Unións Agrarias denuncian que “unha campaña de asedio por parte de CAPSA contra nós”

Félix Porto e Óscar Pose este martes diante dos xulgados da Coruña

Félix Porto e Óscar Pose este martes diante dos xulgados da Coruña

Unións Agrarias denuncia publicamente o intento de Corporación Alimentaria Peñasanta (CAPSA Food), propietaria de marcas como Central Lechera Asturiana ou Larsa, “de amedrentar e frear a actividade da organización na defensa dos dereitos do sector produtor”.

Representantes da organización trasladáronse este martes ata o Xulgado do Mercantil número 3 da Coruña para participar nunha sesión relacionada coa demanda interposta por esta industria láctea contra a organización agrogandeira. “Unha actuación sen precedentes que supón un atentando contra a liberdade sindical e o dereito á negociación colectiva dun sector que leva anos padecendo os comportamentos abusivos das industrias lácteas”, lamentan dende Uións.

“Nunca ata este momento ninguna industria se atrevera a facer o que agora está facendo Capsa: tentar amedrentar e calar a unha organización coñecida e recoñecida polo seu traballo na defensa dos dereitos do sector produtor en Galicia”, advirten.

Tras as denuncias públicas realizadas nos últimos anos por Unións Agrarias, Capsa Food ten interposto demandas por competencia desleal e por infracción do dereito ao honor, tanto contra a organización no seu conxunto como contra varios dos seus representantes. “Unha actuación que non ten cabida e que corrobora a nula vontade desta industria de cumprir coa lei e cos seus deberes de negociación colectiva e de pagar prezos por enriba de custos”, sinalan dende Unións.

A organización agraria amósase tranquila e confiada ante “unha guerra que sen ningún xénero de dúbidas imos gañar. E é que todas e cada unha das acusacións verquidas pola organización nos últimos 3 anos son verídicas e facilmente demostrables”.

“Non imos amedrentarnos, senón todo o contrario: ratificámonos en todo canto dixemos nos últimos anos, para denunciar os continuos incumprimentos da Lei de Cadea Alimentaria e o desaxuste existente entre os custos de produción, en aumento, e os prezos do leite que as industrias estaban a pagar ás explotacións”. Así o aseverou o secretario de Coordinación Sectorial e Área Externa de Unións  ás portas do xulgado, onde reforzou a vontade da organización de seguir cumprindo co seu papel. “Non imos rectificar nin unha soa das palabras que dixemos no seu día e imos seguir traballando para facer cumprir os direitos de gandeiras e gandeiros e do sector produtor no seu conxunto”.

Unións Agrarias chama a atención sobre “o modus operandi dunha industria que xa foi sancionada pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia por pactar prezos e incorrer en prácticas anticompetitivas en detrimento dos intereses e dereitos dos produtores”. Igualmente, destaca o feito de que “o máximo responsable de Capsa sexa tamén unha persoa con responsabilidades na Federación Nacional de Industrias Lácteas. Algo que corrobora as prácticas abusivas ás que as industrias lácteas están afeitas e que Unións Agrarias continuará denunciando publicamente”. “O que estamos vivindo neste momento -engaden- demostra unha vez máis que non existe negociación colectiva e que as industrias pretenden seguir impoñendo condicións á marxe do que dita a lei. Están afeitas a actuar dese xeito, e cando non conseguen o seu obxectivo tentan amedrentar pola vía xudicial. Algo intolerable que non nos vai calar”.

A organización reitera o “desaxuste claro” que existe entre o prezo que as industrias lácteas pagan aos produtores galegos e aos asturianos. Unha diferenza de prezo constatable que nos últimos meses acadou os 7 céntimos por litro de leite e que, ao igual que Unións Agrarias, tamén ten denunciado publicamente o propio conselleiro do Medio Rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información