Cando poderían estar resoltas as demandas contra o “cártel lácteo”?

Explicamos os prazos e o procedemento que queda por diante aos gandeiros que decidiron denunciar ás industrias por pactar os prezos de compra do leite en orixe durante anos e contamos o sucedido a SAT San Antón, a precursora neste litixio

Ganaderia Xuiz limpeza sala de muxido

O paso dado por case 7.000 gandeiros galegos que decidiron reclamar ás empresas que lles estiveron recollendo o leite estes anos a cantidade que lles terían pagado de menos entre o ano 2000 e 2013 é o inicio dun longo proceso xudicial que tardará anos aínda en resolverse.

Os burofaxes enviados estes días teñen por finalidade evitar que o dereito a indemnización prescriba pero, por si sós, non servirán para que os gandeiros cobren. Aínda que poderían avirse a negociar, o máis probable é que as empresas fagan caso omiso a esas comunicacións, polo que os gandeiros terían que dar un paso máis, levando ás industrias ás que estiveron fornecendo de leite aos xulgados.

As denuncias haberían de presentarse diante dos respectivos Xulgados do Mercantil acompañadas dun complexo informe pericial, en base aos anos de entrega de leite e o prezo de venda, que xustificase a cantidade solicitada en calidade de danos e prexuízos, máis os intereses. Xa hai unha denuncia presentada en Granada e celebrouse xa a vista do xuízo, que está pendente de sentenza.

As multas non son firmes aínda e os xulgados poderían impoñer custas

Entre outros motivos, porque algunhas das principais industrias multadas, como Puleva ou Danone, presentaron recurso na Audiencia Nacional contra a sanción da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, que xa se viu obrigada a corrixir nunha ocasión a súa resolución inicial por mor dun recurso contencioso-administrativo anterior por parte das empresas.

As multas, por tanto, e con elas o dereito para pedir danos e prexuízos por parte dos produtores, non son firmes aínda e os avogados que asesoran aos gandeiros neste caso aconsellan esperar a que a Audiencia Nacional se pronuncie para empezar a presentar as demandas nos xulgados, un principio de prudencia necesario xa que os tribunais poderían impoñer custas e na maioría dos casos os propios bufetes de avogados comprometéronse a asumilas eles mesmos.

As sancións impostas pola CNMC ás empresas galegas son de menor contía: 60.000 euros no caso de Aelga e 53.310 euros no caso de Celega

As empresas, xigantes multinacionais en moitos casos, non darán o seu brazo a torcer e pelexarán ata o final para non ter que facer fronte a pagos millonarios que poderían mesmo poñer en risco a viabilidade das propias industrias, sobre todo as de menor tamaño e con menor capacidade de afrontar imprevistos, como as galegas Central Leiteira de Galicia (Celega), con planta en Escairón e propiedade desde o ano 2017 das cooperativas Lemos de Monforte (80%) e Coreber da Laracha (20%); ou a Asociación de Empresas Lácteas de Galicia (Aelga) constituída para representar no Laboratorio Interprofesional Lácteo Galego (Ligal) ás empresas que recollen leite en Galicia, entre elas Feiraco ou Leite Río, que se libraron da multa individual por ter prescrito a súa infracción.

Documentación recabada en rexistros nas sedes das empresas

Por iso, o caso do denominado cártel do leite, que acumula xa case unha década desde os seus inicios, podería dilatarse aínda 2 ou 3 anos máis como mínimo. Segundo consta na propia resolución da CNMC, con data 8 de marzo de 2011 o Servizo de Defensa da Competencia de Castela e León envía ao organismo estatal de Competencia un estudo sobre o sector lácteo na comunidade no que, en base a enquisas realizadas a gandeiros, ponse de manifesto a posible existencia de condutas que infrinxirían a Lei de Defensa da Competencia, en concreto a fixación de prezos. Meses máis tarde, en setembro dese mesmo ano, Unións Agrarias denuncia ante Competencia feitos similares en Galicia e fai constar as dificultades dos gandeiros para poder cambiarse de empresas.

Por mor destas denuncias, as autoridades de Competencia realizan rexistros simultáneos os días 11 e 12 de xullo de 2012 nas sedes de distintas empresas, entre outras a de Lactalis en Vilalba ou a da Asociación de Empresas Lácteas de Galicia, domiciliada en Lugo.

A CNMC considera probado o acordo entre empresas para influír en mercado do aprovisionamento de leite cru de vaca baixando os prezos e maniatando aos produtores

A investigación concluíu cunha resolución en 2015 que sancionaba ás empresas con 88 millóns de euros, aínda que as compañías afectadas recorreron e a Audiencia Nacional ordenou retrotraer o procedemento ao momento inmediatamente anterior a abril de 2014 por defectos de forma. Por este motivo, Competencia revisou en 2019 o expediente e rebaixou a sanción a 80 millóns de euros, resolución que tamén foi recorrida e que se atopa pendente de fallo definitivo.

