“Teño 40 anos e son das poucas da miña xeración que decidín apostar pola gandería e quedar aquí”. Esta frase, de Mari Carmen García Gómez, ilustra ben ás claras a situación da montaña de Lugo, aqueixada dun forte proceso de avellentamento e despoboamento.
Mari Carmen e a súa familia son os únicos que viven de xeito permanente en Bazal, na parroquia cervantega de Vilaspasantes, e as súas 40 vacas pacen tamén outras aldeas cercanas onde xa non quedan explotacións gandeiras.
O gando serve para manter a raia o lume, coma o que na primavera de 2017 afectou á propia Vilaspasantes, só uns meses antes da gran vaga de incendios que no outono dese ano arrasou zonas de Rede Natura noutras parroquias veciñas, como Cereixido, Donís ou Noceda.
O gando serve para manter a raia o lume como o que no 2017 queimou amplas zonas de Rede Natura nos Ancares
Nos Ancares, ao igual que noutros moitos lugares de Galicia, os gandeiros e os seus animais son os verdadeiros xestores do territorio, os que coidan da natureza e a biodiversidade nunha das zonas de maior riqueza ambiental da comunidade, pero séntense desprotexidos e mesmo “atacados” por unha Administración que non fai máis que poñer trabas e atrancos ao seu traballo e por unha sociedade cada vez máis urbana e desconectada dos problemas e necesidades do rural.
Máis vacas ca xente
O concello de Cervantes conta cun total de 229 explotacións agrogandeiras, das que 176 teñen gando bovino (un total de 4.804 cabezas, segundo os datos do Censo Agrario do ano 2020) e xestionan un total de 4.000 hectáreas de superficie, das que máis do 90% (máis de 3.750 hectáreas), son pastos permanentes, a mellor barreira contra o lume e o abandono.
Pero ter vacas na montaña non é o mesmo que telas noutros lugares. A orografía escarpada e a climatoloxía dos meses de inverno condicionan o manexo do gando e incrementan os gastos e o traballo, que moitas veces non se ve compensado no prezo de venda dos xatos.
No concello de Cervantes hai 4 vacas por cada veciño (1.209 habitantes e 4.804 cabezas de gando)
A esa escasa rendibilidade da actividade engádense outros factores que inciden de xeito directo no despoboamento, como a falta de servizos nun territorio disperso. No concello de Cervantes, de 27.664 quilómetros cadrados, a densidade de poboación é de 22 habitantes por km2.
Os 1.209 habitantes actuais son menos da metade dos que tiña o municipio no ano 1995 (2.584), tres veces e medio menos dos que había en 1970 (4.294) e seis veces e medio menos ca en 1950 (7.952), unha caída exponencial que semella non ter tocado fondo aínda.
“Por moito que che guste isto, ao final ten que haber rendibilidade”
Fermín Fernández Gómez ten 46 anos e colleu a explotación familiar fai 11, con 35, logo de traballar 14 anos “fóra da casa”, 10 deles como camioneiro de transporte internacional. “A min gústame moito o rural e quixen que fora a miña forma de vida, pero por moito que che guste, ten que haber rendibilidade”, sentencia.
Cando el se incorporou había unhas 15 vacas na casa e hoxe ten unhas 50 reprodutoras, practicamente todas de raza rubia galega, e vende os xatos que produce co selo da IXP Ternera Gallega Suprema, a marca emblema da carne de calidade galega. Pero iso non garante nada. “O prezo da carne en orixe non repunta, incluso baixou este ano, pero todo o outro sobe”, quéixase.
A Fermín tamén o coñecen por Lamas, o nome do lugar onde vive. “Aquí a moita xente coñécesenos co nome do pobo, porque como xa quedamos poucos, ás veces un en cada pobo, pois non leva a equívoco ningún”, bromea. “En Lamas quedamos só dous veciños e con vacas eu só”, engade xa en serio.
