As ganderías lácteas ecolóxicas están a pasar momentos delicados en Francia. A presión social dos consumidores empurrou nos últimos anos ás explotacións cara a prácticas máis respectuosas co medio ambiente e unha parte das granxas apostou pola conversión a ecolóxico.
Pero lonxe de supoñer unha revalorización do produto en orixe, o mercado non foi capaz de absorber ese volume de produción e os prezos a día de hoxe sitúanse mesmo por baixo dos pagados aos gandeiros convencionais.
As catro principais empresas de recollida de leite ecolóxico en Francia son, por esta orde: Biolait (305.000 toneladas en 2022, un 1,6% menos que en 2021), Sodiaal (217.000 toneladas, un 3,5% menos que en 2021), Lactalis (245.000 toneladas, un 6,5% máis que en 2021) e Eurial, a división de produtos lácteos do xigante cooperativo francés Agrial (135.000 toneladas, un 5,5% máis que en 2021).
O 5,2% do leite producido en Francia é bio, mentres en Galicia representa só o 0,7%
Entre os catro acaparan o 75% da produción de leite ecolóxico francesa, que suma en total 1,2 millóns de toneladas, que representan o 5,2% da produción láctea do país. A importancia da produción ecolóxica queda patente no número de granxas: Francia conta con 1.560 explotacións de leite ecolóxico, fronte ás 110 existentes en Galicia.
Pero o aumento de prezos nos supermercados, debido á alza da inflación, impactou nas compras dos fogares franceses, agudizando a crise de sobreproducción de leite ecolóxico, a pesar da caída de produción por unha menor dispoñibilidade de forraxe debida á seca dos dous últimos anos.
“Situación delirante”
Samuel Dugas é un gandeiro da Bretaña francesa. A súa granxa, La Chènevétrie, situada en Bais, a 45 km de Rennes, conta con 40 vacas en produción e 67 cabezas totais contando a recría.
“A situación é delirante, porque o leite eco está a pagarse menos que o convencional. Existe saturación no mercado, porque nos últimos anos houbo moita conversión de granxas a ecolóxico e, pola contra, estabilizouse o consumo e hai unha contracción da demanda”, explica.
O leite ecolóxico pagouse en Francia en maio a 44 céntimos, 9 céntimos menos que en España
O prezo do leite ecolóxico caeu nos meses de abril e maio do ano pasado ata os 40 céntimos e, tras recuperarse no inverno e alcanzar de novo a barreira dos 50 céntimos, caeu de novo esta primavera ata 44 céntimos no mes de maio (9 céntimos menos que en España), fronte aos 45,3 aos que se pagou ese mes o leite convencional, e mentres o leite bio mantivo o seu prezo medio no último ano, o convencional revalorizouse un 18%.
Primeiro produtor de leite ecolóxico de Europa
O aumento de produción, que aumentara de forma exponencial desde 2019 (850.000 toneladas anuais) ata 2022 (1,2 millóns de toneladas), converteu a Francia no primeiro produtor de leite ecolóxico a nivel europeo, superando a Alemaña.
Francia conta con 1.560 explotacións de leite ecolóxico, cunha produción media de 5.100 litros por vaca e ano
O prezo para os gandeiros galos é, sen embargo, até 10 céntimos máis baixo que en Alemaña e a caída de prezos provocou unha desaceleración no crecemento da produción de leite ecolóxico en Francia, con granxas que abandonaron a certificación para producir de novo en convencional e leite producido en ecolóxico que se vende como convencional.
Esta desvalorización provoca grandes perdas económicas aos gandeiros. O Goberno francés xa anunciou axudas por importe de 10 millóns de euros para os produtores de leite ecolóxico, pero as perdas estímanse en máis de 60 millóns.
Descenso do consumo
A transformación de granxas leiteiras en Francia cara á produción ecolóxica tivo lugar en tres grandes ondas. A primeira produciuse no ano 2000, a seguinte en 2010 e a última en 2017.
“Ata entón o consumo seguía tamén unha curva ascendente, cun incremento anual de dous díxitos, pero a situación cambiou. A xente agora compra menos leite ecolóxico pero, sobre todo, houbo grandes granxas que se pasaron a ecolóxico tras o fin das cotas lácteas, así que inxectaron moito leite ecolóxico ao mercado, que chegou a saturarse, algo que antes non sucedía. A estacionalidade da produción fai que esta se concentre de forma conxuntural na primavera e que o prezo baixe”, explica Samuel.
No que vai de 2023 en Francia, do mesmo xeito que ocorre noutros países como Alemaña, o consumo de produtos lácteos ecolóxicos continúa diminuíndo. O aumento de prezos dos alimentos, debido á inflación, non anima a consumir produtos ecolóxicos. De feito, as compras dos fogares franceses están a caer máis bruscamente no caso dos produtos ecolóxicos que no dos produtos convencionais, cun desplome das vendas nas tendas ecolóxicas especializadas próximo ao 5% no caso do leite e a manteiga.
