A Comisión Europea presentou este mércores a súa Estratexia Da granxa ao garfo para avanzar cara a unha agricultura máis respectuosa co medio ambiente e máis sa para os consumidores, que establece obxectivos concretos para os próximos 10 anos para transformar o sistema alimentario da UE como son, por exemplo, reducir un 50% o uso de praguicidas e antibióticos, un 20% o uso de fertilizantes e alcanzar un 25% de terras agrícolas dedicadas á agricultura ecolóxica en 2030 (na actualidade a porcentaxe atópase no 8% no conxunto da Unión Europea).
Durante unha rolda de prensa en Bruxelas, o vicepresidente executivo responsable do Pacto Verde Europeo, Frans Timmermans, a comisaria de Saúde e Seguridade Alimentaria, Stella Kyriakides, e o comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevičius defenderon que a Estratexia Da granxa ao garfo facilitará a transición a un sistema alimentario sostible na UE que protexa a seguridade alimentaria e garanta o acceso a dietas sas e asequibles por parte de toda a poboación, reducindo a pegada ambiental e climática do sistema agrogandeiro.
Fomentaranse prácticas alternativas para a protección dos cultivos, usando métodos biolóxicos e físicos en substitución de herbicidas e insecticidas químicos, que cando deban ser utilizados deberán ser de baixo risco
Entre outras medidas, a UE revisará a Directiva sobre o uso sostible dos praguicidas para mellorar as disposicións relativas á xestión integrada de pragas, fomentando prácticas alternativas para a protección dos cultivos, usando métodos biolóxicos e físicos en substitución de herbicidas e insecticidas químicos, que cando deban ser utilizados deberán ser de baixo risco. A Comisión facilitará a introdución no mercado de praguicidas que conteñan substancias activas biolóxicas e reforzará a avaliación do risco dos praguicidas para o medio ambiente.
Unha agricultura que coide o medio ambiente
A nova Estratexia sobre a Biodiversidade, presentada tamén xuntamente coa Estratexia Da granxa ao garfo, pretende “devolver a natureza ás nosas vidas”, en palabras do Executivo comunitario, abordando “factores clave da perda de biodiversidade, como o uso insostible do chan e o mar, a sobreexplotación dos recursos naturais, a contaminación e as especies exóticas invasoras”.
O 30% da superficie europea estará baixo algún réxime de protección en 2030 e o 10% da superficie agrícola deberá posuír valores paisaxísticos
A estratexia presenta medidas concretas para acometer a rexeneración da biodiversidade de Europa de aquí a 2030, o que inclúe transformar un mínimo do 30% das terras e mares de Europa en zonas protexidas administradas con eficacia e devolver a un mínimo do 10% da superficie agrícola uns elementos paisaxísticos moi variados.
Recuperación dos polinizadores naturais
A estratexia propón, entre outras cousas, definir obxectivos vinculantes para rexenerar os ríos e os ecosistemas degradados, mellorar a saúde das especies e hábitats protexidos da UE, devolver os polinizadores ás terras agrícolas, reducir a contaminación, facer máis ecolóxicas as cidades, aumentar a agricultura ecolóxica e outras prácticas agrícolas respectuosas coa biodiversidade, e mellorar a saúde dos bosques europeos.
A produción científica é clara en canto ao impacto dos pesticidas sobre a redución dos polinizadores, o que ten un impacto económico moi negativo na produción (Virginijus Sinkevičius)
Virginijus Sinkevičius, comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, asegurou que “a natureza é vital e poliniza os nosos cultivos, pero estamos a actuar coma se non importase e perdéndoa a un ritmo sen precedentes. A produción científica é clara en canto ao impacto dos pesticidas na biodiversidade e a redución dos polinizadores naturais, que ten un impacto económico moi negativo na produción e a economía”, insistiu. Por iso, dixo, “o obxectivo da UE é protexer e rexenerar a natureza e liderar o camiño cara a un marco mundial ambicioso para protexer a biodiversidade do planeta”.
