“Un dos desafíos claves do monte galego está na comercialización de servizos ambientais”

Falamos cos enxeñeiros Manuel Beiro e Noemi García, da asociación Bioeco2, sobre as liñas de traballo do colectivo, que agrupa a empresas e técnicos do ámbito forestal

“Un dos desafíos claves do monte galego está na comercialización de servizos ambientais”

Os enxeñeiros Noemí García e Manuel Beiro, integrantes da asociación Bioeco2.

Coñecemos con dous dos socios de Bioeco2, o enxeñeiro forestal Manuel Beiro e a enxeñeira de montes Noemi García, esta asociación profesional técnica de ámbito forestal e do medio natural. Achegámonos ós proxectos que están impulsando e en que liñas traballan.

-Por que se creou Bioeco2?
-A asociación creouse pola necesidade de unir un colectivo que estaba moi disgregado. Non estabamos identificados nin no sector, nin ante a sociedade ou as Administracións. Vimos que non tiñamos a representación necesaria, a pesar de formar parte dos motores do sector forestal.

Viamos que precisabamos estar unidos. Coa asociación búscase ter un foro no que abordar os problemas cotiás ós que nos enfrontamos as consultoras forestais. Tamén queriamos que servise como ferramenta para poder dirixirnos ás Administracións para tratar estas problemáticas que nos afectan e tentar que xa non cheguen a producirse. A experiencia está a ser moi positiva.

-Algunhas destas funcións poderían pensarse como propias do Colexio Profesional, en que vos diferenciades?
-O Colexio inclúe un abano moito máis amplo de empresas e profesionais, que abranguen actividades moi diversas e que non sempre están relacionadas co sector forestal. Mentres, en Bioeco2 estamos empresas e profesionais que se dedican a xestionar e facer proxectos sobre o monte galego. Ademais, outra diferencia significativa é que Bioco2 está integrado, en gran medida por enxeñeiros técnicos colexiados, pero tamén hai outros perfís coma técnicos que proceden dos ciclos da Formación Profesional.

-En que ámbitos traballan os socios de Bioeco2?
-Somos empresas e profesionais que nos encargamos de fomentar a chamada xestión forestal: planifícanse as obras e proxectos, solicítanse as intervencións, contrólanse as actuacións… Somos as consultoras que asesoran ós propietarios e xestores forestais e que elaboran os documentos de xestión e planificación forestal, o que nos coloca nun lugar privilexiado para botar unha man na xestión do monte galego. Os nosos clientes son os propietarios, tanto privados como comunitarios do monte e mesmo os rematantes e as empresas que integran a industria forestal.

“Somos unha asociación de empresas multitarefa, onde cada empresa está especializada nunha área xeográfica e nunha actividade, e entre todas complementamos as necesidades que vemos no sector forestal”

Ó ser un grupo de profesionais diverso, abarcamos un amplo número de servizos. Non nos quedamos só no acompañamento do comuneiro, senón que dentro de Bioeco2 hai empresas que tamén se dedican á certificación forestal ou ó testeo técnico para aquela madeira que se usará con fins estruturais. Esta diversidade fai que poidamos abranguer máis posibilidades e temas que son de interese para a xestión do monte. Axuda ademais a ser máis conscientes das oportunidades e ameazas que temos para a nosa profesión.

Somos unha asociación de empresas multitarefa, onde cada empresa está especializada nunha área xeográfica e nunha actividade e entre todas complementamos as necesidades que vamos vendo no sector forestal.

-Está a ter boa acollida a asociación?
-A xente vía esta necesidade e estase unindo, sobre todo porque pode ser unha maneira de afrontar problemas do día a día dun xeito conxunto. Estase vendo como unha vía para poder abordar non só problemáticas, senón para ter maior acceso a cuestións novidosas, coma os sumidoiros de carbono ou os servizos ecosistémicos que ofrecen os nosos montes. Tamén para abordar de xeito conxunto a posta en marcha de novas ferramentas que nos poden ser útiles.

-Que iniciativas levastes a cabo nestes primeiros anos?
-Xa foi un fito histórico o propio feito de constituírse, xa que somos un perfil de profesionais que non estabamos acostumados a agruparnos, a diferenza do que acontece con outros sectores. Neste tempo levamos a cabo 3 proxectos destacados. Por unha banda estamos culminando o desenvolvemento dunha plataforma de poxas, Mercamadeira. Tamén accedemos a dúas axudas de formación da Axencia Galega da industria Forestal (Xera) e creamos unha revista especializada, Conecta Savia, en colaboración co Clúster da Biomasa, que botou a andar case ó mesmo tempo que Bioeco2.

