Archives

Tractoradas o martes 20 para urxir medidas adicionais para Galicia nos xurros e nos ecorreximes

Unións Agrarias, Asaga e Sindicato Labrego Galego fixan A Coruña como punto chave nas mobilizacións do martes 20, por ser a sede da Delegación do Goberno. Ademais, en Galicia están marcados 11 puntos para as concentracións, que terán lugar de 12:00 a 17:00 horas. As localizacións son:
  • A Coruña: A Coruña (xunto á Delegación do Goberno), Santiago (Xunta, San Caetano), Ortigueira e Vimianzo.
  • Lugo: Lugo (sede da Subdelegación do Goberno), Ribadeo e Pedrafita.
  • Pontevedra: Lalín.
  • Ourense: Ourense (sede da Subdelegación), A Mezquita e A Gudiña.
En paralelo, desenvolveranse tamén protestas no resto da Cornixa Cantábrica. Este acordo foi presentado esta mañá por Félix Porto, de Unións Agrarias, Ana Rodríguez, do Sindicato Labrego Galego, e e Francisco Bello, responsable de Asaga. O tres inciden en que o obxectivo das mobilizacións é que se atenda a táboa de reivindicacións que deseñaron, que busca cubrir as necesidades do sector primario en Galicia e tamén en toda a Cornixa Cantábrica. Durante as mobilizacións lerase un manifesto e tamén se trasladará en cada unha das Subdelegacións un documento con todas as peticións que buscan que se atendan. Avisan que haberá dificultades no tráfico durante as horas previas, durante e posteriores ás mobilizacións e inciden en que son protestas abertas a todo o mundo. "Este será o comezo dunhas reivindicacións que permanecerán ata que haxa acordos por escrito". Espéranse tractores en tódalas concentracións, que ralentizarán o tráfico na entrada e saída das cidades. As organizacións non aclararon se haberá cortes nas autovías de entrada a Galicia, nos puntos de concentración da Gudiña, Pedrafita e Ribadeo.
"As mobilizacións continuarán ata que haxa compromisos publicados no Boletín Oficial del Estado", afirman as organizacións agrarias
No encontro coa prensa anunciaron que na xornada de hoxe terán unha primeira reunión co delegado do Goberno para trasladarlle cales son as reivindicacións e escoitar de primeira man o que se acordou na reunión co ministro de Agricultura. Reivindicacións A primeira das reivindicacións é que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria e que se fixen uns prezos para "que non se poida vender por baixo dos mesmos". Inciden en que é "unha das cuestións fundamentais e un dos berros desesperados que trasladaremos desde os sectores produtivos". Outra das cuestións é a excesiva burocratización, "á que estamos sometidos desde o 1 de xaneiro". Cuestionan tamén o decreto de nutrición sostible de solos, que regula a aplicación de xurros e "que non pode ser aplicado tal e como está redactado", valoran. As organizacións consideran insuficientes as medidas anunciadas onte polo Ministerio de Agricultura, pois din, "non serven para Galicia", e urxen a adopción de medidas adicionais pensadas para a Cornixa Cantábrica, en especial no referente á normativa de aplicación de xurros e ós ecoesquemas da PAC. "Galicia é a terceira comunidade con menos hectáreas en ecorrexímenes e precisamos doutras solucións. Necesitamos que se adapte a PAC a Galicia e ás persoas", defenden.
"Ningunha persoa nova se vai incorporar ó agro se non se dan dúas condicións: rendibilidade e servizos no rural"
Así, indicen na importancia de aplicar políticas que sirvan para fixar poboación no rural e que se poida dar a substitución xeracional nas explotacións. "Ningún mozo se vai a quedar no rural se non se dan dúas condicións: que as súas explotacións sexan rendibles e que haxa servizos no rural". Destacan que actualmente están a pechar numerosas explotacións e ese problema levará a que aumente a fauna silvestre e os incendios. A isto, engaden que "os agricultores e gandeiros están a manter a fauna silvestre. Necesitamos políticas de control de lobo e xabarín, pero tamén que se dote presupuestariamente os danos que xeran". Por último, piden a sensibilización dos consumidores que ven incrementado o custo da cesta da compra: "Que se pregunten quen se está quedando con ese diñeiro". Tamén apelan á empatía por parte de todas as administracións, xa que "desde cada unha delas se pode traballar para que se atendan as necesidades específicas que temos en Galicia e na Cornixa, tanto na Xunta como no Ministerio e en Bruxelas", conclúen.
"As medidas do Ministerio chegan tarde e son vagas e insuficientes" (José González, conselleiro do Medio Rural)
Valoracións de Medio Rural Por parte da Consellería do Medio Rural, o seu titular, José González, valorou en negativo as medidas anunciadas polo Ministerio: "Chegan tarde, son contraditorias, vagas e completamente insuficientes. Boa mostra é que as organizacións agrarias non desconvocaron as manifestacións, o que creo que era o principal obxectivo do ministro. Non buscaba tanto anunciar medidas favorables para os nosos gandeiros e agricultores como desconvocar as mobilizacións", sentenciou González. https://www.campogalego.gal/tractoradas-o-martes-20-para-urxir-medidas-adicionais-para-galicia-nos-xurros-e-nos-ecorreximes/

“A xente estoupou porque todo son imposicións aos agricultores e gandeiros”

Por qué se mobiliza a xente do sector agrogandeiro? Creo é un cúmulo de anos e anos de ir aturando normativas cada vez máis restrictivas para facer o noso traballo, de case persecución da nosa actividade por parte de certos lexisladores e esta situación chegou ao seu punto álxido coa nova PAC 2023-2027, na que cuns obxectivos de sustentabilidade da agricultura e da gandería, que podemos compartir, sen embargo impúxosenos unha serie de limitacións e de controis que creo que non son razoables. Con todo iso, ao final a xente estoupou e saiu a protestar porque todo son imposicións por parte dos políticos que lexislan e cunha falta diálogo con nós para consensuar as medidas que nos afectan. Chegamos a unha situación tan absurda na que a burocracia á que nos temos que enfrentar para poder traballar é tan grande que un gandeiro ou un agricultor case lle ten que dedicar tanto tempo ao papeleo como á nosa propia actividade. Por outra parte, unha reivindicación transversal dos manifestantes é que se controlen as importacións doutros países. Nos tratados comerciais da Unión Europea con Mercosur, con Estados Unidos ou con Canadá, entre outros, sentimos que a agricultura e a gandería europeas son unha moeda de cambio en beneficio doutros sectores. A isto unimos que nos enfrentamos a unha competencia desleal, pois moitos dos produtos alimentarios que entran de terceiros países non teñen que cumprir a lexislación en materia de emprego de fitosanitarios, de respeto ao medioambiente ou de lexislación laboral que nós si cumprimos. E como dixen ao comezo, a pinga que colmou o vaso desta situación é a nova PAC que para nada se adapta á realidade de cada territorio. No meu caso, cultivo 40 hectáreas na comarca da Limia e coa nova PAC teño que deixar un 10% da terra libre, entre barbeito e cultivos mellorantes. Para min e para moitos é un perda económica moi grande porque todos sabemos a base territorial que teñen de media en Galicia as explotacións agrogandeiras. E aínda máis non se entende cando despois temos que importar cereais doutros países que perfectamente podíamos producir aquí, pero non podemos por estas limitacións da PAC. Non deberíamos ter unha PAC común a nivel de toda España porque a realidade da produción en Galicia ou en Asturias é moi diferente á de Extremadura ou de Andalucía. Outro apartado da nova PAC que me xera gran preocupación a min, e tamén aos meus compañeiros, é o da xestión dos xurros, ata agora un fertilizante sustentable e que cumpre os requisitos da economía circular, pero que sen embargo agora parece que é un produto contaminante. Creo que os lexisladores están pagando cos agricultores e gandeiros a súa falta de actuación noutros sectores que realmente son os que máis contaminan, como o transporte ou os fogares. A modo de exemplo, ¿de verdade as depuradoras de augas residuais das cidades e vilas funcionan perfectamente e devolven a auga completamente limpa ou a xestión do lixo é un exemplo de sustentabilidade?. Creo que a resposta é obvia, pero por suposto o culpable é o do lado, como o metano que produce o arroto da vaca. E co caderno dixital máis do mesmo: Queren ter perfectamente controlado todo o que fai ou deixa de facer un agricultor ou un gandeiro, unha auténtica intrusión na nosa actividade empresarial, que moito dubido que se atrevan a facer noutros sectores. ¿Imaxinan o mesmo control con Citroen ou coa banca, a pesar dos centos de millóns de euros de axudas que reciben ou recibiron?. A solución? Paralizar toda esta nova lexislación e que os politicos se senten a dialogar con agricultores e gandeiros para que a normativa se aprobe de forma consensuada e tendo en conta a realidade de cada territorio. Do contrario, seguiremos perdendo activos no sector, concentrando a produción en cada vez menos mans e poñendo en risco algo tan importante como é a soberanía alimentaria, en definitiva, que non teñamos que depender doutros países para que a nosa sociedade poda comer.