Evitar o deterioro do chan
Xunto á redución á metade na próxima década do uso de pesticidas, a Comisión Europea propón tamén diminuír nun 50% as perdas de nutrintes dos chans agrícolas, garantindo que non se deteriore a súa fertilidade, o que permitirá reducir en polo menos un 20% o uso de fertilizantes de aquí a 2030.
Será necesario garantir que non se deteriore a fertilidade dos chans reducindo á metade as perdas actuais de nutrintes
Os Estados membros da UE deberán aplicar plenamente a lexislación vixente sobre contaminación por nutrientes (nitratos e fosfatos) a fin de evitar as fugas de nutrintes asociadas que contaminan o aire e a auga, chegando a ser prexudiciais para a saúde humana e o medio ambiente. Países como Holanda ou Irlanda víronse obrigados a establecer medidas restritivas neste ámbito nos últimos anos.
A Comisión desenvolverá xunto cos Estados membros un plan de acción de xestión integrada de nutrintes para reducir e previr a contaminación polo uso excesivo de fertilizantes e para fomentar a reciclaxe de nutrintes procedentes de distintas formas de residuos orgánicos como fertilizantes. Isto contribuirá a lograr a aspiración a unha contaminación cero que establece o Pacto Verde da UE para 2050.
Uso restritivo dos antibióticos
Así mesmo, o Executivo comunitario pretende reducir neste mesmo período de tempo (2020-2030) nun 50% as vendas dos tratamentos antimicrobianos utilizados en animais de granxa, tanto na gandería como na acuicultura. Determinados tipos de antibióticos, como as quinolonas, o ceftiofur, a ampicilina, a amoxicilina, a gentamicina, a neomicina ou a estreptomicina, con importantes consecuencias á hora de xerar resistencias bacterianas, só se poderán utilizar en casos moi concretos e sempre cun antibiograma previo que certifique que é imprescindible o seu uso para facer fronte á enfermidade.
A partir de 2022 antibióticos como as quinolonas, que xeran importantes resistencias bacterianas, só se poderán utilizar cun antibiograma previo que determine que é imprescindible o seu uso como tratamento para facer fronte a unha infección concreta
Para limitar aínda máis a utilización e promover o uso prudente e responsable de antibióticos en animais, os novos regulamentos sobre medicamentos veterinarios e pensos medicamentosos, que serán aplicables a partir de 2022, establecerán unha ampla gama de medidas concretas. O seu impacto sobre o terreo reducirá o uso de tratamentos en animais de granxa, e as vendas someteranse a un seguimento anual.
“O benestar animal mellora a saúde dos animais e a calidade dos alimentos, reduce a necesidade de medicación e pode contribuír a preservar a biodiversidade. A Comisión está a avaliar as disposicións vixentes en materia de benestar animal, como as relativas ao transporte e ao sacrificio de animais, e revisará a lexislación da Unión”, avanza o Executivo comunitario.
Trazabilidade e etiquetaxe
A Comisión Europea tamén propón medidas en materia de trazabilidade alimentaria, cunha mellora da etiquetaxe para satisfacer mellor as necesidades de información dos consumidores sobre os alimentos saudables e sostibles. “Os nosos cidadáns queren saber máis exactamente o que comen, esta é unha tendencia en Europa e en todo o mundo”, asegurou Frans Timmermans. Paralelamente, a UE intensificará a loita contra a fraude alimentaria a fin de lograr unhas condicións de competencia equitativas para os operadores e reforzar as facultades das autoridades de control e vixilancia.
A Comisión Europea proporá a etiquetaxe obrigatoria sobre propiedades nutritivas na parte frontal dos envases e restrinxirá a promoción de alimentos con alto contido en graxas, azucres ou sal
“Os cidadáns merecen información clara que lles permita tomar decisións de compra. Co obxecto de alentar á industria alimentaria a ofrecer alimentos sans e sostibles, a Comisión proporá a etiquetaxe obrigatoria sobre propiedades nutritivas na parte frontal dos envases e poñerá en marcha iniciativas para estimular a reformulación dos produtos, entre outras cousas, establecendo perfís nutricionais para restrinxir a promoción (alegando propiedades nutricionais ou saudables) de alimentos con alto contido en graxas, azucres ou sal”, avanzan desde Bruxelas.
