Unións tramita 5.200 reclamacións de Galicia, Asturias, Castela e León e Estremadura contra o “cártel lácteo”

A organización agraria impulsará unha campaña informativa ata setembro para chegar a un maior número de afectados e lembra que no ano 2000 había en Galicia 35.000 explotacións dando leite que se viron prexudicadas por "manobras ilícitas da industria que fixeron que os prezos en orixe en Galicia se mantivesen conxelados durante anos moi por debaixo da media estatal e europea"

tanque leiteMáis de 5.000 gandeiros reclamarán, da man de Unións Agrarias, compensación económica polo diferencial entre o prezo percibido polo leite vendido entre 2000 e 2013 e o que deberían ter cobrado de non ser polas prácticas ilícitas das que as industrias se valeron para manter os prezos en orixe anormalmente baixos durante eses anos.

Mediante a presentación das interrupcións da prescrición correspondentes, a organización vén de iniciar un procedemento ao que se teñen sumado afectados de Galicia, Castela e León, Estremadura e Asturias. Un volume de reclamantes que dá mostra da magnitude do problema, pero que de seguro se incrementará nos vindeiros dous meses. Ese é o obxectivo da organización agraria, que ata setembro impulsará unha campaña informativa para chegar ao maior número posible de afectados.

Unións Agrarias agradece a confianza depositada na organización polos arredor de 5.200 gandeiros que teñen decidido efectuar as súas reclamacións ás industrias lácteas a través do seu equipo xurídico. A 11 de xullo, data na que inicialmente expiraba o prazo legal para que os afectados manifestasen a súa vontade de exercer o seu dereito a reclamar; son 4.500 gandeiros galegos; 300 de Castela e León; algo máis de 300 de Asturias; e outros 50 de Estremadura os que xa decidiron impulsar as correspondentes reclamacións a través da organización agraria que, no 2011, impulsou a denuncia diante de Competencia grazas á que hoxe se abre a posibilidade de que os titulares das explotacións opten a estas compensacións económicas.

O prazo aínda non rematou

De calquera xeito, Unións Agrarias confía en que o número de reclamantes se incremente aínda ata setembro; pois se ben o período para interromper a prescrición remataba o 11 de xullo, este tense incrementado debido á interrupción dos prazos establecida polo Real Decreto 463/2020 polo que se declarou o Estado de Alarma. Así as cousas, a organización anima a todos os gandeiros que entre 2000 e 2013 se dedicasen á venda de leite a non deixar pasar a ocasión de recuperar os ingresos que lles foron detraídos debido ás prácticas colusorias das industrias. Unha reclamación que poden efectuar sigan ou non en activo; e que, no caso de que os titulares da explotación teñan falecido, tamén teñen dereito a impulsar os seus herdeiros.

UUAA é a organización que a día de hoxe aglutina un maior número de follas de encargo de gandeiros en todo o territorio nacional. Unha cifra que confía en incrementar nos vindeiros dous meses. Co trámite realizado neste momento mediante a presentación da solicitude de interrupción da prescrición iníciase un procedemento que demorará no tempo, pero que supón, a xuízo do sindicato, “unha oportunidade histórica para que os gandeiros sexan compensados polas prácticas ilícitas impulsadas durante anos polas industrias e para comezar a impulsar unha relación máis xusta”.

No ano 2000 o número de explotacións existentes en Galicia roldaba as 35.000. Unións lembra que todas elas teñen dereito a reclamar e anima aos gandeiros que xa se teñan xubilado a non resignarse e a exercer o seu dereito a recuperar os ingresos que o “cártel” lles quitou do peto “cunhas manobras que conseguiron que os prezos do leite en orixe en Galicia se mantivesen conxelados durante anos e moi por debaixo da media estatal e europea”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información