“Prevese para este ano unha mala calidade fitosanitaria da pataca e producións baixas, pero bos prezos”

O enxeñeiro agrónomo Fernando Alonso Arce, tras participar nas xornadas de Xinzo de Limia e Coristanco sobre cutlivo da pataca, analiza as previsións para esta campaña e algúns dos retos que afronta o sector

Publicidade
“Prevese para este ano unha mala calidade fitosanitaria da pataca e producións baixas, pero bos prezos”

Fernando Alonso Arce, enxeñeiro agrónomo e consultor especializado, é un dos maiores expertos en pataca. Recentemente participou nas xornadas técnicas sobre a optimización do cultivo da pataca de calidade en Xinzo da Limia e Coristanco

Fernando Alonso Arce, enxeñeiro agrónomo e consultor especializado, é un dos maiores expertos en pataca. Recentemente participou nas xornadas técnicas sobre a optimización do cultivo da pataca de calidade, que se celebraron en Xinzo de Limia (Ourense) e Coristanco (A Coruña).

Nesta entrevista explica cales son as previsións para a campaña do presente ano, cales son as principais pragas ás que haberá que facer fronte e como valora as oportunidades que ten Galicia nesta produción.

– Cales son os principais problemas que se agardan na produción de pataca nesta campaña?
Por unha banda, non hai suficiente pataca de sementa. Houbo menos pataca que outros anos en Europa polo que falta pataca de sementa. Isto vaise notar, principalmente, en Galicia porque é a última zona de España onde se sementa. Todo iso leva a que se sementarán variedades diferentes a outros anos, algunhas novas e totalmente descoñecidas polo que non se sabe que resultados se obterán en produción ou destino. Antes sementábase pataca para producir quilogramos, pero hoxe en día o agricultor que produce pataca debe ter un mercado obxectivo onde vendelas. Non se pode plantar calquera variedade, hai que sementar variedades que se teñan vendidas ou que se coñeza o mercado ao que teñen que ir dirixidas.

Por outra banda, ao haber menos colleita precintáronse xa calibres máis gordos de semente e iso vai implicar que hai que picar a pataca para que sexa rendible economicamente a semente. Cada anaco do tubérculo que se parte vai ter menos xemas que se fose un tubérculo enteiro, como se plantaba normalmente. Iso vai implicar que haxa menos talos nas plantas e cada planta producirá menos tubérculos, o que vai ter como consecuencia que os tubérculos van engordar máis, seguramente, se non se modifica o marco de plantación do cultivo.

– Cales son as variedades que teremos este ano novas?
Este ano véndese de todo, variedades que outros anos se descoñecían ou ían para outros mercados. Concretamente, houbo algún almacenista que me comentou que cando un ano normal vende catro ou cinco variedades, este ano máis de 20 diferentes. Ao non haber semente no mercado, o agricultor trata de sementar o que pode conseguir e a uns prezos carísimos.

– Como é a calidade fitosanitaria das sementes?
Previsiblemente este ano a calidade fitosanitaria vai ser bastante peor que outros anos porque en Europa tiveron problemas cos pulgóns, que son os vectores das virosis en patacas, sobre todo do virus do enrolado e virus Y. Debido ao cambio climático, en Centroeuropa tiveron máis poboación de pulgóns do normal e cada ano, previsiblemente, terán máis problemas coas virosis. Refugaron como produtoras de sementes máis de 1.600 ha por superar a tolerancia en canto a virosis graves e previsiblemente a semente que se precintou vai ter unha porcentaxe maior de virosis que outros anos, o cal vai influír sobre todo en variedades que son sensibles ao virus Y, como a ‘Monalisa’ e a ‘Hermes’.

Hai uns tres anos quedaron sen arrincar moitas hectáreas, sobre todo en Castela e León, polo problema do virus Y nas variedades mencionadas e previsiblemente este ano ocorra algo parecido, haberá moitos agricultores que teñan problemas con estas virosis.