Prevese, por tanto, un proceso xudicial longo, que podería durar anos e a maioría de bufetes decántanse por esperar o fallo definitivo da Audiencia Nacional antes de presentar o groso das demandas nos Xulgados do Mercantil, aínda que seguramente probarán con algunha, ben con intención publicitaria, ben para analizar como respiran os xuíces e poder corrixir a súa estratexia nas posteriores demandas.

Á espera do pronunciamento da Audiencia Nacional

Contra a resolución de Competencia de 2019, as industrias presentaron de novo un recurso contencioso-administrativo, que se atopa á espera de sentenza definitiva da Audiencia Nacional, que xa aceptou sen embargo as medidas cautelares propostas polas industrias. Nun procedemento que é habitual nos xulgados españois, a finais do pasado mes de xuño a Audiencia Nacional deu opción a Danone, como fixera uns meses antes con Puleva, de depositar un aval que lle permite non ter de facer fronte ao pago efectivo da sanción neste momento, mentres non haxa sentenza firme definitiva.

O recurso actual presentado por Danone e Puleva ante a Audiencia Nacional atópase nunha fase moi inicial do procedemento e non se espera que a Audiencia Nacional dite sentenza ata finais de 2021, e mentres tanto permítese que a empresa francesa faga fronte á multa de 20,27 millóns de euros imposta pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia mediante un aval bancario, como tamén fixera antes con Puleva (10,3 millóns), o que non quere decir que as exima do pago da sanción. 

Non se espera que a Audiencia Nacional dite sentenza ata finais de 2021

Danone e Puleva quedan así exentas polo momento de ingresar o importe da sanción nas arcas do Estado, condicionado a achegar garantía en forma de aval bancario polo importe da multa que lle esixía a CNMC, segundo sinala o auto da Audiencia Nacional, que xustifica que a non suspensión momentánea do pago da sanción produciría “prexuízos de irreparable reparación”, poñendo en “grave risco” a propia viabilidade e continuidade da empresa ou, polo menos, prexuízos de “suficiente entidade e importancia”, polo que decide non facerlles pagar a multa ata que haxa unha sentenza definitiva.

Esta é a segunda vez que a Audiencia Nacional atende a petición das industrias (xa fixera o mesmo no 2015, aceptando avais en todos os casos agás no das asociacións Aelga e Gremio de Indistrias Lácteas de Cataluña) e o fallo únese á longa historia procesual, onde xa houbo unha primeira suspensión do pago da multa e unha posterior anulación da resolución orixinal da CNMC por parte da Audiencia Nacional, que obrigou á CNMC a revisar a súa multa inicial de 88 millóns de euros.

Multa de 80 millóns de euros a 10 empresas por formar un cártel

A sanción actual imposta pola CNMC data de xullo de 2019 e consistiu nunha multa de 80.600.000 euros ás 10 empresas ou asociacións de empresas responsables: Capsa (21,8 millóns), Danone (20,2 millóns), Lactalis (11,6 millóns), Industrias Lácteas de Granada (10,3 millóns), Calidade Pascual (8,5 millóns) e Nestlé (6,8 millóns) son as grandes empresas sancionadas. Ademais, a multa da CNMC afecta tamén a Celega, Senoble, Gremio de Industrias Lácteas de Cataluña e Asociación de Empresas Lácteas de Galicia.

O importe das sancións impostas pola CNMC ingresarase nas arcas do Estado, pero os gandeiros prexudicados poden reclamar ás industrias lácteas o importe que deixaron de cobrar pola manipulación de prezos que o ‘cártel lácteo’ levou a cabo durante o prazo no que estivo vixente

Un dos principais factores que motivou a sanción é que as principais industrias lácteas formaron o que se denomina como cártel, un acordo ilegal entre empresas que, en lugar de competir entre elas para ofrecer mellores prezos, deciden fixar un mesmo prezo de mercado para obter máis beneficio, o que incidiría nun prezo do leite máis baixo. Así, Competencia considera demostrado que as principais industrias lácteas que operan en España actuaron entre 2000 e 2013 de forma concertada no mercado de aprovisionamento de leite cru de vaca no canto de competir entre elas, repartíndose o mercado e pactando o prezo que pagaban polo leite, o que supuxo para os gandeiros un prexuízo económico que poderían reclamar.

Recuperar un 10% de facturación polo leite vendido durante 14 anos

Tal como resolveu o ano pasado a CNMC, as principais industrias lácteas que operan en España actuaron entre 2000 e 2013 de forma concertada no mercado de aprovisionamento de leite cru de vaca, en lugar de competir entre elas, repartíndose o mercado para impedir aos gandeiros o cambio de empresa e pactando o prezo que pagaban polo leite, o que supuxo para os produtores un prexuízo económico que agora teñen dereito a reclamar.

