Beade é unha paisaxe única en España salpicada de pequenos viñedos en bancais que se estenden pola aba dos montes ata o río Avia. E é que neste pequeno concello ourensán a actividade humana xira dende hai centos de anos arredor da produción dos viños do Ribeiro, de cuxa riqueza dan testemuño os numerosos pazos, reitorais e igrexas como a de Santa María de Beade.
Neste enclave único, no que nos anos 50 do pasado século chegaron a producirse ata 8 millóns de kilos de uvas -case tanto como toda a Denominación de Orixe Ribeiro neste momento- sitúase Bodegas Señorío de Beade, fundada no ano 1987 pola familia González-Vázquez e que é un auténtico motor económico, dando emprego estable a 8 persoas na aldea.
Hoxe en día Bodegas Señorío de Beade, con marcas recoñecidas como Señorío de Beade ou Beade Primacía, segue apostando polo futuro. E é que se hai tres décadas foi pioneira no Ribeiro na recuperación das castes de vides autóctonas, hoxe segue tendo unha estratexia a longo prazo mediante a plantación de viñedos propios, co obxectivo é producir eles mesmos o 60% da uva que transforman.
Falamos con Ángel González-Vázquez, un mozo enxeñeiro industrial de 31 anos que hai dez anos decidiu tomar o relevo xeracional nesta emblemática adega do Ribeiro.
Os vosos viños levan o nome de Beade por todo o mundo. ¿Ven de moi lonxe a vosa relación co viñedo?
Xa os meus bisavós vivían aquí en Beade dedicándose ao cultivo do viñedo, que daquela se complementaba coa venda de madeira de piñeiro. A adega, como era habitual aquí no Ribeiro, estaba no baixo da casa, e o viño vendíase a granel, sen etiqueta, a xente de Vigo, de Lugo, de Lalín…Era unha economía de subsistencia da que vivían miles de viticultores no Ribeiro.
Hai 30 anos meus pais, Antonio González Pousa e María Zoila Vázquez Sanmarful, foron quen de adiantarse ao seu tempo e viron que o futuro do Ribeiro pasaba por vender viño embotellado, de variedades autóctonas e por modernizar os viñedos, intentando superar o minifundio.
“Os meus pais foron visionarios cando cambiaron o Alicante e o Palomino polas castes autóctonas”
Foi así como empezaron a substituír de forma progresiva as cepas de Alicante e Palomino, variedades foráneas pero moi produtivas, por Treixadura, e en menor medida Albariño e Loureira. Non foi unha decisión fácil porque daquela a uva de Palomino e Alicante pagábase ben e plantar de novo supuña quedarte dous ou tres anos sen produción e sen ingresos. Pero foron visionarios e a decisión foi claramente acertada.
Empezaron embotellando no 1988 coa marca “Sol da Portela”, que era de uva Palomino, e no 1989, a partir da uva das castes autóctonas que foran plantando, sacaron ao mercado o “Señorío de Beade”.
¿Cal foi o principal cambio que experimentou a adega nestes 30 anos?
Pode resumirse en que os meus pais empezaron cultivando 1 hectárea de viñedo en propiedade, repartida en varias fincas, e hoxe temos 10 hectáreas en propiedade e temos compromisos de compra con provedores de Beade, que suman outras 25 hectáreas.
Outro dato, se no 1987 prácticamente o 100% dos nosos viñedos estaban plantados con Palomino e Alicante hoxe o 100% das nosas cepas son de variedades autóctonas: un 80% de Treixadura, un 10% de Loureira e o 10% restante de Albariño, Godello, Mencía e Caíño Tinto.
Es enxeñeiro industrial pero decidiches seguir coa adega familiar. ¿Que te atrae deste sector?
Nacín e crieime aquí en Beade e o viñedo forma parte da miña vida. Os meus pais animáronme a estudar e que logo decidira libremente o meu futuro. Estudei Enxeñería Industrial en Vigo e ao rematar decidín seguir coa adega familiar e seguir vivindo aquí, na aldea de Beade. A formación que recibín axudoume moito, non só para abrirme miras senón tamén porque os proxectos técnicos fágoos eu, sen ter que pagar a unha empresa externa.
“É unha satisfacción como adega axudar a que a xente nova poda vivir da viticultura”
Estou moi contento de ter tomado esa decisión hai 9 anos: a viña e o viño son unha paixón para min e vexo o meu futuro e o dos meus fillos aquí. É unha satisfacción vivir en comunidade, na aldea somos poucos veciños pero levámonos ben e nos últimos anos houbo xente nova que se incorporou á viticultura, e nós como adega procuramos botarlles tamén unha man asegurándolles a compra da uva. A xente que vivimos no rural temos que apoiarnos entre nós.
Estades a facer un importante esforzo en reestruturar e ampliar os vosos viñedos. ¿Por que motivo?
Se no seu día os meus pais non decidiran reestruturar os viñedos e apostar polas variedades autóctonas e polo viño de calidade hoxe non estariamos aquí.