-Falemos un pouco máis sobre en que consiste esta plataforma de poxas e como a creastes.
-Dende fai uns anos, a Administración para a comercialización dos montes de xestión pública optou pola dixitalización das poxas e nós vimos que este é un sistema útil e de interese tamén agora que estas superficies van pasar a ser xestionadas de xeito privado. Polo tanto, tamén a venda da madeira. Parécenos de utilidade ter unha plataforma dixital para a venda da madeira, de maneira que os madeiristas poidan ter acceso a tódolos lotes, así coma ós pregos de condicións e á documentación técnica. Ademais esta plataforma permite, con tódalas garantías, presentar os sobres coas ofertas para realizar a poxa.

“Parécenos de gran utilidade ter unha plataforma dixital para venda da madeira, con todas as garantías e onde os profesionais teñan acceso á información sobre os lotes ou a documentación técnica”

Mesmo propoñemos enlazar esta plataforma con outras ferramentas dixitais que ten a Administración, como a xestión dos permisos de corta. Tamén valoramos que nun futuro poida ser empregada polos nosos clientes como un punto de venda dos produtos forestais, dende madeira ou sumidoiros de carbono.

-Está funcionando xa esta plataforma?
-Estamos a piques de realizar a primeira poxa dixital, que se fará tamén de xeito presencial para que os usuarios poidan comprobar que se realiza con todas as garantías e por ir amosando o funcionamento dela.

-Tamén solicitastes formar parte do Consello Forestal. Explícanos esta petición?
-Do mesmo xeito que estamos vendo que no noso día a día atopamos dificultades en procedementos e na xestión administrativa do monte, tamén vemos que podemos propoñer solucións viables. Por iso cremos que o lóxico sería que puidésemos participar no Consello Forestal e contribuír coas achegas oportunas antes de que se aproben os procedementos ou as ordes de subvención, para que aquelas dificultades que se poidan detectar, xa nunha fase inicial, non continúen e non nos atopemos con elas á hora de facer o trámite en cuestión. Por iso creemos que é importante estar no Consello Forestal, xa que moitas destas cuestións poden abordarse aí.

“Queremos formar parte de Bioeco2 porque coñecemos os problemas de xestión dos montes no día a día”

-Tivestes xa resposta por parte da Administración?
-Polo momento dende a Administración só nos indicaron onde tramitar a solicitude, aínda que sen concretar moito como debemos tramitala. Estamos esperanzados en que acepten que participemos, porque cremos que podemos aportar moito.

“Os montes veciñais son moi interesantes polo seu compoñente social, pero tamén a nivel de xestión forestal polas grandes superficies que abranguen”

Outra das xestións recentes da Asociación foi unha reunión con Medio Rural na que, entre outros temas, abordastes distintas problemáticas que afectan directamente ás Comunidades ou ós montes veciñais en man común. Como vedes a realidade destes montes?
-Todos apreciamos que son un tipo de superficie moi interesantes, non só polo compoñente social que teñen detrás, senón tamén dende un punto de vista técnico na xestión forestal pola superficie que se manexa de media. Cómpre ter en conta que a superficie media dun monte veciñal en Lugo son 220 hectáreas, polo que as posibilidades son inmensas.

-E xestión complexa…
-É certo que a xestión deste tipo de propiedades é ilusionante, polas posibilidades que ofrecen, e ó mesmo tempo están cargadas de problemas, xa que as comunidades teñen moitas obrigacións coa Administración, que deben realizar, moitas veces, de xeito dixital. Precisamente, unha das grandes achegas da asociación é a posta en común e a procura de solucións dixitais que poidan servir de axuda ós comuneiros e mesmo ás xuntas reitoras, ademais de axuda técnica en procedementos de por si bastante enrevesados, como poden ser os deslindes para montes veciñais.

