“O éxito do viño galego débese en gran medida ao minifundismo”

Entrevista a Luís Paadín, autor da Guía de Viños, Destilados e Adegas de Galicia, un referente a nivel nacional e internacional dos viños galegos. O seu autor fálanos das principais novidades da edición 2024 e advirte dos retos e ameazas ao momento do esplendor que vive o viño galego

Publicidade
“O éxito do viño galego débese en gran medida ao minifundismo”

Luis Paadín, no centro, xunto a Javier Facal (esquerda), sumiller/maitre do Grupo A Mundiña e director de catas da guía, e Alejandro Paadín (dereita)

Guía de Viños, Destilados e Adegas de Galicia é xa unha referencia ineludible a nivel nacional e internacional para coñecer os viños e as adegas galegas. Creada hai 14 anos por Luís Paadin, nesta edición 2024 ofrece máis de 2000 referencias e inclúe máis de 500 adegas e destilerías de Galicia.

Entrevistamos ao seu autor e impulsor, que nos fala das principais novidades desta edición e analiza a situación que vive o sector.

-Acaba de saír á venda a Guía dos Viños, Destilados e Adegas de Galicia, 2024, e xa van 14 edicións e 26000 exemplares publicados. ¿Por que Galicia precisaba desta guía para os seus viños?
Porque pode. Son moi poucas as rexións vitícolas onde a diversidade de solos, climas e uvas xustifican a creación anual dunha Guía deste tipo con máis de 1.500 fichas de viños e destilados. Cando desenvolvemos a primeira guía hai xa 20 anos, albiscabamos un futuro que era incerto para Galicia pero que criamos que era posible. Hoxe o tempo deunos a razón e se no seu momento a Guía serviu para dar a coñecer os viños de Galicia baixo un mesmo paraugas, hoxe ademais achega moita información técnica e de cata sobre aspectos tan diversos como a litoloxía, o clima, a xenética das uvas…..

-É moi meritorio chegar xa ás 14 edicións, ¿cales consideras que foron as claves para que vosa guía teña tan boa acollida?
Sen dúbida a clave principal reside en ser un proxecto coral. É a única guía de viños deste tipo que non ten publicidade, o que nos permite manter independencia absoluta e a súa edición é posible grazas a máis de 200 mecenas que ano a ano reservan máis de 1.000 exemplares. Son os mellores embaixadores da Guía e dos viños de Galicia, e xeraron unha enorme rede de promotores dos viños de Galicia. Aínda que a maior parte dos mecenas son galegos, moitos deles adquiren 2 ó 3 exemplares para regalar a amigos ou clientes doutras latitudes que se acaban convertendo en apaixonados dos viños galegos. Por iso cada vez temos máis solicitudes de mecenado nacionais e internacionais.

Moitos dos mecenas da guía son hostaleiros e sérvelles como libro de consulta; mesmo algúns deles sitúana na entrada do seu restaurante como ferramenta que valida a súa adega no que a viños galegos se refire e non é inusual que algúns clientes leven os libros como “souvenir”.

-Nesta edición, a guía ofrece máis de 2000 referencias e inclúe máis de 500 adegas e destilerías de Galicia. Nun territorio vitícola relativamente pequeno como o que dispomos en Galicia, ¿non sorprende que existan tantas referencias e adegas? ¿Que riqueza lle achega ao sector do viño galego este “minifundismo”?
Hai modelos no mundo do viño con estruturas similares ás de Galicia, mesmo algúns con maior atomización, pero sempre van da man de alto valor engadido no viño. Cando hai un gran minifundismo no sector primario (viticultores) pero unha gran concentración no sector secundario (adegas), hai un gran desaxuste e o prezo da uva adoita decaer.

 “O éxito do viño galego e deste crecemento cualitativo vén en gran medida marcado polo minifundismo”

En Galicia a estrutura de explotación vitícola dentro das Denominacións de Orixe é de máis de 10.000 viticultores para menos de 9.000 hectáreas e as adegas non chegan ás 500; esta media duns 20 viticultores por adega é unha relación bastante boa e permite o crecemento homoxéneo do sector. Podémolo ver nas últimas campañas con prezos de uva marca superando os 3 €/kg nalgunhas zonas pero tamén cun aumento do valor do viño ano a ano. O éxito do viño galego e deste crecemento cualitativo vén en gran medida marcado polo minifundismo, grazas ao cal dispomos dunha gran riqueza xenética de variedades e dunha parcelación enorme, sendo máis fácil acoutar as viñas e parcelas máis selectas para a elaboración de gamas máis altas, o que acaba arrastrando a toda a pirámide produtiva cara arriba.

