“É o momento de que poñamos un prezo ao carbono que capturan os montes galegos”

Distintos expertos abordan nunha xornada en Lugo as posibilidades que a venda de créditos voluntarios de absorción de CO2 pode abrir para o monte galego

Público asistente ás xornadas celebradas a semana pasada na Escola Politécnica de Lugo

Público asistente ás xornadas celebradas recentemente na Escola Politécnica de Lugo

A captura de carbono polas masas forestais é un servizo ambiental que se pode converter nun novo recurso económico para os propietarios forestais. Empresas e institucións interesadas en compensar a súa pegada de carbono dun xeito voluntario xa están a recurrir á compra de créditos de carbono nos montes galegos e do resto de Europa.

Ata o de agora, a normativa española limita as compensacións de carbono ou ben a plantacións feitas tras un incendio forestal ou ben a forestacións realizadas en masas que estivesen rasas polo menos desde o ano 1989. Sen embargo, é probable un cambio de normativa que amplíe nos próximos anos estas opcións.

A xornada técnica ‘O quebracabezas do mercado do carbono e o sector forestal’, organizada polo Distrito Forestal IX Lugo-Sarria, reuniu recentemente na Escola Politécnica a distintos expertos para tratar de achegar luz sobre a cuestión.

Existen dúbidas sobre a regulación futura dos mercados voluntarios de carbono, pero desde Galicia vese xa na venda das toneladas de CO2 unha oportunidade que se debe aproveitar.

María Loureiro: “Existe unha tendencia alcista, os prezos van aumentar”

“Estamos nun momento moi interesante dentro do que é a política ambiental da UE”, afirma a profesora da Universidade de Santiago María Loureiro. Dentro do chamado Pacto Verde Europeo a Comisión Europea presentou pouco antes de que comezara a guerra de Ucraína o paquete lexislativo Fit for 55, que propón reducir de cara a 2030 un 55% das emisións de efecto invernadoiro con respecto ás producidas en 1990.

Dentro da normativa europea obrígase a que haxa unha contabilidade de carbono por sector, de maneira que cada sector económico sexa neutral no 2050, é dicir, sexa capaz de compensar as súas emisións capturando tanto carbono como emita.

Galicia pode ser o sumidoiro natural para as emisións da agricultura española

A curto prazo, o sector primario español ten que facer un importante esforzo para cumprir coas esixencias comunitarias, tendo que reducir 43.000 toneladas equivalentes de CO2 de cara a 2030.

“Na agricultura, España é un dos países que máis gases de efecto invernadoiro emite, polo que Galicia e a cornixa cantábrica poden ser o sumidoiro natural para as emisións da agricultura española”, asegura María.

Existe unha tendencia alcista a nivel internacional nos mercados de absorción e captación de CO2 e os prezos dos créditos de carbono están aumentando, asegura a profesora da USC. Pódese falar dunha media de 15 euros por tonelada de CO2 equivalente, coa perspectiva de que ese prezo chegue ós 20 euros. Distinto é o escenario en Galicia, cun mercado reducido polo de agora, e onde nos últimos anos abonáronse prezos no arco de 20-25 euros, o que sitúa a Galicia nun bo escenario de prezos a nivel internacional.

Enrique González Fontán: “Necesitamos un crédito de carbono crible que dea valor engadido aos nosos montes”

A nivel europeo, países como Francia ou os Países Baixos levan a dianteira no desenvolvemento dos mercados de carbono. Kiko González Fontán está precisamente en Holanda, onde cursa un máster na Universidade de Wageningen.

“Aquí o banco agrícola máis grande do mundo, que é Rabobank, está a crear un crédito de carbono a 20€/tonelada que está dirixido fundamentalmente ao sector agrícola, porque Holanda ten unha cuarta parte das hectáreas forestais que hai en Galicia”, explica.

