Contar cunhas instalacións axeitadas e facer un bo manexo son as claves para unha vida sen estrés das vacas dentro dos establos. Acadar ese cow confort é unha das máximas de Gandería Cid, unha explotación leiteira ubicada en Vilamartín Pequeno, no concello de Barreiros.
Bonet Cid é quen está hoxe á fronte desta explotación de tres xeracións, que el herdou do seu pai, Narciso, e do seu avó, Hermógenes. A historia da gandería estivo sempre centrada en buscar máis comodidade para o gando e o aumento no número de cabezas da granxa trascorreu sempre parello á ampliación e mellora das instalacións.
Bonet representa a terceira xeración de gandeiros na familia e herdou o gusto polo coidado dos animais do seu pai Narciso e o seu avó Hermógenes
“Onde temos a sala de espera era o establo antigo, onde había uns cubículos que nunca se utilizaron porque non eran cómodos, así que as vacas comían dentro e despois saían a fóra a un patio de recreo”, lembra Bonet, que daquela era un neno.
Eses primeiros cubículos eran dun metro de ancho e estaban contra a parede e nunca puideron ser utilizados. “As vacas non eran capaces de deitarse neles, simplemente porque non collían neles, é coma se a nós nos meten nunha caixa de zapatos, non nos acomodamos”, compara.
Os primeiros cubículos que se fixeron nunca puideron ser utilizados porque as vacas non collían neles
Con aquela experiencia, en 1998 decidiron cambialos e facer un lote de 40 cubículos xa con dimensións válidas hoxe en día. “Eses cubículos están funcionando aínda na granxa, teñen 1,23 metros de centro a centro con 1,80 metros de cama e están nas medidas que se piden hoxe”, explica.
No ano 2003 acometeron unha ampliación das instalacións, facendo unha nave nova paralela con máis cubículos das mesmas dimensións e aproveitando os 40 que fixeran 5 anos antes. “Ese establo é no que seguimos traballando hoxe, ten capacidade para 100 animais en lactación”, conta Bonet.
Amplitude e espazo nas instalacións
As instalacións case van facer 20 anos, pero as dimensións coas que foron deseñadas e construídas no seu momento permiten amplitude tanto para o gando como para os que traballan con el. “No que é a nave non tivemos que facer cambio ningún para pasar a certificación. As dimensións tanto de pasillos como de cubículos xa cumplían perfectamente”, explica.
É moi importante que a vaca teña o espazo suficiente, é moito mellor facer 20 cubículos menos pero que os que fagas sexan amplios e cómodos porque o vas gañar en pouco tempo
“É moi importante que a vaca teña o espazo suficiente. Ás veces cando facemos o deseño dunha obra acurtamos un pouco as dimensións para aproveitar o sitio, pero é un erro, é moito mellor facer 20 cubículos menos e que os resultantes teñan as medidas suficientes, porque o que deixas de ingresar pola diferenza no número de cabezas valo gañar en pouco tempo en produción grazas á comodidade das vacas”, asegura.
Evitar accidentes para gañar en lonxevidade
Evitar accidentes é un dos obxectivos desta gandería para reducir así as baixas por descartes involuntarios de animais. “Nun sistema intensivo un dos motivos polos que máis mortalidade pode haber na granxa é por accidentes, desde esvarar as vacas, a mancarse ou meterse debaixo dun ferro. Nós tratamos de minimizar iso”, explica, algo no que a amplitude dos establos xoga un papel fundamental, ao igual que un manexo pausado que non apure ao gando.
Tratamos de minimizar os accidentes do gando para evitar as baixas de animais por este motivo, que nun sistema estabulado é unha das principais causas de descartes
Gandería Cid non ten problemas de enfermidades metabólicas nin de saúde de ubre, polo que reducir os accidentes permítelles aumentar a lonxevidade do gando e a vida produtiva das vacas.
Recría na Granxa Gayoso Castro
Hai ano e medio empezaron a mandar as becerras ao centro de recría posto en marcha na Granxa Gayoso Castro, propiedade da Deputación de Lugo e xestionado por Seragro. “O que me queda na casa de recría neste momento, que son xovencas adultas, están fóra pacendo”, explica.