As adegas cada vez son máis conscientes diso, por iso cada ano elaboran máis viños e de maior calidade, o concepto dunha adega cunha ou dúas referencias paseniño vai desaparecendo e o máis habitual é que cada explotación vinícola teña 5 ou máis viños no mercado.

-Aínda que é comprensible que prefiras reservar a túa valoración, vouno tentar: Cales foron os viños e adegas que máis che sorprenderon nesta edición da guía?
A quen queres máis, a papá ou a mamá? Nós temos os nosos gustos persoais e a guía en gran medida reflicte o noso estilo propio aínda sendo catas a cegas con paneis de catadores multidisciplinares, pero á hora de falar de adegas concretas e referencias somos moi cautos xa que entendemos Galicia como a suma das súas partes e todos fan a súa achega, desde o máis pequeno viticultor até a adega máis grande.

O que máis nos sorprende ano a ano é ver como o modelo de Galicia vaise axustando cada vez máis á convivencia de grandes e pequenos nun mercado global. Os viños máis caros xa non son couto privado das grandes adegas con maior capacidade de investimento e os viños que reflicten o terroir dunha pequena parcela tampouco son exclusivos dos pequenos viticultores; é un punto de inflexión que parece mostrar a sustentabilidade do sector produtivo pero mantendo a diversidade.

-Notades que os poucos tintos que temos están tamén en retroceso en Galicia?
O contaxio dos movementos internacionais cada vez é máis rápido. Hai 10 anos que se vía vir o cambio nas tendencias de consumo internacionais, pero parece que colleu a todo o sector co pé cambiado. É algo cíclico e natural, na década dos 60 do pasado século, en Bordeaux o branco era hexemónico e pivotaron cara ao tinto a partir dos 70; hoxe están aos poucos volvendo ao viño branco e non pasa nada, non perdeu identidade territorial. Aínda que unha análise superficial pode facernos pensar que os mercados están a rexeitar o tinto, en realidade están a decantarse cara a viños máis frescos, con menos estrutura e menos alcol, onde encaixan  espumosos, brancos e rosados.

“O mercado demanda viños tintos máis frescos, con menos estrutura e alcol, polo que os tintos galegos teñen moito potencial”

O viño tinto galego tamén dá ese perfil polo que, se se fan as cousas ben e enfócanse correctamente os mercados, pode ter unha saída moito máis forte da que tivo até agora. Este cambio no patrón de consumo supón unha gran oportunidade para o viño tinto de Galicia.

-¿Cales serian, na túa opinión, as claves para potenciar os tintos galegos?
Manter a diversidade que nos fai xenuínos, entender os solos e climas e tentar reflectilos en cada botella. É moi fácil dicilo pero incriblemente complexo facelo. Se as elaboracións dun produtor cambian drásticamente cada ano máis aló de condicións climáticas, é que aínda non entendeu ben o perfil do seu viño e o mercado non leva ben estas idas e vindas. Cando unha adega teno claro e perfeccionou o seu estilo propio en base ao territorio, ten moito que ofrecer ao mundo. Se non é así, os viños tintos frescos e novos van seguir tendo boa saída xa que seguirán sendo unha alternativa fresca a viños estruturados.

En calquera caso, se pensamos a curto prazo, os monovarietales galegos menos coñecidos están a ter unha demanda moi alta e calquera Merenzao, Brancellao, Caíño, Espadeiro ou Sousón teñen cabida nun mercado con sede de novidades. Lamentablemente a produción destes viños só está ao alcance dunhas poucas adegas xa que contamos con pouca superficie destas variedades minoritarias.

Guía Paadín 2024 3

-Temos moitas referencias e adegas, pero a tendencia, porén, é que maioría da produción vtícola galega se concentre en moi poucas variedades: albariño, godello, mencía e treixadura. Estamos a perder a riqueza varietal dos viños galegos?
A diversidade xenética foi reflexo da nosa identidade territorial onde se combina o clima, solo e cultura (minifundismo, dispersión demográfica, sistema de herdanzas….). Os cambios en hábitos de consumo e as fluctuacións demográficas inflúen máis que nunca no sector vitivinícola.

Por sorte, somos máis conscientes que nunca diso e tanto as institucións como os viticultores, adegas, comerciais e catadoras apostamos determinadamente por manter o noso patrimonio enolóxico. Aínda que o vórtice de crecemento e de valor que viviu Galicia desde principios de século puido facer que morrésemos de éxito, o minifundismo en gran medida serviu como contrapartida dun crecemento desaforado. Aínda que houbo adegas pioneiras, aos poucos son máis as que empezan a comercializar monovarietais e viños parcelarios.