Rabobank está a poñer no mercado créditos de carbono a 20 euros /tonelada

Por iso, di, Galicia, cos seus 2 millóns de hectáreas forestais, ten unha inmensa oportunidade neste campo. “Temos case 500.000 hectáreas forestais cun proxecto de ordenación en Galicia e estas hectáreas con xestión forestal activa, non están a ser recompensadas pola súa mitigación do cambio climático, é dicir, non están a ter un premio pola súa boa xestión ambiental”, afirma.

Diferencial entre parcelas ordenadas e sen ordenar

Unha hectárea sen xestión forestal capturaría 80 toneladas de carbono, mentres que unha hectárea ordenada capturaría 150 toneladas. Por tanto, explica, estimouse un diferencial de 70 toneladas de carbono capturado entre parcelas sen xestión forestal e parcelas con proxectos de ordenación. “Cos prezos que se están movendo actualmente en Holanda, isto implicaría un diferencial de 380 millóns de euros nas 274.000 hectáreas con proxectos de ordenación aprobados nos últimos 5 anos”, calcula.

O sector espera que, nesta liña, os cambios de normativa permitan un maior desenvolvemento do mercado de carbono de cara ó futuro, pois actualmente están limitados a restauracións forestais post-incendio e a superficies rasas que se foresten.

César Pérez Cruzado: “O alongamento de turnos de corta en masas forestais maduras pode ser contraproducente”

A Xunta está dando os primeiros pasos para regular o mercado do carbono en Galicia. Pero calquera iniciativa para implementar un mercado propio de carbono ten que estar aliñado coa guía do Panel Intergubernamental do Cambio Climático para Inventarios de Gases de Efecto Invernadoiro, que é a Biblia da emisión dos proxectos de carbono a nivel internacional.

En base a esa guía internacional, habería dous grandes tipos de proxectos de absorción de CO2: bosques que se manteñen como bosques e terreos que se converten a bosques, explica César Pérez Cruzado.

Os bosques actuaron durante miles de anos como reservorio e sumidoiro de carbono. Ata que o uso masivo de combustibles fósiles rompeu o equilibrio existente co carbono atmosférico.

Non é o mesmo un sumidoiro de carbono que un reservorio de carbono

“Se vemos os montes como reservorios de carbono tentaremos que as masas forestais se manteñan durante máis tempo en estado de máxima acumulación. Pero o alongamento de quendas e o mantemento das masas en estados maduros pode levar a perdas de biomasa por caída de árbores ou risco de incendios”, advirte.

Se, pola contra, a nosa intención é que unha plantación forestal actúe como sumidoiro de carbono, buscaremos acelerar o seu crecemento e axustar o máis posible as quendas de corta ao momento de máxima captura.

Efecto sustitutivo

“O uso enerxético da madeira e a biomasa está considerado na actualidade un sumidoiro de carbono, porque evita que usemos enerxía producida por combustibles fósiles, como gas e carbón, que liberan carbono á atmosfera” -explica César-. Pero nos vindeiros anos a medida que substituamos o gas e o carbón por enerxías renovables, o efecto sumidoiro do uso de biomasa como enerxía pasaría a ser cero”.

Outros produtos, como mobles, carpinterías ou madeira estrutural, actúan ao mesmo tempo como reservorio e sumidoiro de carbono durante a súa vida útil, xa que substitúen a outros materiais moi industriais que consomen grandes cantidades de enerxía ou elementos fósiles na súa fabricación. O mesmo ocorre coas novas biofibras de lignina que se están desenvolvendo en substitución de materiais como o plástico.

xornadas captura de carbono Lugo1

Daniel Rodríguez: “Non todo debe ser a partir de agora captura de carbono, temos que seguir producindo madeira”

“O carbono, ben usado, é unha oportunidade única para o propietario forestal. É a primeira externalidade que podemos rendibilizar. Pero temos que tentar optimizalo. Non pode ser visto como un plus que me cae do ceo, senón como un recurso máis que hai que valorar. E para algunhas plantacións vai ser o seu ingreso máis importante”, asegura Daniel Rodríguez, economista da Asociación Forestal de Galicia.