Entre os 10 e os 15 días de vida as becerras marchan ao centro de recría, unha vez feita a proba de cartílago. Os xatos mantéñenos un pouco máis na granxa para que sexan un pouco máis grandes á hora de vendelos aos cebadeiros.
Decidiron externalizar a recría para gañar espazo e tempo para vacas en produción e empregar a man de obra que aforran nestas tarefas en muxir tres veces ao día
Tomaron a decisión de externalizar a recría porque non estaban satisfeitos cos resultados que obtiñan facéndoa eles na casa. “Non o estabamos facendo como eu quería, porque as instalacións non o permitían, para facelo ben teriamos que facer instalacións novas, porque a zona de recría que tiñamos era para unha granxa con 40 vacas en produción, non era para unha granxa de 100. Ese é un mal endémico de moitas explotacións e o que non podemos facer é como facemos moitos, que é encher de garitos ao redor das casas para albergar as xovencas, porque iso non é recriar ben. Aquí estaban dentro ata que empreñaban e logo botábanse fóra. Pero non é o mesmo facer pastoreo que botar o gando fóra”, argumenta.
Un mes de retraso no parto dunha xovenca non parece nada, pero en 10 xovencas xa é unha lactación que perdes
“Marcarse obxectivos é doado, pero despois moitas veces chegar a cumprilos é moi complicado, sobre todo se non tes instalacións para poder traballar adecuadamente. Eu quero que as xovencas paran entre os 22 e os 24 meses pero facendo a recría nós era moi difícil de conseguir, porque moitas veces non podías inseminar en función de cómo estivese preparada a xata, senón do sitio que tiñas dispoñible e penso que é algo que lles pasa tamén a moitas outras explotacións, condiciónannos tanto as instalacións que os lotes facémolos daquela maneira. Como o espazo que tiñamos era ridículo, ás veces facíache falta o sitio e inseminabas cedo de máis, antes de tempo, para poder botala ao prado e deixar sitio para outra, pero a xata non estaba preparada, de tamaño ou condición física igual si, pero o seu sistema reprodutivo non, e perdías a dose. Despois tiñas que repetir. Ou tiñas problemas de infeccións respiratorias por carga de máis. E un mes de retraso nunha xovenca non é nada, pero en 10 xa é unha lactación completa que perdes. E despois está outra cuestión, a maiores da perda de produción, a reposición nunha xovenca que che pare aos 23 meses é menor que se che pare aos 26 e aí tamén aforras un pouco”, indica.
Tres muxiduras diarias
Xunto á externalización da recría, outra das modificacións que introduciron no último ano no xeito de traballar foi pasar de dúas a tres muxiduras diarias. “No mes de xullo do ano pasado empezamos a muxir tres veces para, co gando que había, tratar de sacarlle máis rendemento á explotación”, di.
A idea de Bonet polo de agora non é ampliar a explotación, senón obter o máximo rendemento ao número actual de cabezas que teñen
Malia que habitualmente é un sistema que se aplica en ganderías de maior tamaño, Bonet afirma que se adapta tamén a explotacións de tamaño medio como a súa. “Aquí estanse muxindo ao longo do ano unha media de entre 90 e 100 vacas e eu estou contento co sistema. Son eu só con dous empregados e o que fixemos foi reorganizar as quendas de traballo, estabamos a xornada partida e pasamos a xornada continua, co que os empregados están máis contentos e incluso temos máis tempo libre. Eu estou todos os días ás 6 da mañá na granxa e os descansos dos empregados cúbroos eu, pero aínda así lévase o traballo doutra maneira”, explica.
Moxen ás 6 da mañá, á unha da tarde e ás nove da noite
Ao pasar de muxir dúas veces ao día a tres, lograron un aumento de produción de entre 5 e 6 litros. “Agora estamos entre 41 e 42 litros de media, coa mesma alimentación, aínda que é certo que ao muxir tres veces tamén comen máis. Nós temos calculado que o consumo da ración subiu entre un 6 e un 7%, pero en produción subimos un 15%, que é bastante”, recoñece. “Aquí agora con tres muxiduras hai algunha vaca que pica os 80 litros diarios, con dúas muxiduras esas vacas de alta produción non estarían nesas cifras, moveríanse en 65 ou 70 litros”, engade.