Os agricultores e gandeiros de Ourense manteñen a tractorada até o xoves

Tractores dos agricultores e gandeiros concentrados este mércores pola tarde no polígono industrial Ourense mantén viva a chama das protestas de agricultores e gandeiros en Galicia. Os produtores chegados á capital ourensá desde Maceda, Montederramo, Allariz ou a Limia pasarán cos seus tractores a segunda noite na cidade das Burgas á espera de poder reunirse este xoves co director provincial do FOGGA, o organismo público da Xunta encargado da tramitación das axudas europeas da PAC. Uns 80 tractores e máis dun cento de persoas estiveron concentrados este mércores durante todo o día primeiro no centro da cidade, onde entregaron na Subdelegación do Goberno o manifesto coas súas demandas, e pola tarde nos polígonos industriais de San Cibrao das Viñas e do Pereiro de Aguiar, para pasar logo pola Cidade do Transporte antes de voltar ao centro da cidade, onde agardarán até mañá. Trala reunión este xoves no FOGGA, prevista para as 11:30 horas, teñen previsto levantar a protesta.
Os concentrados teñen previsto levantar a protesta este xoves pola mañá trala reunión no FOGGA
Marcos Quintas, da SAT Torneiros de Allariz, unha granxa de leite en ecolóxico que transforma e vende os seus produtos baixo a marca Ecoleia, é un dos gandeiros concentrados desde este martes en Ourense “para que a sociedade visualice que somos necesarios para que todo funcione”, di. A diferenza do que acontece noutros puntos de España, en Ourense non cortaron a autovía e están a tratar de causar os menos problemas posibles porque defenden que a súa é “unha manifestación pacífica que non quere facer dano á cidadanía” para convertela en aliada nas súas reclamacións. Malia a disparidade de sectores presentes, desde gandeiros de vacún de carne a produtores de cereal ou pataca, todos teñen un obxectivo común: “estamos loitando para que permaneza vivo o rural”, din. “Non pedimos cuestións concretas que nos beneficien de xeito individual, pedimos medidas xerais para todos”, defenden. Apertura dun diálogo ao máis alto nivel A Asociación Galega de Cooperativas (AGACA) solidarízase coas manifestacións e tractoradas dos produtores, que mostran “a situación de insostibilidade presente e futura que vai levarse por diante ao sector agrícola e gandeiro”, afirma. “As actuais mobilizacións son o resultado da absoluta frustración dunha gran parte do sector e da falta de diálogo. Nin a Comisión Europea, nin o Ministerio de Transición Ecolóxica recibiron aos representantes do sector agrario nos últimos 5 anos, nin debateron o cambio dun modelo produtivo complexo que debe ser aplicado polos agricultores e gandeiros. Limitáronse a poñer uns obxectivos ambiciosos, sen estudos de impacto e sen coñecemento da realidade produtiva nin dos mercados, sen evidencia científica, sen propoñer os medios necesarios para conseguilos e sen establecer un ritmo de progresión coherente e factible”, argumentan as cooperativas galegas. 
A entrada en vigor de normas absurdas acelera o abandono da produción e do medio agrario
Por iso AGACA esixe “un diálogo inmediato ao máis alto nivel, na UE e en España, para abordar de maneira coherente e con tempo, o cambio de modelo produtivo”. “A nova PAC, con menos presuposto e axudas, esixe a adopción de medidas medioambientais, de benestar animal e unha burocracia inabordable que os produtores non poden implantar a curto prazo”, argumenta. Para as cooperativas galegas, existe unha clara incoherencia entre os estritos requisitos esixidos a toda a produción europea fronte ás importacións de terceiros países que provocan unha desigualdade competitiva. “A agricultura e a gandería son o motor da UE, ningunha solución pasará por destruílas, senón por reforzalas e dar o valor que se merece á produción de alimentos europeos”, conclúen.

Os tractores chegan ao centro de Barcelona

Centos de tractores chegados desde as principais comarcas agrícolas e gandeiras de Cataluña confluíron este mércores na capital catalana, onde colapsaron as arterias principais, como as avenidas Meridiana e Diagonal, até chegar ao centro de Barcelona. O grupo máis numeroso procedía de Lleida e mantivo cortada durante toda a noite a autovía A-2. Ao amencer arrincaron a súa marcha cara a capital catalana, ao igual que outros grupos de tractores procedentes de Vic, Girona ou Tarragona. Ao chegar á cidade condal efectuaron paradas diante da Comisión Europea e o departamento de Acción polo Clima da Generalitat, antes de reunirse co presidente catalán, Pere Aragonés. Suman ás reclamacións dirixidas á UE (flexibilización da nova PAC, redución da burocracia e rebaixa das normativas ambientais) a solicitude do pago de axudas pola seca acusada que sofre Cataluña desde hai máis dun ano. As marchas están apoiadas polo sindicato Unió de Pagesos, maioritario en Cataluña e integrado a nivel estatal en Unión de Uniones, que ten convocada unha manifestación en Madrid o día 21 de febreiro. Peche do porto de Castellón Noutras comunidades as protestas de agricultores e gandeiros continuaron tamén este mércores, con cortes de estradas e bloqueos de infraestruturas como por exemplo o porto de Castellón, que estivo pechado boa parte da mañá até que a Policía desaloxou aos manifestantes, que denuncian a entrada de froitas e verduras de terceiros países con menores esixencias en materia de produtos fitosanitarios e esixen controis máis estritos.
Os medios de comunicación ligan á plataforma 6F, que trata de aglutinar as protestas, co partido de extrema dereita Vox
Houbo tamén protestas en Castela-A Mancha, Estremadura ou Navarra, un día antes de que os sindicatos agrarios maioritarios (Asaja, COAG e UPA) inicien este xoves o seu calendario de mobilizacións a nivel estatal. A plataforma que está tratando de aglutinar as protestas alternativas ás das organizacións agrarias, denominada plataforma 6F, está a ser sinalada nos medios de comunicación pola vinculación da súa portavoz, Lola Galán, co partido de extrema dereita Vox e coas protestas desenvolvidas en Ferraz durante a investidura do Goberno estatal. Desde a axencia Efe informan tamén de que hackers rusos iniciaron ataques contra institucións públicas españolas, en comunidades como País Vasco ou Murcia, "en solidariedade cos agricultores". Aprazamento do acordo con Mercosur Mentres, a nivel europeo, o Executivo comunitario segue movéndose ao ritmo marcado polas protestas. Se este martes a presidenta da Comisión Europea, Úrsula Von der Leyen, anunciaba a decisión de paralizar a aprobación da nova Lei sobre Uso Sostible de Pesticidas, coa que Bruxelas pretendía reducir un 50% o uso de produtos fitosanitarios na UE en 2030, ao igual que a semana pasada ofrecía tamén unha moratoria á obriga de deixar sen cultivar un 4% das terras na PAC, este mércores o vicepresidente executivo da Comisión Europea e responsable do Pacto Verde Europeo, Maros Sefcovic, alonxaba a posibilidade dun pacto arancelario cos países do Mercosur a curto prazo.
O Tratado de Libre Comercio cos países suramericanos divide a Francia e Alemaña
Asegurou que non se cumpren as condicións neste momento para a sinatura do acordo comercial con Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai, no que semella outra cesión ante as protestas dos agricultores e gandeiros que se estenden por Europa e que esixen a paralización do acordo. Pero esta decisión non é unánime dentro dos Estados membros. Países como Alemaña defenden a ratificación do Tratado de Libre Comercio con Mercosur mentres o Goberno francés se comprometeu cos agricultores e gandeiros galos a rexeitalo no seo das institucións europeas. As negociacións cos países suramericanos continúan, co foco posto nas esixencias da UE en materia de deforestación e loita contra o cambio climático.   As maiores axudas no que vai de século Pola súa banda, o ministro de Agricultura, Luis Planas, subliñou este mércores no Congreso dos Deputados que o Goberno español “escoita e comprende” aos agricultores e gandeiros e detallou que as medidas postas en marcha para dar solución aos seus problemas supoñen “o maior apoio ao sector neste século”. O ministro lembrou as axudas para facer fronte ás dificultades derivadas da seca e a guerra de Ucraína nos dous últimos anos por un valor superior aos 4.000 millóns de euros, dos que 1.400 son axudas directas.
A decisión da Comisión Europea de retirar o Regulamento sobre produtos fitosanitarios é intelixente e oportuna, valora o Ministerio
Planas recoñeceu ademais as dificultades do momento e o reto que supón a transición ecolóxica, e apelou ao diálogo e cooperación entre a Comisión Europea, o Goberno e as comunidades autónomas para conseguir os obxectivos. “As liñas deste Goberno son o diálogo, o traballo e o compromiso para solucionar os problemas”, sinalou. Por último, o ministro considerou “intelixente e oportuna” a decisión anunciada este martes pola presidenta da Comisión Europea, Úrsula Von der Leyen, de retirar o Regulamento sobre produtos fitosanitarios que foi rexeitado polo Parlamento europeo, para abrir un proceso de diálogo no que se teña en conta a opinión dos agricultores, pero precisou que o obxectivo de redución á metade dos elementos máis nocivos está aí e debe ser o gran reto.
https://www.campogalego.gal/tractoradas-galegas-contra-burocracia-e-o-endurecemento-de-normas-ambientais-no-agro/