De conformidade coa resolución sancionadora da CNMC, que fala expresamente dun prexuízo para os gandeiros no prezo de venda do leite, estímase unha manipulación do prezo aproximada do 10%, aínda que podería ser mesmo maior en función do resultado concreto da peritaxe de cada granxa, o que significa que cada gandeiro podería reclamar, dependendo do caso, entre 10% e o 12,5% da súa facturación relacionada coa venda de leite cru de vaca durante eses 14 exercicios, máis intereses.

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) é o organismo público que se encarga de investigar e sancionar prácticas ilícitas en materia comercial ou de libremercado

Segundo os cálculos dos distintos bufetes de avogados, os gandeiros afectados poderían recuperar, dependendo de cada caso, na maioría dos casos ao redor de 3 céntimos por litro de leite producido, aínda que noutros casos poderían ser incluso máis, que sería a cantidade detraída entre o 1 de xaneiro do 2000 ao 31 de decembro do 2013 por parte das industrias lácteas. Estas cantidades poderían recuperarse a partir de demandas individuais, pois, ao depender do prezo cobrado en cada caso, as reclamacións non se poden vehicular de forma colectiva.

A maioría de entidades que tramitan reclamacións ofreceron aos produtores non pagar nada en todo o proceso xudicial (gastos de procurador, poder notarial, gasto pericial), salvo que cobren os gandeiros. Nese caso as comisións varían entre un 10 e un 30%, dependendo da opción escollida.

Galicia concentra a maior parte de afectados

Aínda que hai afectados en toda España, a maior parte de gandeiros con dereito a reclamar atópanse en Galicia, onde se concentran máis da metade dos produtores lácteos de todo o Estado e onde os gandeiros cobran os prezos do leite en orixe máis baixos de todas as comunidades autónomas. Ademais, presentáronse tamén reclamacións de gandeiros de Asturias, Cataluña, Castela e León, Estremadura ou Andalucía.

A CNMC dá pé na súa resolución a que todos os gandeiros afectados que entregasen leite durante eses anos poidan reclamar nos tribunais mesmo cando non vendesen o leite producido ás empresas sancionadas, pois a conduta das empresas distorsionou os prezos de todo o mercado, incluído os prezos de compra doutras industrias lácteas, fabricantes de queixos, etc.

Poden reclamar tanto gandeiros en activo como xubilados, entregasen leite ás industrias sancionadas ou a outras do sector

É o que se denomina efecto paraugas, aínda que se trata dunha reclamación de maior complexidade, que esixe un informe pericial específico. Dado que a resolución da CNMC unicamente declara probada a práctica anticompetitiva entre os anos 2000 e 2013, nestes anos o gandeiro só ten que probar mediante facturas ou ingresos bancarios que vendeu leite para poder reclamar, pero as reclamacións correspondentes ao período posterior ao sancionado (anos 2014 a 2020), esixen así mesmo probar que nestes anos tamén continuaron as prácticas contrarias a mercado.

Adicionalmente, hai que ter en conta que a responsabilidade das industrias que formaron parte do cártel é solidaria, o que permite reclamar a unha industria distinta á que se vendeu o leite, unha opción á que poderían acollerse aqueles produtores que continúen na mesma empresa na actualidade para evitar posibles represalias.

Por tanto, todos aqueles gandeiros que vendesen leite entre o ano 2000 e 2013 poden reclamar, aínda que pechasen a súa explotación gandeira desde entón, ben por xubilación ben por cambio de actividade. En Galicia seguen en activo nestes momentos unhas 7.000 explotacións de produción de leite, aínda que máis de 20.000 xubiláronse ou pecharon por falta de relevo ou rendibilidade nestes 20 anos transcorridos e algunhas delas pasáronse á produción cárnica.

SAT San Antón, a cooperativa navarra que levantou a lebre e acabou en suspensión de pagamentos

Durante anos desde o ámbito dos produtores de leite escoitábanse continuas queixas sobre os acordos entre as empresas para pactar prezos. Pero non pasaban diso, de simples queixas. Ata que en 2011 os 16 socios da cooperativa de gandeiros SAT San Antón, de Peralta, en Navarra, decidiron denuncialo.

Aquela valente e inédita denuncia ante as autoridades de Competencia permitiu á CNMC tirar do fío e acabar demostrando que as industrias lácteas pactaban prezos e repartíanse o mercado. Competencia recolleu a luva e púxose a investigar e acabou desentramando os acordos das principais industrias que operan en España para repartirse a subministración de materia prima a baixo prezo. Aquela denuncia ante Competencia permitiu ao organismo público encargado de velar pola transparencia nos mercados actuar fronte ás empresas que pactaban os prezos e que se poñíanse de acordo para ter aos gandeiros cautivos.

