O CRAEGA celebra o Día Europeo da Agricultura Ecolóxica

Arredor de 450 rapaces e rapazas tiveron a oportunidade de coñecer o sistema de produción ecolóxica da man deste novo volume protagonizado polos Bolechas.

O CRAEGA celebra o Día Europeo da Agricultura Ecolóxica

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) presentou en Monforte de Lemos a todos os colexios da zona un novo libro dos Bolechas dedicado aos alimentos ecolóxicos. Foto: CRAEGA

A alimentación sá e os nenos e nenas teñen que ir da man para que os máis pequenos se desenvolvan en plenitude. Unha das maneiras de achegar a boa alimentación é ofrecéndolles como atractivos e divertidos os alimentos ecolóxicos.

Por iso, co gallo do Día Europeo da Agricultura Ecolóxica, este 22 de setembro, o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) presentou en Monforte de Lemos a todos os colexios da zona un novo libro dos Bolechas dedicado aos alimentos ecolóxicos.

O encontro tivo lugar no Auditorio Multiusos de Monforte de Lemos, en Lugo, ás10:30 horas e nel estiveron presentes José Luis Cabarcos, director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal); Pablo Rivera, deputado de Promoción Económica e Social na Deputación de Lugo; Gloria Prada, tenente de alcalde do concello de Monforte, e Francisco López Valladares, presidente do Craega.

Arredor de 450 rapaces e rapazas pertencentes aos centros educativos o CEIP Monforte de Lemos, o CRP Ferroviario, o Centro Educativo Torre de Lemos, o CEIP A Gándara e o colexio dos PP Escolapios tiveron a oportunidade de coñecer o sistema de produción ecolóxica da man deste novo volume protagonizado polos Bolechas, un libro que se distribuirá en todos os colexios e bibliotecas de Galicia co fin de concienciar as xeracións futuras da importancia da alimentación saudable e ecolóxica.

Ademais da presentación do libro, os alumnos e alumnas asistentes ao evento puideron desfrutar da presenza dos propios Bolechas ao acto, así como dunha demostración de debuxo en directo do creador dos Bolechas, Pepe Carreiro, e da actuación musical de Pakolas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información