O Consello da Xunta avanzou esta semana as liñas do mercado voluntario de carbono que quere crear o Goberno autonómico no 2024. O sistema consistirá nunha plataforma na que se poderán rexistrar proxectos que garantan un secuestro adicional de carbono da atmósfera. O obxectivo é que comunidades de montes, silvicultores, gandeiros e mesmo constructores poidan vender esas toneladas de carbono nun mercado voluntario. Os compradores do carbono serán principalmente empresas e entidades que queiran compensar a súa pegada de carbono de xeito voluntario.
A cerna do sistema enfócase a iniciativas forestais baseadas nunha silvicultura que garanta un secuestro adicional de carbono, principalmente montes ordenados suxeitos a podas e rareos. Unha segunda liña serán proxectos de agricultura e gandería rexenerativa que demostren un secuestro de carbono adicional, en comparación coas explotacións convencionais.
É dicir, en ambos casos, as toneladas que se poderán comercializar no mercado voluntario non serán todas as que capten da atmósfera árbores e cultivos, senón só as adicionais, as que o sistema poida certificar que se capturaron a maiores, en función de prácticas silvícolas ou agrícolas beneficiosas para o clima. En calquera caso, a normativa do sistema está aínda sen concretar.
Construción en madeira estrutural
O mercado voluntario de carbono que promove a Xunta anúnciase cunha terceira pata, xa non para premiar a captura adicional de carbono da atmósfera, senón o almacenamento a longo prazo do carbono capturado. É o caso dos edificios que se constrúan en madeira estrutural, que poderán comprometer unha permanencia prolongada dese carbono fóra da atmósfera, superior ó ciclo natural que terían as árbores en monte ou esa mesma madeira noutros usos.
A posibilidade de que as promotoras inmobiliarias poñan no mercado créditos de carbono dos edificios con madeira estrutural (CLT, madeira laminada) sería un xeito de incentivalas a cambiar os materiais tradicionais (ladrillo, formigón, cemento, aceiro) pola madeira. Por cada tonelada de madeira estrutural en construción, en substitución de formigón e cemento, calcúlase que se reduce en 4 toneladas de CO2 equivalente a pegada climática do edificio.
A introdución dos edificios en madeira no mercado de carbono permitiría ademais compensar parte dos sobrecustos que enfrontan promotores e compradores, en comparación cos edificios en materiais tradicionais. A idea dun mercado voluntario de carbono con proxectos de construción xa está en marcha noutros países europeos, como os escandinavos, onde segundo a Xunta, a tonelada de carbono procedente dos edificios se comercializa a arredor de 26 euros / tonelada.
Cómpre lembrar que a Administración autonómica anunciou recentemente que a partir do 2024, polo menos un 20% dos edificios públicos faranse en madeira, unha tendencia que se espera que se extenda á iniciativa privada.
Créditos estándar e eco
Tralo Consello da Xunta de onte, o presidente, Alfonso Rueda, explicou que a idea do mercado voluntario de carbono de Galicia é que haxa dous tipos de crédito, os estándar, que contabilizarán só as toneladas de carbono equivalentes reducidas, e os eco, que identificarán ós proxectos que xeren outros beneficios ambientais, como a conservación da biodiversidade ou a prevención de lumes. O obxectivo é que este último tipo de créditos acade máis valor no mercado.
Como referencia, os créditos de carbono agrícolas e forestais nos mercados europeos rondan os 20 euros por tonelada, se ben en Galicia os proxectos xa en marcha, en base ó Rexistro de absorción de CO2 do Ministerio de Transición Ecolóxica, adoitan moverse en cifras superiores, no entorno dos 25 euros por hectárea.
A iniciativa da Xunta preséntase como unha alternativa ó Rexistro de Absorcións de CO2 do Ministerio de Transición Ecolóxica
En Galicia, ata o de agora os proxectos que podían comercializar carbono eran só os que se inscribían no Rexistro de Absorcións de CO2 do Ministerio de Transición Ecolóxica, que admite dous tipos de iniciativas: a restauración de montes afectadas por incendios forestais e a forestación de superficies que estivesen desarboradas desde 1989.
O Rexistro, que naceu no 2014, tivo uns primeiros anos con escasos proxectos, pero nos dous últimos anos foron máis dun cento as iniciativas galegas que se inscribiron, a maioría de montes forestados con piñeiros, acompañados de franxas de frondosas caducifolias.
A diferencia do mercado voluntario de carbono da Xunta, os proxectos inscritos no Ministerio computan todo o carbono absorbido da atmósfera. Se se ten en conta que cada hectárea de piñeiros pode capturar durante o seu ciclo ata 250 – 300 toneladas de CO2, os beneficios para as comunidades de montes e silvicultores eran claros.
A pega do Rexistro do Ministerio é que os proxectos que teñen cabida son moi limitados. Con todo, durante os últimos anos sucedéronse os acordos de compra venda de créditos voluntarios de carbono, protagonizados por unha parte por comunidades de montes, e por outra por empresas que querían compensar a súa pegada.
En paralelo, tamén xurdiu un mercado de empresas intermediarias deses créditos, se ben a Xunta tratou de regular a cuestión para evitar prácticas especulativas que prexudicasen ós propietarios forestais.