“O problema no caso dos deslindes con propietarios privados é que se copiou o procedemento que levaba a cabo a Administración nos montes de utilidade pública, polo que resulta inviable”

-O tema dos deslindes dos montes veciñais ten xerado debate, como está agora esta tramitación?
-Dende a Administración son conscientes que os deslindes de montes veciñais con propietarios privados non está funcionando. Estase vendo que as comunidades, ó non conseguilo mediante o procedemento, están optando pola vía xudicial. Pola contra, cando se trata de dúas comunidades de montes é un proceso máis simplificado e está a funcionar.

O problema no caso dos deslindes con propietarios privados é que se copiou o procedemento que levaba a cabo a Administración nos montes de utilidade pública, cando a realidade é que un propietario non ten acceso á mesma información e garantías que as Administracións á hora de afrontar este procedemento, polo que resulta inviable. Agora mesmo hai unha situación de incerteza sobre como se lle dará solución.

-Tratastes o tema das dificultades para abordar os deslindes na reunión coa Dirección Xeral?
-Pedíronnos que elaboremos un informe no que se contemplen as dificultades e posibles solucións. A realidade é que nos estamos atopando con axudas finalistas que non teñen en conta que os prazos de tramitación en temas como os deslindes adoitan ser de 2 anos, co que resulta imposible poder optar a elas. Tamén estamos vendo que se están restando cartos das axudas por cuestións que non estaban contempladas nas ordes e non hai un criterio unánime entre provincias, o que está provocando unha situación caótica.

-Advertides ademais que nas axudas da PAC se están vendo prexudicadas as comunidades de montes veciñais en man común. Explícanolo
-O problema deriva dende o momento que se comenzou a falar de que as comunidades de montes veciñais terían que presentar un Plan de aproveitamento silvopastoril. A falta dunha regulación clara, sen que se adaptara á realidade deste tipo de aproveitamento, e o choque con outras figuras como o plan de ordenación destas comunidades fixo que se perderan axudas específicas activadas para desenvolver estes plans.

-Outra das cuestións que abordastes é a certificación forestal nos montes veciñais conveniados coa Xunta. Cal é a situación?
-O que está acontecendo é que os montes que están en xestión pública están traballando en exclusiva cun grupo de certificación pública e non é posible que ese monte sexa certificado por empresas de certificación. A situación agrávase porque na maioría dos montes veciñais non todo o monte está en convenio, é dicir, en xestión publica, senón só unha parte. O feito de que este grupo de certificación público só certifique a parte conveniada provoca que moitas veces queden por certificar espazos que non están tendo un aproveitamento forestal nin unha rendibilidade, pero certificar toda a superficie é imprescindible para as comunidades de montes, posto que é un requisito nos plans de ordenación que deben presentar e para obter financiamento para a súa xestión.

Esta exclusividade de certificación está a ocasionar prexuízos para as empresas que certifican, porque ademais de exercer unha competencia directa está, en certo modo, a obrigar ás outras empresas a certificar gratis aquelas áreas menos produtivas, para que os propietarios poidan acceder a realizar estes trámites ou lograr subvencións, que doutro xeito perderían.

-Cando se fala da xestión dos montes, outro dos temas que está de actualidade son os proxectos de absorción de carbono. Estades traballando nisto dende a asociación?
-Precisamente outro dos proxectos que impulsamos dende a Asociación é BiomaisCO2, no que se propón unha nova proposta de cálculo de CO2 baseado na silvicultura. Xunto coa Universidade de Compostela, o Clúster da madeira, empresas como Asefor e Bioeco2, establecemos unha metodoloxía de cálculo para a absorción de carbono. É un proxecto pequeno, en canto a desembolso económico, pero cremos que é imprescindible estar nestes momentos abordando este tema para obter un coñecemento máis claro de como se vai xestionar esta compensación do carbono e a relación que garda coa silvicultura e o cálculo derivado dos produtos forestais. É un tema moi novidoso.

“En Bioeco2 estamos participando nun proxecto conxunto para obter unha metodoloxía de cálculo da absorción de carbono baseado na silvicultura”

-Como valorades o impacto que están tendo no monte os sumidoiros de carbono?
-Vemos que hai moita falta de información veraz: falta divulgación. Sabemos que hai diferentes iniciativas funcionando, cada unha coa súa fórmula. Hai algunhas iniciativas foráneas que mesmo rondan a usura, pura compra de dereitos do territorio para a súa especulación. Dende Bioeco2 alertamos disto xa hai uns meses e a Administración freou entón este tipo de iniciativas cun decreto que buscaba poñer un pouco de orde.

