O vacún maior mantivo esta semana a tendencia á alza na Central Agropecuaria de Galicia-Abanca con subas en case tódalas categorías. Tamén os becerros de cebo rexistraron esta semana subas en todas as seccións. Mentres, nos tenreiros de recría frisóns houbo unha baixada xeral dos prezos de referencia.
Nas mesas de porcino, o prezo do porco cebado continúa estable. Mentres, os leitóns experimentan unha nova suba. No mercado do ovo houbo tamén incrementos dos prezos nalgunhas das categorías esta semana.
Este martes dende a organización da Central tamén fixeron público o calendario das próximas feiras. Por mor das festividades de Nadal suspenderase a feira do día 26 de decembro, mentres que se manterá a do día 2 de xaneiro.
Prezos do vacún
Facemos agora un repaso detallado polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos. É preciso ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.
Nos animais de recría de raza frisoa, os machos máis novos, de menos de 20 días, descontaron 13 euros e sitúanse nos 68 euros. Os exemplares frisóns de entre 20 e 50 días tiveron un valor medio de 114 euros (-7). Os becerros pintos de máis de 50 días foron a excepción, cunha suba de 19 euros, o que deixa un prezo de referencia de 160 euros.
Nos becerros de recría de cruces industriais, a tendencia xeral foi á alza, agás os tenreiros máis novos, os exemplares con menos de 20 días. Así, nos machos houbo unha baixada de 51 euros e cotízanse a 312 euros e as femias descontaron 17 euros con respecto da semana pasada e o prezo de referencia é agora de 236 euros. Nos machos de entre 20 e 50 días, o valor medio está nos 429 euros, logo dunha suba de 41 euros con respecto da feira anterior. Nas femias desta categoría o incremento foi de 23 euros e quedan cun valor de referencia de 302 euros. Nos exemplares de máis de 50 días, os machos rexistraron unha suba de 39 euros e pasan a cotizarse de media a 526 euros, mentres que as femias tiveron un aumento de 10 euros e sitúanse nun valor medio de 396 euros.
No caso dos becerros de cebo houbo subas en todas as categorías. Nos machos de cruces industriais rexistrouse un incremento de 78 euros con respecto do prezo medio da semana pasada, e o prezo de referencia foi de 1.137 euros. Nas femias produciuse un aumento de 275 euros e acadan un valor medio de 997 euros. Os machos de Rubia Galega tiveron un prezo medio de 1.204 euros, ó rexistrar unha suba de 107 euros. As femias desta raza están nos 976 euros, logo dun incremento de 58 euros con respecto da semana anterior. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema tiveron un prezo medio de 1.161 euros (+94 euros).
No vacún maior a tendencia foi de novo á alza, agás nos animais de segunda, que descontaron 3 euros con respecto da semana anterior e quedan cun valor de referencia de 742 euros. Pola súa banda, as vacas da categoría extra tiveron un prezo medio de 2.123 euros, o que amosa unha suba de 69 euros. As vacas de primeira experimentaron un incremento de 15 euros e quedan nos 1.147 euros. Os exemplares de descarte cotizáronse a un prezo medio de 529 euros, o que supuxo un aumento de 71 euros con respecto da semana pasada. No caso dos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia o prezo de referencia foi de 2.470 euros (+198 euros).
Subas nos leitóns
Esta semana o porco cebado mantense de novo estable, mentres, os leitóns continúan á alza. Así, os animais das categorías selecta e normal teñen un valor de 1,675 e 1,65 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,143 euros e os animais de descarte cotízanse entre 0,79 e 0,85 euros o quilo.
Os leitóns experimentaron un incremento de 2 euros para ambas categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 87 euros (cun prezo de 4,35 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 82 euros e cun prezo por quilo de 4,1 euros.
No mercado do ovo houbo subas nas categorías de menor tamaño (M e S), mentres que as demais se manteñen sen cambios. En concreto produciuse un incremento de 0,01 euros e os ovos da S cotízanse agora a 1,74 euros e os da M a 2,04 euros a ducia. Nos ovos cun tamaño XL o prezo é de 2,98 euros a ducia e os da L están a 2,40 euros. As galiñas de desvelle semipesadas de entre 2,1 e 2,2 quilos atópanse entre os 0,21 e 0,29 euros o quilo.
O prezo do coello continúa nos 2,65 euros o quilo, segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).