautas que deu aos xulgados o caso dos camións van vir moi ben neste novo procedemento”, asegura. “As sancións impostas teñen que adquirir firmeza e unha vez que iso suceda xa hai máis seguridade á hora de demandar, aínda que as demandas pódense presentar xa mañá mesmo se se quere, pero nun procedemento deste tipo non presentas o groso das reclamacións todas xuntas, primeiro vas ver como respiran os xulgados. Desde que presentas a demanda nun ano podería haber sentenza, un proceso xudicial coma este non debería de ser moi longo”, engade.

En canto aos prazos para reclamar, “falariamos dun prazo ordinario que finalizaría o día 11 de xullo e dun prazo extraordinario. Pero está ben que haxa un prazo extraordinario para que os que quedaron rezagados non queden fóra. Despois está a discusión de se hai un ano ou 5 anos para exercer o dereito de indemnización, baseándonos nunha directiva comunitaria de recente trasposición ao ordenamento xurídico español, pero o prudente é evitar ese tipo de cuestións e interromper a prescrición no prazo dun ano, que coa ampliación polo coronavirus acabaría en setembro. Con toda probabilidade serán finalmente 5 anos pero non é algo seguro e se a xente se confía pódese quedar finalmente fóra por iso”, alerta.

Vista aérea de las instalaciones de Prolesa SAT

Vista aérea das instalacións dunha das ganderías máis grandes da provincia de Lugo

Lucuslex: “A xente non pode dar por gañado este caso nin moito menos, é un tema complexo”

Igual que Sabín Avogados, de Santiago, e Caruncho, Tomé & Judel, da Coruña, Lucuslex, de Lugo, tamén puxo o seu gran de area para defender aos gandeiros galegos nesta causa. Levan xa unhas 550 reclamacións, unhas 350 na provincia de Lugo e outras 200 no resto de Galicia. A maioría son de ganderías en activo e dun volume importante, xa que defenden a algunha das explotacións máis grandes da provincia de Lugo.

“Estamos un pouco decepcionados porque non se está informando como se debería á xente. O primeiro que non se está explicando é que a sanción non é firme e está recorrida polas industrias. A xente non pode dar por gañado este caso nin moito menos, porque é un tema complexo e, pola nosa experiencia nestes asuntos, van pasar polo menos dous ou tres anos ata que se resolva”, advirte Adrián Núñez, que está a coordinar as reclamacións de Lucuslex.

O primeiro que non se está explicando é que a sanción non é firme e está recorrida polas industrias. E vai ser clave que informe pericial utiliza cada un, porque son cálculos econométricos complexos que non pode facer un economista calquera

“Nós somos un despacho de 8 avogados de Lugo, non nos imos a marchar cando isto pase e queremos ser claros cos clientes, por iso tivemos contacto directo e persoal con cada unha destas explotacións”, engade. Desde o principio, Lucuslex defendeu que “o prazo non finaliza o día 11”. “O prazo é de 5 anos por trasposición dunha directiva europea, pero somos os primeiros que estamos a interromper prescrición por cautela e prudencia, pero ese prazo do 11 de xullo é irreal”, asegura Adrián.

Para o éxito das demandas considera que “vai ser clave que informe pericial utiliza cada un, porque son cálculos econométricos complexos que non pode facer un economista calquera. Nós optamos por Compass Lexecom, que xa participou no cártel dos camións, que é o antecedente lóxico neste caso”, di.

volvendo do pasto1

Vacas volvendo do pasto nunha explotación lucense

4atro: “Dame pena que as explotacións que tiveron que pechar polos baixos prezos do leite non reclamen”

Da unión puntual para este caso doutros tres despachos de avogados de Lugo xurde 4atro. Jacobo Vázquez, un dos integrantes do equipo, explica que tamén no seu caso a maior parte de reclamantes son gandeiros que continúan producindo leite a día de hoxe. “Son os que están máis ao día das cousas e máis informados e aínda que lles custe ás veces tomar a decisión por medo a represalias, ao final decídense a reclamar porque en moitos casos a contía que lles corresponde é importante”, indica.

Como os demais bufetes, 4atro está a enviar burofaxes para interromper a prescrición aínda que considera que se poden presentar reclamacións ata setembro. “Xuridicamente é defendible poder chegar ata setembro pola interrupción de prazos procesuais que supuxo o coronavirus, aínda que nós preferimos tamén presentar antes do día 11 as que xa temos para curarnos en saúde e evitar que as industrias poidan ter a máis mínima fenda para opoñerse”, indica.

Sexa con quen sexa, o importante é que os gandeiros reclamen. Aos que seguen en activo cústalles tomar a decisión pero son os que están máis informados

Do centenar de clientes que conseguiron en Lugo, A Coruña e o occidente asturiano, “o 80% son persoas en activo e o 20% restante xubilados”, conta. “Dáme pena que as explotacións que tiveron que pechar polos baixos prezos do leite non reclamen, pero nalgúns casos a persoa que era titular xa faleceu e son os herdeiros os que teñen que facelo”, explica.

Jacobo considera que entre os gandeiros xubilados hai unha “bolsa importante” de persoas con dereito a indemnización que poderían recuperar un diñeiro que lles pertence e que serviría para completar as súas pensións, dado que os cotizantes galegos do réxime agrario están entre os pensionistas que cobran as pensións máis baixas de todo o Estado.

Por iso, di, chegar aos xubilados ou ás explotacións que pecharon para animalos a reclamar é a grande materia pendente deste caso. “Son xente que traballou moi duro e dos que a industria se aproveitou sen ningún tipo de escrúpulo”, lamenta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información