“Necesitamos o apoio da industria para que siga habendo conversión a ecolóxico das ganderías de leite”

Joaquín Díaz Gómez é o presidente da Organización de Produtores de Leite ecolóxico, que reúne a 30 granxas galegas. Falamos con el de cal é a situación do sector neste momento e de como impactou a suba dos custos nas explotacións

Joaquín Díaz Gómez, presidente da Organización de Produtores de Leite Ecolóxico

Joaquín Díaz Gómez, presidente da Organización de Produtores de Leite Ecolóxico

A UE quere que no ano 2030 o 25% da superficie agrícola europea sexa ecolóxica e a nova PAC empurra nese camiño. Pero a demanda de leite ecolóxico non está a medrar na mesma medida e o feito de que non haxa máis industrias que recollan e transformen o leite eco en Galicia non incentiva a certificación de novas granxas.

A Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia (APLE), creada no 2019, constituíuse como OPL hai un ano, con 29 ganderías socias e unha produción anual de 9.700 toneladas de leite (o 12,4% das ganderías e o 20% da produción ecolóxica española).

Da asociación de produtores forman parte outras ganderías que non están na OPL por transformar e vender directamente o seu leite

Pero no último ano, no canto de aumentaren, mesmo se deron de baixa granxas de ecolóxico, que decidiron pasarse a convencional polo forte encarecemento dos custos de produción e o recorte no diferencial do prezo de venda entre leite ecolóxico e convencional, que chegou a ser nulo, pero que volve situarse neste momento no entorno dos 10 céntimos.

A industria láctea tamén ten un papel importante na evolución da produción ecolóxica, xa que a conversión das granxas en moitos casos depende de se a industria está disposta a recoller o leite producido en ecolóxico, polo que pode supoñer un freo máis á hora de daren o paso as ganderías de leite que fan pastoreo, para as que, a priori, sería máis sinxelo cumprir coas condicións da certificación.

Na actualidade só dúas empresas, Lactalis e Leche Celta, recollen leite ecolóxico en Galicia

“Ese foi o meu caso. Eu estaba en convencional pero sempre fixen pastoreo. Pasei a ecolóxico no 2015”, conta Joaquín Díaz Gómez, presidente da OPL. A súa explotación, ubicada en Triabá, no concello de Castro de Rei, é un exemplo claro de que a produción ecolóxica non está reñida coa tecnificación das granxas. A de Joaquín conta con robot de muxido e amamantadora para as becerras e está montando un sistema autónomo de alimentación.

– Que é máis rendible hoxe, producir en ecolóxico ou en convencional?
– En ecolóxico a rendibilidade depende de como se manexe a explotación, igual que en convencional, ou que en calquera outro sector. Eu paseime ao ecolóxico no 2015 e teño acordado anos moi bos en canto á rendibilidade da granxa, pero desde o 2019 parece que a gráfica pica cara abaixo. O ano pasado subiron moito os cereais e iso foi o que nos castigou. Eu cheguei a pagar o penso ecolóxico a case 800 euros a tonelada, mentres que o convencional subiu a 500 euros, pero non chegou a 800.

O litro de leite e o quilo de penso neste momento valen case o mesmo, uns 60 céntimos

O ano pasado foi malo por iso. Agora o prezo volveuse moderar e está baixando. Estamos pagando o quilo de penso ecolóxico a 60 céntimos. Agora entrou tamén Nanta; iso é bo, porque amplía a oferta. Antes había só 2 ou 3 empresas que fabricaran penso ecolóxico. É certo que o prezo é máis elevado, pero damos menos quilos.

En canto ao prezo do leite, no ecolóxico non houbo este ano a baixada de prezo que houbo no convencional, seguímolo vendendo a 60 céntimos. Temos ademais outras vantaxes competitivas, porque as vacas dúrannos máis, polo que necesitamos menos recría para reposición e desta maneira non estás alimentando e gastando en animais que non producen.

– Por que cres que hai explotacións que fan pastoreo e sen embargo non pasan a ecolóxico?
– Ás veces hai descoñecemento do que supón producir en ecolóxico, porque ser non é tan difícil. Para unha explotación intensiva igual si, pero para unha extensiva que cumpra coa carga gandeira non hai tanta diferenza.

