As Pontellas SC: “Ao pasar a ecolóxico reducimos moito estrés e gañamos calidade de vida”

Fai 15 anos que José Antonio e Ana apostaron por producir en base á herba que producían as súas fincas. Hoxe están a muxir 50 vacas e valoran a calidade de vida que lles aporta ter as vacas fóra. O seu fillo, Luis, estase a incorporar á gandería familiar

José Antonio e Ana xunto ao seu fillo Luis, incorporado á granxa familiar

José Antonio e Ana xunto ao seu fillo Luis, incorporado á granxa familiar

Na parroquia de Candai, en Outeiro de Rei, ubícase a gandería As Pontellas SC, unha granxa de produción de leite ecolóxico que rexentan José Antonio López Corredoira e Ana Rodríguez Íñiguez e á se está a incorporar o seu fillo José Luis.

A historia desta gandería familiar remóntase a fai máis de 40 anos, cando o pai de José Antonio montou varios cebadeiros de becerros para comercializar a coñecida como carne branca (carne de tenreiros alimentados exclusivamente con leite e sacrificados antes dos 4 meses), cunha produción en cadea duns 700 animais.

Debido á caída na demanda deste tipo de xatos, unha das naves construídas para albergar o cebadeiro foi reconvertida despois, fai uns 35 anos, para meter vacas de leite. “Daquela estabamos en convencional e tiñamos medias de 32 litros diarios”, conta José Antonio.

Pero aquel sistema tan intensivo non o convencía. “Era moito estrés porque había que estar todo o día pendente das vacas se querías ter esa produción”, recoñece.

A nosa granxa hoxe é un relax. Cando estabamos en intensivo non era así, era un estrés continuo, había que estar todo o día pendente das vacas

Buscando un punto de equilibrio entre litros e horas de traballo, nun primeiro momento decidiron extensificar a produción a través do pastoreo en convencional pero logo xa optaron por pasar a ecolóxico. “Hai uns 15 anos que estamos en ecolóxico, pero antes de pasarnos a ecolóxico xa levabamos 7 ou 8 anos facendo pastoreo”, lembra.

Co cambio de sistema de produción cambiou tamén o nivel de dedicación necesario. “Hoxe a nosa granxa é un relax. Levantámonos ás 9 da mañá, ás 9 e media da mañá chegamos á granxa e ás 11 e media xa temos todo listo. Logo botamos as vacas ao pasto e ata as 7 da tarde non volvemos a vir para aquí”, conta José Antonio.

A clave, a xestión do pasto

Pero malia o sinxelo que semella o sistema produtivo que teñen adoptado, é necesario facer unha xestión axeitada das pradeiras. “O ecolóxico é moito máis complicado do que parece; non consiste só en botar as vacas a pacer”, di.

Producir en ecolóxico é moito máis complicado do que parece; non consiste só en botar as vacas a pacer

Para lograr un mellor aproveitamento do pasto, raciónano en función da súa calidade e dos suplementos forraxeiros aportados no pesebre. “Abro ás vacas en función da herba que haxa na parcela, as veces ábrolles dúas veces ao día para que teñan pasto fresco e non pisen tanto”, explica.

Dificultades para aumentar á superficie

Dispoñen en total de 54 hectáreas, polo que precisan acadar altas producións tanto de pasto como de forraxe para depender o menos posible das compras externas fóra da explotación. “De superficie estamos moi xustos, pero aquí non hai máis terreo dispoñible”, admiten.

Nesta zona plantouse moito eucalipto e non hai xa moitas máis fincas para coller

“Por esta zona plantouse moito eucalipto e case todo o que queda a prado xa o levamos nós”, engaden, polo que a falta de superficie agraria dispoñible limita a capacidade desta explotación para seguir medrando.

Entre becerras de recría, xovencas, vacas secas e vacas en produción, As Pontellas ten neste momento unhas 100 cabezas, das que a metade son animais en lactación. “Para ter máis vacas teriamos que ter máis terreo e non hai”, lamenta José Antonio.

Resementeiras sen arar a terra

Maquinaria para estender as bostas das vacas e resementar as pradeiras

Maquinaria para estender as bostas das vacas e resementar as pradeiras

Até agora a estratexia que seguían para aumentar a produtividade das fincas era a de ir renovando unha media de 6 hectáreas cada ano para ir mellorando deste xeito a produción e a calidade da herba, pero a finais do ano pasado adquiriron maquinaria para resementar as praderías sen necesidade de aralas.

“A máquina que mercamos permite distribuir as bostas e ao mesmo tempo botar semente. O que facemos é pasala cando saen as vacas da finca e logo botamos unha capa de purín por enriba, así imos implantando as variedades de herba que nos interesa sen necesidade de abrir o terreo”, explica José Antonio.