A AFG leva vendidas unas 100.000 toneladas de CO2 de montes dos seus socios. O cliente que merca eses créditos de carbono son sobre todo grandes empresas, que necesitan ver o impacto sobre o territorio dese investimento que fan, polo que a tendencia actual é a da venda de CO2 + mecenado. “O mercado de carbono é unha oportunidade única para dar unha segunda vida ás superficies queimadas”, asegura por exemplo Daniel.

A captura de carbono por parte de masas de eucalipto ten difícil saída e eses créditos mércanos sobre todo empresas de fóra de Galicia

Os proxectos de carbono que desenvolve a Asociación Forestal céntranse na plantación de coníferas e frondosas caducifolias. Daniel Rodríguez recoñece que “a venda da captura de carbono por parte de masas de eucalipto ten difícil saída polo temor a recibir críticas de determinados grupos. Eses créditos mércanos sobre todo empresas de fóra de Galicia, onde o eucalipto non ten a connotación que ten aquí nin xera ese debate”, explica.

Custos e intermediarios

O negocio do carbono é un mercado novidoso e moitas veces difícil de entender por parte dos propietarios forestais. “Non está pensado para que o propietario forestal participe directamente nel, que debería ser o obxectivo, porque todo o que custe diñeiro no proceso intermedio representa menores ingresos para o propietario, igual que pasou coa certificación forestal”, compara Daniel.

Malia ao atractivo que poida parecer este novo negocio, o economista da AFG rebaixa as expectativas, tendo en conta o modelo de propiedade predominante en Galicia: “os custos técnicos fan que os proxectos por debaixo de 3 ou 4 hectáreas non sexan viables”, asegura. En cambio, si pode ser unha liña de certa importancia para as comunidades de montes veciñais.

A día de hoxe a fiscalidade non axuda, o carbono ten un 21% de IVE

A nivel fiscal a venda de toneladas de CO2 tributa igual que se se tratase de rolla de piñeiro ou calquera outro produto saído do monte. “Está considerado un servizo que prestas, polo que ten un IVE do 21% e ese cobro súmase na declaración da Renda, no caso de propietarios individuais, ao resto de ingresos de cara ao cálculo do imposto”, explica.

Luis Díaz Balteiro: “É necesario integrar o carbono na xestión forestal e que cada propietario elixa o mix que máis lle compense”

Luís Díaz Balteiro, profesor da Universidade Politécnica de Madrid, defende que na súa opinión, “é necesario integrar este servizo ecosistémico que é o carbono con outros obxectivos, como produción de madeira, biomasa ou resina. E non debemos perder a perspectiva de que un monte vai xerar máis dun servizo ecosistémico, e que a captura de carbono é só un deses servizos ecosistémicos, polo que cada propietario debe buscar o mix que mellor lle compense”.

Están a producirse cambios nun período de tempo moi reducido. Isto xera incerteza, desinformación e desamparo ao propietario

Os Inventarios de Emisións que realiza o Estado español “nacionalizan” o carbono capturado polos propietarios forestais (34 millóns de toneladas de C02 equivalentes no ano 2021), sen que revirta en compensación económica algunha, critica Balteiro. “Os sistemas forestais españois están a compensar o 12% das emisións de carbono que se producen en España e estano facendo a custo cero”, quéixase.

Trasparencia nas operacións

“Existe unha necesidade clara de que tanto o propietario como o xestor forestal dispoñan dun marco estable que non existe nestes momentos”, asegura. A partir da aprobación do Real Decreto 163/2014 creouse, di, “un mercado imperfecto, non promocionado e que non está pensado para beneficiar ao propietario”.

Non hai fomento de modelos selvícolas orientados á captura de carbono e o mercado do carbono non se difunde nin se promociona

“En España non se publicita o prezo dos créditos de carbono alegando que é un acordo entre particulares, pero iso ao meu modo de ver é unha barreira de entrada de novos proxectos. É necesario que haxa transparencia”, defende.

“En todos os países hai estatísticas públicas; en España non. Cando en plantacións de crecemento lento moitas veces a viabilidade dos investimentos pode depender destes ingresos”, asegura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información