Un dos desafíos actuais da viticultura é o impacto que pode ter o cambio climático nos viñedos, tanto polas variacións de temperatura, como a dispoñibilidade de auga necesaria para a produción ou as alteracións que pode provocar nas especies. Un manexo rexenerativo do viñedo, centrado na conservación da vida dos solos e a medio camiño entre unha produción intensiva e unha produción baseada na mínima intervención, pode ser a alternativa de futuro para a viticultura, tal e como argumenta a ecóloga Pilar Andrés, unha das maiores expertas en analizar os impactos da produción agrícola nos solos e na biota que os integra.
Na súa participación na xornada virtual “Rexeneración e conservación do chan vitícola” organizada pola Plataforma Tecnolóxica do Viño (PTV) recentemente, Andrés incidiu en lembrar os efectos que a propia actividade agraria ten sobre o clima, pola disrución do ciclo de carbono que provoca. “A agricultura distorsiona o ciclo do carbono ao pretender maximizar a biomasa vexetal aproveitable, que se exporta fóra do agroecosistema, reducindo a cantidade de carbono que as plantas entregan ao solo”, explica. Así, dependendo do manexo que se faga do chan, este comportarase como un sumidoiro ou fonte de carbono.
Os viñedos provocan tamén un empobrecemento do solo en carbono. “Degrádanse a base nutritiva, a estrutura e o clima edáfico que soportan á biota do chan”, detalla. Na viticultura intensiva, do mesmo xeito que outras prácticas agrícolas intensivas, prodúcese unha quebra dos servizos ambientais. “O solo só pode entregar un servizo: a produción, pero ademais, este servizo será subvencionado, pola achega que se precisa proporcionarlle ao solo”, concreta Andrés.
“Os viñedos son a forma de uso agrícola que causa maiores taxas de erosión no Mediterráneo. Ademais, a viticultura provoca un empobrecemento do solo en carbono”
A viticultura é unha das actividades agrícolas que provoca un desgaste importante dos solos debido ós efectos da erosión. “Os viñedos son a forma de uso agrícola que causa maiores taxas de erosión no Mediterráneo, con medias de erosión da terra de 2,4 a 9,3 toneladas por hectárea ao ano, cando o tolerable, segundo os baremos fixados pola Comisión Europa, é unha perda de entre 0,3 e 1,4 toneladas por hectárea nun ano”, explica a ecóloga.
A importancia de conservar o solo
Ademais de coñecer o impacto que a viticultura ten sobre os solos, Pilar Andrés lembra os servizos ambientais que ofrece a biota do solo para poder comprender a súa importancia. “Os solos achegan servizos ecosistémicos que permiten a vida na Terra”, sinala. Así, os solos son o hábitat dun gran número de organismos fundamentais. Un gramo de chan pode chegar a conter varios miles de especies, 200 millóns de hifas fúnxicas e 1 billón de células bacterianas.
Un gramo de solo pode chegar a conter varios miles de especies, 200 millóns de hifas fúnxicas e 1 billón de células bacterianas
O solo actúa tamén como regulador do clima e das inundacións e contribúe á purificación da auga e a redución de contaminantes. Os solos son tamén fundamentais no ciclo de nutrientes e unha fonte de alimento, fibras e combustibles, así como de produtos farmacéuticos e recursos xenéticos.
Dada a contribución dos solos, a nova PAC recomenda adoptar prácticas e estratexias integradas que orienten a restauración dos solos agrícolas, para facilitar non só o secuestro de carbono senón tamén a saúde integral do chan e o cumprimento dos servizos ambientais. Medidas como o Pacto Verde Europeo, adoptan medidas para protexer o chan, buscando unha redución do 55% das emisións do gases de efecto invernadoiro para o 2030, así como a neutralidade climática para 2050. Con todo, como sinala a ecóloga, a agricultura emite aproximadamente o 10% dos gases de efecto invernadoiro na Unión Europea, co que existe pouco potencial para a redución de emisións neste sector.
Tres modelos de produción vitícola …
A ecóloga Pilar Andrés levou a cabo, xunto con outros profesionais, un caso práctico no Empordán na provincia de Xirona, para comparar o impacto e os beneficios que achegan á conservación da biota do solo e á produción vitícola tres modelos diferentes de manexo dos viñedos: intensivo, rexenerativo e mínimo. Coñecemos os detalles de cada un deles:
-Manexo intensivo
Neste caso trátase dun viñedo de 30 anos, que se ara a 20 centímetros 5 veces ao ano para evitar a competencia da cuberta. Tamén se procede á eliminación das malas herbas mediante o uso de glifosato.
En materia de fertilización, empregan 150 quilos de NPK por hectárea. O control químico das pragas realízase optando por funxicidas sistémicos, así como herbicidas de preemerxencia.