Quen utiliza sementes sen control oficial corre o risco de que lle aparezan patóxenos de corentena e teña que destruír a produción

– Estendeuse un rumor de que a calidade da semente da pataca holandesa ou francesa é superior á de España. Que hai de verdade neste rumor?
Efectivamente é unha lenda urbana. En Europa tiveron moitos problemas nos arranques durante o outono e ata hai pouco a noticia que había é que se quedaron sen arrincar 11.000 hectáreas en Europa de pataca por problemas de encharcamento e de podremia, iso tamén vasie notar seguramente na calidade das sementes que viñeron este ano de Europa. Hai países en Latinoamérica que sufriron consecuencias pola baixa calidade da pataca europea.

– Cales son principais riscos de empregar a práctica de reempleo da semente?
Ao utilizar unha semente que non está controlada oficialmente e da que non sabemos se é portadora dalgún patógeno de corentena é un risco evidente que corremos, contando co nematodo do quiste que é bastante corrente en moitas zonas, como con bacterias de corentena como ralstonia. Quen utilice semente sen control oficial corre o risco de que lle aparezan patógenos de corentena e deba destruír a produción, se nos referimos a patógenos de corentena que a tolerancia é 0. En canto a patógxnos de calidade como son as virosis, a rizoctonia, o pé negro ou outro tipo de problemas pois a posibilidade de ter problemas con esta pataca é maior. A esta pataca non se lle pode chamar semente porque non vén dunha semente controlada ou certificada, senón que é pataca de reempleo.

– Que outros erros comúns se deben evitar á hora de plantar pataca?
Este ano habería que ser moi coidadosos co tema do troceado, controlar que non haxa anacos que vaian sen xema porque un pedazo que non leva unha xema non vai dar lugar a unha planta, non vai nacer; vai ser unha falta no terreo. Tamén hai que coidar o marco de plantación porque ao haber menos talos, os tubérculos van engordar máis e existe a posibilidade de que algún agricultor se atope con que as súas patacas son demasiado gordas para o que require o mercado; pódese atopar con problemas na comercialización.

Outro punto importante é ter coidado de non abrir os sacos que veñen húmidos ou con manchas porque a garantía de calidade da pataca de sementa dánola o precinto do envase que compramos, en canto quitamos o precinto xa perdemos a garantía. É necesario abrir algún deles para comprobar as patacas, pero se lle parece que non ten a calidade suficiente ten que deixar de abrir sacos porque cando veña a administración correspondente a recoller a mostra ten que collela dos precintados. Coas proibicións de antixerminantes é difícil conservar a pataca durante moito tempo e fará que se encareza

– En Galicia a produción de pataca para consumo está moi centrada na Kennebec, variedade con menores rendementos e máis sensibilidade ao mildiu. Como analiza esta resistencia numantina dos produtores galegos a manter esta variedade como hexemónica? Están a perderse outras oportunidades?
Eu penso todo o contrario. Eu penso que a variedade Kennebec é un activo para os produtores galegos. Que o queren complementar coa agria? Pois ben, pero basicamente deben traballar máis coa Kennebec. O ano pasado o problema fundamental que houbo non foi o mildiu en Galicia, senón a verticilosis, un fungo diferente ao mildiu que produciu unha diminución de colleita moi importante. Esa enfermidade afectou tanto á agria como á Kennebec.

A xente que coñezo e que é de fóra de Galicia, se identifica e valora a pataca galega é pola Kennebec: Carne branca e con bo sabor.

– Un dos problemas para o cultivo da pataca son as malas herbas, como a juncia. Como está a afectar a supresión dun herbicida moi común como era Spectrum? Que alternativas viables cre que hai para esta progresiva redución dos herbicidas para pataca?
Este problema está a habelo con todo tipo de fitosanitarios, non só con herbicidas, senón con insecticidas e funxicidas. É un problema que se vai ir agravando. Cada vez restrínxense máis as materias activas para loitar contra as pragas e enfermidades e o que hai que facer é un control de pragas e enfermidades non soamente con fitosanitarios, senón facendo unha loita integrada baseándose no momento de sementeira, na adecuación das leiras polo ciclo da variedade, do chan… moitas cousas.