Lograron un aumento de produción dun 15% ao pasar de dúas a tres muxiduras e o consumo da ración en pesebre incrementouse nun 7%
A maiores, as vacas que están en pico de lactación con altas producións agradecérono e están máis cómodas, con menos presión de leite no ubre. Isto tamén provocou unha mellora do benestar xeral dos animais, con menos estrés e menos présas por acudir á sala de muxido, o que redundou nunha redución drástica dos accidentes do gando.
Eu noto que con tres muxiduras as vacas están mellor e teñen un maior benestar animal, non están con 30 ou 35 quilos de leite no ubre, que iso é peso e é incomodidade para elas
“Notámolo moitísimo, antes igual tiñamos un 7 ou 8% de baixas por accidentes, que é moitísimo, malia ter os patios raiados, e agora iso baixou á metade, tan só tivemos tres descartes por ese motivo neste ano. Eu achácoo a que a vaca está máis descansada, non ten quilos de ubre nin ves nada de goteo de leite nos patios, que é un problema en vacas de alta produción. Agora camiñan moito mellor, están máis lixeiras e non hai esa competitividade entre elas, non están tan ansiosas por muxirse”, di.
O descarte, se é voluntario, dá diñeiro e máis cando o espazo é limitado. Nós andamos rondando o 25% de descarte, pero só un 3 ou 4% é por accidentes. Antes era o dobre
Outra das vantaxes de facer tres muxiduras é que a granxa está “máis vixiada”. “Antes, cando muxiamos dúas veces ao día, empezabamos ás 6 e media da mañá e ás 8 da tarde xa non había ninguén no establo. O horario de traballo dos obreiros era daquela de 6 e media a 11 pola mañá e de 4 a 8 pola tarde. Agora un deles empeza ás 6 da mañá e marcha ás 3 da tarde, cunha hora de descanso, e o outro vén ás 3 e está até as 12 da noite cunha hora de descanso tamén”, detalla Bonet.
Adaptación da sala de muxido cun arrimador
Moxen ás 6 da mañá, á unha da tarde e ás nove da noite. “Lévanos unhas dúas horas. Antes pasabamos das dúas horas e media. Agora cada muxidura leva menos tempo, porque moxes menos litros de cada vez, pero en conxunto incrementas o tempo de uso da sala”, di.
Ao pasar de muxir dúas persoas a facelo unha soa incorporaron un arrimador automático na sala de espera para achegar o gando a zona de muxido
A sala mantense no mesmo espazo desde os comezos da estabulación libre na explotación e ao pasar hai un ano de muxir dúas persoas a facelo unha soa incorporáronlle un arrimador automático na sala de espera para ir achegando as vacas. “O que é a obra da sala ten 40 anos, o que se fixo foi cambiar a maquinaria. É como se temos un coche de 40 anos pero cambiámoslle todo, o motor, a distribución, etc., pero a carrocería é a mesma”, compara.
Os gastos de consumo de luz, mantemento da sala, consumibles e produtos de hixiene e lavado aumentaron, pero ao non ter que incorporar persoal, o incremento de produción logrado compensou estes custos.
Alimentación mediante cátering
Para poder atender o gando sen necesidade de incrementar a man de obra e non ter que supeditar o número de animais á dispoñibilidade de superficie agraria, Gandería Cid optou fai anos por alimentar as súas vacas coa mestura húmida que lle subministra a empresa Comercial Agropres, a primeira que comezou a ofrecer este servizo na zona da Mariña.
Estamos contentos neste sistema, sobre todo porque non se falla
“Estamos contentos neste sistema, sobre todo porque non se falla, aquí vén un camión ás 9 e media da mañá todos os días. A verdade é que o tema da alimentación do gando e o traballo de campo témolo bastante controlado deste xeito, é algo do que me despreocupo porque da sementeira e de preparar as terras para o millo tamén se encargan eles. Desta maneira nós podemos estar centrados exclusivamente en muxir e na atención e o coidado do gando no establo”, detalla Bonet.