Aquí a moita xente coñécesenos no nome do pobo porque como xa quedamos poucos, ás veces un en cada aldea, non leva a confusión
Fermín levou fai un ano o seu tractor a Lugo desde Cervantes para protestar pola situación do sector da carne e dunhas normativas, chegadas moitas delas desde Bruxelas, que non teñen en conta a realidade de zonas coma os Ancares. “Aparte doutras trabas, un dos problemas máis grandes que temos é a nivel burocrático, padecemos moito papeleo e impóñenos cousas absurdas para cumprir coa PAC”, quéixase.
“Coido de 80 hectáreas en medio municipio”
O gando de Fermín pace unhas 80 hectáreas “en medio municipio”: na parroquia de San Pedro, na de San Román e algo na de Castelo. “Ese é un dos problemas grandes que teño, porque todas son fincas pequenas e temos que ir adaptando o tamaño dos lotes á dimensión das parcelas. Temos 7 ou 8 lotes de gando de 6 ou 7 vacas e mesmo teño algún lote de 4 vacas, porque se metes 10 ou 12 vacas terías que movelas todos os días de finca”, explica.
Pero máis lotes significa máis traballo e non hai moito quen o faga porque escasea a man de obra. “De momento axúdame meu pai a movelas, pero é difícil. Estou barallando comprar un remolque para o tractor para desprazalas”, di.
Para vixiar todos os lotes, cantos mastíns tería que ter? Para min esa non é a solución
O risco de ataques do lobo é outro dos factores que condiciona o manexo do gando. As vacas que teñen crías pequenas déixaas nas fincas arredor do pobo porque requiren máis control e para telas máis protexidas, pero iso non é ningunha garantía. “Fai dous anos matoume un becerro aquí ao lado da casa e o problema é que vai a máis”, asegura.
Fermín ten cans de garda para protexer o gando dos ataques do lobo pero co sistema de pequenos lotes dispersos co que traballa el considera que é algo que non resolve o problema. “Eu teño mastíns só nun dos grupos porque para vixiar todos os lotes case tería que ter tantos cans coma vacas. Para min esa non é a solución”, conclúe.
O condicionante da climatoloxía
Xunto co pequeno tamaño das parcelas, a dispersión da superficie e a difícil orografía, a neve do inverno e a seca do verán condicionan o xeito de traballar dos gandeiros da montaña. “No inverno gardo o gando dentro, aínda que non é unha ciencia matemática, porque se hai pasto fóra procuramos que coman todo ao dente por economía”, indica.
“Os becerros cando vén mal tempo gárdoos na corte con 4 meses para cebalos e facer mellores canais. Saen as nais e entran, o que outra vez máis supón máis traballo. Destétoos normalmente aos 7 meses e medio e despois aliméntoos con concentrado de cereais e herba seca”, detalla.
Nesta zona hai pouco solo e aféctanos moito a seca
O penso Fermín ten que mercalo, pero a forraxe procura producila el. “Normalmente son autosuficiente, fago uns 580 rolos en total, 500 de silo e 80 de herba seca, pero estes dous últimos anos non houbo unha gran colleita e no 2022 tiven que mercar algo de silo. Nesta zona hai pouco solo e aféctanos moito a seca”, conta.
Volta ao estrume
Até agora nesta gandería encamaban os xatos con palla, pero a escaseza da colleita de cereal o ano pasado en Castela disparou os prezos da palla, o que fai inviable en moitos casos a súa utilización. “Trouxen algo pero custoume a 200 euros a tonelada, e considero que a ese prezo non ten sentido usala, tendo en conta que non é para a alimentación do gando senón para facer abono”, argumenta.
Segamos toxo e carpanza no monte; algo sempre facía, pero este ano máis pola carestía da palla
Así pois, Fermín optou por volver ao sistema tradicional de estrar o gando. “Este ano cortei estrume no monte como se facía antigamente, para abaratar. É unha mestura de toxo, carpanza e outras herbas. Collímolo eu e outros dous amigos xuntos. Segamos en outubro e despois recollimos en rolos por comodidade. Fixemos uns 80 rolos”, explica.
