O desembarco de grandes adegas españolas en Galicia: motivos e perspectivas

oñecemos que levou a reputados grupos vitícolas a asentarse na rexión nos últimos anos e descubrimos como afrontan esta situación adegas galegas coma Viña Costeira. Cos seus protagonistas vemos tamén os plans de futuro e as expectativas sobre o sector do viño galego

Publicidade
O desembarco de grandes adegas españolas en Galicia: motivos e perspectivas

Participantes na mesa de debate sobre a chegada de novas adegas a Galicia e as perspectivas do sector.

As grandes adegas españolas puxeron o ollo nos viñedos galegos. Os viños producidos en Galicia chamaron a súa atención e motivaron que nos últimos anos grandes grupos vitícolas desembarcasen xa en terras galegas, coa compra de viñedos e a adquisición ou construción de novas adegas. Pero, por que apostaron por Galicia? Que lles levou a asentarse na rexión?

Esa foi unha das preguntas que se abordaron nunha das mesas celebradas no marco do I Foro da Uva e a Viña, organizado por Interempresas Media e a compañía Isagri na finca Pazo de Toubes da cooperativa Viña Costeira, no municipio ourensán de Cenlle. A cita congregou a máis de 200 participantes, entre viticultores, adegueiros e especialistas do sector do viño a nivel nacional e internacional.

No debate participaron 3 grandes adegas españolas que acaban de desembarcar en Galicia como son Tempos Vega Sicilia, o Grupo CVNE e Adegas Matarromera. Todas elas coincidiron en destacar a fonda tradición da viticultura en Galicia como o gran atractivo para iniciar en terras galegas novos proxectos.

Os puntos fortes da viticultura en Galicia

Estes tres grupos vitícolas Galicia viron nos viñedos galegos unha nova oportunidade de negocio, apostando pola diferenciación e restan importancia a algúns dos desafíos que expón a viticultura en Galicia como son a gran incidencia de mildio que adoita rexistrase nalgunhas zonas vitícolas e en determinadas campañas, ademais do minifundio que predomina, en especial no viñedo.

“En Galicia hai boas condicións para elaborar viño. O mildio é un reto, como noutras zonas hai outros”: Enrique Macías, Tempos Vega Sicilia

“En Galicia hai boas condicións para elaborar viño. O mildio é un reto, como noutras zonas hai outros”, reivindica Enrique Macías, director de Viticultura en Tempos Vega Sicilia. Precisamente, o grupo atópase en plena fase de construción dunha nova adega no municipio pontevedrés de Crecente, na DO Rías Baixas. Vega Sicilia conta xa con polo menos 24 hectáreas de terreo en Pontevedra. Agárdase que este ano realicen a primeira vendima, tras anos adquirindo viñedos en distintas zonas da DO.

Desde Vega Sicilia recoñecen ademais, que chegaron a Galicia coa intención de empaparse dos métodos tradicionais tanto á hora de coidar o viñedo como de elaborar viño. “Viñemos a aprender”, indica Enrique Macías. “Aplicamos novas tecnoloxías, pero ante a dúbida botamos a vista atrás, mirando como se facía antes”, apunta Macías. Tamén apostan pola observación dos viñedos e recoñecen que en Galicia iso é unha máxima. “Os viticultores galegos teñen claro que o viñedo manda e saben da importancia de observar o que ocorre nas viñas”, indica Macías.

De igual modo, desde Tempos Vega Sicilia valoran a identidade que marca o terroir aos viños en Galicia e mesmo consideran interesante os pequenos predios que abundan na rexión. “Un minifundio ben entendido, sen ser extremo, é un valor máis dos viñedos galegos, xa que proporciona heteroxeneidade. O minifundio dificulta o manexo, pero é un bo argumento para facer viños diferentes”, explica.

Tamén desde as Adegas Matarromera, procedente da DO Rueda e que nos últimos anos adquiriu viñedos nas DOs galegas do Ribeiro e Rías Baixas, reivindican o bo facer e a dedicación dos viticultores galegos, como fonte de inspiración. “O viticultor galego ‘vive’ no viñedo, o que lles permite ter un gran coñecemento dos seus viñedos e un enorme coidado das viñas”, apunta Julio Pinto, director xeral de Adegas Matarromera.

“O presente en Galicia é do Albariño, pero o futuro será da Treixadura”: Julio Pinto, Adegas Matarromera

No caso de Matarromera comezaron traballando en Ribeiro co primeiro viño elaborado xa en 2017. “Pensamos que o Ribeiro é o futuro dos viños galegos”, valora Pinto. En canto a variedades, ven un gran potencial na uva Treixadura. “A Treixadura acabará substituíndo ao Godello, do mesmo xeito que ocorre co Albariño. O presente é do Albariño, pero o futuro será da Treixadura”, vaticina Pinto.

As súas perspectivas de futuro para a adega Matarromera en Galicia pasan por elaborar viños asentados na calidade, sen aspirar a grandes producións. Ademais, poñerán o foco en asegurar a identidade propia dos seus viños empregando tamén fermentos propios cos que conseguir viños apegados á terra.