Novas instalacións para as vacas secas
Para as vacas secas, que representan habitualmente entre un 10 e un 14% da cabana, acaban de facer agora, aproveitando a nave que usaban para a recría e que reformaron por completo, unhas novas instalacións con 20 cornadizas e 17 cubículos, buscando unha maior comodidade e acurtar os tempos de recuperación antes do parto. “Aquí a media de secado está en 50 días, ese é o tempo habitual de recuperación, e esas vacas témolas dentro”, indica.
Aquí a media de secado está en 50 días
Teñen unicamente fóra algunha vaca que tiveron que secar antes de tempo. “Tan só arredor dun 3% ou 4% das vacas secas están fóra. O criterio que usamos é vacas que na lactación pasaron algún problema e que as tivemos que secar con 80 días en vez de con 50, nese caso esas vacas van para fóra eses 80 días porque deste xeito recupéroas antes”, conta Bonet.
“Nun sistema intensivo é un erro ter as vacas fóra”
Pero “nun sistema intensivo eu penso que é un erro mandar fóra o gando”, afirma. “En preparto ves as vacas fóra no prado e velas moi ben, pero cando chega a hora de postparto sofren moito máis, o tema de estrés é moito maior nestes casos, por iso eu penso que é un erro mandar as vacas secas fóra. É outra alimentación, non está tan controlada, e despois esas vacas non poden producir 40 litros de leite”, razoa.
As vacas que pasan fóra o preparto sufren moito máis no postparto, a adaptación posterior ao parto é moito peor e moito máis problemática
Bonet tivo xa algunha mala experiencia que pon como exemplo: “O ano pasado tiña saturado o lote de preparto na granxa e tocáballes entrar a 4 xovencas, pero como non tiña sitio púxenas fóra, ao lado da nave, onde lles pechei un cacho de terreo para telas máis controladas e lles puxen un comedeiro para ir introducíndoas na alimentación de lactación. Pois esas 4 xovencas tiven que operalas de desprazamento de abomaso tralo parto, sendo que aquí non temos habitualmente ningún problema de cuajar en ningunha primeiriza. Pero esas vacas en concreto unha vez que parían víalas como ían achicando día a día. Eu non digo que as vacas fóra non estean mellor elas para descansar e para o tema de evitar accidentes o campo é o mellor, está claro, pero a adaptación posterior ao parto é moito peor. Para poñer unha vaca a punto para parir, como estar controlada dentro nada, sexa en cubículo ou en cama quente ou no que cada un teña”, argumenta.
Colchoneta para o preparto e carbonato con serrín para a lactación
Aínda que Bonet considera que o mellor sistema para as vacas secas é a cama quente, e malia que optou por desfacer igualmente por completo as instalacións que tiña das xovencas, puxo de novo cubículos. “O meu gusto sería ter as vacas secas en cama quente pero no sitio que tiña con cama quente albergaba moi poucos animais, polo que optei por volver poñer cubículos con dimensións un pouco máis amplos que os das vacas en produción, de 1,26 metros de centro a centro, e cun sistema de colchoneta novo, que ten 14 centímetros de flexibilidade”, detalla.
Non puidemos optar pola cama quente debido ás dimensións, porque nos permitía albergar moi poucos animais, pero queremos cubrir un pequeno patio de recreo con area de 250 metros cadrados ao lado dos cubículos para que poidan saír todo o ano
“Eu sempre fun anti-colchoneta, e para vacas en lactación sígoo sendo, pero en vacas que pasan un periodo de secado curto estas novas colchonetas son cómodas e o seu custo de mantemento é cero, polo que permite un aforro, porque en intensivo un dos custos importantes é a alimentación e o outro é o material da cama”, admite.
Cando se fai unha obra non hai que mirar só os custos da obra en si, senón tamén do mantemento. Se non miramos iso estamos perdidos coas marxes tan axustadas coas que traballamos hoxe na produción de leite
Gandería Cid emprega para as vacas de leite camas de carbonato con serrín. Bonet considera que “a curto prazo é un material máis caro que a area pero a longo prazo resulta máis barato”. Entre as vantaxes destaca que aporta abono e supón encalado natural para as terras e non dá problemas no pozo do purín.