A UE pretende “dar exemplo”
As estratexias presentadas tamén pretenden ter unha dimensión internacional. A Comisión Europea pretende que a UE lidere a escena internacional, tanto no que se refire á protección da biodiversidade, aumentando a protección dos chans e rexenerando os ecosistemas degradados, como na creación dunha cadea alimentaria sostible.
“A Estratexia sobre a biodiversidade reafirma a determinación da UE de dar exemplo ao facer fronte á crise mundial da biodiversidade. A Comisión tratará de mobilizar todos os instrumentos de acción exterior e de cooperación internacional para contribuír a fomentar un novo e ambicioso marco das Nacións Unidas en materia de biodiversidade na Conferencia das Partes no Convenio sobre a Diversidade Biolóxica de 2021, mentres a Estratexia Da granxa ao garfo ten por obxecto promover unha transición mundial cara a sistemas alimentarios sostibles, en estreita cooperación cos socios internacionais”, avanza Bruxelas.
A Estratexia ‘Da granxa ao garfo’ cambiará a maneira en que producimos, compramos e consumimos os nosos alimentos (Stella Kyriakides)
A UE comprometeuse a dar exemplo na transición cara a sistemas alimentarios sostibles, non só dentro das súas fronteiras, senón tamén fóra delas. Mediante a cooperación internacional, tanto bilateral como multilateral, a UE fomentará prácticas agrícolas máis sostibles que reduzan a deforestación, aumenten a biodiversidade e melloren os resultados en materia de seguridade alimentaria e nutrición en terceiros países.
Importación de produtos de terceiros países
A Comisión incorporará estes criterios e prioridades en materia ambiental, de benestar animal e seguridade alimentaria nas orientacións de programación para a cooperación con terceiros países no período 2021-2027 e estaría destinada a ser a norma xeral para todos os produtos introducidos no mercado da UE a partir da sinatura de futuros novos tratados comerciais.
“Os acordos comerciais bilaterais da UE ofrecen un medio para promover as normas ambientais da UE en terceiros países, ademais das normas de seguridade alimentaria e benestar animal”, argumenta o Executivo comunitario. Neste sentido, os produtos alimenticios importados de terceiros países deberán cumprir no futuro as normas da UE en materia de medio ambiente.
Os produtos alimenticios importados de terceiros países deberán cumprir no futuro as normas da UE en materia de medio ambiente
Para Stella Kyriakides, comisaria de Saúde e Seguridade Alimentaria, “a Estratexia Da granxa ao garfo cambiará as cousas para mellor, de forma xeneralizada, en canto á maneira en que producimos, compramos e consumimos os nosos alimentos, o que redundará en beneficio da saúde dos nosos cidadáns e brinda a oportunidade de satisfacer o desexo dos europeos dunha alimentación sa, equitativa e respectuosa co medio ambiente”.
Aumentar a resiliencia de Europa diante de futuras pandemias
“A crise provocada pola pandemia de COVID-19 demostrou ata que punto nos fai vulnerables o aumento da perda de biodiversidade e o crucial que é un sistema alimentario que funcione correctamente para a nosa sociedade”, asegura a Comisión Europea.
Como parte fundamental do Pacto Verde Europeo, o obxectivo de Bruxelas é “reforzar a resiliencia das nosas sociedades diante de futuras ameazas como o impacto climático, os incendios forestais, a inseguridade alimentaria ou os brotes de enfermidades, en particular apoiando prácticas máis sostibles na agricultura, a pesca e a acuicultura, e ocupándose da protección da fauna silvestre e o comercio de especies silvestres”.
