Unións alíase con Eskariam para as demandas contra o cártel do leite

A organización agraria e a compañía de avogados, experta en reclamacións colectivas, suman máis de 7.000 persoas que lle pedirán indemnizacións ás industrias lácteas

Unións alíase con Eskariam para as demandas contra o cártel do leite

Rolda de prensa hoxe de Roberto García (Unións Agrarias) e David Fernández (Eskariam).

O proceso que se aveciña contra o coñecido como cártel do leite será longo. Non se espera que conclúa en menos de 6 – 8 anos, segundo avanzou hoxe o director de Eskariam, unha compañía de avogados que vén de subscribir un acordo con Unións Agrarias para traballar en conxunto nas reclamacións.

Unións Agrarias conta con 5.000 persoas que lle encargaron o caso contra as industrias lácteas, en tanto Eskariam suma máis de 2.000 no conxunto de España. En total, son pois máis de 7.000 profesionais do agro os que lle reclaman cartos ás industrias lácteas a través destas dúas organizacións. “Representamos ó 70% dos reclamantes en toda España”, sostivo o secretario xeral de Unións, Roberto García, na presentación da alianza co despacho de avogados madrileño.

O coñecido como cártel do leite está conformado por dez industrias sancionadas pola Comisión Nacional da Competencia por prácticas ilegais no periodo 2000 – 2013. Competencia considera probado que as industrias, en lugar de competir entre elas, pactaron prezos e repartíronse o mercado de proveedores, o que incidiu en prezos do leite máis baixos no campo.

A sanción de 80 millóns de euros dictada por Competencia contra estas dez empresas foi recurrida polas industrias, polo que se atopa na actualidade na Audiencia Nacional, que non se espera que resolva o caso ata finais do 2021. Probablemente despois o caso remate no Tribunal Supremo.

Procedemento de reclamación
Entre tanto, Unións Agrarias e Eskariam iniciarán por vía civil un procedemento de reclamación de indemnizacións para as máis de 7.000 persoas que representan. Cada caso será particular, pois cómpre analizar os volumes de leite vendidos por cada granxa no periodo 2000 – 2013, así como calcular os danos que se poidan acreditar por vender o leite a un prezo inferior ó que debería ser o prezo normal de mercado.

Desde Unións estiman que o prezo de mercado que correspondería debería ser un 10-15% superior ó pagado polas industrias, polo que como mínimo, reclamaranse 3 céntimos por cada quilo vendido. “As prácticas do cártel do leite supuxeron para as industrias uns ingresos extra anuais de 260 millóns de euros durante ese periodo no conxunto de España”, valora o secretario xeral de Unións.

Para avalar as peticións de compensacións, estanse recabando nestes momentos facturas e documentos de pago que teñan as granxas implicadas. “Temos xa máis dun millón de documentos procesados”, sinala o director de Eskariam, David Fernández, que explica que teñen pechado un acordo cun despacho de avogados americano especialista en reclamacións de danos, así como outro acordo con firmas especializadas en peritaxe.

Unións Agrarias, pola súa banda, xustifica a alianza con Eskariam na busca de sinerxias para lograr de xeito conxunto “os medios de proba máis solventes posibles, así como solvencia económica”. García lembrou que as granxas non terán que pagar nada en tanto non reciban a compensación demandada, de ser ese o caso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información