Fan as camas dúas veces ao día, despois de muxir pola mañá e pola noite, mentras as vacas se achegan a comer á cornadiza
Para facilitar a descomposición da materia orgánica, a limpeza das canles e reducir tamén os cheiros e a presenza de vermes no xurro, nesta explotación empregan as bacterias de Bioprana, que pulverizan nos corredores polos que anda o gando a través dun sistema automático.
Vacas de concurso
Ao externalizar a recría e cambiar para ese espazo ás vacas secas, que estaban até agora nun lote na nave de produción, van poder incrementar un 10% os animais en lactación no espazo que gañaron no establo.
Contan cunha zona con cubículos individuais para 6 animais, onde as vacas son alimentadas unicamente con raigrás e penso
Para poder incrementar en maior medida as vacas de leite da gandería terían que reformar a zona que neste momento aínda ocupan as vacas de concurso da granxa, un espazo con seis boxes individuais onde os animais non comen ración unifeed, senón que son alimentadas dúas veces ao día con raigrás e penso.
As vacas de concurso tamén dan leite, aínda que requiren dun manexo individualizado que aumenta a man de obra
Gandería Cid era unha das habituais dos concursos, que practicamente desapareceron a raíz da pandemia (o último ao que acudiron foi o de Conafe en setembro de 2019), e Bonet é tamén xuíz internacional (o último que xulgou foi en novembro de 2019 na Bretaña francesa). “Ese hobbie dos concursos sempre me gustou, pero preparar o gando para ir dá moito traballo, porque require dun manexo individualizado que aumenta a man de obra ”, di.
Rosalía James gañou no ano 2007 o Concurso Nacional e Mática acumula 5 cualificacións de Excelente
Esta explotación de Barreiros ten obtido importantes premios neste tipo de certames. Por exemplo, Rosalía James, unha das súas vacas, gañou no ano 2007 o Concurso Nacional e foi calificada como a mellor vaca de España, logrando ser catro veces Excelente. No establo está aínda Mática, outro dos animais destacados, que foi subcampioa de Galicia e con 8 lactacións neste momento acumula 5 cualificacións de Excelente.
A vaca máis lonxeva que hai hoxe na corte suma 10 partos e se está é porque dá leite, que eu de mascota non as quero
“Levamos moitos anos mellorando a xenética”, explica Bonet. Gandería Cid traballa con seme sexado. Póñenllelo ás xovencas que teñen no centro de recría e tamén a algunha primeiriza tralo primeiro parto. Seguen poñendo tamén seme frisón convencional ás vacas multíparas de mérito xenético coas que contan, obtendo un 60% de femias, que tamén recrían. A combinación de sexado en xovencas e primeirizas e convencional nas mellores multíparas permítelles inseminar con carne o resto das vacas, sobre todo aquelas que non lles interesa continuar coa súa xenética no establo.
Até fai 5 anos non se poñía nada de carne, pero o seme sexado é unha ferramenta moi útil que che permite obter un ingreso máis por esta vía unha vez que tes as necesidades de reposición da granxa cubertas
“O seme sexado é unha ferramenta moi útil, porque unha vez que tes cubertas un pouco as necesidades de reposición da granxa, dáche opción a obter un ingreso máis, porque non é o mesmo vender un xato frisón a 30 euros que un azul belga, que é o que poño eu, a 150. Deste xeito, o incremento de custo do sexado sácalo nos xatos que vendes”, indica.
“A certificación de benestar animal debería medir parámetros diferentes en pastoreo e en intensivo porque son dous sistemas diferentes de andar co gando”
Gandería Cid leva moitos anos facendo certificación de boas prácticas a través da cooperativa Os Irmandiños, que foron dos primeiros que empezaron a facelo en Galicia, e dentro desas boas prácticas xa había unha parte que era de benestar animal, na que se miraban cuestións como zonas de descanso, bebedeiros ou pasillos.
Cambiáronse para Río hai 4 anos e agora sumaron a certificación específica de benestar animal Welfare Quality, coa que contan na actualidade todas as ganderías que entregan ao grupo Lence. O camiño andado con anterioridade xa lles valeu para superar sen problemas esta nova auditoría que realiza Aenor.