É un tema moi complexo e importante para os recursos das comunidades de montes e seguimos sen ter información suficiente. Ademais, é un tema fundamental da responsabilidade social das empresas, xa que hai unha esixencia dende Europa, pero isto tampouco está facendo que se axilice e se proporcione información sobre el.

“Europa está vendo as oportunidades que teñen os nosos bosques e debemos saber aproveitar esas oportunidades que nos brinda con axudas e proxectos”

-Vós que traballades día a día na xestión forestal, que opinión tedes sobre a situación actual do monte galego?
-Estamos nun momento moi ilusionante, con moita capacidade de desenvolver proxectos moi distintos e de dar resposta á necesidade de que o monte termine sendo unha fonte de recursos, non só dende un punto de vista forestal, senón tamén contemplando outros servizos ecosistémicos, de maneira que a sociedade sexa consciente de todo o que temos grazas ó monte. Europa tamén está vendo as oportunidades que teñen os nosos bosques e debemos saber aproveitar as oportunidades que nos brinda con axudas e proxectos. Neste marco, os montes veciñais van ser moi útiles para aproveitar todo isto.

Estamos nun momento de cambio, de revolución en tódolos ámbitos, dende os perigos do cambio climático, pero tamén de xeito positivo por todas as cousas nas que avanzar. Estamos tamén incluso ante un cambio xeracional e hai que ser capaces de tracionar ás novas xeracións que substituirán ás directivas actuais, tanto da propiedade privada como comunal. Tanto dende Bioeco2 como dende as consultoras forestais temos que ser capaces de liderar ese cambio e estar á altura dos retos que se están presentando. Debemos de saber organizar toda esta información para que impacte de forma positiva.

-Falades dun momento ilusionante e de revolución, xusto cando se fala moito do abandono actual do monte e do rural…
-Todo forma parte do mesmo reto. O abandono é un gran problema, pero non é só iso senón o que trae parello como poden ser os incendios, a perda de biodiversidade e de recursos… O abandono xeracional e a obtención de recursos económicos a través da xestión forestal é algo que temos que tentar solucionar, xunto coa Administración, que tamén debe saber, que estas empresas e profesionais somos parte do seu exército, xa que estamos formados e preparados para abordar algúns destes retos. É máis doado que se faga a través de nós, que só coa normativa.

Todo forma parte do mesmo reto: poñer información no territorio, falar cos vellos, pero tamén cos netos… Hai respostas, só hai que buscalas. Estamos ante un reto de toda a sociedade, pero que debe ser artellado a través dos profesionais que estamos no día a día.

Hai que ser conscientes tamén de que moitas veces o propietario que abandona o monte é porque non sabe ben como xestionalo e aproveitalo e todo lle resulta unha carga. Se esas persoas teñen un mellor acceso ós profesionais que integramos a asociación e os podemos asesorar sobre as posibilidades de aproveitamento que poidan ter quizais non pensen en abandonalo. Se ademais dispoñemos ferramentas dixitais para que os pequenos propietarios poidan sumarse a aproveitamentos alternativos e rendibles, pode ser máis doado loitar contra o abandono do monte.

“A xestión forestal non é só facer traballos no monte con máquinas. Hai que saber ver as necesidades que ten o monte e ofertar opcións e ferramentas de interese para os propietarios”

-Que credes que é prioritario para o monte galego?
-É certo que hai que potenciar a xestión, pero a xestión forestal non é só facer traballos no monte con máquinas. Hai que saber ver as necesidades que ten o monte e proporcionar opcións e ferramentas de interese para os propietarios. Temos que estar moito máis relacionados e ter unha comunicación fluída e coordinada para que a xestión forestal sexa máis activa que a actual.

-E para rematar, que liñas de traballo vos marcades dende Bioeco2 de cara ó futuro?
-Imos seguir traballando nas liñas que iniciamos e ademais temos outro proxecto co que buscamos proporcionar un mercado no que ofertar servizos ecosistémicos e de sumidoiro de carbono. Pero sobre todo, dende a asociación imos seguir traballando naqueles temas que de xeito individual nos resulta máis complicado desenvolver, pero que vemos que son de gran utilidade e necesidade. Imos seguir movéndonos para ser interlocutores coa Administración e seguiremos traballando en temas de formación e información para o sector.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información