Unha encamadora para repartir o silo

Coa mecanización da maior parte dos traballos buscan facer máis levadeiras as tarefas diarias da granxa e ter que traballar menos horas. Dispoñen por exemplo dunha encamadora que empregan tamén para repartir o silo e a herba seca tanto no lote de vacas en produción como no de vacas secas.

Temos maquinaria de todo tipo para facer o traballo o máis cómodo posible

“É unha máquina moi polivalente, que nos vale tanto para estrar como para a alimentación. Metemos o rolo enteiro de silo ou de de herba seca dentro da encamadora e pasamos con ela polo pasillo de alimentación. A encamadora encárgase de ir desfacendo o rolo e repartíndoo polo pesebre. Para o silo ten ademais outra vantaxe, xa que o deixa moi esponxoso e cómeno moi ben”, asegura.

Entre 15 e 19 litros de media de produción ao longo do ano

Sala de muxido da explotación

Sala de muxido da explotación, de 12 puntos, onde moxen ás 9 e media da mañá e ás 7 e media da tarde

O pasto e as forraxes producidas na explotación son a base da alimentación do gando. “O consumo de penso na nosa granxa é mínimo, estamos nos 4 quilos por vaca de media”, conta. O concentrado subminístrallelo a cooperativa asturiana Campoastur. “Levo con eles, mercándolles o penso, desde que empecei en ecolóxico”, lembra José Antonio.

As 100 cabezas só consomen uns 6.000 kg de penso ao mes xa que suplementan o pasto sobre todo con silo e herba seca. A pasada primavera fixeron uns 800 rolos de silo e uns 200 de herba seca, pero o verán foi seco e tiveron que empezar a suplementar xa no mes de xuño. “Esta é unha zona na que as fincas acusan a seca e por iso reduciuse moito o pasto”, explica.

Levamos con Campoastur desde que nos pasamos a ecolóxico. Só con pasto chegar a 20 litros é difícil

A produción media de leite da granxa sitúase nos 15 litros por vaca e día nos meses de verán e inverno, subindo a 18-19 litros na primavera. José Antonio recoñece que “só con pasto e silo de herba é difícil chegar a 20 litros”.

Pero está convencido de que a rendibilidade dunha explotación como a súa vén polo aforro de custos. “Trátase de ter os menos gastos posibles, dar o menos penso posible e usar a maquinaria tamén o menos posible para que a maior parte do que se ingresa quede libre”, xustifica.

Este ano fixeron uns 800 rolos de silo de herba e uns 200 de herba seca

A estratexia de alimentación en épocas de pouco pasto pasa por suplementar con forraxes propias e unha pequena cantidade de concentrado. “Pola mañá dámoslles entre 2 e 3 quilos de penso e despois, antes de sacalas ao pasto, intentamos meterlles bastante comida, tanto herba seca como silo de herba, para que cando chegan ao prado leven xa no estómago e non necesiten pacer tanto, porque eu notaba que no inverno se saían moi baleiras botaban todo o día pacendo e iso facía que baixaran á produción porque non se deitaban en todo o tempo e as vacas para producir leite necesitan descanso”, afirma. Teñen tamén un autocargador con segadora co que traen ás veces herba das fincas que están máis alonxadas para que as vacas a coman no pesebre.  

Estamos nun 4,10% de graxa e un 3,35% de proteína e en 110.000 células somáticas

A media de calidades móvese arredor dun 4,10% de graxa e un 3,35% de proteína. Desde que se pasaron a ecolóxico entregan o leite a Lactalis; antes, durante os anos que fixeron pastoreo en convencional, venderon tanto a Larsa como a Leyma.

Neste momento o prezo final xa con IVE e sumando as primas por calidades e por benestar (nivel excelente), sitúase nos 73 céntimos. Teñen contrato até marzo, asinado no mes de setembro e José Antonio confía en que os prezos se manteñan de cara á renovación. “Europa está tirando cara este modelo de produción, se queren fomentar isto e animar a máis xente a pasarse a ecolóxico non tería sentido que nos baixasen o prezo”, razoa.

Protexer as vacas das inclemencias meteorolóxicas

Nave para vacas secas, que teñen cama quente de palla e saída ao pasto

Nave para vacas secas, que teñen cama quente de palla e saída ao pasto

Unha das máximas de manexo que utilizan nesta gandería é a do benestar animal. “Nós non temos as vacas fóra nin cando chove moito nin con moito sol. Ter ás vacas á auga os días de inverno para min non é benestar animal, e igual nos días de sol no verán. As vacas o calor lévano mal, e o calor para elas é a partir de 25 grados”, matiza José Antonio.