A cooperativa de gandeiros navarra SAT San Antón, que tiña entón 16 socios, abriu en 2011 o camiño que permitiu a reclamación masiva por parte dos produtores contra unhas industrias que se estiveron beneficiando deles ao pactar prezos á baixa

O caso do cártel do leite arrinca con esa denuncia, pero a cooperativa navarra que levantou a lebre ante Competencia acabou pagando, nas súas carnes, as consecuencias. SAT San Antón sufriu esas represalias da industria, as mesmas que temen agora moitos gandeiros que non se atreveron a reclamar. Unha tras outra, as industrias deixaron de comprarlles o leite e a cooperativa entrou en concurso de acredores e atópase en liquidación.

Sentenza do Xulgado do Mercantil de Granada

A raíz da sanción da CNMC do ano 2015, que demostraba que as empresas lácteas acordaron prezos durante anos e que daba a razón á denuncia presentada por SAT San Antón, a cooperativa navarra iniciou unha reclamación xudicial contra catro empresas ás que estivera entregando leite para lograr o resarcimiento dos danos e prexuízos sufridos pola súa actuación.

En setembro dese ano enviaron os burofaxes ás empresas (o mesmo que están a facer agora o resto de gandeiros de toda España) e no mes de novembro xa  presentaron as demandas xudiciais en Granada (por ser onde se atopa a sede fiscal de Puleva, contra quen a cooperativa de gandeiros navarros reclamaba a maior contía), admitidas a trámite a principios de 2016. 

Fai un ano que se celebrou a vista no Xulgado do Mercantil número 1 de Granada contra Puleva, Corporación Alimentaria Peñasanta (Central Leiteira Asturiana), a galega Celega e Senoble (agora Schreiber, provedora por aquel entón de Mercadona), ás que SAT San Antón reclama 16,4 millóns de euros, e nas catro sesións do xuízo foron pasando por diante da xuíza os distintos gandeiros, empresas e peritos. Esa cantidade corresponderíase cos danos por una merma de ingresos do 12,87%, tendo en conta que o prezo medio de venda do leite da cooperativa entre o 1 de xaneiro de 2000 e o 31 de decembro de 2013 foi de 31,38 céntimos.

“Ti mira a que liamos”

Como xa fixera en 2011 coa súa denuncia ante Competencia, esa primeira demanda xudicial contra as industrias marcará os pasos a seguir polo resto de gandeiros, pero previsiblemente as demandas presentadas non serán resoltas polos diferentes Xulgados ata que a Audiencia Nacional se pronuncie sobre o recurso presentado polas industrias afectadas, que negan as acusacións de Competencia. De feito, o xulgado granadino aínda non ditou sentenza trala celebración da vista fai xa un ano.

Os 10,5 millóns de dano nominal máis intereses desde entón que reclama SAT San Antón servirían á cooperativa navarra para saldar as súas débedas cos bancos e serían, aínda que fose de maneira póstuma, a súa vinganza contra un sistema no que o produtor segue sendo o elo máis feble da cadea.

A raíz daquela denuncia, primeiro ante Competencia e despois no Xulgado, a cooperativa de gandeiros navarra, que nacera a mediados dos anos 80, foi considerada proscrita polas industrias lácteas, que os ameazaron con deixarlles de recoller. 

Lactoduero deixou de recollerlles o leite a principios de 2016 ás explotacións máis grandes, que pouco a pouco foron pechando nos seguintes meses

SAT San Antón tiña contrato con Lactoduero ata o 31 de decembro de 2015 pero a empresa negouse a renovar e esixiu negociar de xeito individual con cada unha das 16 explotacións que a integraban, ofrecéndolles a algunhas delas un contrato de compra do leite a 16 céntimos e excluíndo ás 6 ganderías máis grandes, que se viron obrigadas a tirar o leite durante a primeira semana de xaneiro de 2016 (algunha cunha produción de máis de 7.000 litros diarios) até que intermediou o Goberno Navarro para que lles reanudaran a recollida. 

Nesas condicións tan só aguantaron as explotacións máis pequenas e o resto, foron vendendo as vacas e pechando nos meses seguintes. As que continúan hoxe dando leite, unhas seis, entregan na actualidade a Iparlat, con planta en Urnieta (Gipuzkoa) e que é interproveedora de Mercadona. 

Por iso agora eses gandeiros que se viron obrigados a abandonar o sector miran con esperanza á xustiza. “Ti mira a que liamos. Pero seguiremos adiante, co xuízo de Granada aínda non damos por acabado, non imos permitir que o noso peche lles saia gratis”, afirma hoxe un deses gandeiros, que, malia todo, mantén aínda a mesma determinación que cando, no ano 2011, presentaron aquela primeira denuncia ante Competencia. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información