– O verme do arame é unha importante causa de diminucións nas colleitas de pataca. É mellor o encalado con cal vivo que os insecticidas? É máis eficaz o insecticida granulado antes da plantación aplicado a bato ou na plantadora?
Agora mesmo non hai ningún produto fitosanitario, ningún insecticida, que sexa eficaz contra o verme de arame falando claro. As larvas de verme de arame son moi sensibles ao sol e ao aire. Cando teñamos leiras que sabemos que teñen poboación de verme de arame, hai que voltear a terra e aireala o máximo posible, sobre todo no verán, que fai máis calor. É a mellor forma de loitar contra as larvas de verme de arame.

– Están a prohibirse determinados antigerminantes para a conservación da pataca. Que valoración realiza da adaptación do sector a estes cambios normativos?
Levamos tres anos nos que non se permite o uso de clorprofam, que era bo e barato. O agricultor e o almacenista que conservan pataca está a sufrir moito porque non hai un produto que se lle poida equiparar ao clorprofam. Están a utilizarse outros produtos alternativos e realízanse diferentes ensaios, pero todos os produtos son máis caros e menos bos que o clorprofam.

É difícil conservar a pataca durante moito tempo, hai que facelo a base de baixar a temperatura do almacén e a base de dar moitos máis tratamentos que antes. Isto o que fai é encarecer o produto.

A climatoloxía xogará un papel importante nas pragas. O ano pasado, a verticilose tivo grande importancia en zonas onde houbo choivas fortes

– O ano pasado a pataca rexistrou bos prezos en xeral. Que pode avanzar das previsións para este ano?
O ano pasado os prezos foron realmente moi bos e este ano eu penso que tamén serán bos. Seguramente se vai a poder seguir exportando a Europa porque a industria europea necesita moita materia prima. Actualmente, Exipto está a meter pataca en Europa, pero non está a ter a calidade que se esperaba dela. Agora mesmo estase arrincando pataca española aquí en Cartaxena cuns prezos moi bos e en pouco tempo entrará en produción Sevilla, co Val do Guadalquivir.

Eu o que preveño é que a sanidade deste ano vai ser mala, sendo sincero, e que as producións van ser baixas. Vai haber moitos agricultores que terán problemas nos seus cultivos.

– A praga de corentena polilla guatemalteca da pataca segue sendo un problema en Galicia?
Eu considero que Galicia está a loitar adecuadamente contra esta praga. Apareceu en 2015 na zona de Ferrol, foise estendendo por diversos puntos de Galicia, pero foise erradicando cunhas medidas adecuadas. Nos municipios onde aparece a praga non se permite plantar pataca ata que pasen dous anos desde a última detección dun adulto nas trampas de feromona. En Asturias conseguiron erradicala e en Galicia eu creo que van en camiño diso tamén.

– A que pragas débese prestar maior atención neste 2024?
A climatoloxía vai xogar un papel importante. O ano pasado, a enfermidade máis importante foi a verticilosis, tanto na zona de Xinzo como na de Bergantiños, ademais doutras áreas onde houbo choivas fortes na primavera e nos meses de maio ou xuño. Producíronse encharcamentos, polo que tivo forte presenza o verticilium albo-atrum, un fungo que produce a enfermidade da verticillosis, contra a que non hai materia activa que sexa eficaz e que produce unha diminución da colleita bastante importante. Polo que lin nas estimacións da Xunta, na zona da Limia, que habitualmente se cultivan uns 120 millóns de kg, o ano pasado a colleita quedou en 80 millóns de kg e o principal causante desta baixada foi a verticilosis.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información