“Cada vez búscanse clons de ciclos máis longos para saltar os picos de calor do verán e tentar manter a frescura tradicional”

A recuperación de variedades ancestrais é unha tendencia internacional, pero xa non é suficiente, xa non con obxecto comercial, senón como unha ferramenta de loita contra o cambio climático. A vangarda da viticultura está a volver desde fai 10-15 anos á selección masal e a ampliar a diversidade clonal dentro das mesmas variedades. Cada vez búscanse clons de ciclos máis longos para saltar os picos de calor do verán e tentar manter a frescura tradicional, tal e como se está facendo en zonas como Bourgogne ou Champagne.

-Precisamente, na edición deste ano, inclúes unha recompilación de sinonimias e homonimias rescatadas do esquecemento, con máis de 300 nomes de uvas galegas. Por que decidistes realizar este traballo e que conclusións sacastes? En que zona vitícola recollestes máis riqueza léxica tradicional en galego?
Este glosario incluímolo hai 3 edicións aínda que tentamos actualizalo cada ano e para nós era importante. As sinonimias falan de variedade pero tamén de territorio xa que unha uva que foi bautizada cun nome distinto, está inexorablemente vinculada a ese espazo xeográfico. Moitas veces os nomes falan do comportamento da uva nunha zona, outras da persoa que a introduciu e ás veces dos viños resultantes, todo isto é unha información valiosísima para axudarnos a interpretar a diferenciación e o valor engadido dun territorio vitivinícola.

O Ribeiro é unha comarca moi rica en sinonimias e homonimias relacionadas coa viticultura

A verdade é que hai moitas zonas cunha gran diversidade de nomes, cambiando mesmo dunha aldea a outra. O Ribeiro é unha comarca moi rica en sinonimias e homonimias dada a súa historia, diversidade varietal e minifundismo.

-A Guía de Viños, Destilados e Adegas de Galicia 2024 tamén publica unha nova árbore xenealóxica dalgunhas das principais variedades ancestrais de Galicia. Que variedades de vide pódese dicir que teñen a súa orixe no territorio galego? O albariño tería a súa orixe nas terras do Rhin como apuntan algúns expertos?E o Mencía sería unha variedade orixinada na Meseta?
Case todas as variedades de vide de Galicia están xeneticamente vinculadas ao noroeste peninsular. A maioría están xeneticamente interrelacionadas e a súa distribución acoútase a esta esquina da Península Ibérica con pequenas excepcións máis viaxeiras. Respecto ao albariño, hai anos que está demostrado que non ten xeneticamente ningunha relación. Son poucos os parentescos que podemos atopar da Albariño máis aló de ser o pai de 16 variedades entre as que se atopa a Caíño Branco e de ter algúns marcadores xenéticos afíns á Gros Manseng. O que si está claro é que na escavación arqueolóxica de O Areal (Vigo), nun traballo coordinado pola Misión Biolóxica de Galicia, atopáronse pebidas de uva moi relacionadas morfolóxicamente coa uva albariño datadas do século I-III, polo que actualmente considérase un devanceiro do albariño durante o seu proceso de domesticación.

 “Tanto a variedade Albariño como a Mencía teñen a súa orixe en Galicia, no Noroeste Peninsular”

Respecto da Mencía, chegouse a dicir que tiña parentesco coa Cabernet Franc, pero a xenética desménteo unha vez máis. A ciencia demostrou que é un cruzamento entre a Alfrocheiro (Albarín tinto, Tinta Serodia…) e a Patorra, ambas as variedades do noroeste peninsular.

-Como está a ser a acollida desta edición?
A verdade é que fantástica. Todos os anos podemos sacar ao mercado 1.500 unidades e o apoio que sentimos de todo o sector é enorme. Con cada edición chegamos a máis xente e achegamos o noso grauciño de area para facer que o viño de Galicia sexa recoñecido nacional e internacionalmente.

“O sector do viño en Galicia vive un momento de esplendor, pero temos importantes retos e ameazas”

-Podemos dicir que vivimos un momento doce para o sector do viño en Galicia, pero non sempre foi así. ¿Que erros debemos evitar para manter e mesmo incrementar o prestixio e a demanda -prezo- dos viños galegos?
Hai que evitar os camiños curtos e non caer no conformismo. Agora mesmo Galicia vive un momento de esplendor, pero convén non deixarnos cegar polas luces, hai retos e ameazas que requiren atención: o cambio climático, a remuda xeracional, as enfermidades da vide, as tendencias do mercado… Se non se desenvolven estratexias corporativas e operativas en todas as frontes, non estaremos preparados para os cambios que se aveciñan. Hai que entender todo o sector desde unha perspectiva empresarial e  desenvolver unha estratexia comercial máis proactiva.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información