Freo nas conversións
O descenso de compras de leite bio está a ser substituído nalgúns casos por leite de pastoreo convencional ou por bebidas vexetais, e empresas como Lactalis decidiron frear as conversións de granxas a ecolóxico.
Samuel instalouse en 2007 na granxa que rexentaba o seu pai, que vendía a súa produción de leite convencional a Lactalis. Pero a multinacional francesa primaba naquel momento o paso a ecolóxico dos seus gandeiros cun sobreprezo de 3 céntimos. Entre 2010 e 2012 Samuel fixo a conversión a ecolóxico, primado durante eses dous anos e con compromiso de entrega durante 5 anos.
Samuel fíxose cargo da granxa familiar en 2007 e en 2010 deu o paso a ecolóxico, incentivado por Lactalis, a empresa que lle recollía o leite naquel momento
Transcorrido ese período, a partir do ano 2017, Samuel empezou a vender o seu leite a Biolait, o primeiro operador francés de leite ecolóxico, que sufriu en primeira persoa a caída de vendas. A resposta de Biolait foi pedir aos seus gandeiros producir menos leite e axustarse o cinto dos prezos, cun prezo medio de 45 céntimos para 2023, similar ao do leite convencional. Ante iso, algunhas granxas que levaban anos, ou mesmo décadas, entregando a Biolait, decidiron vender a súa produción como convencional a outras industrias.
A cooperativa Sodiaal decidiu non coller a novos produtores ecolóxicos polo momento e Biolait esixe ás súas granxas que produzan menos
“Hai demasiado leite ecolóxico no mercado e o consumo diminuíu considerablemente. Biolait non ten practicamente transformación, unicamente compra, envasa e vende leite líquido, polo que é moi sensible aos cambios de consumo”, xustifica Samuel.
Desvalorización do produto como convencional
Os excedentes de leite ecolóxico están a aumentar, o que provoca un incremento dos volumes de leite vendido como convencional. A Federación Nacional de Produtores de Leite (FNPL) calcula que o 40% do leite producido como ecolóxico nestes momentos en Francia comercialízase a través do circuíto convencional, unha porcentaxe que confirman Lactalis e Eurial, dous dos catro principais operadores lácteos en ecolóxico en Francia, que declaran ter absorbido en 2022 ata 4 de cada 10 litros da súa recollida ecolóxica a través de canles de venda convencionais.
O 40% do leite francés producido en ecolóxico está a venderse como convencional
Pola súa banda, a cooperativa Sodiaal desclasificou no 2022 o 20% do seu volume de leite ecolóxico, entre outras medidas grazas á súa política de incentivos de redución de produción (bonificación de 1,13 céntimos por litro de febreiro a xuño de 2022 por unha redución de entre o 3 e o 10% da produción). Do mesmo xeito que os seus competidores, Sodiaal tamén decidiu non coller a novos produtores ecolóxicos polo momento.
“A clave para sobrevivir nesta situación está en reducir custos e diversificar os ingresos”
Antes de facerse cargo da gandería familiar, Samuel traballou en granxas austríacas e esa experiencia inspirouno á hora de transformar a súa granxa. “Cando me incorporei, eu son a quinta xeración, a nosa explotación seguía o modelo tradicional das granxas leiteiras de Bretaña, cun terzo da superficie agraria dedicada a millo, un terzo a herba e un terzo a cultivo de trigo”, explica.
A súa primeira decisión no ano 2007 foi reconverter a pasto as terras de cultivo. “Unha vez que xa me sentía cómodo con ese sistema era bastante fácil e lóxico pasarse a ecolóxico”, asegura, aínda que recoñece que a principal razón ou incentivo foi o prezo.
Samuel recoñece que un dos motivos que o levaron a pasarse a ecolóxico foi o prezo
“Hoxe ese diferencial positivo non existe, polo que a clave do éxito do ecolóxico non está no sobreprezo, senón no control de custos, posto que tes maior control en ecolóxico, aínda que tampouco hai unha marxe de seguridade”, admite.
Debido á actual conxuntura e os baixos prezos, apostaron pola diversificación e a venda directa como estratexia de supervivencia da granxa. “Depender só do prezo do leite facíanos moi vulnerables. E o feito de producir en ecolóxico non resolve o problema do control do prezo dos produtos e a súa comercialización. Ter máis dun cliente e máis dun produto á venda fainos menos fráxiles”, argumenta.
Depender só do prezo do leite facíanos moi vulnerables, por iso estamos a valorizar as producións a través da venda directa
Habilitaron como tenda un espazo na propia granxa onde venden os distintos produtos, desde leite cru a carne de tenreira e cordeiro, sidra e zume de mazá, que eles mesmos elaboran, así como mel e outros produtos de produtores veciños.