“A crise provocada pola pandemia de coronavirus demostrou o vulnerables que somos, así como a importancia de restablecer o equilibrio entre a actividade humana e a natureza. O cambio climático e a perda de biodiversidade constitúen un perigo claro e actual para a humanidade”, declarou o vicepresidente executivo responsable do Pacto Verde Europeo, Frans Timmermans, que defendeu que “é necesario aumentar desde o 8% actual ata polo menos o 25% a superficie dedicada a agricultura ecolóxica na UE. É necesario para mellorar a saúde da xente”, asegurou.
Debemos aumentar desde o 8% actual ata polo menos o 25% a superficie dedicada a agricultura ecolóxica na UE. É necesario para mellorar a saúde da xente (Frans Timmermans)
As dúas estratexias presentadas hoxe, adoptadas durante o apoxeo da pandemia sanitaria por coronavirus en Europa, son un elemento central do plan de recuperación da UE e “reviste unha importancia crucial para previr e reforzar a resiliencia diante de pandemias futuras e brindar oportunidades de negocio e investimento inmediatas a efectos da recuperación da economía da UE”, destaca a Comisión.
Neste sentido, a Comisión intensificará a coordinación dunha resposta europea común ás crises que afectan os sistemas alimentarios, avaliará a resiliencia do sistema alimentario comunitario e elaborará un plan de continxencia para garantir a subministración de alimentos e a seguridade alimentaria que se deberá activar en tempos de crises e renovarase a reserva para crise no sector agrícola de modo que poida utilizarse todo o seu potencial desde o principio en caso de crise dos mercados da agricultura.
Sen financiamento extra para implantar o Pacto Verde Europeo
O Pacto Verde Europeo, presentado pola presidenta da Comisión Von der Leyen o 11 de decembro de 2019, establece unha ambiciosa folla de ruta cara a unha economía circular climaticamente neutra, na que o crecemento económico estea disociado do uso dos recursos.
Con todo, todas estas accións non irán acompañadas dun gran apoio económico por parte de Bruxelas, xa que unicamente se destinarán 20 millóns de euros cada ano para fomentar a biodiversidade, procedentes de fondos comunitarios, estatais e privados. “Facer da sustentabilidade unha marca europea abrirá novas oportunidades de negocio e diversificará as fontes de ingresos para os agricultores”, xustifica a Comisión Europea.
O próximo paso para a aprobación e entrada en vigor das dúas Estratexias presentadas hoxe é a aprobación por parte do Parlamento e o Consello europeos dos seus obxectivos e compromisos. A Comisión Europea prestará especial atención á consecución dos obxectivos do Pacto Verde, así como aos derivados da Estratexia Da granxa ao garfo e da Estratexia sobre Biodiversidade para 2030 e pedirá aos Estados membros que establezan valores nacionais explícitos para os obxectivos de ambas as estratexias, tendo en conta a súa situación específica e as recomendacións feitas para cada país.
Contra as “políticas de escaparate” de Bruxelas e a “culpabilización” do sector agrogandeiro
As reaccións á presentación da Estratexia Da granxa ao garfo puxeron o foco no aumento de custos que para os produtores terá a aplicación das medidas propostas, reclamando á Comisión Europea que acompañe estas novas esixencias co financiamento necesario para a súa implementación, ademais de pedirlle que non culpabilice inxustamente ao sector agrogandeiro da destrución do medio ambiente e estableza medidas para un reparto xusto da cadea de valor dos alimentos.
A Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG) asegurou a través dunha nota de prensa que comparte os obxectivos da Estratexia Da granxa ao garfo pero “difire claramente” na forma na que se pretende abordar. “Resulta hipócrita e incoherente que a UE pretenda que os agricultores e gandeiros afronten os retos dun sistema alimentario máis sostible, co consecuente aumento de custos que iso supón, baixo a ameaza de recortes no orzamento comunitario para o período 2021-2027 e a destrutiva competencia desleal das importacións de terceiros países”, subliñou o Secretario Xeral de COAG, Miguel Blanco.