Tractoradas galegas contra a burocracia e o endurecemento de normas ambientais no agro

Protesta dos agricultores e gandeiros concentrados diante da Subdelegación do Goberno en Ourense A xornada de protestas de agricultores e gandeiros convocada este martes a nivel de toda España foi secundada en Galicia con tractoradas nas cidades de Ourense e Lugo. Os produtores esixen, entre outras cuestións, cambios na Política Agrícola Común, a derogación dos Reais Decretos de xurros, fitosanitarios ou Caderno Dixital, así como maior control das importacións de produtos procedentes de terceiros países. É unha mobilización que ten a súa razón de ser no sentir xeral que existe no agro sobre unha "excesiva burocratización". Tamén hai malestar polo que se consideran normativas cada vez máis restritivas a nivel ambiental e de benestar animal. A outra cara da moeda é a visión de Bruxelas, onde a PAC consume arredor dun terzo do presuposto comunitario. É unha aportación de tal dimensión que parte dos países da UE só están de acordo con esa financiación se leva aparellados compromisos ambientais ligados coa biodiversidade, o cambio climático e o benestar animal. Son as novas esixencias excesivas?. Queda claro que no agro así se percibe. As protestas organizáronse a través de grupos de whatsapp, á marxe das organizacións agrarias, se ben co apoio de asociacións do sector, como Agromuralla. En tanto as organizacións agrarias retrasan as protestas ata pasada á campaña electoral, "pois na nosa historia nunca nos manifestamos en campañas electorais", segundo lembran desde unha das organizacións, os produtores que saíron hoxe á rúa acusan de "pasividade" ás organizacións do agro. Desde Agromuralla piden "eleccións inmediatas no campo", que en Galicia levan case 20 anos sen celebrarse, para poderen elixir aos seus representantes nos foros e órganos de participación coas Administracións públicas, onde se dirimen asuntos do sector. 200 tractores en Ourense A protesta máis numerosa xuntou en Ourense a uns 200 tractores chegados desde distintos puntos da provincia, desde produtores de pataca e cereal da Limia a gandeiros de vacún de carne de Montederramo e Castro Caldelas. A primeira hora da mañá paralizaron o polígono industrial de San Cibrao das Viñas para despois dirixirse ao centro da cidade, até diante da Subdelegación do Goberno, blindada con furgóns policiais e medio cento de antidisturbios. A convocatoria das protestas en toda España ten carácter indefinido e os manifestantes permaneceron até ben entrada a tarde na capital ourensá. “Non sabemos aínda se marchamos ou se quedamos, temos que decidilo aínda”, explicaba a Campo Galego Javier, gandeiro de Montederramo.
En Ourense tivo lugar a protesta máis numerosa e os produtores non descartan cortar a autovía A-52 cos seus tractores
De todas as reivindicacións detalladas no Manifesto Estatal 6 de Febreiro, no seu caso, o que máis lles afecta, tendo en conta o seu sistema de produción en extensivo, son novos requisitos impostos nos ecorreximes da PAC ou esixencias como a do Caderno Dixital. O gandeiro pide tamén o control do lobo e que se free o Tratado de Libre Comercio con Mercosur (Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai), que podería “inundar de carne de vacún o mercado europeo”, tirando aínda máis os prezos que cobran produtores coma el e que seguen estando, di, “por debaixo dos custos de produción”. No caso do grupo de tractores procedentes da comarca da Limia, as crecentes restricións no uso de produtos fitosanitarios e as novas normas en materia de abonado, así como a obriga de deixar sen labrar un 4% da superficie de cultivo para poder cobrar a PAC, son as queixas máis recurrentes. Desde a Comisión Europea, tralas protestas vividas nas últimas semanas en Francia e Bruxelas, xa avanzaron que valorarán eliminar para este ano o requisito ambiental de deixar un 4% das terras a barbecho. Tamén se van redefinir os obxectivos de redución de fitosanitarios. Excesiva burocracia Tractores aparcados a mediodía no Polígono Industrial das Gándaras, en Lugo En Lugo, máis de medio cento de tractores chegados de distintos puntos da provincia tomaron as rúas da capital. Participaron nas protestas gandeiros de carne e de leite. A asociación Agromuralla apoiou as marchas, nas que tamén había socios de Gandeiros Galegos da Suprema. Uns e outros quixeron facer escoitar a súa voz e “secundar o clamor dos agricultores e gandeiros de toda Europa contra as políticas que se aproban en Bruxelas", explicou o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, que participou na caravana de tractores que partiu do municipio da Pastoriza.
A asociación Agromuralla apoiou as marchas na provincia de Lugo
Barreiro esixiu cambios na Política Agrícola Común e nas normativas europeas que están "afogando ao sector primario". "Todas as normas que veñen de Bruxelas e que despois aplica o Ministerio de Agricultura e a Xunta de Galicia supoñen máis traballo e máis gasto para as explotacións", afirmou Pérez Barreiro, que acusou ás Administracións públicas, tanto europeas como estatais, de "lexislar en contra do sector". Ao final de la tarde, coincidindo coa volta dos tractores cara aos seus lugares de orixe, ocasionaron cortes de tráfico e importantes retencións na autovía A-6 á altura de Nadela. Apoio da Xunta O conselleiro do Medio Rural, José González, manifestou o apoio da Xunta de Galicia aos produtores e esixiu ao ministro Luis Planas “que defenda con firmeza” aos agricultores e gandeiros galegos e españois diante das institucións europeas. Entre outras medidas, instou á Comisión Europea a unha “moratoria inmediata” da lexislación comunitaria ligada á nova PAC e que supón, dixo, “un conxunto de trabas burocráticas e esixencias medioambientais que poñen en perigo a sostibilidade económica das explotacións”.

Bloqueo de autovías no resto de España e en Portugal

As protestas secundadas en distintas comunidades autónomas supuxeron dificultades para o tráfico e o bloqueo dalgúns centros de abastecemento de alimentos. As tractoradas máis numerosas tiveron lugar en Lleida, onde centos de tractores cortaron a autovía A-2. Tamén houbo cortes en Castela e León e Andalucía, así como en Portugal, onde os produtores lusos cortaron a autoestrada A-3 entre Valença e Tui, impedindo o tránsito pola fronteira con Galicia.
Os agricultores e gandeiros lusos cortaron o tránsito na fronteira con Galicia
En Madrid, os agricultores e gandeiros dificultaron a entrada á capital e en Aragón impediron o normal funcionamento de Mercazaragoza, ao igual que en Logroño. En Andalucía, estivo cortado o acceso ao porto de Málaga.  Nova cesión de Bruxelas Logo de decidir a semana pasada, en resposta ás tractoradas en Francia e Alemaña, aprazar un ano máis a obriga de deixar sen labrar o 4% das terras de cultivo para poder cobrar a PAC, a presidenta da Comisión Europea, Úrsula Von der Leyen, avanzou este martes unha nova cesión para tratar de acalar as protestas, que se seguen estendendo por outros países.
A Comisión Europea retira a Lei de Uso Sostible de Pesticidas, na que propuña unha redución do 50% dos produtos fitosanitarios no 2030
Von der Leyen anunciou diante do Parlamento Europeo a retirada da nova Lei sobre Uso Sostible de Pesticidas, coa que se pretendía reducir un 50% o uso de produtos fitosanitarios na UE en 2030, en sintonía cos obxectivos da Estratexia Da Granxa á Mesa. O Executivo comunitario aposta agora polo “diálogo” cos agricultores para reformular a normativa e por un “enfoque diferente” ao dos obxectivos xuridicamente vinculantes para os Estados membros.  
https://www.campogalego.gal/decalogo-de-reivindicacions-dos-sindicatos-agrarios-de-cara-mobilizacions-en-galicia/

Decálogo de reivindicacións das organizacións agrarias de cara ás mobilizacións en Galicia

Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Asociación Agraria de Galicia veñen de dar forma á táboa reivindicativa conxunta que defenderán nas vindeiras semanas. Tal e como xa anunciaron hai uns días, as tres organizacións agrogandeiras maioritarias en Galicia ven necesario apostar pola unidade de acción para garantir a mellor defensa dos intereses do sector produtor. Nos vindeiros días pecharán o calendario de actuacións a seguir nas próximas semanas, unha vez que pasen as eleccións autonómicas que terán lugar o domingo 18 de febreiro. As organizacións agrarias entenden que existen motivos máis que de sobra para que o sector produtor saia á rúa; así como un contexto, tanto a nivel europeo como estatal, do que a agricultura e a gandería galega non pode manterse á marxe. En concreto, ven necesario actuar para paliar a excesiva burocracia que ten xerado a entrada en vigor de novas normativas europeas; así como para garantir que os acordos comerciais con países extracomunitarios non supoñan unha competencia desleal para os produtores locais. Así, as tres organizacións instan á Xunta e ao Goberno central a actuar con contundencia e rigor para garantir prezos xustos para os produtos agrogandeiros e, con eles, o futuro e a rendabilidade do sector produtor. Estes son os puntos incluídos no Decálogo de Reivindicacións das organizacións agrarias galegas:
  1. Prezos xustos. Eliminación da especulación e creación de índices de referencia dos custos de produción nos diferentes sectores, incluíndo unha remuneración digna do traballo das produtoras e produtores e mecanismos para facer cumprir a Lei da Cadea Alimentaria e acabar con prácticas e marxes abusivas.
  2. Rexeitamento aos tratados de libre comercio (Mercosur) que poñan en perigo as producións, así como a súa priorización fronte ás de terceiros países que comercializan coa UE.
  3. Eliminar a burocratización: Caderno Dixital, Decreto de Ordenación de Explotacións Bovinas e Decreto de Fertilización Sostible de Solos.
  4. Adaptación dos ecorreximes da PAC á realidade da agricultura e gandeiría galegas e pagos en función das persoas activas e non pola superficie.
  5. Importes suficientes para atender as solicitudes de produción en ecolóxico, así como a totalidade de expedientes de agroambiente e clima e as axudas de incorporación.
  6. Recuperación de terra agrícola e a súa especial protección, así como apoios ao sector fronte a novos retos como os cambios no clima, novas enfermidades ou o encarecemento dos insumos e combustibles. Maior apoio á investigación pública, que axude e acompañe ao sector na situación actual e de cara aos novos problemas que afectan ao sector para unha maior sostenibilidade nas explotacións.
  7. Fomentar o acceso da poboación aos alimentos apoiando os mercados locais e os circuitos curtos.
  8. Mantemento da redución do prezo do gasóleo para o sector, así como as condicións do gasóleo agrícola profesional.
  9. Remuneración dos danos da fauna salvaxe (xabarín, lobo...), do lucro cesante e da totalidade das perdas ocasionadas, que deben se minimizadas.
  10. Creación da figura do mediador na negociación de contratos e posta en marcha de Observatorios de prezos nos produtos agrogandeiros.

Os tractores sairán hoxe ás estradas en distintos puntos de Galicia

Unha ducia de tractores concentráronse este luns no entorno da cidade de Lugo Agricultores e gandeiros da comunidade sumaranse este martes ás protestas organizadas en toda España, que están promovidas a través de grupos de whatsapp e á marxe das organizacións agrarias. En Galicia, asociacións de produtores como Agromuralla ou Gandeiros Galegos da Suprema mostraron o seu apoio ás marchas e sairán cos seus tractores a secundar as protestas. O obxectivo é dificultar o tráfico en estradas e autovías nun movemento que segue o exemplo do acontecido en países como Francia ou Alemaña nas últimas semanas.
Agromuralla apoia as tractoradas que este martes hai convocadas por toda España
Este luns puideron verse xa os primeiros tractores chegados de concellos como Portomarín, O Páramo, Sarria ou Láncara no entorno da cidade de Lugo, unha imaxe que se repetirá este martes nun movemento que pretende sumar tamén ao sector pesqueiro e aos transportistas. Entre as reivindicacións das marchas deste luns, a derogación da Axenda 2030, da Ley de Bienestar Animal e das leis ambientais; unha xestión da auga acorde ás necesidades de cada territorio, con recuperación de presas e pantanos, impedindo escaseza e restricións”, ou "eliminar toda restrición no uso do diñeiro en efectivo".
https://www.campogalego.gal/tractoradas-galegas-contra-burocracia-e-o-endurecemento-de-normas-ambientais-no-agro/

As organizacións agrarias manteñen o calendario de protestas tras reunirse co ministro de Agricultura

Cata de tomates no Ministerio, trala reunión entre Luis Planas e as organizacións agrarias O ministro de Agricultura, Luis Planas, está disposto a “seguir traballando coas organizacións agrarias e o conxunto do sector na procura de solucións para asegurar a rendibilidade e a competitividade das explotacións”. Así llo trasladou este venres aos sindicatos agrarios Asaja, COAG e UPA, cos que mantivo un encontro. Pero as palabras do ministro non impedirán que as protestas de agricultores que nas últimas semanas se estenderon por varios países europeos cheguen tamén a España. Os sindicatos agrarios reiteran as súas peticións e manterán o calendario de mobilizacións mentres negocian co Goberno medidas concretas. “Ábrese un proceso de negociación dos distintos temas pero non hai cambios nas mobilizacións previstas, non imos deixar de manifestarnos; non imos facer esta negociación sen a presión necesaria”, avanzou trala reunión co ministro Miguel Padilla, secretario xeral de COAG.
Ábrese un proceso de negociación dos distintos temas pero non hai cambios nas mobilizacións previstas
A nivel estatal, os sindicatos urxen a “corrixir as deficiencias da Lei da Cadea Alimentaria nun prazo brevísimo” e a “buscar solución á falta de infraestruturas e dotacións de rega para seguir producindo pesa á seca”. Tamén a revisar as franquías dos seguros agrarios para “convertelos en ferramentas seguras” e a facer fronte aos problemas de relevo xeracional no sector. “Dentro de 10 anos, 6 de cada 10 persoas activas a día de hoxe na agricultura estarán xubiladas”, alertan. “Asfixia normativa” Os sindicatos agrarios esixen tamén cambios a nivel europeo e demandaron o “compromiso do Ministerio para mediar ante Bruxelas”. “Ou se cambia a política agraria europea ou se vai destruír aos profesionais agrícolas porque se está lexislando de costas á realidade do sector”, aseguran. Xunto co Ministerio, crearase unha mesa de traballo para tratar de flexibilizar a PAC. “Temos unha asfixia normativa e o ministro recoñeceu esa asfixia”, asegura Padilla. “Simplificar non significa deixar de cumprir, pero si facelo de maneira máis sinxela”, aclarou sen embargo Luis Planas.
O sector teme que o acordo de libre comercio con Mercosur poida provocar unha entrada masiva de carne de vacún de Arxentina, Brasil, Uruguai e Paraguai
Asaja, COAG e UPA denuncian ao mesmo tempo a “hipocrisía da política europea, que non esixe os mesmos requisitos aos produtos que veñen de fóra” e en relación ao acordo de libre comercio con Mercosur aseguran que “pode provocar unha invasión total de carne de vacún de Arxentina, Brasil, Uruguai e Paraguai”. No sector existe tamén preocupación de cara á primavera pola enfermidade da EHE en vacún. Mantense a bonificación ao gasóleo agrícola Unha das medidas que os sindicatos lograron arrincar ao ministro de Agricultura, do mesmo xeito que sucedeu en países como Francia ou Alemaña, é o compromiso do mantemento das axudas fiscais ao gasóleo agrícola. Luis Planas confirmou, neste sentido, que o Goberno manterá a devolución do imposto especial de hidrocarburos esta lexislatura. En relación á PAC, a Comisión Europea propón permitir aos agricultores da UE acollerse a derrogacións para o ano 2024 das normas da Política Agrícola Común que os obrigan a manter zonas non produtivas.
O Ministerio apoia unha transición xusta cara a un modelo sostible de produción
En concreto, a norma BCAM 8, incluída na PAC, esixe dedicar o 4% da terra cultivable a áreas ou elementos non produtivos, o que se refire a terras en barbeito pero tamén a elementos como sebes ou árbores. A Comisión ofrece a posibilidade de que todos os agricultores da UE queden exentos deste requisito este ano mantendo o seu dereito a recibir o pago directo básico da PAC. A medida será votada nos próximos días polos Estados membros. Despois diso, a Comisión procederá á adopción formal. O Regulamento aplicarase retroactivamente a partir do 1 de xaneiro de 2024 e os Estados membros que desexen aplicar a excepción a nivel nacional deben notificalo á Comisión nun prazo de 15 días para que os agricultores poidan ser informados canto antes.

