“Eu teño as viñas para vivir delas, pero ante todo porque lle quero ás miñas cepas”

Conversamos con Josefa Álvarez, viticultora de Oímbra, sobre o seu xeito de traballar nos viñedos e de entender a viticultura. Morena, como a coñecen na vila de As Chas, é unha apaixonada da variedade Godello e este verán foi nomeada como membro da Confraría dos Viños de Monterrei

Publicidade
“Eu teño as viñas para vivir delas, pero ante todo porque lle quero ás miñas cepas”

Josefa Álvarez, viticultora da Denominación de Orixe Monterrei.

Josefa Álvarez é un exemplo do orgullo e o amor polo viñedo”. Así reivindicaban dende o Consello Regulador que esta viticultora de As Chas (Oímbra) fose unha das últimas incorporacións á Confraría dos Viños de Monterrei. Falamos con ela para coñecer como traballa nas súas viñas, como comezou no mundo do viñedo e o futuro que lle ve ó sector, entre outros temas.

-Este verán incorporácheste á Confraría dos Viños de Monterrei, como recibiches este nomeamento? Que supón para ti formar parte da Confraría?
-Para min foi un orgullo e unha enorme satisfacción. Nunca imaxinara que puideran pensar en min para formar parte da Confraría. De feito, cando me chamaron aínda lles dixen que valorasen a outras persoas, e non porque non quixera selo senón porque me parecía moi importante como para que me nomearan a min. Para min foi incrible. O acto foi moi significativo porque estiven rodeada da miña familia e mesmo me acompañou un neto que ten só 4 anos e ó que xa lle estamos amosando o amor polas viñas.

“A paixón polas viñas venme por meu pai, que xa me levou á vendima con apenas uns días de vida, metida nun cesto. El era un apaixonado das viñas e eu sempre fun detrás del”

-De onde che ven a vinculación co mundo do viño e os viñedos?
-Nacín en agosto do 1965 e ese mesmo ano, en setembro, meu pai xa me levou á vendima con apenas uns días de vida, metida nun cesto. E dende aquela. Meu pai sempre foi un apaixonado das viñas e eu sempre fun detrás del.

-Aprendiches entón de teu pai sobre o viñedo?
-Si. Meu pai foi emigrante en Alemaña, pero marchou só co obxectivo de gañar diñeiro para volver e plantar as viñas. E así o fixo. Ó que tivo suficiente diñeiro volveu e plantounas e viviu coidando nas súas viñas. Así foi que del aprendín moito, como a facer os enxertos. Na miña casa tiven un gran referente no coidado do viñedo.

-Cambiou moito o viñedo daquela a hoxe?
-Dende logo. Daquela todas as cepas estaban en vaso, non había ningunhas en espaldeira, coma hoxe. Daquela meu pai tamén tiña dúas cabalerías para traballar os viñedos. Cando traballaba meu pai vendíase todo o viño a granel para a zona de Lugo. Eran outros tempos e outro xeito de traballar. Tiñamos moitas variedades que agora non traballamos, que tiñan un manexo máis sinxelo. O duro daquela era como estaban os viñedos, por ter que facer parte do traballo á man. Aquelo era outra vida.

-Dende cando te centraches máis nos viñedos?
– Eu tamén fun emigrante, marchei para Andorra, pero coma meu pai eu sabía que había volver para coidar o viñedo. No 1998 foi cando conseguín volver e xa comecei co viñedo. Nese momento reestruturamos a primeira viña. Tamén comezamos a mercar tractores para poder traballar doutro xeito. No 2004 e 2005 fomos arrancando e plantando novas cepas e así fomos facendo nos anos seguinte e aínda a día de hoxe seguimos. De feito, no 2024 imos plantar outro viñedo. Co que plantaremos este ano teremos unhas 4 hectáreas de viñedo no pobo das Chas, en Oímbra.

“No 2014 veu unha xeada tan grande que tivemos que podar as viñas de segunda no mes de maio. Foi horrible ver as cepas así. Aquela vendima só collín 42 caixas de uva, pero logramos salvar as cepas”

-Como foron estes anos no coidado do viñedo?
-Tivemos algo de todo. Tes anos moi bos e outros malos nos que perdes. No 2014 caera unha xeada moi grande e aquela campaña fora horrible. Collera só 42 caixas de uva e tiven que podar a viña no mesmo ano dúas veces: unha no mes de febreiro e outra en maio. A xeada levarame as cepas todas á altura do arame, pero por abaixo quedara un gromo verde. Os técnicos da Extensión Agraria recomendárannos podala. A min nunca tal cousa me pasara na viña e decidimos seguir a súa recomendación. Foi horrible ver así as cepas. O meu marido non soportaba ver así de afectado o viñedo. Alá nos fomos e entre o meu fillo e máis eu nun día podamos de segunda volta as 1.700 cepas afectadas. Ó rematar a poda botámoslle un tratamento cicatrizante. Foi certo que só collemos esas 42 caixas de uva, pero conseguimos salvar a viña, que quedou impecable e non se lle nota que pasara por iso.