Non imos permitir que os agricultores financien unha vez máis as políticas de escaparate verde da UE. Resulta incoherente esixir máis compromisos aos agricultores e gandeiros, co consecuente aumento de custos de produción, sen reforzar o orzamento comunitario da PAC e sen cuestionar os tratados de libre comercio con terceiros países (COAG)
“Non imos permitir que os agricultores financien unha vez máis as políticas de escaparate verde da UE; se os políticos de Bruxelas queren lucir escaparate ten que haber recursos na trastenda, e iso pasa por reforzar o orzamento para as políticas agrarias e esixir os mesmos estándares de calidade e seguridade alimentaria, sanidade vexetal e benestar animal, ás importacións agrarias de terceiros países”, engadiu.
“Resulta incoherente esixir máis compromisos aos agricultores e gandeiros, co consecuente aumento de custos de produción, sen reforzar o orzamento comunitario da PAC e sen cuestionar os tratados de libre comercio con terceiros países para establecer o principio de preferencia comunitaria e condicionando as importacións aos estándares de calidade, sanidade vexetal e benestar animal que xa cumpren os produtores europeos”, critica Miguel Blanco.
Neste sentido, desde COAG reclámase á UE que, antes de implementar a Estratexia Da granxa ao garfo, “se revisen todo os acordos comerciais de libre comercio con terceiros países, se reforce o control das importacións, se establezan políticas de preferencia comunitaria e se aposte de forma decidida pola potenciación do modelo social e profesional de agricultura para garantir a soberanía alimentaria de Europa, abordando retos como o despoboamento, o relevo xeracional ou a incorporación de mozos”.
Encarrilar o desequilibrio na cadea alimentaria
Tamén mostra o seu compromiso co Pacto Verde e as estratexias Da granxa ao garfo e pola Biodiversidade para 2030 Cooperativas Agro-alimentarias de España, que a través dun comunicado considera que “modificar o modelo produtivo agroalimentario europeo para loitar contra o cambio climático probablemente é o debate e o cambio máis importante para o sector desde que se existe a PAC”.
Con todo, para Cooperativas Agro-alimentarias de España a sustentabilidade ambiental non será posible sen sustentabilidade económica. “Preocupa que a Comisión Europea abra o debate cuns obxectivos ambientais moi ambiciosos, sen ter en conta a falta de rendibilidade dun sector produtor que demostrou ser básico no abastecemento de alimentos á sociedade, mentres estivo confinada pola pandemia do COVID-19”, argumentan.
En opinión das cooperativas, “para alcanzar os obxectivos será fundamental deseñar medidas de impulso estrutural que sirvan para encarrilar o desequilibrio na cadea alimentaria onde o sector produtor é o elo máis débil e o primeiro en sufrir e abordar a perda de competitividade dun modelo produtivo europeo que será máis esixente, respecto dos produtos importados producidos con condicións menos restritivas”.
A produción española e europea deben seguir sendo competitivas nos mercados internacionais, polo que se necesitará un gran investimento público e uns prazos de adaptación realistas (Cooperativas Agro-alimentarias de España)
“As cooperativas agroalimentarias son as empresas que, estando en mans de agricultores e gandeiros, reforzan a posición dos produtores na cadea. Por tanto, son estruturas empresariais que se deben reforzar para asegurar a produción sen deixar aos agricultores e gandeiros atrás, porque as cooperativas son as únicas capaces de xerar maior valor e transmitir o beneficio que xeran”, consideran.
“A sociedade debe saber, contrariamente ao que se poida percibir, que agricultores e gandeiros levan máis de 30 anos traballando por mellorar a sustentabilidade ambiental das súas explotacións. Desde 1990 o sector reduciu nun 20% as súas emisións e un 18% as súas verteduras de nitratos aos ríos, segundo datos da propia Comisión Europea. Os poderes públicos deben comunicar á sociedade a realidade do conxunto do sector, informando e fuxindo de visións negativas, porque a agricultura e a gandería son parte da solución e non o problema”, engaden as cooperativas españolas, que afirman que lograr hábitos de consumo de alimentos sans “alcanzaranse progresivamente con políticas de educación e formación, e non culpabilizando producións, como a gandeira, que son vitais nas nosas dietas, ademais de conseguir unha xestión territorial sostible económica, social e medioambientalmente”.