As protestas en Galicia, para despois das eleccións

Reunión dos conselleiros do Medio Rural e Infraestruturas, José González e Ethel Vázquez, cos sindicatos Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego, Asociación Agraria de Galicia e Asociación Galega de Cooperativas, pecharon este venres a “unidade de acción” co obxectivo de programar un calendario de mobilizacións conxunto e unha táboa de reivindicacións na defensa dos intereses e dereitos do sector produtor. Estas organizacións entenden que “sobran motivos para a mobilización” e fan un chamamento a todos os agricultores e gandeiros a sumarse, pero adían as protestas a despois das eleccións galegas, que terán lugar o 18 deste mes. Os sindicatos e as cooperativas aseguran que existen “motivos máis que de sobra para que o sector produtor saia á rúa”, así como un contexto, tanto a nivel europeo como estatal, no que a agricultura e a gandería galega “non pode manterse á marxe”, pero, ao mesmo tempo, manifestan o seu rexeitamento a “mesturar” mobilizacións e citas electorais, polo que adían calquera acción ata pasar os comicios autonómicos.
A agricultura e a gandería galega non pode manterse á marxe das protestas pero rexeitamos mesturar mobilizacións e eleccións
A entrada en vigor da nova normativa de nutrición dos solos agrarios, que limita a aplicación de puríns e obriga a facer investimentos “inasumibles” para moitas granxas familiares; os novos requerimentos en materia sanitaria, como a obrigatoriedade de contar cun veterinario de explotación; ou a aparición de novas ameazas, como a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) no gando vacún ou a flavescencia dourada da vide son algúns dos problemas que máis preocupación están a xerar no sector produtor. A Xunta apunta cara arriba Seguindo a mesma estratexia que está a levar nos últimos anos ante a maioría dos problemas que afectan ao sector, a Xunta estase a limitar novamente neste caso a dar a razón ás organizacións agrarias e trasladar a responsabilidade ao Ministerio e á Unión Europea á hora de dar solución aos problemas plantexados polos produtores. Este mesmo venres o conselleiro do Medio Rural, José González, mantiña unha xuntanza coas organizacións agrarias, coas que dixo compartir a súa preocupación, e instou ao Goberno de España a actuar, do mesmo xeito que rexeitou calquera acto violento que se poida producir nas protestas.
A consellería considera “evidente” o descontento común en toda Europa porque “Bruxelas lexisla de costas“ ao sector
Engadiu que “resulta evidente que hai un descontento común a toda Europa, por algo que dende Galicia se leva moito tempo tratando de facer ver ao propio ministro Luis Planas. Isto é, que Bruxelas lexisla de costas aos agricultores e gandeiros impoñendo burocracia e esixencias de todo tipo que non respectan o papel decisivo do ámbito primario na produción de alimentos e na consecución dunha verdadeira soberanía alimentaria europea”, asegurou. Sobre as demandas do sector primario, González trasladou que “a Xunta leva xa tempo apoiando medidas como a flexibilización, que non eliminación, dos requirimentos ambientais da PAC e a adaptación dos ecorreximes á realidade de Galicia”.
A Xunta apoia a flexibilización, "que non eliminación", dos requirimentos ambientais da PAC 
Ademais, lembrou que desde a Xunta tamén se avoga por “evitar innecesarias cargas burocráticas ás explotacións, como o Caderno Dixital”, e que o Goberno galego vén reclamando ao Ministerio o cumprimento da prohibición da venda a perdas recollida na Lei da Cadea Alimentaria, así como a necesidade de manter a bonificación ao gasóleo agrícola, entre outras cuestións.

Posible contaxio a Galicia das protestas de agricultores en Francia e Alemaña

Os agricultores manteñen cortadas cos seus tractores numerosas autovías e autoestradas en Francia As protestas de agricultores esténdense por distintos países europeos, como Alemaña, Francia, Países Baixos, Polonia ou Romanía, e o seu efecto contaxio podería chegar a Galicia. Desde hai días grupos de produtores de distintos puntos da comunidade manteñen conversas para secundar as mobilizacións con algún tipo de acción reivindicativa. Barállase a data do día 6 de febreiro. O efecto contaxio do que está a pasar en países como Francia ou Alemaña chegou tamén esta semana a Italia, onde se esixen axudas pola seca, e a Bélxica, onde os agricultores levaron este luns a súa protesta a Bruxelas. En España organizacións como Asaja ou Unión de Uniones anunciarán nos vindeiros días actos reivindicativos, mentres UPA e COAG meditan que facer, pero Christiane Lambert, presidenta do Comité de Organizacións Profesionais Agrícolas (COPA), a principal federación de sindicatos de agricultores de Europa, prognosticou que os agricultores italianos e españois tamén organizarán as súas propias protestas. Apuntando a Bruxelas Nalgúns dos principais países produtores europeos, nas últimas semanas os tractores deixaron os campos para cortar estradas. O detonante en Alemaña, por exemplo, foi a eliminación das axudas ao gasóleo, do mesmo xeito que en Francia, pero o cabreo é máis profundo e ten que ver coa sobrecarga lexislativa emanada desde Bruxelas que soporta o sector.
Os agricultores italianos e belgas inician esta semana as mobilizacións e en España Asaja e Unión de Uniones anuncian accións similares
As políticas ambientais pesan cada vez máis na axenda da UE, relegando a un segundo plano a soberanía alimentaria, un obxectivo que gañara protagonismo durante a pandemia. O propio comisario europeo de Agricultura, o polaco Janusz Wojciechowski, recoñecía recentemente a súa impotencia para facer oír a voz do sector en normas como a Lei de restauración da Natureza ou a actualización da Directiva sobre emisións industriais, impulsada desde o departamento europeo de Medio Ambiente pero que afectará a todas as explotacións de gando vacún, porcino e avícola con máis de 150 UGM.
As protestas esténdense e as reivindicacións xeneralízanse a 5 meses das eleccións ao Parlamento europeo
Por agora a resposta da Comisión Europea ante as protestas limítase ao anuncio da presidenta Úrsula Von der Leyen da posta en marcha dun panel de expertos, formado por 27 persoas, entre especialistas e representantes do sector, para debater sobre o futuro da agricultura na UE. As conclusións estarían listas no verán, despois das eleccións ao Parlamento europeo do mes de xuño. Aínda que oficialmente Wojciechowski considera que as mobilizacións se deben a “cuestións internas” dos distintos países, o Executivo comunitario teme que as protestas sexan aproveitadas polos partidos de extrema dereita para os comicios nun momento no que as enquisas auguran o seu crecemento no Parlamento europeo. Crecentes esixencias ambientais Os produtores europeos, e as organizacións agrícolas que os representan, quéixanse de que as novas políticas verdes da UE, explicitadas en documentos como o Pacto Verde Europeo ou a Estratexia da Granxa á Mesa e incluídas en Directivas sobre medicamentos, nitratos, fitosanitarios, benestar animal ou gases de efecto invernadoiro, non foron acordadas co sector.
O ano 2024 arrincou con cambios normativos importantes en países como España
A pesar de que as axudas comunitarias da PAC complementan de maneira decisiva os ingresos das explotacións, a sensación maioritaria é a de que a Comisión Europea e os distintos Estados membros están “a lexislar en contra do sector” e que o impacto destas normativas será importante sobre a conta de resultados das explotacións. Os produtores senten ademais un agravio comparativo con respecto á importación de produtos de terceiros países, con controis máis laxos en materia de produtos fitosanitarios, benestar animal ou diversos aspectos medioambientais, por non falar de dereitos sociolaborais.  Garantir prezos xustos Xunto coa flexibilización das esixencias normativas en materia ambiental, os agricultores e gandeiros demandan unha retribución xusta por parte das grandes cadeas de supermercados e maior transparencia nos distintos elos da cadea que vai desde o campo á mesa dos consumidores. A pesar da aprobación de normativas específicas nalgúns países, como Lei da Cadea Alimentaria en España ou as leis Egalim en Francia, non existen garantías reais de que os prezos en orixe que perciben os produtores cubran os custos de produción.
Leis como a da Cadea Alimentaria en España ou a Egalim en Francia non serviron para evitar prácticas abusivas
En Francia o problema evidénciase estes días en varios sectores. Por unha banda, entre os agricultores de cereal, xa que o prezo do trigo reduciuse á metade no último ano e medio, pero os custos de produción, que se dispararon trala guerra de Ucraína, seguen altos, ao que este ano se engade a obriga de deixar un 4% da superficie sen cultivar para fomentar a biodiversidade e cumprir deste xeito coa condicionalidade da PAC. Doutra banda, entre os viticultores, que empezaron a baleirar cisternas de viño de mesa a granel procedentes de España, país ao que acusan de producir máis barato e inundar o mercado francés coas súas exportacións. A lexislación en materia de aplicación de produtos fitosanitarios en Francia é das máis esixentes da UE, o que outorgaría a países veciños como España ou Italia teóricas vantaxes competitivas. Entre os gandeiros lácteos, o descontento céntrase neste momento contra a multinacional francesa Lactalis, a industria que máis leite recolle en Francia, despois de que impuxese un prezo de 40,5 céntimos para xaneiro. Para as granxas, o prezo de Lactalis é inaceptable, non só porque non cubre os custos de produción, senón porque ademais actúa de panca á baixa co resto das empresas do sector.  