Outra das adegas que puxo a vista en Galicia foi a rioxana CVNE, unha adega familiar que decidiu hai 6 anos comezar o seu proceso de expansión e a comunidade galega foi un dos destinos escollidos, con viñedos xa en Valdeorras e Rías Baixas. “En CVNE sempre se apostou pola idiosincracia dos viños, aínda que é un reto importante facelo en Galicia polas diferenzas que atopas cada ano nos viñedos e nas distintas zonas vitícolas”, recoñece Irene Bonilla, responsable de viñedo en CVNE.

Tamén recoñecen o reto que supón traballar en Valdeorras polos solos e clima, que á súa vez son esenciais para o carácter dos viños producidos nestes viñedos, onde están a cultivar principalmente Godello e Mencía.

A chegada de competidores directos

O interese suscitado polos viñedos galegos entre adegas doutras rexións españolas ten tamén outros protagonistas: o sector vitícola galego. No debate, desde a cooperativa Viña Costeira, da DO Ribeiro, anfitrioa da cita, apuntaban como viviron este fenómeno. “A medio e longo prazo que grandes grupos se interesen polos viños e viñedos galegos é positivo, xa que amosa que os nosos viños funcionan no mercado e axuda ao crecemento e a expansión da exportación”, valora Andrés Rodríguez, presidente de Viña Costeira.

Aínda que, a curto prazo, a súa chegada supuxo un novo reto en especial para as adegas locais, xa que como apuntaba Rodríguez, 8 dos 10 grupos vitícolas que máis facturan de España chegaron xa a Galicia. “No ano 2010, Viña Costeira atopábase entre os primeiros postos de adegas por facturación en Galicia, hoxe caeu ata máis aló do posto 30, xa que algunhas das empresas que chegaron á rexión multiplican por 40 a facturación de Viña Costeira, polo que é realmente moi difícil competir con elas” explica Rodríguez.

A medio e longo prazo a chegada de grandes adegas pode resultar positivo para o sector galego, contribuíndo ó crecemento e expansión. A curto prazo será un reto conseguir uva

Fronte a este novo paradigma, desde Viña Costeira levan anos apostando pola innovación. “Se queremos estar á altura dos retos que se presentan hai que seguir investindo en dixitalización das empresas”, sinalan desde Viña Costeira, que dixitalizou xa todo o proceso empresarial, un esforzo que acaban de recoñecerlle ao ser nomeada como a Cooperativa máis innovadora de España.

Outro dos retos a curto prazo que deben afrontar as adegas e cooperativas galegas é a escaseza de uva. “Conseguir uva vai ser máis complicado, xa que hai máis operadores no mercado”, apuntan desde Viña Costeira. Para afrontar o desafío, en Viña Costeira miran non só á produción propia, en viñedos manexados pola adega e a necesidade de garantir a solvencia de viticultores que poidan seguir producindo uva de calidade. “Do mesmo xeito que ocorre con outros produtores do sector agrogandeiro, cada vez haberá menos viticultores, pero aspiramos a que eses viticultores produzan máis, do mesmo xeito que ocorre cos ganderías de carne ou leite que cada vez son máis eficientes”, apunta Rodríguez.

Co obxectivo de atender esta demanda de uva, desde Viña Costeira esperan multiplicar por 4 a superficie de viñedo propio que manexan desde a Cooperativa entre O Ribeiro e Valdeorras. “Buscamos paliar o abandono do viñedo antigo que se rexistrou”, indica Rodríguez, quen reivindicou tamén o papel do enoturismo como un dos eixos primordiais para o sector do viño galego, conseguindo unha aproximación do consumidor ao coñecemento e goce dos viños galegos desta forma lúdica.

A aposta de Viña Costeira é tamén traballar no posicionamento de marca de calidade dos seus viños, con produtos de nichos de mercados específicos, así como a apertura de novos mercados que se axusten a estes criterios.

A recuperación de terras de viñedos

Á hora de abordar a situación do sector do viño galego e as estratexias para incrementar a competitividade, desde a Xunta, o conselleiro de Medio Rural, José González, lembrou os esforzos levados a cabo desde o seu departamento para a recuperación de terras abandonadas, cunha lei específica; a creación de figuras como os polígonos agroforestais, que buscan recuperar os usos destas zonas ou a Estratexia do viño.

En concreto, González lembrou o papel das parcelarias como ferramentas para paliar o minifundismo e que permiten un manexo máis eficiente. Ademais, destacou os polígonos agroforestais do viñedo impulsados en municipios como Cenlle, Leiro, Oímbra ou Monterrei cos que se pretende mobilizar terras abandonadas. “Só no Ribeiro hai preto de 10.000 hectáreas abandonas, boa parte delas mesmo en zonas históricas de produción do viñedo, mentres que de media a parcela nalgúns municipios do Ribeiro sitúase nos 250 metros cadrados”, apuntaba González.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información