A Xunta regula a comercialización do carbono capturado nos montes para frear a especulación

O obxectivo é dotar de maior transparencia ó sistema. No caso das comunidades de montes veciñais, esixirase a aprobación dos contratos de cesión en asemblea. Tódolos acordos anteriores que non pasaran ese trámite serán nulos

A Xunta regula a comercialización do carbono capturado nos montes para frear a especulación

Reforestación con piñeiros. / Arquivo.

A comercialización do carbono almacenado nos montes convertiuse nos últimos anos nun aproveitamento forestal de gran atractivo. O sistema beneficia tanto a comunidades de montes e propietarios forestais, que poden vender parte do carbono atmosférico capturado nos seus montes, como a aquelas empresas e institucións que queren compensar voluntariamente a súa pegada climática coa compra dese carbono. O problema radica en determinadas empresas que operan como intermediarias entre uns e outros, pois en ocasións estábanse quedando con porcentaxes de ata o 50% do valor do carbono.

Nun intento de frear ese escenario de especulación, a Xunta decidiu regular a comercialización do carbono capturado nos montes a través da Lei de acompañamento dos presupostos, que previsiblemente se aprobará antes de fin de ano no Parlamento galego.

A normativa proposta pola Administración busca dotar de maior transparencia ó sistema. Calquera cesión ou venda de carbono que decida unha comunidade de montes terá que ser aprobada en asemblea pola maioría dos comuneiros, que deberán representar ó 50% da comunidade en primeira convocatoria ou ó 30% en segunda. Esixirase ademais que a asemblea teña a súa disposición un informe económico que analice as obrigas que o negocio xurídico supón para a comunidade, especialmente no referido ó periodo de conservación da masa, así como unha xustificación de que o prezo proposto responde a valores de mercado.

En canto ós negocios xurídicos formalizados polas comunidades de montes antes da entrada en vigor da nova normativa, a Xunta sinala que deberán considerarse actos de disposición, polo que, no caso de que non fosen refrendados en asemblea polas maiorías pertinentes, serán nulos, sen prexuízo da posibilidade de que poidan someterse á aprobación da asemblea, aprobación que terá efecto desde o momento da súa adopción.

A nova regulación establece igualmente que, no caso dos montes de xestión pública, a cesión de dereitos de carbono terá que contar coa autorización previa da Administración e formalizarse en escritura pública, que deberá ser inscrita no Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común. A Xunta obrigará a que os acordos inclúan ademais estipulacións no caso de que o cesionario venda os créditos de carbono a un terceiro, no sentido de que a comunidade de montes terá dereito a percibir parte do prezo de transmisión que se estableza.

O periodo contractual non poderá ser superior a 30 anos, excepto nos casos en que os anos asociados á quenda de corta da especie principal sexa superior.

Outra das cuestións que terán que aclarar os contratos é que sucede no caso dun incendio forestal ou doutra causa de forza maior que impida que a masa forestal capture o carbono proxectado.

Funcionamento do sistema
En España, o Decreto de Huella de Carbono (2014) estableceu polo de agora dúas vías para proxectos de absorción e compensación de emisións nos montes: a forestación de superficies que estiveran desarboradas desde o 1989 ou a restauración de montes afectados por incendios forestais.

En ambos casos, propietarios e comunidades de montes poden inscribir os seus proxectos de forestación no Rexistro de Absorcións de CO2 do Ministerio de Transición Ecolóxica. O sistema representa así unha oportunidade para financiar a restauración forestal de montes, pois as empresas interesadas en compensar as súas emisións poden presentarlle ofertas por ese carbono ós propietarios.

Deste xeito, o mercado de carbono configurouse como un recurso de gran interese para o propietario, pois cada tonelada de carbono ten un prezo de mercado que ronda os 20 – 30 euros. Se se ten en conta que cada hectárea inscrita pode absorber arredor de 250 – 350 toneladas, en función do tempo de permanencia da masa e da densidade de plantación, os ingresos que pode xerar o carbono rondan na práctica unha media de arredor de 6.000 – 7.000 euros por hectárea.

O problema radica na aparición de empresas intermediarias que, en ocasións, reservábanse ata o 50% do valor do carbono do monte. De cara a protexer os dereitos das comunidades de montes e propietarios, a Consellería do Medio Rural mesmo baralla aprobar modelos tipo orientativos de contrato, de utilización voluntaria.

Rexistro autonómico de proxectos de carbono

En paralelo a unha maior regulación sobre as compras vendas do carbono forestal, a Xunta proxecta crear un Rexistro de CO2 alternativo ó do Ministerio, asumindo así as súas competencias na materia.

En concreto, o borrador da Lei de acompañamento dos presupostos establece que “a Xunta de Galicia poderá articular un sistema de créditos de carbono de carácter voluntario cun rexistro no que se poderán inscribir aquelas persoas titulares dos dereitos derivados do aumento de carbono almacenado grazas as súas actividades. Este sistema servirá de nexo entre titulares e aquelas persoas, de natureza física ou xurídica, que desexen mercar créditos ben como intermediarios ou ben como axentes finais, co fin de reducir ou facer nulas as súas emisións”

As comunidades de montes e propietarios que desexen inscribir proxectos no sistema de créditos de carbono da Xunta de Galicia deberán cumprir, cando menos, cos seguintes requisitos:

– Dispor dun instrumento de ordenación forestal aprobado pola Administración.

– Realizar tomas de parcelas de mostraxe de inventario forestal, de xeito complementario ós requisitos establecidos no Decreto 52/2014 de ordenación e xestión dos montes.

– Estar suxeitos a auditorías continuadas e permitir a entrada ao persoal responsable do sistema de créditos de carbono da Xunta, así como cooperar con eles no que fora necesario a fin de dotar da maior transparencia ó sistema, en particular na detección de posibles casos de dobre contabilidade en materia de créditos de carbono en Galicia.

– Permanecer no sistema alomenos os anos que corresponda a quenda de corta da especie principal da masa.

Fe de erratas: Nun inicio, informouse de que a cesión dos dereitos de carbono terá que contar coa autorización previa da Administración galega, pero iso só é aplicable no caso dos montes de xestión pública.

Como funciona o mercado de carbono no monte galego: luces e sombras

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información