Fermín destaca a función ambiental e de limpeza e control do mato que realizan as ganderías en territorios como o da montaña, tanto pola acción directa dos animais pacendo como polo traballo que levan a cabo os gandeiros. “En total nós este ano limpamos unhas 8 ou 9 hectáreas de monte cerca das casas de Folgoso”, que foi onde recolleron o molido, detalla.
“Algún día, cando desaparezamos as pequenas explotacións familiares, as Administracións daranse conta do gran erro que cometeron”
Mari Carmen García Gómez vive coa súa familia en Bazal, pertencente á parroquia de Vilaspasantes, na esquina do concello cara a Pedrafita. “Vivindo a diario só somos nós”, lamenta. “Teño 40 anos e son das poucas da miña xeración que decidiron apostar polo sector agrogandeiro e por quedar aquí. “Para min foi como un reto persoal, a min gústame moito a gandería”, explica.
O home de Mari Carmen, José Antonio, ten unha empresa de construción e desbroces e tamén traballa limpando os accesos aos núcleos de poboación no inverno cando hai neve. “Aquí hai que adicarse un pouco a todo para sobrevivir”, di Mari Carmen, que é quen está á fronte da explotación familiar.
Coidado do gando e das persoas maiores
Ten neste momento 40 vacas, logo de verse obrigada a reducir temporalmente o número de animais. “Tiñamos bastantes máis pero estou coidando a miña nai, que está enferma e foi necesario reducir a carga porque non podía seguir co ritmo de traballo que tiñamos. Unha persoa maior enferma necesita moito tempo de dedicación. Hai que conciliar e compatibilizar todo, así que reducimos temporalmente as cabezas de gando que tiñamos”, explica.
Aquí hai que dedicarse un pouco a todo para sobrevivir
Para atender a gandería, a Mari Carmen bótanlle unha man os seus fillos, Carlos (de 18 anos) e Sergio (de 21), que están estudando e axudan no tempo libre. “Colaboramos un pouco toda a familia, aínda que a explotación lévoa basicamente eu, pero eles son neste momento un pilar fundamental”, conta.
“Sempre que podemos, temos o gando fóra”
A superficie coa que conta esta gandería é dunhas 60 hectáreas, moi repartidas en diferentes aldeas da contorna. “A base téñoa en Bazal, que é onde vivimos, e noutra aldea, en Cela, que é de onde son eu, tamén temos fincas. Pero agora aquí os pobos van quedando abandonados e levamos o gando a diferentes lugares como Vilaspasantes ou Bimieiro”, enumera.
“Temos fóra o gando sempre que podemos, ben nos prados ou en cachos de monte que tamén os pastoreamos co gando. No inverno, por exemplo, témolas nestas zonas de monte e poñémoslles de comer, así de paso limpan o monte”, destaca.
Aínda que cada vez neva menos, cando neva moito acortellamos todo o gando, pero a non ser que haxa unha nevada moi grande temos fóra todo
“O lobo é unha das cousas que nos condiciona moito. Hai dous anos sufrimos un ataque en Santa Mariña, cunha becerra atacada e morta, pero non nolo recoñeceron como ataque do lobo porque dixeron que non había evidencias dabondo”, lamenta.
En canto ao desnivel das fincas, “temos algo de todo”, di. “A maior parte da superficie é mecanizable pero hai zonas de máis pendente nas que corres moitos riscos”, recoñece.
“Os nosos fillos queren quedar, pero hoxe é case unha aventura”
Os dous fillos de Mari Carmen e José Antonio “teñen moi claro que non se queren alonxar disto”, di a súa nai. Sergio, o maior, está facendo o Ciclo Superior de Agroforestais en Becerreá e o seu irmán Carlos o de Mecánica en Lugo. “Aínda que o futuro é incerto, os dous teñen pensado vivir aquí; son os dous moi amantes disto”, asegura Mari Carmen.
