O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, reuniuse hoxe con representantes do Consello regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e co das indicacións xeográficas protexidas Carne de Vacún de Galicia para asinar un convenio de colaboración co fin de realizar de xeito conxunto actividades de control e promoción da carne Ternera Gallega Suprema que conte coa certificación de produción ecolóxica.
A finalidade principal deste convenio é a identificación no mercado desta carne que ten unha dobre certificación cunha etiqueta específica conxunta. Deste xeito, ambos consellos reguladores comprométense a colaborar nas tarefas de control e certificación da carne e organizar actividades de promoción específica para esta produción co apoio da Axencia.
Dentro da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, a carne que se cataloga como Suprema correspóndese coa procedente de animais que se crían en explotacións con vacas nai e que tiveron un período de lactación materna mínimo de sete meses e cuxo sacrificio faise antes dos dez meses. En 2022, a produción de carne desta categoría foi de máis de 12.000 toneladas. Parte desta produción, a que cumpra as estritas normas da produción ecolóxica, será etiquetada cunha certificación específica. O distintivo servirá para que as persoas consumidoras poidan identificar de xeito doado esta carne.