Maceiras e ovellas
Na súa estratexia de diversificación optaron por cultivos complementarios e que non necesiten de grandes investimentos. “Aproveitando os lindes dos prados plantamos maceiras. En total suman unha hectárea de cultivo. Facemos zume de mazá e sidra e é algo que non require moito investimento. Tampouco a venda de carne, xa que cebamos e facemos lotes no matadoiro”, explica Samuel.
Fai tres anos introduciron tamén ovellas autóctonas Landes de Bretagne, unha raza rústica que permite que permanezan todo o ano na pradería. Crían uns 20 cordeiros ao ano, que nacen no mes de marzo e son vendidos en decembro.
Venden 5.000 litros de leite na propia granxa a veciños da zona e sacrifican 4 bois cebados cada ano en lotes de 12 kg de carne
Ceban ademais catro bois ao ano. Son cruces das súas vacas holstein con limusín. Cástranos aos 7 meses e son sacrificados aos 3 anos, acadando os 350 kg en canal, que despois venden en paquetes de 12 kg. Os clientes reservan a través da páxina web e dous terzos das vendas son de proximidade, mentres outro terzo procede de clientes da zona de París.
“Coa venda directa recuperamos o valor engadido dos produtos. O noso obxectivo é ir aumentando pouco a pouco pero sen investir demasiado e reducindo ao máximo os gastos e custos de produción, buscando o punto exacto de máxima rendibilidade”, argumenta.
Alimentación a base de pasto
La Chènevétrie dispón de 55 hectáreas de terreo, todas dedicadas a pradería, agás unha hectárea que labran con remolacha para recoller no inverno en fresco. “En 2014 deixamos de labrar e ensilar millo. Desde entón, o pastoreo é a base da a alimentación do gando. As vacas saen todos os días excepto en xaneiro e febreiro, xa que temos leiras moi húmidas situadas na ribeira do río, e as crías saen coas nais ao pasto ata os 5 meses”, detalla.
Teñen pradeiras permanentes plurivarietais de gramíneas e leguminosas e unicamente abonan as fincas con xurro antes do corte de herba seca
O sistema de pastoreo que aplican é rotacional. “O fío avanza todos os días”, insiste Samuel. As praderías son permanentes (renovan 1 hectárea cada ano aproveitando a sementeira da remolacha) e plurivarietais (usan varias especies de gramíneas e leguminosas, como raigrás inglés diploide, festuca, alfalfa, trevo branco e chicoria). “É unha planta moi boa a nivel de taninos para a alimentación e é resistente á seca, ao igual que a remolacha”, aclara.
No inverno suplementan con forraxes propias. “Non usamos nada de concentrado, só pasto e herba seca. Ata 2022 faciamos tamén silo, pero agora unicamente facemos herba seca, unhas 50 toneladas para todo o ano”, explica.
Monomuxido
Samuel atende a granxa coa axuda da súa muller, Lidia, e entre 6 granxas teñen a unha persoa contratada para as libranzas. Os traballos agrarios, de sega e recollida de forraxe, realízanos a través dunha CUMA.
Para reducir a carga de traballo muxen só unha vez ao día. Do mesmo xeito que en Galicia, o monomuxido é algo novo e minoritario tamén na Bretaña, pero Samuel deféndeo como unha alternativa á falta de man de obra.
A media de produción da granxa é de 3.800 litros por vaca ao ano sen dar nada de penso
“Despois de 15 anos atopábame aprisionado polo muxido da mañá e da tarde. O robot de muxido estaba fóra de discusión para min e atopar a alguén para substituírte todos os días é moi complicado. Cando fai catro anos descubrín que era posible muxir só unha vez ao día foi toda unha revelación para min. Iso permíteme ter tempo libre para outras actividades, xa que o muxido da tarde limita moito a vida social. Agora podo ir á piscina ou a clarinete cos meus fillos. A maxia das vacas de leite é a relación con elas durante o muxido. Por iso, o monomuxido permite recuperar o gusto polo traballo. Agora gozo muxindo, cando antes era un sufrimento diario”, argumenta.
Agora gozo muxindo; antes era un sufrimento diario
Samuel muxe todos os días ás 7 e media da mañá e despois as vacas saen ao pasto ata o día seguinte. A produción media das súas vacas é de 3.800 litros ao ano, sen dar nada de penso. Insiste ademais en que outro dos beneficios do monomuxido é que redunda nunha ampliación da idade produtiva das vacas. A media da súa granxa é de 4,5 lactacións.
Probou a facer cruzamientos, pero na actualidade aposta por dúas razas puras, a frisoa (80% do rabaño) e a parda alpina (20%). “A holstein adáptase perfectamente ao monomuxido”, asegura.