Póñennos mil restricións, normas e burocracia que nos afogan
Gustaríalle que os fillos se viran apoiados para continuar porque, di, “hoxe en día téñeno moi complicado, é case unha aventura”. “As axudas que temos son mínimas; sen embargo póñennos mil restricións, normas e burocracia que nos afogan. Somos os verdadeiros xestores do territorio co noso gando e as nosas vacas son beneficiosas para o medio ambiente. Algún día daranse conta do gran erro que cometeron se chegamos a faltar estas pequenas explotacións familiares”, afirma.
“Pero a nós pregúntannos poucas veces”, quéixase. “Para que mozos coma os meus fillos poidan cumprir o seu obxectivo de non marchar de aquí, vivindo da gandería ou de outra actividade, para iso as Administracións tiñan que darse conta de que somos necesarios e que nos hai que coidar un pouco máis e non só acordarse de que existimos uns días antes das eleccións para pedirnos o voto”, remarca.
“Temos un problema coa rata-toupa e desde fai 3 anos a herba seca teño que comprala toda”
Félix González Pereira ten 44 anos e incorporouse no 2017 á explotación familiar, que colleu dos seus pais. Antes traballou na construción en Lugo, onde sigue vivindo. Todos os días, despois de deixar os cativos no colexio, vai até Vilaver para coidar do gando.
Ten neste momento 45 reprodutoras máis dous touros e está limitado pola superficie da que dispón, unhas 34 hectáreas. Atópase na zona do concello na que máis gandería hai, xunto coa veciña parroquia de Quindous.
“Teño difícil poder ampliar porque superficie non hai moita e teño que ter coidado para non pasarme da carga gandeira. En Vilaver somos 4 casas con vacas e todo o que nos valía no monte xa o temos a pastizais”, explica.
Nas 50 hectáreas de pastizal do monte comunal faciamos 400 fardos de forraxe pero agora está infestado e non hai máis ca terra
Son un total de 50 hectáreas de pastizal as que teñen no monte comunal e que xestionan os catro veciños con gando. “Faciamos alí 400 fardos de forraxe ao ano, 100 para cada un, pero agora non podemos segalas para herba seca porque está todo infestado coa praga da rata-toupa e non traemos máis ca terra”, conta.
“Non nos deron ningún tipo de solución de momento e desde fai 3 anos eu a herba seca teño que comprala toda”, denuncia. A Xunta habilitou o ano pasado unha liña de axudas específica, pero Félix cobrou só 1.400 euros, que ao prezo que acadou tamén a herba seca no último ano “non chega nin para un camión de rolos”, di.
As ganderías da montaña precisan recoller máis forraxe para pasar o inverno que as de zonas máis baixas, onde as pradeiras rebrotan antes
A el aqueles 100 rolos de herba seca que traía do monte comunal resolvíanlle xa boa parte do inverno, pero agora víronse obrigados a deixar de segar a herba e levan o gando a pacer. “Temos as vacas alí pacendo, pero tampouco dá, agora produce moito menos. Antes desde que faciamos o corte de herba seca levabamos 15 vacas cada un; agora temos 7 cada un soamente porque se levamos máis non teñen dabondo que comer”, asegura.
“Dan máis traballo, pero os xatos medran máis estando na corte”
O pastizal do monte está a uns 1.000 metros de altitude e o pobo a 800. “No inverno hai que baixar as vacas, porque no monte dá o vento de todos os lados, mentres que abaixo é máis abrigado”, explica.
“No inverno acortello tamén as vacas que paren de poucos días e non teño os xatos tampouco fóra. Dá máis traballo, pero os xatos medran tamén máis estando na corte ca fóra e para min ten mellor calidade a carne”, defende.