Os motivos das protestas por países: desde a importación de cereais de Ucrania á eliminación das rebaixas fiscais ao gasóleo agrícola

O primeiro ministro francés, Gabriel Attal, falando cara a cara con Arnaud Rousseau, presidente da FNSEA, o principal sindicato agrícola do país Con cuestións comúns, como o rexeitamento a unha lexislación europea afastada da realidade do sector e cada vez máis paralizante, e outros motivos máis concretos e específicos de cada país, a ira dos agricultores gaña forza e faise máis visible. As tractoradas esténdense, coma unha mancha de aceite, por toda Europa, obrigando aos Gobernos dos distintos países a actuar, despregando efectivos policiais para garantir a seguridade e medios negociadores para tratar de rebaixar a tensión ás portas dunhas eleccións onde a extrema dereita podería capitalizar o descontento. O primeiro ministro francés, Gabriel Attal, centrou a súa axenda nos últimos días en materia agrícola e este mesmo luns reuniuse con Arnaud Rousseau, presidente do FNSEA, principal sindicato agrícola de Francia, que está a liderar as protestas xunto a Arnaud Gaillot, presidente da organización de Novos Agricultores. Asedio a París Unha semana despois do inicio dos bloqueos de autoestradas en Occitania, as protestas estendéronse por toda Francia, cortando a comunicación entre o norte e o sur do país. As barricadas de rolos e pacas de palla lograron xa o primeiro dos obxectivos: que o Goberno dea marcha atrás na súa intención de incrementar os impostos ao diesel agrícola. O Goberno francés capitula e dá marcha atrás na súa intención de aumentar gradualmente ata 2030 o imposto sobre o diesel agrícola O primeiro ministro francés tamén prometeu menos burocracia, cun plan de 10 medidas de simplificación inmediata, e maiores controis ás importacións, para evitar a competencia desleal de terceiros países, por exemplo de Mercosur, pero tamén dentro da propia UE, onde a lexislación francesa en materia de produtos fitosanitarios é das máis esixentes. Pero a pesar destas importantes concesións, as protestas continúan ao berro de "feitos e non palabras" e o obxectivo dos agricultores e gandeiros céntrase agora en asediar París cortando todas as vías de acceso principais, así como no bloqueo do mercado maiorista de Rungis, un dos máis grandes de Europa. Bloqueo do porto de Hamburgo En Alemaña este mesmo luns miles de agricultores bloquearon o acceso ao porto de Hamburgo en contra da “tolemia fiscal e burocrática”. O corte con tractores da ponte Köhlbrand, que afectou ao funcionamento habitual dun dos principais portos europeos, foi unha “decisión espontánea” froito do cansanzo dos manifestantes, aseguraron desde as organizacións convocantes das protestas.  Con esta acción os produtores alemáns quixeron tamén visibilizar a súa oposición aos acordos de libre comercio con países como Nova Zelandia, que implica a importación de importantes cantidades de carne de cordeiro e tenreira.
O Goberno alemán avanzou a súa intención de graduar ata 2026 a eliminación da exención ao diesel agrícola
O Goberno do chanceler Olaf Scholz, formado por unha coalición de socialdemócratas, ambientalistas e liberais, avanzou a súa intención de graduar ata 2026 a eliminación da exención ao diesel agrícola, detonante das mobilizacións, pero este anuncio non serviu para acalar as protestas. Importacións sen aranceis para o cereal ucraíno A competencia ucraína, polo aumento das importacións deste país tralo inicio da invasión rusa, está detrás do malestar dos agricultores en países como Polonia e Romanía. Por mor da ofensiva rusa, a UE suspendeu os aranceis aos produtos importados de Ucraína para facilitar rutas alternativas ao mar Negro para a saída dos cereais ucraínos a través dos países fronteirizos. Pero estes corredores de mercadorías duty free para o trigo e o millo ucraínos acabaron producindo “competencia desleal” para os agricultores locais polacos ou romaneses, que nas últimas semanas bloquearon pasos fronteirizos con Ucraína, pero tamén de países como Eslovaquia, Hungría ou Bulgaria.
En xuño expira a actual exención aduaneira para os cereais procedentes de Ucraína e os países veciños esixen que se elimine
En xuño expira a actual exención aduaneira para os cereais procedentes de Ucraína pero a Comisión Europea podería renovala. Os países de Europa do leste esixen sen embargo que a UE revise de forma definitiva as súas medidas de liberalización comercial con Ucraína. Redución de cabezas de gando nos Países Baixos Nos Países Baixos, en cambio, o detonante do malestar dos produtores foi o plan gobernamental presentado en 2019 para baixar as emisións de nitróxeno mediante a redución do número de cabezas de gando. As protestas, mantidas durante meses, deron paso á mobilización política. O Movemento Campesiño Cidadán (BBB), liderado por Caroline van der Plas, logrou unha importante representación, conseguindo o 20% dos votos nas eleccións provinciais de marzo de 2023 e 7 deputados e 16 senadores nas xerais de novembro, converténdose na quinta forza do Parlamento neerlandés, liderado na actualidade polo partido de ultradereita PVV de Geert Wilders. A formación dun novo goberno podería paralizar ou reformar agora o proxecto de redución dun terzo das cabezas de gando actuais (3,8 millóns de vacas e 11,4 millóns de porcos) que o Goberno conservador de Mark Rutte lanzou en 2022, un plan co que pretendía reducir á metade as deposiciones de nitróxeno para 2030 (a media actual en Holanda é de 46 kg por hectárea, catro veces máis que a media europea). 

O Nadal de Mazaricos pecha cunha Gran Tractorada de Reis

A programación de Nadal do Concello de Mazaricos rematará cunha Gran Tractorada. Os Reis Magos visitarán un ano máis Mazaricos para pórlle o broche a estas festas cunha tarde de ilusión e ocio infantil polas rúas da Picota. Melchor, Gaspar e Baltasar presidirán a Gran Tractorada de Reis que partirá do recinto feiral ás 17h do vindeiro venres 5.  Utilizarán, un ano máis, tractores nesta particular cabalgata como un modo de homenaxear e reivindicar o carácter rural de Mazaricos, igual que se procura facer con outros eventos como a Carreira do Leite e o Brinde Leiteiro. Ao remate, o recinto feiral acollerá unha recepción real con reparto de agasallos a cargo dos Reis Magos e axudantes, ademáis dunha chocolatada. Para máis información pódese contactar co 606 825 166 (Comunicación do Concello de Mazaricos).

Agricultores e gandeiros reivindican melloras no sector cunha tractorada na Limia

Arredor dun milleiro de agricultores e gandeiros galegos, segundo os datos manexados polas organizacións agrarias convocantes, participaron esta mañá na Limia (Ourense) na manifestación conxunta para reivindicar melloras no sector e denunciar a crise de rendibilidade sen precedentes que atravesa o sector primario. A protesta fora convocada de xeito conxunto por Unións Agrarias, a Asociación de Produtores de Pataca de Xinzo, a Federación Rural Galega (Fruga), o Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal). Uns trescentos tractores percorreron a vila nunha marcha coa que os convocantes demandaron a implicación de todas as administracións para facer cumprir a Lei de Cadea, rematar coa venda a perdas e poñer en marcha un paquete de medidas que evite o peche de explotacións e que garantan a súa viabilidade. Instante da marcha convocada por diferentes organizacións agrarias. Imaxe cedida. Dende Unións Agrarias consideraban indispensable que todas as administracións se impliquen para garantir a viabilidade das explotacións agrogandeiras galegas, hoxe sumidas nunha crise de rendibilidade sen precedentes froito das fortes e constantes subas dos combustibles, a electricidade, os pensos, os fertilizantes e outros insumos indispensables para o mantemento da actividade. A organización agraria indicaba nun comunicado que a situación actual súmase ós baixos prezos xeralizados que os produtores arrastraban xa dende antes da pandemia e á situación de venda a perdas que, a pesar do que estipula a lei, segue a ser unha realidade na comercialización da produción agrogandeira. Dende o Sindicato Labrego instaron a mudar o actual modelo, dependente da especulación de mercado e insumos do exterior, ó tempo que demandaron a posta en marcha por parte da Xunta de Galicia e do Goberno estatal das medidas presentadas polo sector a principios desta semana para comezar a frear o incremento dos custos de produción. Ademais, dende o SLG instaron ó Goberno galego a cumprir coas súas responsabilidades convocando un Gabinete de Crise e reivindicaron o redeseño das actuais políticas agroalimentarias para adoptar modelos de produción agroecolóxicos, que protexen e melloran a calidade das terras, e avanzando cara á garantía do dereito á soberanía alimentaria é dicir, á producción labrega de alimentos de calidade nos propios territorios.

