Franco Basalo, unha adega que culmina a tradición familiar no sector vinícola

José Manuel Franco decidiu abrir no 2013 a súa propia adega para continuar cun pasado vitícola de varias xeracións. Nestes anos, comezaron a afianzarse no mercado e decidiron tamén apostar polo enoturismo. Coñecemos como traballan nesta adega de Monterrei

Publicidade
Franco Basalo, unha adega que culmina a tradición familiar no sector vinícola

José Manuel Franco, propietario da adega Franco Basalo, asentada en Castrelo do Val (Verín).

O mundo do viño non lle era alleo a José Manuel Franco cando hai 6 anos decidiu abrir a súa propia adega, asentada en Castrelo do Val (Verín), na DO Monterrei. “Foi case unha homenaxe para meu pai e meu avó, que toda a vida se dedicaron ó mundo do viño, aínda que doutro xeito”, recorda José Manuel.

Seu pai traballara como viticultor e comerciante de uvas e seu avó fora arrieiro. De aí que tamén decidira que a adega levara os seus apelidos, a modo de recoñecemento, e se coñecese como Adega Franco Basalo.

Centrado ata ese momento noutros sectores, José Manuel construíu a adega nuns terreos que en boa parte pertencían xa á familia, motivo que o levou a decantarse por estas terras. No 2014, comezan a producir e embotellar o seu propio viño procedente de uvas de viticultores da zona.

Contan con viticultores das zonas de val e da montaña para aportar ós seus viños os distintos matices desta denominación

“Procuramos supervisar os viñedos dos nosos produtores ó longo de todo o ano para asegurarnos de que dispoñemos de uvas de calidade para elaborar o viño”, apunta. Controlan tanto os tipos de fertilizantes ou tratamentos que se empregan nas viñas como as épocas nas que realizan as podas co gaio de garantir que obterán uvas de calidade.

A adega conta con preto de 30 viticultores que lle proporcionan cada ano as uvas. “Decidimos ter produtores das distintas zonas de Monterrei, tanto da montaña como dos vales para conseguir aportar ós viños a calidade e os matices desta denominación”, explica José Manuel.

Viñedos propios fronte á falta de relevo xeracional

Pese a que nun principio comezaron só elaborando o viño a partir das uvas que lles proporcionaban os viticultores da zona, pouco a pouco comezaron a dispoñer de viñedos propios. “Agora mesmo contamos con 5 hectáreas na zona de Castrelo do Val procedentes de pequenos viticultores que foron deixando as viñas porque xa non as daban atendido. O relevo xeracional é aínda unha tarefa pendente”, indica o empresario.

Adquiriron 5 hectáreas de viñedo a antigos viticultores da zona e este ano tamén plantarán outras 5 hectáreas de vides

A calidade das uvas e a antigüidade das cepas motivou que se fixeran cargo destes terreos para seguir a dispoñer destas uvas para os seus viños. Pero ademais, este mesmo ano decidiron plantar outras 5 hectáreas de viñedo para incrementar a produción propia. “Nestes momentos aínda estamos decidindo que superficie adicaremos a cada variedade, pero imos plantar tanto vides de Mencía como de Godello”, explica o adegueiro.

Na actualidade, a súa produción sitúase en torno ós 115.000 litros de viño e a meirande parte, un 60%, corresponde ó viño tinto. Polo momento están centrados nos monovarietais de Mencía e Godello, que comercializan baixo o nome de Estela do Val. Aínda que tamén teñen unha mínima parte de uvas das variedades Arauxa, Treixadura, Dona Branca e Verdello.

Visita-Sala-depositos_Adega-Franco-Basalo-

Zona dos depósitos que foi reformada recentemente.

Aumentar a capacidade da adega

No 2017 decidiron afrontar unha reforma na adega para ampliar a súa capacidade de produción, sobre todo na sala na que levan a cabo a elaboración do viño. Para esta reforma, que supuxo un investimento de máis de 141.000 euros, contaron cunha axuda europea do 75%.

Esta ampliación permitiulles aumentar a súa capacidade de produción ata os 500.000 litros. Logo desta reforma e co incremento dos viñedos propios, a adega ten pensado tamén incrementar o número de traballadores fixos, que agora mesmo se sitúa en tres durante todo o ano e que se duplica na época da vendima.

Elaboran uns 5.000 litros do seu tinto Estela do Val envellecido en barricas de carballo francés

Na adega dispoñen tamén dun pequeno espazo adicado á elaboración do seu viño máis especial, o Estela do Val de Barrica, un viño que logo de completar a súa maceración repousa en barricas de carballo francés, normalmente durante 7 meses, aínda que este tempo pode variar dependendo das recomendacións do enólogo, que valora as características de cada colleita. Como máximo producen uns 5.000 litros deste tipo de viño.

O enoturismo, unha porta para coñecer os viños

A adega decidiu dende hai algo máis de dous anos apostar polo enoturismo como unha ferramenta para dar a coñecer os seus viños. Para iso, aproveitaron o atractivo das propias instalacións, que foron construídas con lousas de pedra de antigas construcións en ruínas da zona, e que lle confiren á adega un estilo que recorda ó dos pazos galegos. Ademais a adega dispón de xardíns e salóns nos que celebrar distintos eventos.

Exteriores-adega-Franco-Basalo-

A adega apostou nos últimos anos polo enoturismo.

O ano pasado iniciáronse nesta oferta que combina os sectores vinícola e o turístico acollendo distintos eventos e para este verán teñen xa boa parte do calendario cuberto con eventos de distinta índole. “Estas instalacións tanto serven para acoller celebracións nupciais como eventos ou congresos. Están pensadas para realizar todo tipo de actos de xeito completamente independente da adega”, comenta José Manuel. Para esta tempada apostaron tamén por externalizar esta xestión e que sexa unha empresa especializada a que se encargue da promoción turística.

A través destas actividades paralelas centradas no enoturismo, nas que se inclúen tamén catas, sesións de maridaxes e excursións ós viñedos, pretenden achegar ó consumidor os seus viños. “É un xeito de darnos a coñecer e de que a xente veña tamén ata a adega. Ó mesmo tempo, este tipo de propostas contribúen a potenciar os atractivos turísticos da comarca”, comenta o adegueiro.

Afianzarse no mercado nacional

O impulso do enoturismo, para que chegue a converterse nun piar transcendental da adega, é un dos retos que contemplan dende Franco Basalo. Xunto a esta aposta, tamén están centrados en afianzar cada vez máis os seus viños no mercado nacional para poder mesmo comezar a exportar.

Barricas-Franco-Basalo_-

Sala de barricas de madeira de carballo da adega.

“Levamos aínda moi poucos anos e case non tivemos tempo de asentarnos no mercado nacional e ese é un dos retos que temos a curto prazo”, explica o propietario da adega. Polo de agora están centrados na distribución á restauración, a tendas especializadas e na venta directa na propia adega.

Pese a súa curta traxectoria no sector, a adega xa obtivo nos últimos anos o recoñecemento da Guía de Viños, Destilados e Adegas de Galicia para os tres viños que elaboran. O tinto de Estela do Val obtivo a medalla de prata no 2018, e ese mesmo ano a variedade branca levou a medalla de Ouro. Namentres, o seu tinto envellecido en barrica recibiu a Medalla de ouro no 2017.

As boas condicións da colleita deste ano animáronos de novo a participar cos seus viños en distintos certames, aínda que recoñecen tamén a gran competencia que existe nunha denominación tan pequena como a de Monterrei, onde hai case 30 adegas e se producen viños dunha gran calidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información