Finca Mouriscade, a quinta mellor granxa de España en calidade xenética

En menos de tres anos, a gandería dependente da Deputación de Pontevedra pasou do posto número 35 ao 5 no índice combinado ICO, que avalía a calidade xenética dos animais

A granxa da Finca Mouriscade da Deputación de Pontevedra mantén a súa imparable escalada e xa é a quinta mellor explotación gandeira de toda España. En menos de tres anos pasou do posto número 35 ao 5 no índice combinado ICO, que avalía a calidade xenética dos animais. Unha clasificación que apuntala ao centro coma unha referencia no sector agrogandeiro a nivel nacional.

Ganderia Mouriscade _vacas

A granxa debutou nesta clasificación que elabora a Confederación de Asociacións de Frisoa Española (Conafe) no posto 35, o pasado ano subiu ata o 12 e pechará este 2023 na quinta posición. Mouriscade queda por detrás de dúas ganderías barcelonesas (primeira e cuarta), unha coruñesa (terceira) e a lalinense G. B. Gandería (segunda).

“Esta nova subida no ranking confirma que as xatas que naceron en Mouriscade a partir dos últimos embrións e o traballo realizado polos profesionais do laboratorio contribúen de xeito decisivo á mellora xenética da gandería e, como consecuencia, á mellora da eficiencia produtiva das ganderías da provincia”, destacan dende a Deputación.

Coa posta en marcha do plan de revitalización para consolidar a Finca como referencia internacional, a calidade da gandería de Mouriscade está a evolucionar de forma continua e conta con varias reses entre as mellor puntuadas do Estado. A finalidade é seguir medrando e consolidar a Mouriscade como un gran referente entre as ganderías con maior calidade xenética de España.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información