Nin chovendo nin con moito sol temos as vacas fóra. Eu miro polo seu benestar porque tamén é o meu

Por iso no verán, os días que vai moita calor, botan as vacas a pacer pola mañá e recóllenas nas horas centrais do día, para que estean cando aperta o sol a cuberto no establo, para volver botalas pola tarde de novo a pacer. “Dá máis traballo, pero penso que as vacas están mellor. Por un lado evítaslles as horas de máis calor e minimizas riscos de mamite transmitido pola mosca”, asegura.  

Para levalas e traelas ao pasto manexa el só o rabaño, coa axuda do seu can. No entorno da granxa teñen 10 hectáreas de terreo e para o resto das fincas, algunhas delas a quilómetro e medio de distancia, van por camiños de terra sen asfaltar.

Para iren ao pasto levámolas por camiños de terra, as nosas vacas case non pisan o asfalto

“Moitos deles eran camiños que estaban pechados de maleza, pero desde que botamos as vacas fóra volvéronse abrir”, explica. Estes vellos camiños de servizo evitan que o rabaño teña que ir polas pistas. “O alcatrán ás vacas non lles fai nada ben, moitas coxeiras danse por culpa das areas”, di José Antonio.

“En que me beneficia a min meterme en 250 vacas?”

Están a muxir neste momento 50 vacas e non teñen previsto aumentar moito o número de cabezas

Están a muxir neste momento 50 vacas e non teñen previsto aumentar moito o número de cabezas

As Pontellas ten o relevo xeracional asegurado. Luis, o fillo de José Antonio e Ana, vai cumprir 20 anos e está a facer a incorporación á explotación. O que o convenceu para tomar a decisión foi a calidade de vida que ve que teñen os seus pais. “Aquí non fai falla levantarse ás 6 da mañá nin traballar unha chea de horas”, di.

Por iso, coa súa incorporación Luis non pensa dobrar o establo ou o número de cabezas, unha práctica común en moitas explotacións intensivas cando se incorpora o fillo. “Como moito eu meterei 10 vacas máis, pero non teño previsto medrar ao tolo, nin aproveitar as axudas para iso, porque en que me beneficia a min meterme en 250 vacas?”, pregunta.

Non quero dobrar o número de cabezas; quero calidade de vida

“Iso suporía facer unha nave nova, ter que mercar un tractor máis grande, buscar máis terras, contratar un ou dous empregados, en definitiva, moito máis traballo para gañar o mesmo a fin de mes e perder calidade de vida”, razoa.  

 “O que queremos é baixar ao traballo mantendo os ingresos e a viabilidade da granxa; non aumentar ao traballo. Non quero dobrar ao número de cabezas; quero calidade de vida”, di convencido.

Traballo familiar

Nesta gandería familiar repártense as distintas tarefas a realizar para atender tanto o gando coma o traballo agrario sen necesidade de man de obra externa. “Facemos nós todo, desde abonar ou ensilar a atender aos animais”, explican.

A recría é unha das tarefas que lles rouba tempo. Destetan aos tres meses e completan o proceso noutro establo, onde teñen as xovencas. No caso das vacas secas, contan cunha instalación con cama quente na que teñen ademais acceso libre ao pasto.

Animais de recría, que destetan aos tres meses

Animais de recría, que destetan aos tres meses

A lonxevidade nas súas vacas é moi elevada e a reposición que necesitan para cubrir as baixas é realmente pequena, aínda que ao querer medrar algo están a recriar algún animal máis dos necesarios. “Aquí con media ducia de xovencas ao ano amañariamos, temos vacas con 12 anos dando leite perfectamente”, conta José Antonio.

A saúde xeral do rabaño é moi boa, o que reduce gastos en medicamentos. “Aquí o veterinario é moi raro que veña”, conta José Antonio. “Partos atendemos tamén moi poucos, un ou dos ao ano. Normalmente amáñanse soas para parir, e levamos 15 anos sen problemas de patas e sen ter que recurtar cascos”, explica.

Nós con recriar media ducia de xatas ao ano amañamos; temos vacas con 12 anos dando leite perfectamente

As Pontellas dispón de animais moi rústicos que se adaptan ben ao pastoreo. Comezaron cruzando as vacas holstein puras que tiñan con touros de razas como a roja sueca, a jersey, a montbeliard ou a parda alpina, en función das características da vaca. Para o segundo cruzamento usaron seme fleckvieh en todas as xovencas e na actualidade están volvendo a poñer frisón para incrementar a capacidade produtiva. “Para min a vaca que mellor nos funciona é o cruce de frisón con rojo sueco; é unha vaca que ten corpo, que dá leite e que é moi resistente”, asegura José Antonio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información