– Manexo rexenerativo
O manexo rexenerativo da terra é unha práctica que potencia o poder da fotosíntese nas plantas para pechar o ciclo do carbono, producir saúde no solo, resiliencia dos cultivos e densidade nutricional. Como detalla Pilar Andrés, son prácticas de agricultura rexenerativa aquelas que contribúen a rexenerar ou crear solos sans e fértiles, incrementan a infiltración, retención e escorrentía limpa e segura da auga. Ademais de incrementar a biodiversidade, saúde e resiliencia dos ecosistemas e invisten as emisións de carbono da agricultura actual e logran secuestrar carbono. “A agricultura rexenerativa cumpre totalmente as demandas da crise climática na que nos atopamos hoxe en día”, valora a ecóloga.
Do mesmo xeito que en caso do viñedo intensivo, nesta parcela as viñas teñen 30 anos. Trátase dun viñedo que foi manexado de maneira intensiva ata o 2015, polo que os resultados obtidos foron logrados en 4 anos. Actualmente neste manexo rexenerativo non están arando a terra e a fertilización é a base de esterco de vaca. Aplican tés de microorganismos e proceden á regulación de catións para manter baixo control o pH da terra.
Este viñedo conta con coberteira permanente a base dunha mestura de luminosas e gramíneas. Na primavera e verán, para o control da cuberta, as herbas dos corredores esmáganas cun crop roller, e o espazo entre dúas viñas desherbana a man. No inverno proceden a descompactar o solo coa inxección de ácido húmicos.
En canto aos ataques por fungos, combátenos empregando xofre e cobre. Nas pragas de insectos, prevéñenas utilizando feromonas.
– Manexo mínimo
Neste viñedo, as cepas teñen 50 anos e ata o 2007 xestionáronse mediante un manexo intensivo. Na actualidade, optouse por suspender por completo o arado da terra e deixan que se produza un desenvolvemento espontáneo da cuberta herbácea nas rúas.
Realizan un desherbado anual con cortadora manual e os restos de poda retíranos do campo e quéimanos.
… Distintos resultados
Á hora de avaliar os efectos conseguidos na saúde do solo cos tres modelos de manexo, a experta atende a parámetros físicos, químicos e biolóxicos. Os mellores resultados alcánzanse cun manexo rexenerativo, que logra un impacto máis positivo nos solos. As prácticas rexenerativas resultan mesmo mellores que cando se deixa a terra e o cultivo, neste caso o viñedo, case sen intervención e, sobre todo, fronte ao “desastre fisicoquímico e biolóxico” que proporciona o manexo intensivo.
En cuestións como densidade aparente, o pH ou o carbono orgánico, o manexo rexenerativo logra resultados moi positivos en só 4 anos, moi similares e en proporción mellores que os alcanzados en 12 anos dun manexo mínimo. “En 4 anos pasamos dun 0,54% de carbono orgánico no solo a 1,27% e en 12 anos a 1,84%. É brutal a rapidez á que se logra este secuestro de carbono nun modelo rexenerativo en 4 anos”, valora a ecóloga.
Un dos aspectos nos que se aprecia máis o impacto positivo das prácticas rexenerativas é na presenza de seres vivos. Co manexo rexenerativo contabilizaron 973 millóns de flaxelados por metro cadrado en 15 centímetros de profundidade fronte aos 117 millóns que se contabilizan cun manexo mínimo e os pouco máis de 61 millóns presentes nun modelo intensivo. “A comparativa permitiunos ver a tremenda riqueza de controladores que se logra cun manexo rexenerativo, seguido a curta distancia nalgúns grupos no manexo mínimo” sinala Pilar Andrés.
A gran diferenza nun manexo rexenerativo está en todos aqueles parámetros biolóxicos, que desta forma poténcianse e preservan, mentres que cun modelo intensivo acaban destruídos. Tamén cabe sinalar que, en aspectos como a estrutura física do solo un manexo mínimo ten unha importante vantaxe fronte ao modelo rexenerativo.
É rendible economicamente apostar pola conservación do solo?
En canto ao impacto económico, a comparativa permitiu determinar que o manexo rexenerativo ademais das vantaxes que proporciona para o solo é tamén rendible economicamente. No manexo rexenerativo apreciouse unha caída da produción nos 2 primeiros anos, pero nestes momentos lograron unha rendibilidade económica superior á que se lograba cunha produción intensiva debido a unha mestura derivada non só da recuperación de produción senón tamén pola revalorización do produto, xa que agora está a ser comercializado como ecolóxico, cun prezo máis elevado.
Neste sentido, o manexo mínimo está a ser o menos rendible, xa que a pesar de que os gastos son moi reducidos apenas se está logrando produción, en parte porque as viñas son vellas, pero tamén polos efectos deste tipo de manexo.