Outro ano tamén tivemos o problema do lume. Un incendio moi grande queimárame moitas viñas e tivemos que replantar. Aquel ano fora moi complicado, porque quedaramos só con gastos. Finalmente tiveramos axudas da Consellería e o Concello. Dende aquela, teño aseguradas as viñas.

-Como valoras a resposta da Administración nestes anos como viticultora?
-Para min é moi importante todo o apoio que me brindaron sempre dende a Extensión Agraria de Verín. Os profesionais desta oficina sempre me facilitaron todas as xestións e me aconsellaron en todo o que precisei. É moi importante o labor que fan.

-Estás ti soa para o coidado das viñas ou tes máis xente?
-Son unha viticultora pequena porque estou eu soa, aínda que sempre conto coa axuda puntual da familia, cando poden. Así, tanto o meu marido coma o meu fillo encárganse dalgúns labores co tractor como a aplicación de tratamentos fitosanitarios, pero eu freso e aro a viñas. Da poda tamén me encargo eu soa. Nestes anos funlle collendo o xeito a podar para que a viña produza pouca uva e de moi boa calidade.

-Que tipo de variedades tes nos teus viñedos?
-Cando dende o Consello Regulador nos empezaron a recomendar plantar outras variedades autóctonas non sabiamos como ía resultar. Eu empecei plantando unha parcela pequena, duns 1.000 metros, con Mencía e outra con Treixadura e Godello no 2004. O ano seguinte volvín plantar outra parcela coas tres variedades. Cando a Treixadura comezou a producir xa vin que era difícil de traballar esta variedade e aquelas parcelas que plantara desta caste no 2005, no 2008 xa as enxertei de Godello.

“Eu son unha namorada do Godello, así é que de todos os viticultores do pobo, son a única que traballa con esta caste. Case todo o viñedo que teño é desta variedade”

Hoxe teño 525 cepas de Treixadura, 5.000 metros de Mencía e o resto é todo Godello e sigo plantando Godello. Son unha namorada do Godello. En todo o pobo, que aínda somos uns cantos viticultores, son a única que traballa co Godello.

-Por que che gusta tanto o Godello?
-Porque mentres para outros viticultores é difícil de traballar eu téñolle o xeito collido e gústame. Hai que saber traballar con el, xa que é verdade que é unha variedade que se a destapas moito quéimacha o sol, se non o destapas cólleche cinza… eu seino facer nos meus viñedos, resúltame fácil e gústame traballar con esta variedade. Hoxe por hoxe se puidera tería todo o viñedo de Godello. Tamén é certo, que a min gústame experimentar e non estou pechada a probar con outras castes, gústame traballar e descubrir cousas novas.

Josefa nos seus viñedos.

Josefa nos seus viñedos.

-Tes tamén adega ou vendes as uvas?
-Dende 2007 son socia da adega Terras de Cigarrón e véndolle a eles as uvas, rexéndome polas pautas que marcan dende a adega. Dende hai uns anos a adega asociouse con Martín Códax e son eles agora os que marcan os parámetros que temos que seguir.

-Como valoras a experiencia de comercializar así as túas uvas no canto de elaborar ti o viño?
-Estou realmente contenta con este xeito de facelo, porque eu así dedícome ó coidado das viñas, que é o que me apaixona e non teño que buscar o xeito de comercializar o viño, que nos tempos de hoxe, sendo pequenos viticultores como é o meu caso, resultaría moi difícil abrir mercado. Ademais, así temos asesoramento tanto da adega como de Martín Códax e resulta de moita utilidade. Moitas veces avísante cando aparecen enfermidades noutros viñedos e así ti manteste alerta e vixías máis os teus para dar tratamento en canto sexa preciso.

“Animo á xente moza a que veña para os viñedos, xa que hai sitio para todos e futuro para eles nos viñedos”

-Veslle continuidade ás túas viñas?
-Pois nunca se sabe as voltas que dará a vida. É verdade que o meu fillo agora ten outro traballo, pero tamén é certo é que a el as viñas tamén lle gustan. Ó igual que eu facía con meu pai, el dende que era pequeno andaba comigo nos viñedos. Agora nas fins de semanas sempre ven e cando me chama sempre se preocupa por como van as viñas. Mesmo fai coincidir as súas vacacións coa vendima. Do mesmo xeito, ó meu netiño, con 4 anos tamén lle estamos inculcando ese amor polas viñas, esa ilusión que a min me move. Eu teño as viñas para vivir delas, pero ante todo porque lle quero ás miñas cepas.

Non sei se eles seguirán ou non coas viñas, pero o que teño moi claro é que no campo hai moito futuro. Eu animo á xente moza a que veña para os viñedos, xa que cabemos todos. Aquí, hai sitio para todos e futuro para eles nos viñedos. Só cómpre que se animen e aposten polos viñedos. Tamén os animo a que conten con nós, cos viticultores que xa estamos traballando, porque eu estarei encantada de ensinarlle a traballar nas viñas e a coidalas, como no seu momento me ensinaron a min.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información