As axudas para agricultura ecolóxica no 2022 deixan fóra un 43% das hectáreas solicitantes

Medio Rural destinou 3,2 millóns de euros para os apoios, cando se precisarían 5,6 millóns para atender todas as peticións. O sector cuestiona a falta de previsión, pero apunta que “se hai vontade, estase aínda a tempo de atopar solucións”

As axudas para agricultura ecolóxica no 2022 deixan fóra un 43% das hectáreas solicitantes

Gandería ecolóxica. / Arquivo.

Durante o último ciclo da PAC, do 2015 ó 2021, todas as superficies que cumprían os requisitos para acceder ás axudas de agricultura ecolóxica cobraban a subvención correspondente. Pero esa situación está a piques de cambiar. A Consellería do Medio Rural recoñece que este ano só destinou fondos para cubrir un 57% das hectáreas que solicitaron a axuda, un escenario que está a causar alarma entre produtores ecolóxicos e técnicos do sector.

A cuestión de fondo é que esta campaña presentáronse á convocatoria arredor de 12.000 hectáreas novas, ben en agricultura ecolóxica, ben en proceso de conversión, un auxe de solicitudes ante o que a Administración careceu de capacidade de reacción. “O aumento das solicitudes presentadas na convocatoria deste ano foi moi superior ás previsións establecidas inicialmente, pois as solicitudes incrementáronse un 134% con respecto ao pasado exercicio”, explica a Consellería do Medio Rural.

O gran aumento de solicitudes no 2022 débese a que a entrada de novas superficies na liña de agricultura ecolóxica estivera bloqueada no periodo 2015-2021. É dicir, as explotacións que recibiron apoios no 2015 mantiveron esas axudas ata o 2021, pero durante ese tempo non puideron entrar nin novos produtores nin novas parcelas nas subvencións de agricultura ecolóxica.

Este ano, arredor de 12.000 novas hectáreas se incorporaron á agricultura ecolóxica, o que desbordou as previsións da Xunta

Coa incorporación de arredor de 12.000 novas hectáreas este ano, os fondos precisos para cubrir todas as superficies con dereito a axuda rondarían os 5,6 millóns de euros, segundo as estimacións de Medio Rural, que só conta cos 3,18 millóns orzamentados para a agricultura ecolóxica. A Consellería precisa que este ano aumentou as axudas para esta liña un 59%, pois no 2021 destinara 2 millóns de euros, pero a suba quedouse curta.

Así as cousas, a preocupación exténdese estes días entre os produtores ecolóxicos e os técnicos que traballan con eles. As explotacións en agricultura ecolóxica non só contaban con esta liña de apoios para cadrar as contas, senón que tiveron que enfrentar os gastos extra ligados á agricultura ecolóxica, como o pago duha entidade de aconsellamento ou o de certificación en ecolóxico. Dáse ademais a circunstancia de que hai explotacións que renunciaron a axudas agroambientais para entrar nas de ecolóxico, xa que ambas liñas son incompatibles, e agora poden quedar sen ningún dos dous apoios.

Decepción do sector
Consultado por esta situación o presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica (Craega), Francisco López, admite que se trata dun serio problema. “Podo enumerar de memoria unha serie de explotacións que se lles vén denegada a axuda, danse de baixa da agricultura ecolóxica ó día seguinte. E esas explotacións loxicamente non van volver porque prometéuselles un apoio que agora se lles nega e deixan de crer”, conclúe.

López apunta a unha mala previsión da Consellería, pois o volume de solicitudes na liña de agricultura ecolóxica coñécese desde a primavera. “No mes de xullo xa lle advertín á Consellería que eran precisos máis fondos e aumentaron a partida de 2,4 a 3,2 millóns de euros, pero foi un aumento insuficiente”, cuestiona.

“Podo enumerar unha serie de explotacións que se lles vén denegada a axuda, danse de baixa na agricultura ecolóxica ó día seguinte. Prometéuselles un apoio que agora se lles nega e, loxicamente, deixarán de crer nisto” (Francisco López, Craega)

Posibles solucións
Agora, coas axudas a piques de resolverse, a marxe de actuación que queda é reducida, pero o sector espera aínda unha rectificación. “Se hai vontade, estase a tempo de atopar solucións. Ou redirixindo fondos doutras partidas do Plan de Desenvolvemento Rural ou mesmo con fondos propios”, valora o presidente do Craega, Francisco López.

No caso de que Medio Rural se continúe negando a destinar máis fondos ás axudas, López propón a alternativa de que os fondos existentes se distribúan entre todas as explotacións solicitantes. Este ano, en pastos e terra arable, estaban previstos 360 euros por hectárea para superficies en conversión e 288 euros para hectáreas que se mantivesen en agricultura ecolóxica. “Se non é posible abonar esas cifras, que se reduzan, pero somos partidarios de que todas as explotacións reciban apoios”, valora o presidente do Craega.

A orde de axudas este ano establecía un sistema de concurrencia competitiva polo que se lle daba prioridade ás explotacións de montaña (2 puntos) e en Rede Natura (1 punto), o que pode deixar fóra a boa parte das explotacións que non estean nalgún deses casos. “Veríanse sen apoios non só novas solicitudes, senón explotacións de zonas como a Terra Cha, por poñer un exemplo, que estiveran cobrando as axudas nos últimos anos e que agora perderanas”, advirte López.

Os criterios de concurrencia competitiva deixarán previsiblemente fóra a boa parte das granxas de leite en ecolóxico e a pequenos produtores de horta. “A Consellería está a tempo de rectificar a orde para evitar esta situación”, insiste López.

Europa quere que o 25% da agricultura estea en ecolóxico no 2030

A nova Política Agrícola Común 2023 – 2027 aséntase nos obxectivos definidos polo Pacto Verde (Green Deal), explicitados en documentos como ‘Da granxa á mesa’. Europa quere reducir o uso de fertilizantes e fitosanitarios e chegar ó 25% da superficie agraria en agricultura ecolóxica no 2030.

É un obxectivo que desde Galicia se vía xa o ano pasado como difícil de acadar, se ben o sector implicouse nos últimos dous anos en campañas de charlas e de divulgación por toda a comunidade para animar ás explotacións a dar o paso ó ecolóxico. “Fixemos unha importante campaña de captación porque Europa marcou claramente esta dirección. O que sucede é que Europa e o resto de países e comunidades autónomas van nunha dirección e Galicia semella que vai noutra”, lamenta Francisco López.

De cara ó 2023, cando previsiblemente se convocarán apoios para a agricultura ecolóxica por un periodo de 5 anos, Medio Rural sinala que aumentará un 23% as axudas deste ano, ata chegar a 3,9 millóns de euros anuais. “Aínda así, ante o importante incremento de axudas solicitadas, a Consellería valorará a modificación do plan estratéxico da PAC co obxectivo de adicar no futuro máis fondos a esta medida”, conclúe o departamento encabezado por José González.

Se non se aumentasen eses fondos, quedaríanse novamente curtos, pois este ano a necesidade era de 5,6 millóns de euros e para o ano, ademais, poderían entrar novas superficies que iniciasen a conversión a agricultura ecolóxica no 2022.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información