‘Funeral’ en Lugo polo sector lácteo

Arredor dun milleiro de gandeiros da provincia de Lugo manifestouse hoxe polas rúas da capital para reclamar unha suba do prezo que cobran polo leite que producen, de xeito que se compense o encarecemento que están a sufrir nos pensos, o gasóleo e o prezo da luz, unha situación que fai “inviables” as súas explotacións. A marcha tomou forma de comitiva fúnebre, coa idea de simbolizar a morte do agro e do sector lácteo. Encabezou a comitiva un carro tirado por vacas, que portaba un cadaleito, un cántaro de leite e coroas de toxos cos lemas 'Os ministros de agricultura non te olvidan' e 'Loitou ata o final'. Detrás, os manifestantes marcharon vestidos de negro e en silencio, algúns deles con chalecos negros nos que se listaba a empresas afectadas pola 'morte' do agro, desde fábricas de pensos e fertilizantes, talleres de maquinaria e tendas veterinarias a empresas de construción ou Concellos. Tamén houbo presencia na mobilización de arredor de medio cento de tractores, que quedaroan dando volta pola Ronda da Muralla mentres a manifestación internouse a pé no casco vello de Lugo, camiño da Subdelegación do Goberno. Detalle do carro fúnebre que acompañou a manifestación A marcha partiu da sede da Xunta de Galicia na Ronda da Muralla e rematou diante da Sugdelegación do Goberno, posto que a asociación convocante, Agromuralla, reparte culpas entre ámbalas dúas institucións, ás que acusa de non facer nada para evitar “a ruína” dos gandeiros e o peche das súas granxas.
Nos últimos seis anos pecharon en Galicia 2.000 granxas de leite, unha ao día, un ritmo que podería incrementarse nos vindeiros meses se a situación de falta de rendibilidade no sector persiste
Como parte da mobilización, o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez, tomou a palabra para expoñer as demandas dos gandeiros. A súa intervención completouse tamén coa filla dunha gandeira, que expuxo a situación en primeira persoa e evidenciou que nos últimos seis anos pecharon en Galicia 2.000 granxas, a un ritmo de unha ao día. Tamén tomou a palabra o ata fai pouco presidente de Agromuralla, Roberto López, protagonista nos últimos días dun vídeo que se fixo viral na internet, para advertir de que se o problema persiste, "haberá medidas drásticas". En concreto, López pronosticou que "ata que falte o leite nas cidades, isto non se solucionará". Un prezo mínimo de 40 céntimos A protesta rematou na Subdelegación do Goberno, a quen reclaman que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria Agromuralla denuncia o “incremento de custos de produción sen precedentes na historia máis recente do sector leiteiro” que fai que producir un litro de leite custe 40 céntimos mentras a media á que o venden os gandeiros é de 32 céntimos. Debido a este desfase, o sector productor de leite está neste momento “nun estado de emerxencia económica” provocado polo incumprimento da Lei da Cadea. “Estamos infrinxindo a lei vendendo a perdas. O noso leite ten que ser pagado polo prezo que se merece. A día de hoxe cobrar o litro por baixo dos 40 céntimos aboca ao peche a calquera granxa”, asegurou o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro.
A día de hoxe e coas expectativas que hai de cara aos vindeiros meses, cobrar o litro de leite por baixo dos 40 céntimos aboca ao peche a calquera granxa
“O ano pasado desde o Ministerio de Agricultura aseguráronnos que conseguiran un gran avance para nós plasmando na Lei da Cadea Alimentaria a obrigatoriedade de que o prezo que cobramos os produtores polo leite cubra os custos de produción, pero os problemas xorden na práctica cando hai que aplicar a letra pequena", dixo. 
As industrias asoballan en nós canto poden, somos o eslabón máis débil da cadea alimentaria
"As industrias avasallan en nós canto lles dá a gana, tanto é así que nos imponen os termos dos contratos sen darnos opción a negociar nin as cláusulas nin os prezos. Na maior parte dos contratos que nos vemos abocados a asinar para poder vender o noso produto os custos de produción non se cubren”, denunciou o presidente de Agromuralla. "Cobramos o leite como hai 30 anos" Un momento do acto, onde foron patentes os reproches ás industrias e ás Administracións O prezo do leite que cobran os produtores segue estancado desde fai décadas, denunciaron os manifestantes, mentres os custos de produción non deixaron de subir, “algo que está tornando inviables as nosas explotacións”, aseguraron. “Estamos agonizando gracias ás políticas de deixadez que se veñen levando a cabo nos últimos anos”, criticou o presidente de Agromuralla.
As esixencias normativas para as explotacións multiplícanse e os custos de produción están desorbitados, pero o prezo do leite non evoluciona desde hai décadas
“Se nos remontamos ao ano 1998, antes incluso da chegada do euro, cobrabamos o leite a un prezo equivalente a 32 céntimos e resulta que 23 anos máis tarde estamos nun prezo base de 31 céntimos”, exemplificaron. “No 98 pagabamos pola cuota de autónomos 117 euros e hoxe estamos en 285; no 98 con 160 euros pagabas a luz de dous meses e hoxe non nos dá nin para a factura da enerxía dunha semana”, compararon. Manter viva “a Galicia profunda” Os manifestantes evidenciaron que o sector leiteiro é o motor económico da Galicia rural “Pedimos unha suba do prezo que cobramos polo leite que garantice a viabilidade económica das explotacións para poder seguir mantendo viva esta Galicia profunda que tanto apreciamos”, pedíu o presidente de Agromuralla.
Somos un sector esencial, non producimos un ben de luxo, senón un alimento básico na dieta de todos os cidadáns
“Encarecer ao consumidor a cesta da compra non é a solución se ese incremento de prezo non repercute no produtor. Nos últimos tempos os prezos subiron no supermercado pero descoñecemos quen leva a ganancia ou como se reparten o pastel a industria e a distribución”, dixo. “Cando se rexistran as contas anuais das multinacionais lácteas sempre teñen millóns de euros de beneficios mentres que centos de granxas pechan en Galicia cada ano. No que vai de 2021 pecharon xa 321. Cantas máis teñen que pechar para que se faga cumprir a normativa vixente?”, preguntou José Luis Pérez Barreiro.

Implantación da dobre mostra lacada nas analíticas

Presentación por rexistro das demandas dirixidas á Xunta antes da saída da marcha A marcha partiu ás 12 da mañá diante do Edificio Administrativo de Xunta de Galicia en Lugo, onde os gandeiros se concentraron para denunciar que o conselleiro do Medio Rural, que leva tres anos no cargo, “non coñece o sector gandeiro”, pois, din, “seguimos coas mesmas problemáticas que lle trasladamos na primeira reunión que tivemos con el e non arranxou ningunha delas”, criticou o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, que deu lectura diante da Xunta a un comunicado coas reclamacións da asociación dirixidas á Administración autonómica que despois presentou por rexistro.
Se temos calquera problemática coas analíticas sufrimos a maior das indefensións ao non contar cunha proba contrastada oficial e independente. Tamén nisto estamos nas mans das industrias, que son as que sacan e custodian as mostras
“Desde hai anos vimos solicitando que sexa de obrigado cumprimento sacar dúas mostras dos nosos tanques do leite cando vén o recolledor co camión cisterna, porque se temos calquera problemática coas analíticas sufrimos a maior das indefensións ao non contar cunha proba contrastada oficial. En Castela e León implantaron este sistema da dobre mostra precintada e desde a súa posta en marcha acabáronse o 90% dos problemas que tiñan os produtores coas analíticas do leite”, asegurou. Control do xabarín O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, reprochou tamén á Xunta que non poña en marcha “medidas efectivas” contra a fauna salvaxe e que “os plans urbanísticos sexan normas que únicamente pensan nas áreas urbanas, esquecendo as necesidades das explotacións agrogandeiras e impedindo a súa ampliación e modernización”. “O feito de querer mellorar as nosas granxas chega a converterse nun auténtico pesadelo”,asegurou.
Sacaron a Lei de Terras de Galicia, pero máis que unha solución semella unha ensoñación
Agromuralla acusa a José González de ser alleo ao sector ás súas demandas. “Vostede, señor conselleiro, ao mellor entende a perda que supón que che seque unha vide, pero nós sabemos o que nos supón que nos morra un animal atacado polo lobo ou que perdamos parte da colleita polo xabarín, iso tamén nos encarece os custos de produción”, afirmou José Luis Pérez Barreiro, que tamén se referiu á falta de superficie agraria útil das explotacións: “Xa sabemos que sacaron a Lei de Terras de Galicia, pero máis que unha solución semella unha ensoñación”, criticou. Normativas “de sillón” Logo de percorrer varias rúas do centro da cidade acompañados de tractores e vacas, a marcha rematou na Praza de Armanyá, onde se atopa a sede da Subdelegación do Goberno. Alí quixeron deixar un “recado” ao Ministerio de Agricultura e, con ironía, agradeceron á subdelegada do Goberno “que xusto hoxe, na data na que lle comunicamos que tiñamos previsto levar unha protesta polas rúas de Lugo pola situación crítica que está vivindo o sector agrogandeiro, vostede esté de vacacións”.
Nas altas instancias de Madrid só hai señoritos de sillón que nos din como temos que facer co purín ou como temos que tratar ao noso gando
“Así nos demostra o que lle importamos”, remarcaron. “Pero non viva no engano, se o rural lucense desaparece tal vez o seu sillón perda a razón de ser”, advertiron. “Como esta situación non cambie de inmediato vai ser vostede subdelegada da fauna salvaxe e os gandeiros seremos un número máis nas solicitudes da axuda mínima vital”, asegurou o presidente de Agromuralla. Quixeron recordarlle ao Ministerio “unha serie de palabras que esta tempada están de moda: escaseza, desabastecemento, dependencia de mercados de fóra, alza de prezos dos produtos básicos de alimentación nos liñais dos supermercados” e ao mesmo tempo lembrarlle “que de Galicia sae o 40% da produción de leite de toda España”. Denuncian que a lei de benestar animal ridiculiza aos gandeiros Os gandeiros denuncian o incremento de requisitos legais que teñen que cumprir a día de hoxe as granxas, que engaden “burocracia e gastos” ao seu traballo diario. “Desde Bruxelas e desde Madrid impóñennos unha PAC que prexudica os intereses de Galicia e normativas de todo tipo que non teñen en conta a nosa realidade”, afirma o presidente de Agromuralla.
Impóñennos unha PAC que prexudica os intereses de Galicia
“A maioría de nós nacemos entre vacas e sabemos de sobra que é o que necesitan. Agora pretenden vir darnos leccións de como tratar aos nosos animais señoritos que non viron unha vaca na súa vida. Por iso, como expertos en animais que somos, a normativa de benestar animal ridiculízanos. E tampouco podemos admitir que se nos acuse de ser os culpables do cambio climático”, concluíu.

