Unións Agrarias solicita que Competencia e a AICA investiguen ás industrias cárnicas por pactar prezos ás ganderías de carne por debaixo dos custos

Félix Porto e Xosé Ramón González na rolda de prensa

Félix Porto e Xosé Ramón González na rolda de prensa

O luns desta semana Unións Agrarias presentou denuncia ante a AICA española e a galega e ante a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia polo que consideran “venda a perdas que as industrias galegas están a forzar no sector cárnico de vacún”.

“Cun diferencial de máis dun euro entre o que custa producir un quilo de carne e que as explotacións están a percibir por el; e vista a homoxeneidade duns prezos que, ao igual que acontecía no leite, se lles impoñen a produtoras e produtoras de xeito unilateral e sen marxe para a negociación; entendemos que hai indicios máis que de sobra para que as administracións e os organismos competentes inicien actuacións, investiguen a fondo e actúen para poñer couto a unhas prácticas que atentan contra a rendibilidade e o mantemento das explotacións cárnicas de vacún do noso país”, xustifican dende Unións.

Os datos feitos públicos pola Xunta de Galicia, correspondentes a un estudo de custos encargado pola administración autonómica á Fundación Juana de Vega, son a base que sustenta a denuncia realizada por Unións Agrarias. “E é que de acordo coas cifras feitas públicas en 2023, tras o forte incremento dos custos de produción que a invasión de Ucraína e a seca trouxeron ao sector produtor, producir un quilo de carne de vacún custaba o ano pasado 7,60€. Porén, o prezo que as explotacións galegas percibiron foi tan só de 6,20€”, explican.

Engaden dende Unións Agrarias que “non se trata dunha situación nova, pois xa en 2022 outro estudo realizado polo mesmo organismo tamén a instancias da Xunta cifraba ese custo de produción en 6,20€; un euro por debaixo dos 5,20€ que daquela cobraron as granxas”.

Á marxe das sancións que “este comportamento xeralizado e reiterado” podería carrexar para as máis de 100 industrias cárnicas que operan en Galicia, Unións Agrarias pretende que a súa denuncia “sirva de punto de atención para que as cousas comecen a facerse doutro xeito”.

Por iso, reclama que todas as industrias englobadas dentro de Asogacarne sexan investigadas e insta ás administracións a habilitar a xa tan demandada figura do mediador. “Non pretendemos que se sancione a ninguén, senón que se constate a realidade que tanto tempo levamos denunciando e que as administracións activen os mecanismos pertinentes para frear este tipo de comportamentos que impiden que as gandeiras e gandeiros cobren prezos xustos polas súas producións”, precisan.

Dentro da IXP Ternera Gallega comercialízanse anualmente 60.000 becerros dunha media de 200 quilos. Unhas cifras que, segundo os cálculos de Unións, elevan ata os 12 millóns de euros ao ano o diferencial entre os custos de produción que soportan as explotacións e os ingresos que perciben polo seu traballo. Unhas cifras ás que habería que sumar as correspondentes ao 30% da produción que se comercializa á marxe da Indicación Xeográfica Protexida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información