No cebo dos tenreiros emprega só herba seca e penso. “Os becerros non comen silo, iso é para as vacas”, indica. O silo fano nas fincas de máis abaixo, que non están tan afectadas pola praga da rata-toupa como as pradeiras do monte comunal.
Para estrar segue usando palla, malia o seu forte encarecemento. “Estou comprando o alpacón de 4 cordas a 80 euros e dúrame unha semana, cando fai uns anos o teño comprado a 18 e 20 euros”, compara.
Socio da cooperativa A Carqueixa
Félix é socio da cooperativa A Carqueixa, con sede en San Román e da que forman parte un cento de explotacións de vacún de carne de varios concellos dos Ancares. Os xatos que produce, dentro da IXP Ternera Gallega Suprema, son comercializados a través da cooperativa, coa que logra un mellor prezo.
Eu son dos que penso que o consumidor non pode pagar xa máis pola carne do que paga
Os últimos animais que mandou viñéronlle entre os 5,85€ kg canal e os 6,25€. “Non sobra nada co prezo que ten hoxe a palla ou o penso”, di. Os animais que produce son machos duns 300 quilos en canal e femias entre 250 e 260 quilos.
“Basta con dar unha volta polos camiños que levan ao rural para ver como está: abandonado e despoboado”
O vindeiro sábado 11 de maio os veciños dos Ancares xuntaranse un ano máis en San Román na Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, unha cita festiva e reivindicativa recuperada no 2019 por iniciativa da asociación Territorio Verde, que busca o desenvolvemento económico e a revitalización demográfica da zona e que defende o valor e o traballo dos gandeiros como xestores da paisaxe e o medio ambiente e xeradores de riqueza e emprego no territorio.
A boa acollida que tivo esta feira desde a primeira edición queda patente no público asistente e o número de ganderías participantes, non só de Cervantes senón tamén dos concellos do arredor.
Fermín, Mari Carmen e Félix acudirán á cita con animais das súas ganderías. Os tres destacan a importancia de feiras coma esta para amosar o seu traballo e tamén xuntárense, nunha zona na que non abundan as oportunidades para facelo.
Ademais de levar o seu gando, Fermín tamén bota unha man aos organizadores na preparación do terreo e outras labores de intendencia. “Queremos que se consolide. Levo participando desde a primeira edición e cada vez vai a máis. O ano pasado viñeron expositores do Bierzo e quedaron encantados”, insiste.
É unha tradición recuperada que me parece moi bonita e moi boa para dar a coñecer Cervantes e o xeito que temos de traballar
A feira ten para el unha parte sentimental. “Esa feira fixérase no ano 1984 e 1985 un pouco máis arriba, en Seixas, a 1 km de San Román. Tiña eu 6 anos e recordo que se levaran as vacas xunguidas da casa. Aínda teño na casa as copas que se conseguiran”, lembra.
“Fannos moita falta este tipo de iniciativas na montaña”
Máis aló das transaccións e vendas de animais que se poidan levar a cabo na feira, Fermín pensa que “é unha forma de poñer o rural en valor”. “Basta con dar unha volta polos camiños que levan ao rural para ver como está o rural: abandonado e despoboado. Ese é o espello do rural”, lamenta.
Nesta feira hai un ambiente fabuloso, moi familiar, de reunión da xente
Tamén Mari Carmen leva participando na feira desde o principio con gando tanto para exposición como para venda e xa case ten escollidos os que vai levar este ano. “Espero levar algún premio, porque os coidei moito para que luzan”, di. “Espero todo o ano a que chegue a feira de San Román porque é un recoñecemento ao noso traballo, que ten moi pouca visibilidade”, engade. “Foi unha iniciativa marabillosa que nos encantou. Fainos moita falta que haxa este tipo de iniciativas na montaña. Necesitamos revivir isto”, propón.
Félix tamén levou gando todos os anos, os dous primeiros anos vacas para a exposición e o ano pasado dous xatos para vender. “Hai moi boa feira, con moita xente e moito gando”, asegura.