A PAC vai ir enfocado cara ese tipo de produción. De feito, as condicións da axuda agroambiental da PAC de fomento de pastoreo extensivo son moi semellantes ás de produción ecolóxica. Piden ás explotacións unha carga gandeira inferior a 2 UGM/ha e non poden usar herbicidas nin abonos químicos, igual ca nós. A diferenza principal é o penso e algúns puntos da normativa de produción ecolóxica.

As condicións da axuda agroambiental da PAC de pastoreo extensivo son semellantes ás de ecolóxico

Non todas as explotacións terían condicións para producir en ecolóxico, pero se fas pastoreo e tes a superficie cerca da casa é doado. E eu penso que para unha explotación media, entre estar en extensivo ou en ecolóxico, é máis rendible o ecolóxico. Hai que ter en conta que a prima de ecolóxico practicamente triplica na PAC a axuda de convencional.

– Que peso teñen precisamente as axudas da PAC na rendibilidade das vosas granxas?
– Mal que nos pese, as axudas son unha das bases da rendibilidade das explotacións, tanto en convencional como en ecolóxico. Moitas veces a axuda da PAC representa o soldo do gandeiro. As vacas dan para manterse elas pero o salario do gandeiro ou o soldo do traballador que temos na explotación depende dese cobro.

Dependemos bastante das axudas; ás veces representan o soldo que lle queda ao gandeiro

Por iso é necesario que haxa estabilidade nas axudas. A incertidume crea dúbidas e bota para atrás á xente que se poida estar plantexando dar o paso. Como en calquera outro negocio, necesitamos seguridade.

A falta de fondos suficientes nas axudas agroambientais do ano pasado provocou unha masacre nos produtores de carne, nos de leite menos, porque houbo menos gandeiros afectados, aínda que algún si que houbo.

– Como ves a situación do sector de cara ao futuro?
– Neste momento estamos nunha situación de mercado complicada, porque a inflación non incentiva o consumo de leite ecolóxico, e se non hai demanda do consumidor é difícil que as industrias dean o paso a ter unha liña ecolóxica.

A conversión a ecolóxico dunha explotación de leite é moi complicada porque dependes da industria. Non podes pasarte a ecolóxico se a industria non che colle o leite. Nos anos 2015 e 2016 houbo moitas ganderías que se pasaron a ecolóxico. Naquel momento había demanda e prezo. Pero se a industria non se move, o sector non se move.

Estamos nunha situación de mercado complicada, porque a inflación non incentiva o consumo de leite ecolóxico

Pero queremos que a xente non se desilusione co ecolóxico. Estou convencido de que hai que ver a produción ecolóxica como opción de futuro, a longo prazo. Aínda que para iso é necesario resolver algúns problemas. Un dos principais é o da falta de man de obra. Moitas das explotacións non teñen relevo e están plantexándose abandonar porque non atopan empregados, ou polo menos deixar o leite e pasarse á carne, que require menos dedicación.

Con que intención creastes a OPL?
– Para defender o leite ecolóxico e facer cousas en conxunto. Por agora a venda do leite e a negociación coa industria faise individualmente, pero se houbese unha crise estaría a OPL para respaldarnos. Neste momento non é tan necesaria esa presión porque os prezos son bos.

Un terzo dos produtores de leite en ecolóxico que hai en Galicia estamos na OPL

A través da OPL temos información de utilidade de como está o mercado e cal é e situación dos prezos para poder negociar mellor os contratos coas empresas que nos recollen o leite. A OPL pretende, precisamente, servir de interlocutor coas industrias e coa Administración.

Nese sentido, estamos á espera dunha axuda da Consellería do Medio Rural para ampliar as actividades da asociación tanto cos socios coma cos consumidores, porque cremos necesaria unha promoción do leite ecolóxico dende o punto de vista dos gandeiros aos consumidores, para que saiban como se produce realmente o leite ecolóxico.

Outro dos obxectivos é a mellora da produción nas explotacións, optimizando os custos e recibindo apoio técnico para o manexo e a xestión das granxas. Dentro da OPL facemos por exemplo o control dos custos de produción, para saber canto nos custa producir o litro de leite.