O que estamos facendo dende hai uns anos é ampliar os nosos viñedos propios. Hoxe é moito máis fácil mercar fincas porque hai moita xente maior que se está xubilando e que non ten relevo. É unha mágoa porque a veces teñen viñedos dimensionados e dos que podería vivir unha persoa perfectamente.
Hai uns 5 anos démonos conta de que moitos dos nosos provedores de uva ían cesar a actividade e foi así como decidimos ampliar os viñedos propios para, como mínimo, o 50% da uva que procesemos sexa producida por nós. De feito, das 10 hectáreas que temos en propiedade, 5 foron plantadas nos últimos 4 anos e para o próximo ano prevemos plantar outras 2 hectáreas que adquirimos.
“Non empregamos herbicidas dende hai anos”
Nesta última vendima producimos nos nosos viñedos uns 120.000 kilos, o que supuxo o 50% da uva que elaboramos.
Outra reto que temos para o futuro en Bodegas Señorío de Beade é ir cara a produción en ecolóxico. Creemos que hai que ir cara unha produción máis sostible e dende hai anos non empregamos herbicidas e picamos os sarmientos para abonar as viñas. Agora estamos estudando empezar a traballar en produción integrada como paso previo á ecolóxica.
¿Notades que cada vez hai menos viticultores de fin de semana?
Si, porque co cambio climático e coas enfermidades que hai no viñedo tes que estar pendente todos os días para lograr colleita e que a calidade sanitaria da uva sexa a óptima.
Como di o refrán “A vide quere ver a sombra do dono”, e conseguir cultiva unha boa uva é o que diferencia un bo viño.
En Bodegas Señorío de Beade tedes un amplo catálogo de viños e derivados ¿Cales destacarías?
O noso buque insignia é “Señorío de Beade”, un plurivarietal que elaboramos cun 70% de uva Treixadura, un 15% de Godello e un 15% de Torrontés, aínda que segundo o ano tamén lle engadimos Albariño e Loureira. Deste viño vimos sacando ao mercado unhas 100.000 botellas nun ano normal.
Logo destacaría o noso “Beade Primacía”, un monovarietal 100% Treixadura que saíu ao mercado no 1993 e do que vimos elaborando entre 50.000 e 60.000 botellas.
Ademais, fomos pioneiros no Ribeiro en elaborar un viño 100% con Loureira. É o “Beade 25 autor”, que sacamos ao mercado con motivo dos 25 anos da adega. Empezamos con 1.000 botellas e nesta vendima sacamos ao mercado 4.000 botellas. A Loureira é unha variedade con moito potencial e que produce viños moi diferenciados, pero ao ser de ciclo longo é preciso cultivalas en ladeiras soleadas e resgardadas do norte. É unha variedade moi expresiva, suave en boca e con acidez.
“Quen proba os nosos viños repite, non hai mellor publicidade”
Por último, destacaría o “Passum”, un viño do que sacamos unha edición limitada de 450 botellas de 0,5 litros, e o “Beade Orixe”, un tinto de Mencía, Sousón e Caíño criado 12 meses en barrica e con guarda en botella que sae ao mercado con 24 meses. É un viño elaborado ao estilo tradicional: fermentado en cubas de madeira e logo envellecido en pipas e que aguanta ata 10 anos en botella sen problema. Este é un viño exclusivo do que só quitamos ao mercado 1.500 botellas.
Quen proba os nosos viños repite. De feito case todos os importadores que temos probaron o noso viño nun restaurante e gustoulles tanto que se puxeron en contacto con nós.
Chegades a vender fóra o 40% da vosa produción, incluso en American Airlines e en Air Canada. ¿Como foi a experiencia?
A maior parte das nosas vendas están en Galicia e en España, e neste momento vendemos no estranxeiro arredor do 20%. É certo que hai dous anos exportamos case o 40% da nosa produción, grazas en boa medida a que os nosos importadores lograron colocar o noso viño nos avións de American Airlines e Air Canada. Foi unha experiencia moi positiva e esperamos que se repita nos próximos anos.
Unha das conclusións desta experiencia é que precisamos ter unha colleita asegurada cada ano para poder abastecer aos nosos clientes con garantías.
“Deberíamos vender os viños galegos no estranxeiro coa marca Galicia e aproveitando o Camiño de Santiago”
Outra lección da que creo que debéramos aprender é que debemos saír a vender os nosos viños no estranxeiro coa marca Galicia e do Camiño de Santiago, porque a un consumidor en China ou en Estados Unidos élles moi difícil xa situar España e aínda moito máis O Ribeiro ou Rías Baixas, pero case seguro que coñece o Camiño de Santiago.
Creo que as Denominacións de Orixe galegas deberían facer unha promoción conxunta no estranxeiro baixo a marca Galicia, e logo darlles información a maiores das nosas variedades e das nosas DO´s. Como anécdota que creo que ilustra a situación actual un familiar que teño en Alemaña envioume unha foto dunha carta de viños dun restaurante de Berlín. Dos viños españois aparecían un “Viño Rioja”, un “Viño de Jerez” e logo un “Viño albariño”, facendo referencia só á variedade, que non se sabe onde se cultivou, pero non a Galicia, e moito menos a unha Denominación galega.