Leite Río págalle unha prima de un euro en tonelada en concepto de benestar animal
“Tan só tivemos que cambiar a distancia entre os boxes dos becerros. Nós tiñámolos separados un metro máis ou menos para facilitar o manexo e evitar o posible contaxio de enfermidades pero a raíz da auditoría tivemos que pegalos uns aos outros para facilitar a sociabilización dos animais”, explica.
A granxa é supervisada periodicamente tanto por técnicos externos como por parte dos veterinarios de Leite Río. “Esta certificación ten menos papeleo que a de boas prácticas, onde tiñas que gardar todo o de alimentación e fitosanitarios, neste caso vai máis ao importante para a vaca”, explica Bonet.
Non é o mesmo facer pastoreo que botar as vacas fóra
Os encargados de facer a certificación botaron arredor de catro horas na granxa revisando as instalacións e o comportamento dos animais e Gandería Cid obtivo unha puntuación final de 56 puntos, que non é habitual en explotacións leiteiras que non sacan o seu gando a pacer.
Comparar unha granxa en intensivo cunha en pastoreo é como comparar unha finca de millo e outra de raigrás, non ten sentido porque son cousas distintas
“Nun sistema intensivo subir de 50 puntos é complicado, porque a certificación penaliza as granxas co gando estabulado. Sendo o máis profesionais posibles estás entre 50 e 60 puntos, cando se fas pastoreo é máis doado pasar deles. Eu penso que debería haber distintos criterios á hora de medir o benestar animal, igual que non se poden comparar producións dun sistema e doutro, nin custos de produción, porque son cousas distintas. A lexislación debería contemplar aspectos distintos tamén en relación ao benestar animal para unhas gandería e outras, mirando cousas específicas dun e doutro sistema, para min é erróneo usar a mesma vara de medir e meter todo no mesmo saco”, argumenta Bonet.
Diferenzas de criterio en Europa e en América
“Unha vaca en calquera sistema, se lle deixamos vida libre é un desastre. Dalgunha maneira as vacas témolas que ter controladas. Se as botamos libres en pastoreo e non as cercamos, sería un desastre, porque a metade do pasto apedraríano. E neste sistema igual, se non poñemos separadores de cubículos, se non poñemos trabadizas, sería un desastre e habería accidentes a mazo”, considera.
Unha vaca en calquera sistema, se lle deixamos vida libre é un desastre. Dalgunha maneira as vacas témolas que ter controladas
Bonet é dos que cuestiona os prexuizos que existen sobre o benestar animal nas explotacións en intensivo que non botan o gando a pacer. “No ano 2013 fun facer unha visita a Canadá. Alí o 80 ou 90% das explotacións eran coas vacas amarradas e os becerros estaban en boxes individuais pero amarrados tamén cunha cadea coma se fosen o can da casa. E tanto as vacas coma os xatos estaban impecables, a verdade é que vías granxas espectaculares con ese sistema de amarre canadense e con educador, co gando limpo e super coidado. E sen embargo aquí a normativa de benestar non permite iso”, compara.
Valorado polo consumidor e esixido polas industrias
O benestar animal é un aspecto cada vez máis valorado e demandado polo consumidor e esixido polas industrias aos gandeiros. “O presente e o futuro vai por aí, as explotacións temos que facer benestar porque neste momento xa hai industrias que se non tes o certificado xa non che recollen. Pero é necesario que se prime máis no prezo do leite, porque moitas veces economicamente se tes que adaptar as instalacións xa non compensa”, asegura.
As vacas falan por si soas. Se están ben alimentadas, teñen bebedeiros, descanso, luz, ventilación, etc, producen leite. Non hai mellor certificado de benestar ca ese
Con todo, Bonet considera que para o gandeiro sempre é interesante mellorar o benestar e a confortabilidade do seu gando, sexa ou non valorado no prezo do leite polas industrias que o recollen, xa que está relacionado co cow confort e acaba redundando en maior produción e rendibilidade.
“As vacas falan por si soas, podes puntuar máis ou menos en benestar, pero se as vacas dan produción é que están ben coidadas, que están sas, ben alimentadas e confortables. Eu creo que non hai mellor certificado de benestar ca ese”, defende.
Reportaxe elaborada por Campo Galego coa colaboración comercial de Grupo Lence