Tamén nos xuntamos e compartimos experiencias. En definitiva, os nosos obxectivos principais son tres: facer forza, profesionalizar a produción e promover a conversión a ecolóxico dentro do sector.

“Houbo explotacións grandes que se pasaron a convencional o ano pasado”

Galicia produciu o pasado mes de agosto 1.743 toneladas de leite ecolóxico, o que representa o 55% do total estatal, segundo os datos de entregas publicados polo Ministerio de Agricultura.

De xaneiro a agosto deste ano Galicia produciu 2.026.520 toneladas de leite convencional e só 14.751 ecolóxico, o 0,7% do total. Esa porcentaxe sitúa a Galicia entre as rexións produtoras de leite onde o ecolóxico ten menor peso.

A produción de leite ecolóxico en Galicia só representa o 0,7% do total

Galicia está á cola en produción de leite ecolóxico en Europa, cando as condicións da comunidade se prestarían para este modelo de produción baseada no pastoreo. Nos últimos dous anos mesmo se observa un descenso na produción de leite ecolóxico, que caeu un 15%, pois se en maio de 2021 a produción foi de 2.486 toneladas, a de maio deste ano foi de 2.133, 350 toneladas menos.

En países como Austria, Suecia ou Dinamarca a produción de leite ecolóxico supera o 15% da produción láctea total do país, mentres en Alemaña ou Francia acada o 5%, aínda que con algúns problemas tamén de saturación do mercado

A produción láctea ecolóxica mantense estancada en Galicia, mentres segue a medrar noutros países da UE

En Galicia, o prezo do leite ecolóxico está un céntimo por baixo da media estatal. O prezo medio en agosto (62,5 céntimos en Galicia e 63,6 en España) está sen embargo 12 céntimos por enriba do leite convencional (49 e 51,8 céntimos respectivamente).

– Á vista dos datos, semella que a produción de leite ecolóxico non avanza, ou mesmo está en retroceso en Galicia. Cal é a realidade do sector?
– En Galicia houbo un boom de conversións a ecolóxico hai 6 ou 7 anos, coincidindo coa entrada dun novo operador no mercado, Leche Celta, o que fixo subir o prezo polo incremento na demanda de leite. Desde entón había un estancamento no número de ganderías en ecolóxico, unhas 110, pero o ano pasado é certo que houbo abandonos.   

O ano pasado houbo gandeiros ecolóxicos que se pasaron a convencional

Houbo produtores que se pasaron a convencional, algunhas delas eran explotacións bastante grandes, con moitos litros de produción, que case podían sumar dous millóns e medio de litros.   

– A que se debeu?
– Déronse varios factores: o leite convencional chegou a pagarse máis polas industrias que o ecolóxico, os custos de produción disparáronse, porque o penso ecolóxico chegou a custar 800 euros a tonelada. A maiores deuse o problema das axudas da Xunta. Todo iso desanimou a moita xente.

O problema coas axudas da Xunta o ano pasado desanimou a moita xente

– E cal é a situación a día de hoxe?
– Os custos de produción moderáronse algo, porque o penso está hoxe nuns 500 euros a tonelada. E o prezo de venda do leite está a manterse lixeiramente por riba dos 60 céntimos. Non baixou, como pasou co leite convencional, que xa caeu uns 10 ou 12 céntimos, e a perspectiva en ecolóxico é que o prezo non baixe, porque ao marchar xente hai menos produción.

No ecolóxico non houbo a baixada de prezo que houbo no convencional; seguimos nos 60 céntimos

– Canto tempo tería que pasar para que esas explotacións poidan volver a producir en ecolóxico?
– Se te botas fóra tes que esperar 2 anos como mínimo para entrar outra vez no CRAEGA e outros 2 de conversión, son xa 4 anos.

O feito de que non entren novos operadores no mercado segue a ser o factor limitante para o incremento da produción

A falta de máis transformación do leite ecolóxico supón un freo para o sector. O factor limitante hoxe é a industria. Sería bo que entrase algún outro operador a mercar e transformar leite, porque iso animaría o mercado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información