Os produtores de leite galegos inician o calendario de protestas polos baixos prezos

Tractorada en Lugo no ano 2015 convocada por Agromuralla nun momento de prezos baixos do leite Os produtores lácteos galegos dan inicio esta semana ao calendario de actos en protesta convocados este outono polo incremento dos custos de produción e os baixos prezos do leite en orixe. A primeira das mobilizacións será a convocada por Agromuralla este xoves en Lugo con saída ás 12 da mañá de diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia. A vindeira semana Unións Agrarias dará continuidade ás protestas cunha concentración o día 11 diante de Lactalis en Vilalba e o día 16 en Larsa en Outeiro de Rei.   Agromuralla, que engloba a gandeiros e gandeiras das provincias de Lugo e A Coruña, apela á solidariedade do conxunto da cidadanía, á que invita a participar nos actos de protesta, ao igual que apela "á unidade de acción de todas as entidades que representan aos produtores".
Agromuralla apela á unidade de acción de todas as entidades que representan aos produtores e UUAA respóndelle acusándoa de ser unha "asociación minoritaria"
Pero semella que as súas peticións caeron en saco roto, vivíndose xa os primeiros enfrontamentos máis ou menos velados. "Neste marco non cabe a politización desta crise cuxos culpables son moi concretos como se pretende desde algunha asociación minoritaria. Este afán de protagonismo estéril solo vai valer para desenfocar os obxectivos sectoriais", contestou este martes UUAA a Agromuralla nunha nota de prensa.  Os tractores volverán ocupar a Ronda da Muralla Os gandeiros sairán á rúa este xoves 4 de novembro en Lugo para reclamar unha suba do prezo do leite en orixe que compense o "incremento desmesurado" dos custos de produción que están a sufrir as explotacións como consecuencia da suba do prezo da enerxía, os combustibles e os pensos.
Unha caravana de tractores acompañarán aos manifestantes no seu percorrido polas rúas de Lugo, onde quedarán estacionados durante todo o día, igual que o estiveran durante semanas no 2015
A protesta arrincará ás 12 da mañá diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, previa presentación por rexistro dun escrito coas reivindicacións, e discorrerá polas rúas da cidade até rematar diante da Subdelegación do Goberno, na rúa Armanyá, onde os gandeiros e gandeiras rexistrarán un escrito dirixido ao Ministerio de Agricultura coas súas demandas. Momento "crítico" para as ganderías O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, asegura que "as granxas estamos a atravesar unha situación crítica debido á suba desmesurada dos custos de produción e á conxelación do prezo do leite" e esixe ás Administracións "que adopten as medidas necesarias para garantir a viabilidade e continuidade dun sector estratéxico para o conxunto de Galicia". "Galicia non se pode entender sen o rural e o medio rural de Galicia non se pode entender sen ás 6.500 ganderías que producimos leite e as 11.000 que se adican á produción de carne", dous sectores "en risco grave de desaparecer" polos baixos prezos en orixe, insiste. Que a suba do leite nos supermercados se traslade ás granxas Por iso, José Luis Pérez Barreiro demanda a "implicación directa" tanto da Xunta de Galicia como do Ministerio de Agricultura para garantir "un prezo digno aos produtores que cubra os custos de produción", tal como obriga a Lei da Cadea Alimentaria, e "medidas urxentes que eviten que se produzan nos vindeiros meses peches en cadea de explotacións". Para salvar o "momento crítico actual", o presidente de Agromuralla esixe que a suba do prezo do leite que se está a dar nos liñais dos supermercados "se traslade de xeito inmediato ás ganderías que o producen". "Non pode ser que se encareza o prezo do leite aos consumidores co pretexto de pagar mellor aos produtores e que despois ese incremento quede polo camiño e o repartan entre as industrias e as cadeas de distribución sen que chegue ás granxas", di, polo que reclama "unha actualización inmediata do prezo fixado nos contratos de recollida do leite". UUAA manterá a presión sobre as empresas "que bloquean" a suba do leite Pola súa banda, Unións Agrarias manterá a presión sobre as empresas lácteas "que están mantendo bloqueada" as posibilidades de subas do prezo do leite en orixe. Para acadar estes obxectivos UUAA mobilizarase o vindeiro día 11 diante de Lactalis e o 16 diante de Larsa para denunciar a actitude "intolerable" destas empresas, que están fomentando baixas nas cotizacións lácteas a pesar dos "brutais" custos de produción que están a sufrir as explotacións. Para a organización agraria non cabe outra estratexia tras lograr que a distribución incremente o prezo de venda ao público e que logo esa suba non se traslade aos gandeiros. Desde UUAA apuntase que Larsa e Lactalis son as principais instigadoras para forzar a baixa as cotizacións lácteas "a pesar da grande rendibilidade que están a obter pola comercialización de produtos industriais". As concentracións que terán lugar nas vindeiras dúas semanas nas plantas industriais de Lactalis en Vilalba e de Larsa en Outeiro de Rei, supoñen un primeiro chanzo dun calendario de actuacións que UUAA anuncia "cada vez máis contundente".  

Corrixir o diferencial negativo con respecto a outras comunidades

Algo no que coinciden Agromuralla e Unións Agrarias é na discriminación que sofren os produtores de leite galegos con respecto aos seus homólogos doutras comunidades. O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, considera necesario "que se corrixa o diferencial negativo no prezo do leite de máis de dous céntimos en litro que se vén arrastrando en Galicia a respecto da media que cobran os produtores do resto do Estado" porque, di, "non ten ningún sentido que na comunidade autónoma onde se produce o 40% do leite de todo o Estado e cunha calidade demostrada se estean a cobrar os prezos máis baixos de toda España e da Unión Europea", denuncia. Desde UUAA insisten tamén en que "no último ano o prezo medio do litro de leite cobrado polos gandeiros galegos foi case 1 céntimo menor que a media nacional, unha cifra que xa sitúa ás granxas da comunidade nun contexto de venda a perdas; que se agravou nos últimos meses co aumento dos custos de produción", aseguran.
Os gandeiros galegos producen leite de calidade superior, cunha porcentaxe de materia graxa por enriba da media estatal, un dato de especial relevancia debido á revalorización da manteiga rexistrada nos últimos meses
"Os gandeiros de leite, segundo o Estudo da cadea de valor do Ministerio de Agricultura, están a pagar un 20,45% máis pola alimentación das vacas e un 22,45% máis pola enerxía e o combustible. Esta situación dá como resultado que se de media este ano unha granxa cobrou polo leite 32,73 cts/l, resulta practicamente imposible poder manter a actividade", conclúe UUAA. O sindicato agrario lembra que, a pesar de cobrar os prezos máis baixos do Estado, os gandeiros galegos producen leite de calidade superior; cunha porcentaxe de materia graxa por enriba da media estatal, "un dato de especial relevancia debido á revalorización da manteiga rexistrada nos últimos meses e que sitúa a rendibilidade que as industrias obteñen do leite galego por enriba da media", conclúen. Apelación á solidariedade do conxunto da cidadanía O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro pide a toda a poboación, teña ou non vinculación directa co medio rural, que este xoves se mobilice en defensa duns "prezos xustos para os produtores de leite que permitan a supervivencia das explotacións e o mantemento da vida e a actividade económica nas zonas rurais". Pérez Barreiro lembra que se trata dun "sector esencial que durante a pandemia sanitaria demostrou o seu compromiso e traballo para alimentar á cidadanía" e que "está en xogo o medio de vida de miles de familias que producen leite e carne e manteñen vivo o medio rural de Galicia", insiste.
Durante os meses de confinamento seguimos traballando para producir alimentos e que os liñais dos supermercados non quedasen desabastecidos; agora é o momento de devolver ese compromiso que os gandeiros e gandeiras tivemos coa sociedade
"Durante os meses de confinamento e pandemia sanitaria recibimos moitas mostras de apoio e agradecemento porque os gandeiros e gandeiras seguimos traballando todo este tempo para producir alimentos e que os liñais dos supermercados non quedasen desabastecidos. Agora é o momento de devolver ese compromiso que os gandeiros e gandeiras tivemos coa sociedade apoiando a nosa xusta e lexítima reclamación duns prezos dignos que cubran o incremento de custos de produción que estamos a sufrir nos últimos meses as explotacións por unha suba insostible da luz, os pensos e o gasóleo e que está a afogar ás granxas", asegura José Luis Pérez Barreiro.

Os gandeiros volven á muralla de Lugo o xoves 10

As mobilizacións iniciadas pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo terán protestas en paralelo en Lugo organizadas pola asociación Agro Muralla, creada polos produtores que lideraron as protestas lucenses en setembro, segundo publica hoxe o xornal El Progreso. A mobilización celebrarase o xoves 10 e en principio cóntase con que os tractores volvan á Ronda por un so día. Entre tanto, a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo ten previsto un acto na capital lucense mañá mércores a partir das 12 horas no centro comercial As Termas. O grupo de Lugo, que desde un principio se declarou á marxe dos sindicatos agrarios, optou por organizar o seu propio acto de protesta en lugar de sumarse á convocatoria da Plataforma. O obxectivo de fondo é o mesmo, visibilizar a falta de avances no prezo do leite no campo dous meses despois de asinado o acordo de Madrid.